Aparato circulatorio

estrutura anatómica que comprende o sistema cardiovascular e o sistema linfático
(Redirección desde «Hemocele»)

O aparello circulatorio é a estrutura anatómica que comprende conxuntamente tanto ó sistema cardiovascular que conduce e fai circular o sangue (torrente sanguíneo), como ó sistema linfático que conduce a linfa.

Aparato circulatorio
Sistema circulatorio humano. O vermello indica sangue arterial, o azul sinala o sangue venoso
Esquema do sistema cardiovascular, mostrando as principais arterias (en vermello) e veas (en azul) para a circulación sanguínea
Latín systema cardiovasculare

Tipos de sistemas circulatorios

editar

Existen dous tipos de sistemas circulatorios:

Sistema circulatorio pechado: consiste nunha serie de vasos sanguíneos polos que, sen saír deles, viaxa o sangue. O material transportado polo sangue chega ós tecidos a través de difusión. É característico de anélidos, moluscos cefalópodos e vertebrados.

Sistema circulatorio aberto: o sangue bombeado polo corazón viaxa a través de vasos sanguíneos, co que o sangue irriga directamente as células, regresando logo por distintos mecanismos. Este tipo de sistema preséntase nos artrópodos e nos moluscos non cefalópodos. Estes animais teñen un ou varios corazóns, unha rede de vasos sanguíneos e un espazo aberto grande no corpo chamado hemocele.[1]

A circulación do sangue ou circulación sanguínea describe o percorrido que fai o sangue dende que sae ata que volve ao corazón. A circulación pode ser simple ou dobre:

  • Circulación simple: ocorre cando o sangue forma un só ciclo e no seu percorrido pasa unha soa vez polo corazón. O sangue pasa unha vez polo corazón en cada volta.
  • Circulación sanguínea dobre: o sangue pasa dúas veces polo corazón en cada volta.

A circulación sanguínea tamén se clasifica en:

  • Circulación sanguínea completa: non hai mestura de sangue oxixenado e desoxixenado.
  • Circulación sanguínea incompleta: hai mestura de sangue oxixenado e desoxixenado.

O corazón dos seres humanos e da maioría dos vertebrados máis evolucionados divídese en catro cámaras (tetracameral). Noutros animais só teñen dúas ou tres cámaras, ou mesmo unha soa en forma tubular. Ademais hai animais que teñen máis dun corazón.

Sistema cardiovascular nos humanos

editar

División en circuítos

editar

No organismo humano hai dous tipos de circulación:

  • Circulación maior, somática ou xeral: o percorrido do sangue comeza no ventrículo esquerdo do corazón, cargado de osíxeno, e esténdese pola arteria aorta e as súas ramas arteriais ata o sistema capilar, onde se forman as veas que conteñen sangue pobre en osíxeno. Desembocan nunha das dúas veas cavas (superior e inferior) que drenan na aurícula dereita do corazón.
  • Circulación menor, pulmonar ou central: o sangue pobre en osíxeno parte desde o ventrículo dereito do corazón pola arteria pulmonar que se bifurca en cadanseu tronco para cada un de ambos pulmóns. Nos capilares alveolares pulmonares o sangue osixénase a través dun proceso coñecido como hematose e recondúcese polas catro veas pulmonares que drenan o sangue rico en osíxeno, na aurícula esquerda do corazón.
  • Circulación portal: é un subtipo da circulación xeral orixinado de veas procedentes dun sistema capilar, que volve formar capilares no fígado, ó final do seu traxecto. Existen dous sistemas porta no corpo humano:
  1. Sistema porta hepático: as veas orixinadas nos capilares do tracto dixestivo desde o estómago ata o recto que transportan os produtos da dixestión, transfórmanse de novo en capilares nos sinusoides hepáticos do fígado, para formar de novo veas que desembocan na circulación sistémica a través das veas suprahepáticas á vea cava inferior.
  2. Sistema porta hipofisario: a arteria hipofisaria superior, procedente da carótide interna, remifícase nunha primeira rede de capilares situados na eminencia media. Destes capilares fórmanse as veas hipofisarias que descenden polo talo hipofisario e orixinan unha segunda rede de capilares na adenohipófise que drenan na vea xugular interna.

