Cabra montesa

(Redirección desde «Hirco»)

A cabra montesa[1][2] (Capra pyrenaica) é unha das especies de bóvidos do xénero Capra que existen en Europa, sendo as outras o íbice ou cabra dos Alpes, as cabras salvaxes do Cáucaso e a cabra doméstica. Trátase dun endemismo que actualmente non se atopa fóra das áreas montañosas da Península Ibérica.

Cabra montesa
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Bovidae
Xénero: Capra
Especie: C. pyrenaica
Nome binomial
Capra pyrenaica
Schinz, 1838
Distribución da Capra pyrenaica victoriae
Distribución da Capra pyrenaica victoriae

Distribución da Capra pyrenaica victoriae
Distribución en Galicia
Distribución en Galicia

Distribución en Galicia
Subespecies

Descrición

editar

A cabra montesa é unha especie con forte dimorfismo sexual, do mesmo xeito que moitos outros bóvidos. As femias miden uns 1,20 metros de longo e 60 cm de altura na cruz, pesando entre 30 e 45 quilos de peso. Teñen cornos bastante curtos e parécense bastante a unha cabra doméstica.

Os machos, en cambio, poden chegar aos 148 centímetros de longo e ter unha altura de 77 centímetros na cruz, acadando un peso máximo de 110 quilos. Os cornos dos machos son notablemente grosos e poden chegar a ser o triplo de longos que os das femias. Están máis separados entre si cós cornos doutras especies do xénero Capra. Os machos adultos teñen tamén unha cara máis alongada e a típica barba de chivo escura baixo a mandíbula.

A cor e lonxitude da pelaxe varía segundo as subespecies e a época do ano, tornándose máis longa e agrisada no inverno. Tralas mudas de pelo de abril e maio, a cor é parda ou canela, con manchas escuras na parte inferior das patas que nos machos adultos poden espallarse cara aos costados, ombreiros e ventre. A parte central deste é branca en ambos sexos, e a cola negra e curta (12–13 cm).

Hábitos

editar

Esta especie desenvólvese por igual de día e de noite, aínda que as súas máximas horas de actividade localízanse pola mañá e a finais da tarde, preto do solpor. No inverno desenvolven a súa actividade nas horas centrais do día, que é cando fai máis calor.

Son animais sociables, pero cambian a miúdo de manda. Esta pode estar constituída por machos adultos, femias cos seus años ou adolescentes de ambos sexos (neste último caso, só durante o verán). Os machos e as femias adultas reúnense na época de celo, nos meses de novembro e decembro -caracterizados polos violentos combates cabeza contra cabeza dos machos- e os años (un por parto) nacen todos en maio.

Habitan tanto en bosques como en extensións herbáceas, en cotas montañosas de entre 500 e 2.500 metros de altura. A dieta é predominantemente herbácea, aínda que no inverno tórnase máis arbustiva. Se é necesario, escavan na neve para acceder ata a vexetación.

Subespecies

editar

Coñécense catro subespecies de cabras montesas, dúas das cales se extinguiron en tempos recentes. No entanto, varios autores puxeron en dúbida a súa validez.[3] Estas subespecies son as seguintes:

 
Exemplar na provincia de Salamanca

Estado de conservación

editar

A cabra montesa conta con lobos, osos e aguias como depredadores naturais, pero estes desapareceron nos últimos tempos de amplas zonas da súa área de distribución. A caza desta especie por parte do home producíase xa na Prehistoria, primeiro a cargo do home de Neandertal e dende hai 40-35.000 anos, pola especie humana. Son abondosos os seus restos nas covas paleolíticas e aparece representada con frecuencia nas pinturas rupestres de toda a Península Ibérica.

Coa introdución da agricultura e o aumento da poboación humana (e con iso, da caza), a súa poboación desapareceu de varias zonas e noutras minguou ostensiblemente. En tempos recentes, o feito de ser unha especie única no mundo, endémica da Península, converteuna nunha cobizada especie de caza maior. Tense constancia da chegada expresa de cazadores procedentes de Francia e o Reino Unido durante os séculos XIX e XX, especialmente ao Pireneo, buscando unicamente a morte dalgún exemplar e os seus valiosos cornos como trofeo.

Xa a finais do século XIX, a poboación de cabra montesa estaba en rápida regresión, téndose extinguido a subespecie galega-portuguesa. Afonso XIII de España creou en 1905 o Refuxio Real de Caza da Serra de Gredos para limitar a caza deste animal na zona e salvar así á entón reducida poboación local, pero non tomou maiores medidas polo salvamento da especie. Non foi ata 1950 cando comezaron a crearse numerosas reservas para protexer a cabra montesa, aínda que en moitos casos non se crearon políticas axeitadas para o efecto. A extinción recente do bucardo débese en boa medida a iso, reducido a só 20 exemplares en 1970 e condenado xa que logo á desaparición nunhas poucas décadas. A falta de cabras montesas para as cacerías intentou cubrirse durante o tardofranquismo coa introdución doutros bóvidos foráneos, coma o muflón e o arruí, especies que tiveron un impacto desigual sobre a flora e fauna local e nalgúns casos puxeron aínda máis en apertos á cabra montesa, pois compiten con ela polos mesmos recursos. Mentres que a caza da especie non está permitida en moitas zonas, noutras, como en Gredos, só se usa como medio para controlar a súa poboación debido á escaseza de depredadores naturais.

En Galicia

editar

A Xunta de Galicia leva a cabo un plan de reintrodución a grande escala na comunidade autónoma galega dende 2003. Estimacións do 2006 achegaron un censo que rolda os 400 exemplares en Galicia.[4] A maioría dos espécimes localízanse nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e no Invernadeiro, ambos os dous na provincia de Ourense.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cabra.
  2. Ocasionalmente tamén recibe a denominación de hirco, así en Juan Ignacio Díaz d'a Silva, Yosy Cartelle, ilustracións Calros Silvar (2007). Guía dos Mamíferos de Galicia. Baía Edicións. 
  3. Solari, Sergio; Baker, Robert J. (2007-06-01). "Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference by D. E. Wilson; D. M. Reeder". Journal of Mammalogy (en inglés) 88 (3): 824–830. ISSN 0022-2372. doi:10.1644/06-MAMM-R-422.1. 
  4. A poboación de cabra montesa multiplicouse por sete nun decenio Arquivado 02 de abril de 2015 en Wayback Machine. lavozdegalicia.es. Introducida o 31/12/2010

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 2