Hiato (gramática)
Un hiato é a concorrencia de dúas vogais sucesivas que pertencen a dúas sílabas diferentes, e que polo tanto non forman ditongo.
En galego pode haber hiato nos seguintes casos:
- Dúas vogais abertas (a, e, o) seguidas: aéreo (a-é-re-o), cacao (ca-ca-o), área (á-re-a), fideo (fi-de-o), táboa (tá-bo-a), adoecer (a-do-e-cer).
- Unha vogal aberta ou media e unha pechada (i, u) tónica. Neste caso a sílaba tónica está marcada con acento gráfico: raíña (ra-í-ña), dúas (dú-as), acotío (a-co-tí-o), saúde (sa-ú-de), díese (dí-e-se), posúe (po-sú-e), correúdo (co-rre-ú-do).
- Dúas vogais pechadas e o acento recae sobre a segunda (agás que a secuencia vaia precedida dos fonemas /k/ ou /g/). Neste caso a sílaba tónica é marcada cun acento gráfico: diúrno (di-úr-no), miúdo (mi-ú-do), oriúndo (o-ri-ún-do), viúvo (vi-ú-vo), muíño (mu-í-ño), xuízo (xu-í-zo). E nas formas flexionadas destas palabras ou nos derivados delas, aínda que estean en posición átono: miudezas (mi-u-de-zas), axuizar (a-xu-i-zar), muiñeiro (mu-i-ñei-ro).
Emprégase a diérese para marcar un hiato (ruptura dun ditongo) na primeira e segunda persoa do plural do imperfecto de indicativo dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír, -oír e -uír: moïamos, moïades. Os exemplos anteriores teñen catro sílabas e contrastan na pronuncia e na escrita (grazas a que a diérese ten función diacrítica) co presente de subxuntivo dos mesmos verbos (moiamos, moiades) que teñen tres sílabas.
Esquema de hiatos en galego
editarVogais abertas iguais
editar- aa: Caamaño, contraalmirante, contraataque, contraaviso, gardaagullas, graal, portaavións, saami
- ee: areeiro, areento, baleeiro, cadeeira, cafeeira, candeeiro, centeeiro, clareeira, cordeeiro, derreira, lampreeiro, neerlandés, norteeuropeo, padeeiro, preeiro, preelectoral, preeminencia, preescolar, preexistir, rebeleeiro, randeeira, reedición, reedificar, reeducar, reelabora, reelixir, reembolso, reencarnar, reencontro, sobreeixe, sobreentender, sobreestimación, viseense, xeeira
- ii: antiimperialismo, antiinflamatorio, diiambo
- oo: antozoos, azoospermia, briozoos, cooficial, cooperativa, cooptar, coordenada, coordinar, desloor, espermatozoo, heliozoo
- uu: contínuum, duunvirato
Vogais abertas distintas
editar- ae: aedo, aéreo, aerobio, atraer, atraente, baeta, bonaerense, caedizo, caer, contraente, contraer, debaer, decaedro, decaer, decaemento, distraer, dodecaedro, enfaenado, esvaecer, esvaer, faena, gaélico, heptaédrico, hexaedro, infraestrutura, israelí, macaense, paella, paelo, portaestandarte, prerrafaelismo, quintaesencia, raedoiro, recaedela, subtraer, tabaela, traer
- ao: aorístico, aorta, aórtico, arao, baobab, burelao, cacao, caoba, caolín, caos, caótico, contraofensiva, contraorde, dezaoito, extraordinario, faraón, faraónico, grao, infraoitava, lancarao, maoísmo, maorí, peirao, portaobxectos, taoísmo, tetraónidos, vao, xaora
- ea: abalear, abanear, abeaca, abrótea, acalcáreas, acanear, acea, afear, airear, alardear, alcatrear. aldea, aleatorio, alurmear, amea, ameaza, apear, apnea, avea, azalea, azotea, babear, balea, basear, batea, beato, cadea, cereal, reactor, chea, leal, frear, gatear, gheada, goleada, grea, real, nomear, marea, coreano, nuclear, aldeán, deádego, deán, enneágono, freático, oceánico, pancreático, ponteareán, preámbulo, teáceas
- eo: alleo, anteollos, alveolar, apoteose, apoxeo, arbóreo, areoso, aseo, ateneo, axeonllar, balanceo, xeografía, bocareo, bombardeo, bombeo, boxeo, empeorar, epicúreo, feo, fideo, freo, filisteo, galeote, ideoloxía, idóneo, ígneo, lácteo, meteorito, núcleo, óseo, pastoreo, alvéolo, aréola, auréola, bractéola, lauréola, maléolo, nucléolo, roséola, rubéola, león, acordeón, apoteótico, arqueólogo, camaleón, coleóptero, eólico, galeón, homeópata, ideólogo, meteórico, neófito, orfeón, panteón, peón, teólogo, teórico, xeógrafo
- oa: aboar, abotoar, afroamericano, amalloar, améndoa, anchoa, néboa, boa, boroa, canoa, coroa, cloaca, coacción, coador, croata, doado, escoar, espádoa, galardoar, hipoacusia, impersoal, retroactivo, mágoa, malsoante, mámoa, moa, perdoar, persoa, poboar, poalla, pregoar, táboa, toalla, voar, xoanete, aminoácido, angloárabe, coágulo, padroádego, soán
- oe: adoecer, algodoeiro, almoeda, áloe, amendoeira, moeda, autoescola, autoestrada, avoengo, carboeiro, centroesquerda, centroeuropeo, choer, cincoenrama, coedición, coeficiente, coello, doente, falcoeiro, framboesa, gastroenterite, groenlandés, heroe, indoeuropeo, lisboeta, macroeconomía, moer, noelo, noroeste, óboe, oeste, ortoepia, persoeiro, poeira, poesía, poeta, proemio, proeza, roedor, bóer, cóengo, camoés, feroés, isoédrico, ortoépico, poético
