Igrexa de Santo Antoniño de Toques
A Igrexa de Santo Antoniño de Toques[1] é a actual igrexa parroquial de Santa María da Capela, no concello de Toques, que nas súas orixes foi templo monacal e que conserva elementos prerrománicos (segundo Ramón Yzquierdo Perrín datábeis na segunda metade do século VII) en diversos elementos da súa fábrica. Do antigo mosteiro beneditino posiblemente fundado no século X só se conserva o templo.
Igrexa de Santo Antoniño de Toques | |
---|---|
Fachada sur e ábsida. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Igrexa |
Advocación | Antoniño de Pamiers |
Localización | A Capela (Toques) |
Coordenadas | 42°58′41″N 7°58′59″O / 42.97805556, -7.98305556 |
Catalogación | Monumento Histórico e Zona Arqueolóxica |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Lugo |
Arquitectura | |
Construción | Século X |
Estilo | Prerrománico |
Identificador | RI-51-0008302 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trátase dun dos edificios máis complexos da Idade Media galega xa que conserva elementos e pezas de moi diferentes épocas. Foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento histórico e zona arqueolóxica polo Decreto 192/1994, do 10 de xuño.[2]
Situación
editarSitúase a 600 metros de altitude no lugar de Santo Antoniño de Toques da parroquia de Santa María da Capela, no concello coruñés de Toques, no contorno dunha densa fraga de carballos e castiñeiros, a carón do río Capela e o Camiño Primitivo de Santiago. Preto do lugar tamén se atopa a Fervenza do Toca e o Castro da Graña.
Historia
editarEste mosteiro é considerado por moitos estudosos como un dos máis antigos de Galicia. A primeira referencia documental corresponde a unha doazón de terras que o rei de Galiza, Don García, concede en abril de 1067 ao mosteiro, cuxo abade era entón Tanoy.[3] Trátase da primeira proba da beneditización en Galicia, na terra de Abeancos, neste mosteiro xa que nun primeiro documento de 1067, faise referencia a san Bieito e á aplicación da regra beneditina. En 1077 Afonso VI de León fai unha concesión a este mosteiro e volta a aparecer sub regula beati Benedicti, o que confirma o dato do anterior documento.[4]
Mantivo a súa independencia até 1515, ano no que o papa León X anexionouno mediante unha bula a San Martiño Pinario. Dende entón até a exclaustración, foi priorado deste mosteiro compostelán.
Pouco máis se coñece da súa historia. Trala desamortización instalouse nas dependencias do mosteiro no ano 1843 unha fábrica de cravos e arame (promovida por industriais franceses) que aproveitaba a forza da auga do torrente que pasaba so o antigo mosteiro. As casas dos obreiro, hoxe en ruínas, foron construídas coas pedras do antigo mosteiro.[5]
Descrición
editarNa igrexa pode distinguirse a fasquía do románico lombardo, en contraste co hexemónico borgoñón e compartida coa Basílica de San Martiño de Mondoñedo e a Igrexa de San Xoán de Vilanova. Da antiga igrexa consérvase unha planta dunha soa nave rematada cun testeiro rectangular, con cuberta de madeira a dúas augas na nave e bóveda de canón na ábsida, bóveda que pode datarse na reforma románica levada a cabo no século XI.
Exterior
editarAs pezas máis antigas son as utilizadas como remate do beirado do presbiterio e pertence á arte hispanovisigoda.
Os arquiños da cabeceira, con sinxelas decoracións xeométricas, e as ventás de dobre derramo do testeiro e a nave son de finais do século XI, tratándose dunha das primeiras obras románicas galegas conservadas. Porén, no beirado da nave o estilo dos canzorros é dun románico máis moderno e común nas igrexas galegas, con formas que representan cabezas humanas, animais ou motivos vexetais e xeométricos.
O extremo occidental da nave e froito dunha ampliación a principios do século XIX. As portas laterais presentan arcos semicirculares que semellan arcos de ferradura anteriores reformados.
Outros elementos salientábeis do exterior da igrexa, amais do aparello pseudoisódomo, propio das igrexas do século X, son os ocos das xanelas con arcos de medio punto no que se abren esveltas troneiras e as portas dos muros norte e sur con arcos de medio punto. A fachada principal ou occidental é posterior ao resto da fábrica.
O aparello empregado na construción dos muro amosa a mestura de estilos e fases construtivas, está presente o cadeirado, perpiaño e a cachotaría.
