A lapa común é unha especie de molusco gasterópodo mariño, de cuncha cónica, comestible aínda que pouco apreciada. Pertence á familia Patellidae. Aínda que existen varias especies designadas co nome común de lapa, a especie típica é a Patella vulgata (Linnaeus, 1758).

Lapas na costa de Camariñas. Unha delas está volteada para ver o seu interior
Lapas xunto a caramuxos e mexillóns

Morfoloxía

editar

Presenta unha cuncha cónica de ampla base, co ápice un pouco adiantado cara a parte anterior; o contorno da base é irregular. Pode alcanzar diámetros de ata 6 cm pero habitualmente non supera os 3 cm.

A superficie está percorrida por costelas radiais ben marcadas, así como outras máis débiles entre aquelas. Poden apreciarse as liñas de crecemento concéntricas.

A cor habitual é gris ou marrón, con tons amarelos e manchas pardas. O interior da cuncha é branco ou amarelado, brillante, coas marxes transparentando os debuxos exteriores. Pode distinguirse claramente a impresión muscular en forma de ferradura aberta anteriormente.

Hábitat e bioloxía

editar

Distribúese abundantemente pola costa europea do Atlántico desde a Canle da Manga, e no Mediterráneo. Viven fixados nas rochas da franxa supralitoral e medioliteral.

Son animais herbívoros que se alimentan das algas. Cando a pedra na que viven queda descuberta, ó baixar a marea, péganse firmemente á rocha como medida defensiva contra os predadores e para evitar así o desecamento.

Aproveitamento pesqueiro e comercial

editar
 
Fósiles de cunchas de lapa, procedentes da cova de Altamira e datadas como de hai 15.000 anos

A súa escasa aceptación no mercado galego, a diferenza do seu aprecio noutros países europeos, fai que non sexa obxecto de pesca e venda, recolléndose só para consumo propio. Péscase arrancándoa da pedra cunha rasqueta.

En calquera caso, a lapa é un molusco comestible, que se recomenda comer en cru porque, se é cociñada, a carne vólvese dura e indixesta. Este problema podería evitarse cunha conxelación previa e reducindo o tempo de cocción.

As lapas en Galicia

editar

Outras denominacións populares da lapa son as de copo, cuco, lámparo, lampro ou patela.

Por extensión, aplícase o apelativo de lapa a unha persoa molesta e pesada, da que resulta imposible librarse.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  NODES
design 1
Done 1