Heráclito de Éfeso

filósofo grego
(Redirección desde «Heráclito»)

Heráclito de Éfeso foi un filósofo grego que viviu cara a comezos do século V a. C. (544 - 484 a. C.), coñecido como «o escuro» (en grego antigo: ὁ Σκοτεινός, ho skoteinos). Era natural de Éfeso, unha cidade da Xonia, na costa occidental de Asia Menor. Como os demais filósofos anteriores a Platón, non quedan máis que fragmentos das súas obras, e en gran parte coñécense as súas achegas grazas a testemuños posteriores.

Modelo:BiografíaHeráclito de Éfeso

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Ἡράκλειτος ὁ Ἐφέσιος Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 535 a. C. Editar o valor en Wikidata
Éfeso (Grecia Antiga) Editar o valor en Wikidata
Mortec. década de 470 a. C. Editar o valor en Wikidata (64/74 anos)
Éfeso (Grecia Antiga) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteedema Editar o valor en Wikidata
ResidenciaÉfeso Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónfilósofo, escritor, físico Editar o valor en Wikidata
Interesado enMetafísica, linguaxe e política Editar o valor en Wikidata
MovementoPresocráticos, filosofía antiga, Filosofía occidental e Escola Xónica Editar o valor en Wikidata
AlumnosEmpédocles Editar o valor en Wikidata
Influencias

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Editar o valor en Wikidata
BNE: XX873937 Musicbrainz: 7bfac63c-bea2-47a6-b120-41b68bdb9045 Discogs: 706027 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Fillo de Blosón (ou de Heraconte),[1] moi pouco se sabe da biografía de Heráclito. Foi admirado desde neno e, sendo novo, dicía que non sabía cousa ningunha; mais cando chegou a idade perfecta dicía que o sabía todo.[2] Non foi discípulo de ninguén, senón que el mesmo se deu ás investigacións, e dicía que aprendera todo por si mesmo. Porén, di Soción que algúns o fan discípulo de Xenófanes e tanto Aristón, no seu libro Acerca de Heráclito, como Hipóboto que curou da súa hidropisía e morreu doutra enfermidade.[3]

Segundo Dióxenes Laercio, as súas ensinanzas quedaron recollidas nunha obra titulada Da natureza, que trataba do universo, a política e a teoloxía —aínda que probablemente esta subdivisión a introducira unha compilación alexandrina dos textos de Heráclito—.[4] Pero o que chegou ata nós da súa doutrina está en forma fragmentaria e as súas fontes son citas, referencias e comentarios doutros autores.

Algúns destes fragmentos presentan, así e todo, a aparencia de aforismos completos, o cal apoia a idea de que o seu estilo de pensamento foi oracular. Isto deu pé, incluso, a formular a hipótese de que Heráclito non escribiu, en realidade, ningún texto, senón que as súas ensinanzas foron exclusivamente orais, e que foron os seus discípulos os encargados de reuniren o esencial destas en forma de sentenzas.

O desprezo de Heráclito polo común dos mortais concordaría coas súas orixes, pois parece certo que procedía dunha antiga familia aristocrática, así como que as súas ideas políticas foron contrarias á democracia de corte ateniense e formou, quizais, parte do reducido grupo, integrado por nobres principalmente, que simpatizaba co rei persa Darío, a cuxos dominios pertencía Éfeso daquela, contra a vontade da maioría dos seus cidadáns. Estes últimos, en calquera caso, non deberon aprecialo demasiado, e Heráclito colmounos de improperios cando expulsaron da cidade o seu amigo Hermodoro:[5]

Sería xusto que todos os efesios adultos se aforcaran e deixaran a cidade aos impúberes, eles que expulsaron a un home máis valioso que os demais, Hermodoro, dicindo: «ningún ha de ser moi valioso entre nós. Se hai alguén así, a outra parte e con outros váiase.»
Diels-Kranz, Fragmente der Vorsokratiker, 22 B121

De calquera xeito, a escuridade de Heráclito ficou caricaturizada na lenda verbo da súa morte. Enfermo de hidropisía, preguntaba enigmaticamente aos médicos se poderían obter seca da choiva; mais, como non o entendían, enterrouse en esterco coa suposición de que a calor deste absorbería as humidades, co resultado de que se acelerou o fatal desenlace. De crermos a Dióxenes Laercio, a causa da afección sería o seu retiro no monte, onde se alimentaba de herbas, movido pola súa misantropía. Morreu á idade de sesenta anos.[5]

 
Heráclito, segundo Michelangelo.

Pensamento

editar

Heráclito foi alcumado o escuro polo carácter enigmático que revestía a miúdo o seu estilo, como testemuña un bo número dos fragmentos conservados das súas ensinanzas.

No pensamento de Heráclito hai dúas partes moi importantes: a primeira delas é o lume como elemento primordial da Physis e a segunda, a constitución do universo como oposición de contrarios.