Vogal pechada tónica + vogal aberta
editar- ía: abadía, afonía, agonía, aínda, alegría, barbaría, batería, buxía, cafetaría, carestía, día, espía, fantasía
- úa: cacatúa, capicúa, dúas, falcatrúa, lúa, púa, rúa, súa, túa, xamúas
- ío: adobío, amorío, asubío, bravío, calafrío, acotío, fastío, fío, frío, navío, río, tío
- úo: agrúo, dúo, flúor, vacúolo
- íe: díese
- úe: lúes, posúe, conclúes, constitúen, contribúes, derrúes
- aí: caída, faísca, hebraísmo, ladaíña, maínzo, raíña, raíz, saída, traída, ucraíno, vaído, vaíña
- aú: ataúde, balaústre, baúl, cortaúnllas, graúdo, laúde, paúl, saúde, saúdo
- eí: ateísmo, cafeína, cheísmo, codeína, deíctico, europeísmo, maniqueísta, proteína, politeísmo, teína, teísmo
- eú: areúdo, correúdo, peúgo, teúrgo, transeúnte
- oí: averroísmo, coído, desoír, doído, egoísta, heroína, maoísmo, moído, oínte, taoísmo
Vogal pechada + vogal aberta tónica
editar- ia: viaxe, fiar, asubiar, liar, frialdade, arrefriado, arrefriar, arrefriamento
- ua: anual, actuar
- io: biombo, biopsia, biosfera
- uo: fastuoso
- ie: biés, diérese, dieta
- ue: dueto
- iu: desafiuzar, friulano
Dúas vogais pechadas
editar- iú: braquiúro, catiúsca, demiúrgo, diúrno, esciúridos, fiúncho, fiúza, maiúscula, miúdo, oriúndo, oxiúro, piúria, triúnviro, viúvo, xeniúdo
- uí: acuícola, acuífero, afluír, almuíña, altruísmo, atribuír, atuír, azuído, babuíno, beduíno, benxuí, bruído, buíz, casuística, circuíto, concluínte, concluír, constituído, constituínte, constituír, construír, construíble, continuísmo, contribuír. contribuínte, derruír, diminuído, druída, excluír, fluído, fluír, fortuíto, gratuíto, hinduísmo, imbuír, incluír, instituír, instruído, instruír, luír, muíño, posuír, prexuízo, prostituír, recluír, ruído, ruín, ruína, substituír, suíño, suízo, xenuíno, xesuíta, xuíz, xuízo
Casos problemáticos
editarEncontro de dúas vogais fortes
editarNa fala, atópase certa inclinación a desfacer, por razóns eufónicas, certo tipo de hiatos, sobre todo os formados por dúas vogais fortes (irmao). Un dos xeitos máis empregados para desfacer o hiato é a ditongación, de maneira que irmán ou man, naquelas zonas onde aparece a terminación -ao adoitan pronunciarse irmau ou mau. Esta ditongación xeral nalgunhas palabras comúns é a que levou ao cambio normativo en casos como o de bacallau, pau, romeu e xubileu.
Encontro de vogal feble e vogal forte
editarA combinación de vogal feble con forte ás veces dan lugar a un ditongo crecente e outras a un hiato. Nestes casos, ao non levaren as palabras acento gráfico, non existe signo ortográfico algún que indique se se trata dun ditongo ou dun hiato.
Hai palabras cunha pronuncia asentada: sempre ditongo (a-po-ia-mos, cam-bia-mos, pa-io-lo) ou sempre hiato (a-fi-a-mos, li-a-mos). Amais, hai unha tendencia na lingua a desfacer algúns ditongos crecentes, provocando unha vacilación entre falantes: uns pronuncian ditongo (San-tia-go, sue-co, pa-trio-ta) e outros hiatos (San-ti-a-go, su-e-co, pa-tri-o-ta).
As combinacións vocálicas –ua–, –ia– presentan grandes problemas, xa que nunhas palabras forman ditongos crecente e noutras hiato.
- As palabras de uso común adoitan pronunciarse cun ditongo crecente: minguar, egua, insua, pascua, recua, aguia, ansia, cenoria, miseria, leria, lamia
- Os adxectivos cultos rematados en –ual adáptanse tanto con ditongo (pascual, residual) coma con hiato (anual, mensual, gradual, ritual).
Encontro de vogais febles
editarAs secuencias ui e iu unhas veces articúlanse con ditongo homoxéneo e outras con hiato.
- Se unha das vogais é tónica, trátase dun hiato se o acento recae sobre o segundo elemento, levando sempre acento gráfico (muíño, miúda), e é ditongo se recae sobre a primeira vogal (azuis, partiu).
- Se se atopan en posición átona é máis complexo coñecer se formar ditongo ou hiato, pero ten menos repercusións ortográficas xa que non precisan de acento gráfico (di-u-ré-ti-co). Este caso preséntase sobre todo en palabras derivadas doutras nas que a secuencia iu ou ui ten un elemento tónico, por exemplo:
druída (dru-í-da) > druidismo (dru-i-dis-mo)
miúdo (mi-ú-do) > miudeza (mi-u-de-za)
ruído (ru-í-do) > ruidoso (ru-i-do-so)
viúvo (vi-ú-vo) > viuvez (vi-u-vez)
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417.
- Méndez Álvarez, María Xesús (2005). Ortografía da lingua galega: descrición, regras e ditados. Xerais. ISBN 978-8497822374.