Inlandsis
Inlandsis[1][2] ou manto de xeo (palabra de orixe danés[3]) é a denominación correspondente a todo gran campo glaciar do tipo chamado xeo continental localizado en latitudes elevadas e con extensións realmente continentais (máis dun millón de km²). Na actualidade os dous grandes inlandsis son a calota de xeo que recobre a maior parte da Antártida e o que recobre a maior parte de Groenlandia.[4]
Tipoloxía
editarOs inlandsis posúen unha forma cupular cunha gran curvatura, independentemente do relevo que posúa o substrato en que están asentados. O peso do xeo (nas partes máis profundas "xeo fósil") e a neve dos inlandsis (na Antártida chega a ter 2.000 m de espesor) provoca o afundimento da placa continental de codia que recobren. Por este motivo, gran parte da codia na Antártida atópase baixo o nivel do mar.
Durante as glaciacións, a extensión dos inlandsis amplíase considerablemente (na de Würm ou wurmiense, os dous grandes inlandsis -no do hemisferio sur e o do hemisferio norte- estendíanse dende os polos ata aproximadamente os 45º graos de latitude). Durante os períodos mornos ou cálidos interglaciares o retroceso dos inlandsis deixa destacadas pegadas no relevo das terras emerxidas: en primeiro lugar prodúcese por isostasia unha lenta elevación do territorio que estivo baixo o xeo, e preséntanse formacións xeofísicas características: escudos (extensas planicies e chairas debidas á forte erosión dos xeos dun inlandsis ao avanzar e retroceder). Isto apréciase especialmente no hemisferio norte onde destacan o Escudo Canadense e o Escudo Escandinavo, lagos glaciares, outeiros morénicas, vales de orixe glaciar, fiordes, firths, rías, xigantescos cantos rodados e (como ocorre na Patagonia Arxentina) picachos illados (antigos nunataks) chamados chihuidos.
Inlandsis da Antártida
editar- Artigo principal: Inlandsis da Antártida.
O inlandsis antártico constituíuse primeiramente como un campos de xeo a inicios do oligoceno con períodos de avance e retroceso ata o plioceno cando os xeos cubriron o continente da Antártida ao situarse este pola deriva continental na área polar meridional. A idade do xeo estímase entre 120.000 e 500.000 anos.[5]
O inlandsis antártico cobre unha área de máis de 14 millóns de km² ampliándose a uns 30 millóns de km² durante o inverno. Coa súa extensión estival de 14 millóns de km² posúe 30 millóns de km³ de xeo, isto significa o 90% da auga doce do planeta Terra.[6] Se os xeos do inlandsis antártico se derretesen o nivel dos océanos elevaríase 61,1 m. O quecemento global xa provocou a case total desaparición das ducias de miles de quilómetros correspondentes á barreira de xeos Larsen a partir dos 1980.[Cómpre referencia]
Baixo a capa de xeo localizáronse varios lagos subglaciais, o maior dos cales é o lago Vostok. A posible existencia de vida microbiana nestes lagos está por determinar.[5]
Inlandsis de Groenlandia
editarEstímase que esta capa de xeo formouse a finais do Plioceno ou principios do Plistoceno, calculando unha idade media do xeo de 110.000 anos.[7]
O inlandsis groenlandés actualmente posúe unha extensión de 1,7 millóns de km², isto é, o 82% da grande illa norteamericana de Groenlandia. O xeo acada un espesor de máis de 3 km na súa parte central, localizándose lo leito de rocha nalgúns puntos a máis de 300 m baixo o nivel do mar.[7]
O volume dos seus xeos é de 2,85 millóns km³, se se fundise o inlandsis groenlandés o nivel dos océanos ascendería 7,2 m. A situación deste inlandsis é actualmente crítica a causa do quecemento global por factores antrópicos, sendo a velocidade de fusión de 239 km³/ano.[Cómpre referencia]
Notas
editar- ↑ "inlandsis*". Diccionario enciclopédico galego universal 34. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 90. ISBN 84-7680-429-6.
[ing] s m XEOG Grande acumulación de xeo, cun espesor medio na parte central, superior ós 2.000 m. Actualmente hai dous grandes inlandsis: o de Groenlandia (1.660.000 km²) e o da Antártida (máis de 13.000.000 km²)
- ↑ "inlandsis*". Enciclopedia Galega Universal 10. Ir Indo. 1999-2002. p. 384. ISBN 84-7680-288-9.
[escandinavo] s m XEOG Grande acumulación de xeo que, en forma de lente biconvexa, cobre unha superficie extensa, cun espesor medio na parte central, superior ós 2.000 m. Os máis grandes son o de Groenlandia (1.660.000 km²) e o da Antártida (máis de 13.000.000 km²)
- ↑ Bauer, A. (1967). "About the use of the expression “Indlandsis”: Comments on Dr. Weidick’s letter". Journal of Glaciology 6 (48): 949–949. doi:10.3189/S0022143000020268.
In his letter, Weidick (1967) gives a good account of the origin of the terms Indlandsisien as applied to the ice which covers the whole Greenland [...] the word "Indlandsisen" ("the Inland Ice", "1'Indlandsis") as a place name.
- ↑ Strahler, Arthur N. (1992). "18". Geología física (en castelán). Barcelona: Omega. p. 467. ISBN 84-282-0770-4.
- ↑ 5,0 5,1 Coenraads, Robert R.; Koivula, John I. (2008). Margaret Olds, ed. Geológica, las fuerzas dinámicas de la Tierra (en castelán). pp. 330–3. ISBN 978-3-8331-4379-3.
- ↑ Strahler, Arthur N. (1992). "18". Geología física (en castelán). Barcelona: Omega. pp. 474–6. ISBN 84-282-0770-4.
- ↑ 7,0 7,1 Coenraads, Robert R.; Koivula, John I. (2008). Margaret Olds, ed. Geológica, las fuerzas dinámicas de la Tierra (en castelán). pp. 306–11. ISBN 978-3-8331-4379-3.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Inlandsis |