Hipótese do mundo de HAP
A hipótese do mundo de HAPs (hidrocarburos aromáticos policíclicos) é unha hipótese especulativa sobre a orixe da vida, que propón que os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs ou, en inglés, PAHs) eran abundantes na sopa primitiva de materia orgánica que se supón presente nos mares da Terra primitiva, e xogaron un papel principal na orixe da vida ao mediaren na síntese de moléculas de ARN, orixinando un mundo de ARN. A hipótese é discutida na comunidade científica e polo momento é unha hipótese non probada.[1]
Introdución
editarO experimento de Miller e Urey de 1952 e outros posteriores, demostraron a síntese de compostos orgánicos, como bases nitroxenadas dos ácidos nucleicos (nucleobases), aminoácidos, formaldehido e azucres, a partir de precursores moi sinxelos inorgánicos e metano, que se supón estaban presentes na sopa primordial. A hipótese do mundo de ARN propón que o ARN pode realizar a súa propia catálise (como un ribozima), e ser a base da orixe da vida. Entre estas dúas fases (formación de moléculas organicas e de ARN) hai algúns pasos descoñecidos, como a forma en que se orixinaron as primeiras moléculas de ARN. A hipótese do mundo de HAPs foi proposta para intentar encher este baleiro por Simon Nicholas Platts en 2004.[2] Unha idea máis elaborada foi publicada por Ehrenfreund et al. [3].
Hidrocarburos aromáticos policíclicos
editarOs hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) son as moléculas máis comúns e abundantes entre as moléculas poliatómicas no Universo visible, e considéranse un dos compoñentes probables do mar primordial das primeiras fases do noso planeta.[4] Os HAPs, xunto cos fullerenos foron detectados tamén nas nebulosas interestelares.[5] (Os fullerenos están tamén implicados na orixe da vida; e segundo a astrónoma Letizia Stanghellini, "É posible que os fullerenos do espazo proporcionasen as sementes para a vida na Terra.”[6])
Os HAPs non son normalmente moi solubles en auga mariña, pero cando están sometidos a radiacións ionizantes como os raios ultravioleta solares, os átomos de hidróxeno externos poden ser arrancados da molécula e substituídos por grupos hidroxilo, orixinando HAPs máis solubles en auga.
Estes HAPs modificados son anfipáticos, o que significa que teñen partes hidrófilas e partes hidrófobas. Cando están en disolución, ensámblanse en grupos columnares discóticos mesoxénicos, como lípidos, e tenden a organizarse situando as súas partes hidrófobas protexidas.
Unión de nucleobases ao armazón de HAPs
editarNun grupo columnar autoordenado de HAPs, a separación entre os aneis adxacentes é de 0,34 nm. Esta é a mesma separación que se observa entre os nucleótidos adxacentes do ARN e ADN. Outras moléculas máis pequenas poden unirse de forma natural aos aneis de HAPs. Porén, cando se forman os aneis de HAPs, tenden a xirar uns arredor doutros, o que tende a desaloxar os compostos unidos que chocarían cos que están unidos nos aneis de enriba ou debaixo. Por tanto, está favorecida a unión preferencial de moléculas planas como as nucleobases pirimidina e purina, os constituíndes chave (e portadores de información) do ARN e ADN. Estas bases son anfipáticas e tamén tenden a aliñarse en grupos columnares similares.
Unión ao esqueleto oligomérico
editarDe acordo coa hipótese, unha vez que as nucleobases están unidas (por medio de pontes de hidróxeno) ao armazón de HAPs, a distancia entre bases seleccionaría moléculas de "unión" dun tamaño específico, como poden ser pequenos oligómeros de formaldehido (metanal), tamén presentes na "sopa" prebiótica, os cales se unirán (por enlace covalente) ás nucleobases e consigo mesmos para formaren un esqueleto estrutural flexible.[1][2]
Separación de filamentos similares ao ARN
editarUn descenso posterior de pH no ambiente (incremento da acidez), por exemplo como resultado da descarga volcánica de gases como o dióxido de xofre ou dióxido de carbono, permitiría que as bases se separasen das súas armazóns de HAPs, formando moléculas similares ao ARN (pero co esqueleto de formaldehido en vez do esqueleto ribosa-fosfato utilizado no ARN "moderno", aínda que coa mesma separación de 0,34 nm).[1]
Formación de estruturas similares a ribozimas
editarA hipótese especula tamén que unha vez que as fibras monocatenarias longas similares ao ARN se separan das columnas de HAPs, e despois de que o pH ambiental se faga menos ácido, tenderían a pregarse sobre si mesmas, e os pares de bases complementarias buscaríanse preferencialmente unhas a outras, formando pontes de hidróxeno, creando estruturas similares ao ARN, que serían estables e, polo menos parcialmente, de dobre cadea, semellantes a ribozimas. Os oligómeros de formaldehido finalmente serían substituídos por moléculas de ribosa-fosfato, máis estables, como material do esqueleto da molécula, o que sería o primeiro paso para o establecemento dun mundo de ARN proposto na hipótese do mundo de ARN, que se especula evolucionaría a estados máis complexos a partir deste punto.[1][2][7]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Platts, Simon Nicholas, "The PAH World - Discotic polynuclear aromatic compounds as a mesophase scaffolding at the origin of life"
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Prebiotic Molecular Selection and Organization" Arquivado 24 de maio de 2009 en Wayback Machine., NASA's Astrobiology website
- ↑ Ehrenfreund P, Rasmussen S, Cleaves J, Chen L. (2006) Experimentally tracing the key steps in the origin of life: The aromatic world. Astrobiology 6(3):490-520.
- ↑ Allamandola, Louis et Al. "Cosmic Distribution of Chemical Complexity" Arquivado 27 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ García-Hernández, D. A.; Manchado, A.; García-Lario, P.; Stanghellini, L.; Villaver, E.; Shaw, R. A.; Szczerba, R.; Perea-Calderón, J. V. (2010-10-28). "Formation Of Fullerenes In H-Containing Planetary Nebulae". The Astrophysical Journal Letters 724. doi:10.1088/2041-8205/724/1/L39.
- ↑ Atkinson, Nancy (2010-10-27). "Buckyballs Could Be Plentiful in the Universe". Universe Today. Consultado o 2010-10-28.
- ↑ Lincoln, Tracey A.; Joyce, Gerald F. (January 8, 2009). "Self-Sustained Replication of an RNA Enzyme". Science (New York: American Association for the Advancement of Science) 323 (5918): 1229. PMC 2652413. PMID 19131595. doi:10.1126/science.1167856. Consultado o 2009-01-13. Resumo divulgativo – Medical News Today (January 12, 2009).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Historia da Terra
- Orixe da vida
- Teoría do mundo de ferro-xofre
- Hipótese do mundo de ARN
- Evolución das células
- Outros posibles precursores do ARN:
Ligazóns externas
editar- The 'PAH World'
- Astrobiology magazine Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. Aromatic World An interview with Pascale Ehrenfreund on PAH origin of life. - Consultado en xuño de 2006.
- Life's ingredients found in early universe New Scientist Magazine 14:49, 29 de xullo de 2005.
- RNA-directed amino acid homochirality