Historia de Andorra

historia de Andorra e dos seus estados predecesores

A historia de Andorra comeza a raíz de escasos testemuños arqueolóxicos (a Balma Margineda e o Cedre) que demostran que a poboación primitiva seguiu o mesmo desenvolvemento que a rexión pirenaica catalá.

Mapa de Andorra

A economía naquel entón podía ser pastoril e autárquica no neolítico, con influencia das correntes culturais do momento. Pola idade de bronce (o vaso campaniforme e a introdución da técnica do bronce centroeuropeo) foron os seus principais trazos. Na idade de ferro iniciáronse explotacións de ferro ou fargas, que se mantiveron con poucos cambios ata o século XIX.

Os achados documentados de Sant Julià e Les Escaldes dan a coñecer que na época ibérica e a romana xa había unha poboación individualizada (quizais citada por Polibio na que di que Ambal loitou en Cataluña contra os andosinos, o que se supón sexan os andorranos). Outros vestixios veñen a respalda-la cita son algunhas moedas ibéricas e romanas que demostran a presenza destes pobos no actual principado.

Idade Media

editar

Xa na Idade Media aparece invadida polos visigodos de Urgell, que se refuxian nos seus vales para defenderse dos árabes, corría por aquel entón o ano 778, a partir dese intre, e coa axuda de Carlomagno (da que a tradición di, que o nome de Andorra, ao parecer, foille posto polo emperador pola súa semellanza co val situado entre os montes Hermón e Tabor, en Palestina) a defensa faise máis forte contra o inimigo invasor. Mentres Dapifer de Moncada recuperaba o territorio situado entre o val de Arán e o de Andorra. Tras derrotar os sarracenos, Carlomagno fixo doazón destas terras á Igrexa de Urgell, que se viu deste modo apoiada polo Imperio carolinxio. No 819, durante as cerimonias de consagración da cadeira episcopal ás que asistiu Ludovico Pío, asignáronse ao bispado unha serie de posesións, entre elas Andorra, coas súas terras e aldeas. Achegábase o ano 843 no que Andorra, aínda formaba parte da Marca Hispánica, despois da reconquista. Pero nesa data quedou na xurisdición dos condes de Urgell, estes ostentaron a soberanía só como vasalos do bispo, segundo din documentos de distintas épocas e o nome de Andorra aparece por primeira vez na Acta de Consagración da Catedral de la Seu d'Urgell (ano 839), na que se mencionan as parroquias de Andorra como parte das posesións do Conde de Urgell.

Coas sucesivas doazóns dos condes pasou ao señorío feudal do bispado de Urgell, no ano 988, a cambio dunhas posesións en Cerdaña foi enfeudada á familia Caboet para que lle dese apoio militar. Guillerme Guitardo de Caboet no ano 1110 prestou axuda, a cambio do territorio de Andorra como vasalo do bispo; o propio fixo seu irmán Mirone no ano 1150, o fillo deste, Raimundo de Caboet (no ano 1156), e finalmente, Arnaldo de Caboet (case a finais do ano 1159). Mediante un acordo asinado co bispo Bernat Sanc, os andorranos acaban recoñecendo a soberanía da Igrexa de Urgell no ano 1176. No 1185 pasou ao vizcondado de Castellbò, tralo casamento de Arnaldeta de Caboet e Arnaldo de Castellbó. Un novo casamento fai pasar as posesións á casa de Foix (neste caso, o herdeiro, Roger Bernat II de Foix, casou no ano 1208 con Ermessendis, filla de Arnaldo de Castellbó) facéndose cargo das terras ao finar o vizconde de Castellbó no ano 1226.