Circulación nos invertebrados

editar
  • Insectos: o sistema circulatorio é de tipo aberto ou lagunar. O seu cometido principal é o transporte de nutrientes, xa que o osíxeno se difunde por outras vías. O líquido circulante non é sangue senón hemolinfa, o corazón ten forma tubular, atópase en posición dorsal e conta con varios orificios laterais que se chaman ostiolos. O corazón bombea a hemolinfa cara ás arterias que desembocan nos espazos lagunares, o camiño de volta cara ao corazón do insecto realízase a través dos ostiolos.[2]
 
Sección do corpo dun anélido en que é visible o vaso dorsal e ventral que se atopan conectados en cada segmento do animal.
  • Anélidos: dispoñen dun sistema circulatorio pechado que serve tanto para a distribución de osíxeno como de nutrientes. Teñen sangue que contén hemoglobina ou outras moléculas emparentadas como hemeritrina (rosada) ou clorocruorina (verdosa). Existe un vaso principal dorsal que leva o sangue en dirección á parte anterior do animal e outro ventral que segue o camiño inverso. A miñoca por exemplo conta con cinco pares de pequenos corazóns que non son máis que curtos segmentos de vasos sanguíneos que teñen a capacidade de contraerse periodicamente para impulsar o sangue.[2]
  • Cefalópodos: tanto os polbos como as luras contan cun sistema circulatorio pechado. O líquido circulante é hemolinfa que se bombea a través dos vasos por un conxunto de tres corazóns, un principal ou sistémico e dous auxiliares, un en cada branquia. A hemolinfa transporta osíxeno grazas ao pigmento hemocianina.[2]

Circulación sanguínea nos vertebrados

editar

Todos os animais vertebrados disponen dun sistema circulatorio pechado especializado que trasporta o sangue dende o corazón aos tecidos e un sistema linfático que desemboca no anterior e transporta a linfa. O sistema circulatorio dos vertebrados está sempre formado por un corazón dotado dun potente músculo que se contrae e relaxa ritmicamente cunha frecuencia variable dependendo da especie e o grao de actividade. Os vasos poden ser veas que transportan o sangue dende os tecidos ao corazón, arterias que conducen o sangue en sentido inverso, é dicir, dende o corazón aos tecidos, e capilares que son uns pequenos vasos en que se une o sistema arterial co venoso.

Nos peixes a circulación é simple, existe un só circuíto e o corazón só conta con dúas cámaras: unha aurícula e un ventrículo. Os anfibios presentan un só ventrículo e dúas aurículas, por iso o sangue das dúas aurículas se mestura no ventrículo único (circulación incompleta). Nos réptiles existe un tabique que separa parcialmente o ventrículo en dúas partes, mais que non impide a mestura entre os dous sangues, por iso presentan tamén circulación incompleta. Nas aves e nos mamíferos o corazón conta con catro cámaras (tetracameral) e a circulación é dobre e completa, existe un tabique que separa totalmente o ventrículo dereito do esquerdo sen que se mesturen os dous sangues.[3]

Circulación en peixes

editar
 
Sistema circulatorio nos peixes.

Nos peixes, o corazón atópase en posición ventral, por baixo da farinxe e preto das branquias. A súa disposición é lineal e consta de catro cámaras (seo venoso, aurícula, ventrículo e cono arterial ou aórtico) comunicadas por válvulas que impiden o retroceso do sangue.

A arteria branquial leva o sangue ás branquias para a súa oxigenación. Xa que logo, a circulación nestes animais é simple e completa; é dicir, só existe un circuíto e non haberá mestura de sangues.

Circulación en anfibios

editar
 
Sistema circulatorio dos anfibios.

Nos primeiros vertebrados pulmonados (anfibios e réptiles non crocodilianos) o corazón está en posición torácica e aparece unha circulación dobre, xa que existe un circuíto menor ou pulmonar, que leva o sangue venosa ós pulmóns e trae de volta ó corazón o sangue arterial desde aqueles, e o circuíto maior ou xeral, que leva o sangue arterial ó resto do corpo e trae de volta o sangue venoso ó corazón.

