Grupo intergobernamental sobre o cambio climático
O Grupo intergobernamental sobre o cambio climático (GICC), ou en inglés Intergovernmental Panel on Climate Change (IPCC), é un equipo técnico e científico que investiga as causas e os efectos do cambio climático en todo o mundo.[1] Trátase dun organismo internacional que depende das Nacións Unidas.[2] Ten a sede na cidade de Xenebra, en Suíza.
Grupo intergobernamental sobre o cambio climático | |
---|---|
Acrónimo | GIEC e IPCC |
Tipo | organização estabelecida pelas Nações Unidas, organización intergobernamental, organización medioambiental e organización sen ánimo de lucro |
Data de fundación | 1988 |
Fundador(es) | Asemblea Xeral das Nacións Unidas |
Presidente/a | Hoesung Lee (en) (2015-2023) |
Organización matriz | Organización Meteorolóxica Mundial e Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente |
Premios | Premio Nobel da Paz e Rose-Walters Prize |
Sede | Xenebra |
País | Suíza |
Na rede | |
https://www.ipcc.ch/ e https://www.ipcc.ch/languages-2/francais/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Foi creado no ano 1988 pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Programa das Nacións Unidas para o medio ambiente (PNUMA) co fin de estudar e recoller a investigación sobre a evolución do cambio climático. Publica informes científicos que axudan as organizacións non gobernamentais e gobernos a definir as políticas medioambientais e a decidir que medidas tomar.[1] Conta con máis de dous milleiros de científicos de 195 países. O GICC creou distintas subdivisións ou grupos de traballo que publican candanseus informes:
- Grupo I: a base científica
- Grupo II: efectos, adaptación e vulnerabilidade
- Grupo III: camiños cara á mitigación
O GICC é un organismo multinacional encargado de levar a cabo as negociacións relativas ao cambio climático mundial, así como de dirixir o debate científico sobre o quecemento global, as emisións de dióxido de carbono, o efecto invernadoiro e outros elementos e causas do cambio climático. Entre as súas liñas de acción destacan os distintos escenarios de cambio climático global, os mesmos que se expoñen no marco do Protocolo de Kyoto.
O economista surcoreano Hoesung Lee é o presidente desde outubro de 2015.[3][4]
Foi galardoado en 2007 co Premio Nobel da Paz, compartido con Al Gore, «polos seus esfozos na obtención e difusión de informacións sobre os cambios climáticos provocados polos seres humanos e por poñer as bases para tomar as medidas necesarias para loitar contra estes».[5]
Publicacións
editarOs informes de avaliación do Grupo intergobernamental sobre o cambio climático constan de varios volumes e proporcionan todo tipo de información científica, técnica e socioeconómica sobre as causas e efectos do cambio climático e as posibles medidas de resposta.
O Primeiro informe de avaliación do GICC publicouse no ano 1990. Nel confírmanse os elementos científicos que suscitan a preocupación sobre o cambio climático. Ao mesmo nivel, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu preparar unha Convención marco sobre o cambio climático (CMCC), que entrou en vigor en marzo de 1994.
O Segundo informe de avaliación, de 1995, púxose ao dispor da Segunda Conferencia das partes na Convención marco sobre o cambio climático. Proporcionou material para as negociacións do Protocolo de Kyoto derivado desta convención. Consta de tres informes dos tres grupos de traballo e dunha síntese de información científica e técnica útil para a interpretación dos obxectivos da CMCC.
O Terceiro informe de avaliación, de 2001, consta tamén de cadanseu informe dos tres grupos de traballo e unha síntese en que se tratan diversas cuestións científicas e técnicas que poden usaarse para establecer políticas de cambio.
O Cuarto informe de avaliación. En novembro de 2003 o grupo aprobou en grandes liñas as achegas dos grupos de traballo ao Cuarto informe. Este informe completouse no ano 2007 e sinalou unha tendencia crecente nos eventos extremos observados nos últimos 50 anos. Considera probábel que as altas temperaturas, vagas de calor e fortes precipitacións continuarán a ser máis frecuentes no futuro, polo que nuns anos poderíase poñer en perigo o equilibrio climático da humanidade.
En abril de 2008 os membros do 28º encontro do IPCC decidiron elaborar un Quinto informe de avaliación. En xullo de 2009 organizouse unha reunión exploratoria para determinar o alcance e o esquema deste informe. En outubro de 2009, na 31ª reunión do IPCC aprobáronse as grandes liñas resultantes para as contribucións dos tres grupos de traballlo do Quinto informe de avaliación. En setembro de 2013 o Grupo de traballo I publicou o Resumo para responsables políticos[6] do seu informe relativo ás bases físicas do cambio climático. En xaneiro de 2014 publicouse o informe completo.[7] O Grupo de traballo II publicou un informe sobre impactos, adaptación e vulnerabilidade o 31 de marzo de 2014.[8]
En abril de 2014 o Grupo de traballo III publicou o informe sobre mitigación do cambio climático. O Quinto informe de avaliación completouse cunha síntese que saíu en outubro de 2014.
O primeiro volume do Sexto informe de avaliación saíu en agosto de 2021.[9]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Fernández, Alba (16 de maio de 2017). "Els protagonistes del canvi climàtic". La Vanguardia. Consultado o 24 de maio de 2022.
- ↑ "Grupo intergobernamental sobre o cambio climático". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana.
- ↑ "Bureau Portal". IPCC. Consultado o 24 de maio de 2022.
- ↑ Morales, José Luis (1 novembro de 2015). "Un economista al front del canvi climàtic". L'Économic. p. 13.
- ↑ The Nobel Foundation, ed. (2007). "The Nobel Peace Prize 2007" (en inglés). Consultado o 6 de novembro de 2021.
for their efforts to build up and disseminate greater knowledge about man-made climate change, and to lay the foundations for the measures that are needed to counteract such change.
- ↑ Summary for Policymakers: http://www.climatechange2013.org/images/uploads/WGIAR5-SPM_Approved27Sep2013.pdf
- ↑ Climate Change 2013: The Physical Science Basis: http://www.ipcc.ch/report/ar5/wg1/#.UmUFNUoksQ4
- ↑ IPCC Working Group II. "Climate Change 2014: Impacts, Adaptation, and Vulnerability: IPCC Working Group II Contribution to AR5". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2014. Consultado o 13 de abril de 2014.
- ↑ Harvey, Fiona (8 de agosto de 2021). "World’s climate scientists to issue stark warning over global heating threat". The Guardian (en inglés). Consultado o 6 de novembro de 2021.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grupo intergobernamental sobre o cambio climático |
Outros artigos
editar- Quecemento global
- Sostibilidade
- Pegada ecolóxica
- Enerxía renovable
- Protocolo de Kyoto
- Efecto invernadoiro