As continuas intromisións dos Foix nos dereitos do bispo de Urgell causaron diversos conflitos a pesar da estruturación político-administrativa que dos vales andorranos fixo o bispo Poncio de Villamunt no 1231 (que, con escasas variantes mantense ata hoxe), pronto xurdiron desacordos entre os bispos e os condes de Foix. Un dos cales, o francés Roger Bernart III, enfrontouse co bispo, Pedro de Urgio, quen tivo que transixir e acepta-las "Pariatges" ou convenios arbitrais de 1278, polos que se sanciona o réxime de cosoberanía. As sentenzas arbitrais ditadas na cidade de Urgell o 7 de setembro de 1278 (con calidade de fiador polo Rei Pedro III de Aragón e confirmadas no ano 1288 polo Papa Martiño V) establecían que os condes de Foix e os seus descendentes posuirían Andorra como feudo da cadeira de Urgell, a cuxo bispo debían render vasalaxe e con quen compartirían a recepción dos tributos e a administración das terras, séndolles permitido ademais o ter nos vales un vigairo a modo de representación. No 1290 produciuse o casamento entre Roger Bernart III de Foix e Margarida de Montcada (herdeira do Bearne) e ambas as casas quedaron unidas no seu fillo e herdeiro Gastón I de Foix e VIII do Bearne.

No 1396, Martiño I o Humano, Rei de Aragón apoderouse brevemente de Andorra, que devolveu a Isabel de Foix no 1400. No casamento do fillo de Isabel con Xoana de Navarra (no ano 1479) e máis tarde con Xoana de Albret posibilitou que un dos seus descendentes, Francisco Febo, reunise na súa persoa as casas de Foix e de Navarra. Tralo seu casamento con Germana de Foix no ano 1505 e a anexión dos vales de Andorra, no transcurso dunha loita que mantivo fronte aos Albret de Navarra e aos condes de Foix (ano 1512), Fernando o Católico entregou estas posesións á súa dona (entrado o ano 1513). Posteriormente, Carlos I de España confirmou estes dereitos de Germana, renunciando taxativamente ao principado no 1519. Deste modo, e seguindo unha liña sucesoria, chégase ao derradeiro conde de Foix e herdeiro de Navarra, Henrique IV de Francia, quen no ano 1589 incorporou o condado de Foix e as súas posesións á coroa francesa, en todo o tempo despois, ninguén dos seus 61 sucesores tiveron necesidade de exercer un dominio efectivo sobre o territorio andorrano, (salvo nalgunhas excepcións: como os editos promulgados por Lois XIII de Francia no anos 1607 e 1620 que certificaban a coroa francesa coma cosoberana dos vales) que seguiu baixo autoridade do bispo de Urgell.

Os tributos pagábanse nos anos impares ao representante francés e nos anos pares ao bispo; nun principio pagábanse na Semana Santa e na actualidade (aínda que de forma simbólica) en decembro. A historia de Andorra baixo os condes de Foix e os seus descendentes, responsables directos dos destinos andorranos, os acontecementos protagonizados por esta casa afectaron inmediatamente a Andorra. Tamén se pode dicir que a partir do ano 1278, Andorra, tivo a súa fundación como estado, que coas modificacións feitas por un posterior "Pareatge", que fora redactado no 1288, as normas contidas naquel son aínda vixentes practicamente ata hoxe. Na metade do ano 1419 creouse o "Consell da Terra", era o primeiro órgano lexislativo do Principado, que daría lugar posteriormente ao "Consell General" da actualidade.

Idade Moderna

editar

Xa no ano 1793, o equilibrio político-administrativo que se mantivo entre o estado francés e o bispado de Urgell viuse interrompido pola revolución francesa; a República, despois de eliminar os dereitos feudais, non quixo recadar os "quistia" (tributos propios por estimalos dun réxime feudal andorrano), situación que foi modificada no 1806 por Napoleón, que exerceu (á petición dos andorranos) unha soberanía directa sobre Andorra restablecendo o equilibrio tradicional. Unha vez rematado o período napoleónico, Andorra ve forxarse no seu interior xa no ano 1840, dous partidos, un francófilo, reformista e liberal, que trataba de erixir un Consello soberano de cara ao público en xeral (posto que xa existía de forma non recoñecida), e outro tradicionalista exaltado, apegado na persoa do bispo; dese xeito pasa por diversas vicisitudes na súa organización interna.