Interior
editarA igrexa é de planta aproximadamente rectangular, co muro norte lixeiramente desviado. A súa única nave, con cuberta de madeira, prolóngase nunha ábsida máis estreita, sensibelmente de planta cadrada, cuberta con bóveda de canón peraltada, a que se accede por un arco triunfal tamén peraltado. Este último provén de semicolumnas unidas onde destacan os capiteis con motivos mozárabes. O resto do testeiro está cuberto de pinturas murais que arrodean o arco toural; a máis primitiva destas pertence ao primeiro terzo do século XVI de estilo renacentista. As restantes pinturas corresponde ao século XVIII, cun San Xurxo ou Santiago, San Gregorio e San Bartomeo. Outras pinturas peor conservadas aparecen nas paredes norte e sur.[6]
No seu interior consérvase un Calvario gótico ou de transición ao gótico, coa figura central de Cristo e a ambos os lados a Virxe mais San Xoán, en madeira policromada, obra orixinal dun artista supostamente de orixe inglesa pertencente ao século XII ou XIII.[7]
Da fábrica prerrománica consérvase o arco triunfal, sostido por columnas con bases e capiteis visigóticos (semellantes ás da igrexa de Santa Comba de Bande),[8] un deles adornado cun tríscele. Entre capitel e columna non hai ningunha moldura, adquirindo un gran desenvolvemento e un perfil troncocónico. A ornamentación recobre totalmente ambos os capiteis con motivos xeométricos tallados en arestado bisel. O seu estudo permitiu discernir algunhas formas empregadas en obras galegas visigóticas, coma un esquema en forma de flor de lis que a vincula co obradoiro de Saamasas.
Tamén destaca un relevo do século IX ou X con similitudes estilísticas do estilo asturiano que representa un cuadrúpede, de fauces abertas e rabo sobre o lombo; tras el, unha personaxe, con túnica curta, golpéalle as ancas. A técnica de labra e a súa colocación é semellante ás dos relevo de San Xes de Francelos.
Galería de imaxes
editar-
Vista do conxunto.
-
Fachada sur.
-
Fachada sur.
-
Detalle da ábsida.
-
Fachada norte.
-
Detalle do muro testeiro.
-
Porta sur.
Notas
editar- ↑ Igrexa de Santo Antoniño de Toques Turismo de Galicia. Xunta de Galicia.
- ↑ Decreto 192/1994, do 10 de xuño, polo que se declara ben de interese cultural con categoría de monumento histórico e zona arqueolóxica a igrexa de San Antolín de Toques (A Coruña). DOG, 24/6/1994.
- ↑ Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 938. ISBN 84-89748-35-7.
- ↑ Andrade Cernadas, José Miguel. "En torno a la benedictinización del Monacato Gallego". Compostellanum. Volumen XLV. Nº 3-4. Santiago (2000). p. 649-656.
- ↑ Sá Bravo, Hipólito de (1972). El Monacato en Galicia (en castelán). Librigal. p. 350.
- ↑ "Restauración das pinturas murais de San Antoniño de Toques" Secretaría Xeral de Cultura. Xunta de Galicia. 13/2/2015.
- ↑ García Iglesias, José Manuel (1989). Pinturas murais de Galicia. Xunta de Galicia.
- ↑ Carlos Rodríguez Cao, Fernando Álvarez Estrada (1996). Santa Comba de Bande. Concello de Bande.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Castillo, Á. del (1987) [1972]. "673. Toques. Iglesia de San Antolín «de Toques», llamada también «A Capela»". Inventario monumental y artístico de Galicia (2ª ed.). A Coruña: Fundación Barrié. pp. 603–604. ISBN 84-85728-62-9.
- Cegarra, Basilio (1999). "Santo Antoniño de Toques". Guía e rutas da arte. A Coruña. Guías Galaxia. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 127–128. ISBN 84-8288-326-7.
- Chamoso Lamas, M. (1996). Rutas Románicas en Galicia. "Calvario de San Antolín de Toques" ISBN 84-7490-411-0 (en castelán).
- Freire Naval, Ana Belén (2002). "Aproximación al estudio artístico del antiguo priorato de S. Antolín de Toques (A. Coruña)". Estudios Mindonienses (en castelán) (18): 1233–1254.
- Lucas Álvarez, M. (2001). San Paio de Antealtares, Soandres y Toques: Tres monasterios medievales gallegos (en castelán). Do Castro. ISBN 84-8485-041-2.
- Luengo y Martínez, José María (1977). "La iglesia del Monasterio de San Antolín de Toques". La Coruña, paraíso del turismo (en castelán).
- Valle Pérez, Xosé Carlos (2005). "Toques, Mosteiro de Santo Antoniño de". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Yzquierdo Perrín, Ramón (1996). "San Antolín de Toques. Toques (A Coruña)". 100 obras mestras da Arte Galega. Vigo: Nigra Arte. pp. 66–67. ISBN 84-87709-50-8.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santo Antoniño de Toques |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Mosteiro de San Antolín de Toques na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- Natalia R. Noguerol (11/2/2006). "Una tierra de tesoros aún por descubrir". La Voz de Galicia (en castelán).
- M.C.I. Martínez, A.N. Seoane e J.R.V. Romani (1997): "Study of the deterioration of the ancient stone walls of San Antolín de Toques in Galicia, Spain,..." Structural Studies, Repairs and Maintenance of Historical Buildings. pp. 221–231 (en inglés).