Na mitoloxía grega, Hipnos (en grego antigo Ὕπνος, Hýpnos "sono", "sopor"),[1] era a personificación do sono.

Hipnos e Tánatos levando a Sarpedón, lécito ático, c. 440 a.C. Museo Británico.
Hipnos co corno de líquido soporifero, copia romana da orixinal grega do séc. IV-III a.C.
Hipnos representado con ás nas tempas.

O seu equivalente na mitoloxía romana é Somnus.

Historia mitolóxica

editar

A súa nai era Nicte, o Nix, a noite, que o tivo sen intervención masculina, aínda que nalgunha outra tradición seu pai foi Erebo. O seu irmán xemelgo era Tánatos (a morte sen violencia).

O seu palacio era unha cova escura onde o Sol nunca brillaba. Na súa entrada crecían papoulas e outras plantas hipnóticas.

Segundo algunhas fontes, vivía xunto con Tánatos nun palacio subterráneo próximo ao de Nix. Segundo outras, facíao nunha cova baixo unha illa grega, a través da cal fluía o Lete, o río de Hades ou río do esquecemento.

Nunha ocasión, Hera prometeulle a Hipnos a man dunha das Cárites (as tres Grazas), Pasítea, se o axudaba a dormir a Zeus. O Sono obedeceu, pero Zeus despertou iracundo e guindaría a Hipnos do monte Olimpo se non intervira a súa nai Nix, que demostrou así o poder que exercía tanto sobre os deuses como sobre os homes.

Con Pasítea tivo mil fillos, os Oniros. Os tres máis importantes aparecían nos sonos dos reis: Morfeo, Fobétor e Fantaso. Segundo outro mito, Morfeo ocupábase do contido animado dos sonos dos seres humanos, mentres que os outros dous Oniros eran os responsábeis dos animais e dos obxectos inanimados nos sonos.

Tamén Hera recorreu a Hipnos, a través de Iris, para que adoptara a forma de Ceix e, en sonos, se lle presentara á súa muller e lle explicara a súa morte, pois a pobre Alcíone esperaba ansiosa o regreso do seu marido ignorando que este morrera hai tempo.

Endimión recibiu de Hipnos o poder de durmir cos ollos abertos, para poder así vixiar constantemente a súa amada Selene (a primeira representación da Lúa).

Na arte

editar

Na arte, Hipnos era retratado como un home mozo aspido e con ás nos ombros ou nas tempas. Tamén se mostra en ocasións con barba, parecido ao seu irman Tánatos. Ás veces represéntase como un home durmido nunha cama de plumas con cortinas negras ao seu redor. Os seus atributos inclúen un corno de opio indutor de sono, un caule de papoula, unha póla da que gotea a rosada do río Lete e un facho invertido. Morfeo é o seu principal axudante que evita que os ruídos o esperten. En Esparta, a imaxe de Hipnos sempre se situaba cerca da morte.

Xenealoxía

editar

Segundo a Teogonía de Hesíodo,[2] a súa nai foi Nix, e era irmán xemelgo de Tánatos.

Caio Xulio Hixino[3] e Cicerón[4] engaden a Erebo como pai.

Fillos

editar

Segundo Ovidio,[5] esta foi a súa descendencia:

  • Morfeo
  • Fobétor
  • Fantaso
  • outros Oniros
  1. Gregory R. Crane (Tufts University). Hypnos (en inglés). Perseus Digital Library. Consultado o 18 de bebreiro de 2020. 
  2. Hesíodo (1990). Poemas hesiódicos. Madrid: Ediciones AKAL. p. 49. ISBN 978-84-7600-401-2. Consultado o 18 de febreiro de 2020. 
  3. Caio Xulio Hixino (2008). Fábulas. Astronomía. Madrid: Ediciones AKAL. p. 39. ISBN 978-84-4601-651-9. Consultado o 18 de febreiro de 2020. 
  4. Marco Tulio Cicerón (1986). Sobre la naturaleza de los dioses. México, D.F.: UNAM. p. XV. ISBN 978-96-8837-608-9. Consultado o 18 de febreiro de 2020. 
  5. Ovidio, As metamorfoses xi.633–49.

Véxase tamén

editar
  NODES
Done 1
orte 3