Entre os anos 1866 e 1877 tivo intensas reformas; en concreto no 1866 o bispo carlista Caixal y Estradé, pola presión dos liberais, promulgou unha lei que daba dereito de voto (só exercido por unhas cantas familias), a tódolos "caps de casa" (os cabezas de familia) dos vales. Dereito de lei que se fixo efectivo coa corroboración polo copríncipe francés no ano 1868. As continuas diverxencias entre copríncipes e as loitas internas entre os seus respectivos seguidores foron mitigadas pola xestión do bispo de Urgell, o doutor Benlloch y Vivó, que presidiu unha época de transformación: construción de estradas, instalación dos servizos telefónico e catastro de terreos rústicos, o que permitiu equilibrar a tributación sobre unhas bases xustas. Así mesmo lle foi concedida ao bispo polo goberno español unha rebaixa sobre os dereitos de aranceis (corría por aquel entón o ano 1908).

Século XX

editar
 
Parlamento de Andorra la Vella

Do 8 de agosto ao 9 de outubro de 1933 tras unha intensa axitación política, por mor duns cantos descontentos que furgaron entre as altas xerarquías carrexando un malestar xeral a unhas eleccións previas, que se viron pospostas uns meses. O 6 de xullo de 1934 houbo unha tentativa dun aristócrata de orixe rusa, Boris de Skossyreff, coa intención de proclamarse soberano do país (baixo o nome de Boris I de Andorra), por fortuna non chegou a prosperar, polo que no verán concédese o dereito de voto a tódolos andorranos maiores de 25 anos, xa que ata entón só votaban os “caps de casa”. Pouco despois os traballadores da fábrica e obras hidráulicas da grande empresa Fhasa fixeron unha folga revolucionaria, o que deu lugar (no 14 de xullo) á intervención dun numeroso continxente da garda móbil francesa (outros autores din que era sufocada esta revolta pola Garda Civil española), por primeira vez na historia de Andorra. Co tempo da guerra civil española (de xullo do 1936 estendeuse aquí por mor doutro conflito ata xuño de 1940), estivo defendida por un destacamento francés coa misión de prever os ataques españois de Franco. Cando en xuño de 1940 Francia é invadida polo exército alemán, Andorra, o 25 de setembro de mesmo ano asina un tratado de paz con Alemaña; ao longo de toda a segunda guerra mundial, tratou de manterse "neutral".

En 1970 concedéuselle o voto ás mulleres, e en 1971 estableceuse a maioría de idade aos 21 anos. As eleccións do 14 de decembro de 1977 supuxeron a división do "Consell General" entre conservadores e progresistas. O proceso de modernización consolidouse ao renunciar o "Consell" ao poder executivo que se viña exercendo a través do seu presidente ou "sindic". Entrado o ano 1978 as seis entidades que compoñían o pais foron ampliadas a sete, engadíndose ás restantes a entidade de Escaldes-Engordany. Dentro do ano 1979 creouse a Agrupación Democrática Nacional, que se converte na primeira organización política do país. En 1981 consúmase a creación do Consello Executivo, que se suma ás reformas de cara a finais do século XX. En 1982 creouse o primeiro Goberno do Principado, separando o poder Lexislativo do poder Executivo, e que estaría presidido dende o 8 de xaneiro por Òscar Ribas Reig. Comezaba así o proceso de reforma institucional, que pouco tempo antes promulgaran os copríncipes. Ao dimitir en abril de 1984, Ribas, é substituído o 21 de maio do mesmo ano por Josep Pintat, que conxelou as reformas. En 1985 rebaixouse a maioría de idade aos 18 anos e en 1988 entrou en vigor a lei que recoñecía a Declaración Universal dos Dereitos do Home, adoptada pola ONU en abril de 1948. En decembro de 1989 celebráronse eleccións que levaron o Consell General dos Vals de Andorra a unha maioría de reformadores moderados, encabezado polo partido de centro-esquerda de Òscar Ribas Reig que substituíu o goberno de centro-dereita de Josep Pintat, ocorría isto o un 12 de xaneiro de 1990.

