Global Biodiversity Information Facility
A Global Biodiversity Information Facility (GBIF) é unha organización internacional que trata de que os datos científicos sobre biodiversidade estean dispoñíbeis en Internet usando servizos web. Os datos son proporcionados por moitas institucións de todo o mundo, e a estrutura da información da GBIF fai que estes datos sexan accesíbeis e permite buscas nun único portal. Os datos dispoñíbeis a través do portal da GBIF son principalmente datos de distribución de plantas, animais, fungos e microorganismos, e datos de nomes científicos.
Global Biodiversity Information Facility | |
---|---|
Acrónimo | GBIF |
Tipo | organización internacional, organización sen ánimo de lucro, infraestrutura de investigación, repositório de dados, base de datos en liña, banco de dados biológicos, base de datos taxonómica e Banco de dados de espécies globais |
Campo de traballo | Informática para a biodiversidade |
Data de fundación | 2001 |
Organización subsidiaria | GBIF Norway |
País | Dinamarca |
Na rede | |
https://www.gbif.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A misión da GBIF é facilitar o acceso libre e aberto aos datos de biodiversidade do mundo para propiciar un desenvolvemento sustentábel. As prioridades, cunha énfase en promover a participación e traballar con socios, inclúen mobilizar datos sobre biodiversidade, desenvolver protocolos e estándares para asegurar a integridade científica e a interoperabilidade, construír unha arquitectura informática que permita a interconexión de distintos tipos de datos provenientes de fontes dispares, promover a construción de capacidades e catalizar o desenvolvemento de ferramentas analíticas para unha mellor toma de decisións.
A GBIF trata de formar ligazóns informáticas entre recursos de datos dixitais de todo o espectro da organización biolóxica (de xenes a ecosistemas), e conectar estes con problemas importantes para a ciencia, a sociedade e a sostibilidade usando xeoreferenciación e ferramentas de información xeográfica. Traballa en asociación con outras organizacións internacionais como a asociación do Catálogo da Vida, Biodiversity Information Standards (TDWG), Consortium for the Barcode of Life (CBOL), a Encyclopedia of Life (EOL) e GEOSS.