Nestes animais o corazón ten tres cavidades: dúas aurículas (dereita e esquerda) e un único ventrículo moi musculoso. A aurícula dereita recibe o sangue venoso procedente do resto do corpo, e mándaa ó ventrículo para que este a bombee ós pulmóns a través da arteria pulmonar. A aurícula esquerda recibe o sangue arterial procedente dos pulmóns, mándaa ó ventrículo e este bombéaa ó resto do corpo a través da aorta. Entre as dúas arterias existe un pequeno tubo chamado conduto de Botal. As aurículas contráense de forma sucesiva, polo que a mestura de sangues no ventrículo é escasa. De todos os xeitos, a circulación dobre será incompleta.

Circulación en réptiles

editar
 
Sistema circulatorio dos réptiles.

Nos réptiles crocodilianos xa existe unha división completa do ventrículo en dous compartimentos (dereito e esquerdo). Xa que logo, o corazón xa é tetracameral e ten dous caxatos aórticos: o esquerdo que sae do ventrículo dereito e leva sangue venoso, e o dereito que sae do ventrículo esquerdo e leva sangue arterial. Prodúcese unha pequenísima mestura de sangue na aorta descendente. Deste xeito, considérase que a circulación é dobre e completa (aínda que non totalmente).

Circulación en aves

editar
 
Glóbulos vermellos dunha ave.

O sistema circulatorio das aves é pechado, dobre e completo. O corazón consta de catro cavidades, dúas aurículas e dous ventrículos e o seu funcionamento é similar ao dos mamíferos. Unha diferenza con estes é que os glóbulos vermellos do sangue son elípticos e contan con núcleo.

Circulación en mamíferos

editar

Os mamíferos dispoñen dun sistema circulatorio pechado, dobre e completo. O corazón conta con catro cavidades, dúas aurículas e dous ventrículos. Non se mestura o sangue osixenado co non osixenado como ocorre nos réptiles. O modelo de sistema circulatorio humano pode aplicarse a todos os mamíferos.

Ciclo cardíaco

editar

Os capilares son os vasos sanguíneos máis numerosos do corpo. Todas as células do organismo atópanse preto dun vaso capilar de onde tomarán alimentos e oxíxeno e deixarán o dióxido de carbono. Os vasos capilares están conectados a veas pequenas, que se xuntan para formar veas máis grandes. As que devolven o sangue da cabeza e os brazos xúntanse para formar a vea cava superior. O sangue da parte inferior do corpo lévase cara ao corazón pola vea cava inferior.

Ambas as veas cavas, superior e inferior, levan o sangue á aurícula dereita, unha das catro cavidades do corazón. De alí pasa ao ventrículo dereito a través da válvula tricuspide. O ventrículo dereito contráese e empuxa o sangue, a través da válvula pulmonar, cara á arteria pulmonar.

A arteria pulmonar divídese en dúas ramas que levan o sangue cara aos vasos capilares de cada pulmón, onde o oxíxeno entra no sangue e o dióxido de carbono sae dela. Despois, o sangue regresa polas veas pulmonares ata a aurícula esquerda e de alí, pasando pola válvula mitral, chega ao ventrículo esquerdo. Este empuxa o sangue a través da válvula aórtica cara á arteria aorta, que leva o sangue de novo oxixenada a todos os capilares do noso corpo e así complétase o ciclo.[4]

  1. [1] Google libros: Biología: la vida en la tierra Escrito por Gerald Audesirk, Teresa Audesirk, Bruce E. Byerspag, p. 550.
  2. 2,0 2,1 2,2 Biología: la vida en la tierra. Teresa Audesirk, 2008
  3. Ciencias naturales y su didáctica Julia Morros Sardá, pp. 121-122.
  4. Pascuzzi, Dr. Javier. "Ciclo cardiaco". Arquivado dende o orixinal o 18-11-2016. Consultado o 12-11-2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 2
todo 5