O ano seguinte Òscar Ribas anunciou unha lei sobre o dereito das persoas e un tratado coa CEE. O 1 de xullo de 1992 Andorra adheriuse á Unión Aduaneira da Comunidade Europea, e estableceu novos dispositivos para eliminar o contrabando de tabaco. Substanciais cambios no sistema político, que remataron cos vestixios feudais, foron aprobados en 1993, xunto cos aranceis de mercadorías industriais, e en país terceiro para produtos agrarios. Coa chegada do 14 de marzo de 1993, Andorra dótase dunha Constitución (aprobada en referendo polo 74% dos votantes) cuxo obxectivo principal era o desenvolvemento e evolución das institucións tradicionais. O país foi admitido na ONU o 27 de xullo de 1993. As primeiras eleccións lexislativas, celebradas o 7 de decembro de 1993, (supuxeron a modernización definitiva do país) deron unha maioría relativa ao Agrupament Nacional Democràtic coa lista do xefe do Goberno, Òscar Ribas Reig quen, o 19 de xaneiro de 1994 sería reelixido xefe do Goberno.

Nese mesmo ano, o 10 de novembro, Andorra convértese no membro número 33 do Consello de Europa. E o 25 de novembro do mesmo, Òscar Ribas presentou a súa dimisión, ao non prosperar unha moción de confianza, que presentou unha semana antes, pola perda do apoio das dúas formacións que secundaban o seu Gabinete, Nova Democracia e Iniciativa Democràtica. O apoio fora retirado en razón dos desacordos xurdidos na elaboración dos orzamentos xerais do Estado e que motivaron a primeira gran crise gobernamental en Andorra dende a aprobación da súa Constitución; polo que o 7 de decembro de 1994 o deputado da Unió Liberal, Marc Forné, foi elixido novo xefe do Goberno, tras gañar na votación no “Consell General de les Valls d’Andorra” por quince votos a favor e trece abstencións. Xurou cargo como xefe de Goberno o 21 de decembro, asumindo o plan de orzamentos do anterior Gabinete. Con dúas votacións de censura nun ano, Forné anunciou novas eleccións a principios de 1997, que tiveron lugar o 16 de febreiro e contaron cunha participación do 81,6%. Nestas o Partit Liberal (antiga Unió Liberal) consegue 18 dos 28 escanos á primeira; mentres que AND tivo 4, a ND e ID, obtiveron 3 cada un. En abril Marc Forné anunciou a formación dun novo Goberno.

A principios de 1999 o Goberno aprobou diversas leis e emendou outras que penalizaban o contrabando, especialmente do tabaco. Neste sentido, o 6 de maio a Comisión Europea amosou a súa satisfacción en Bruxelas por tales medidas no curso da celebración do Terceiro Comité Mixto Comunidade Europea-Andorra. O 25 de xuño do mesmo ano o Goberno andorrano aprobou a lei de ordenación lingüística, cuxo obxectivo é garantir o uso da lingua oficial, o catalán, en tódolos ámbitos da vida pública, os medios de comunicación e as actividades culturais e deportivas. O 17 de setembro os copríncipes de Andorra, o bispo de La Seu d'Urgell, Joan Martí Alanis e o presidente francés, Jacques Chirac, reciben por primeira vez no Elisio, o Corpo Diplomático acreditado perante o Principado, ante as máximas autoridades andorranas. Era tamén a primeira vez na historia de Andorra que os dous copríncipes se reunían na capital francesa, segundo destacou o presidente francés.

O xefe do Goberno, Marc Forné, acompañado polo seu ministro de Exteriores, Albert Pintat, asinou o 10 de novembro de 1999 en Helsinqui a Acta Final da Organización para a Seguridade e a Cooperación Europea (OSCE). Esta era a primeira visita oficial que facía un xefe do Goberno andorrano a Finlandia, para abordar, á parte da sinatura da Acta Final da OSCE, o desenvolvemento das relacións bilaterais entre Finlandia e Andorra, así como as relacións coa Unión Europea (UE), coincidindo co semestre da Presidencia finlandesa. O 4 de marzo de 2001, Forné conseguiu a reelección á fronte do Goberno andorrano. O 1 de xaneiro do 2002 Andorra incorporouse con normalidade ao euro. Andorra tivo representación ante diversos países, e mesmamente no enterro do Papa Xoán Paulo II. Nas eleccións do 27 de maio do 2005 os andorranos decidiron non querer os gobernos con maioría absoluta, polo que o Partit Liberal, con Albert Pintat ao seu fronte, gañou os comicios con 14 escanos, cota moi xusta xa que unha maioría absoluta pediría 17.

  NODES
dada 1
dada 1
orte 1