Heráclito sinala o lume como elemento principal (ἀρχή, arxé) da Natureza (Φυσις, Phusis), aquel constituínte común a todas as cousas e causa de todos os cambios que nela se producen. Todo nace e todo se consome no lume, para renacer de novo ciclicamente, como unha ave Fénix.

κόσμον τόνδε, τὸν αὐτὸν ἁπάντων, οὔτε τις θεῶν οὐτε ἀνθρώπων ἐποίησεν, ἀλλ' ἦν ἀεὶ καὶ ἔστιν καὶ ἔσται πῦρ ἀείζωον, ἁπτόμενον μέτρα καὶ ἀποσβεννύμενον μέτρα.
Este mundo, que é o mesmo para todos, non o fixo ningún deus ou ningún home; senón que foi sempre, é agora e será lume sempre vivinte, que prende e apaga medidamente.
Diels-Kranz, Fragmente der Vorsokratiker, 22 B30
πυρὸς τε ἀνταμοιβὴ τὰ πάντα καὶ πῦρ ἁπάντων ὅκωσπερ χρυσοῦ χρήματα καὶ χρημάτων χρυσός.
Todas as cousas cambian en lume e o lume en todas as cousas, así como as mercancías por ouro e o ouro por mercancías.
Diels-Kranz, Fragmente der Vorsokratiker, 22 B90

A importancia que concedeu a afirmación de que todo está exposto a un cambio e a un fluxo incesantes, seguramente foi esaxerada por Platón, quen contribuíu de maneira decisiva a perpetuar a imaxe de Heráclito como expoñente dun relativismo radical. Acerca do cambio, di:

ποταμοῖς τοῖς αὐτοῖς ἐμβαίνομεν τε καὶ οὐκ ἐμβαίνομεν, εἶμεν τε καὶ οὐκ εἶμεν τε.
Nos mesmos ríos entramos e non entramos, [pois] somos e non somos [os mesmos].
Diels-Kranz, Fragmente der Vorsokratiker, 22 B12

O universo de Heráclito está formado por contrarios en perpetua oposición, o cal é condición do devir das cousas e, ao mesmo tempo, a súa lei e principio; pero os contrarios vense conducidos a sínteses harmónicas polo logos, proporción ou medida común a todo, principio normativo do universo e do home que, en varios aspectos, resulta coextensivo co elemento cósmico primordial, o lume, polo que algunhas interpretacións os identifican. Cada par de opostos é unha pluralidade e, á vez, unha unidade que depende da reacción equilibrada entre os dous; o equilibrio total do cosmos mantense a expensas da interacción sen fin entre os opostos, garantía de que o cambio nunha dirección acabará por conducir a outro cambio na dirección contraria.

O logos expresa a coherencia subxacente das cousas, que os homes deben tratar de comprender, xa que a sabedoría consiste en entender como se conduce o mundo, e ese entendemento ten que ser a base da moderación e o autocoñecemento, que Heráclito postulou como ideais éticos do home. O logos (que podemos interpretar como razón, medida, proporción...) regula todo o movemento da realidade conducíndoo á harmonía, e unificando así os elementos opostos; de onde se segue a afirmación da unidade última de todo o real.

Non comprenden como o diverxente converxe consigo mesmo; ensamblaxe de tensións opostas, como a do arco ou a da lira.

Escribiu unha obra titulada Da natureza, o mesmo que se lle deu tamén aos libros escritos por outros autores. Non é seguro que se tratase realmente dun libro no que se desenvolvesen sistematicamente temas relacionados co coñecemento da natureza, a alma ou a cosmoloxía. É probable que se tratase dun conxunto de sentenzas recompiladas en forma de libro, hipótese que se apoia no carácter enigmático e oracular dos fragmentos que conservamos.

  1. Diógenes Laercio (2016); p.501 (1) "Heráclito de Éfeso fue hijo de Blosón o, según algunos, de Heraconte."
  2. Diógenes Laercio (2016); p. 503 (5) "Cuando era joven afirmaba no saber nada; pero al hacerse adulto, que lo sabía todo."
  3. Diógenes Laercio (2016); p. 503 (5)
  4. Diógenes Laercio (2016); p. 503(5) "El libro que se le atribuye es, según su contenido, un «Acerca de la naturaleza», y está dividido en tres tratados: uno sobre el universo, otro político y otro teológico".
  5. 5,0 5,1 Diógenes Laercio (2016); p. 502, 503 (3,4)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Reale, G., Antiseri, D. (1995). Historia del pensamiento filosófico y científico, I. Madrid: Herder. ISBN 978-84-254-1593-7. 
  • Laercio, Diógenes (2016). "Libro IX". Vidas y opiniones de los filósofos ilustres (en español). Madrid: Alianza. ISBN 978-84-206-7697-5.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 3
idea 3
todo 14