Lavado broncoalveolar
O lavado broncoalveolar (LBA), en inglés bronchoalveolar lavage ou BAL, é unha proba diagnóstica empregada en medicina para obter mostras de células e outros compoñentes dos pulmóns, especificamente dos alvéolos e os bronquios[1]. Consiste na instilación mediante broncoscopia de entre 100 e 200 ml de soro fisiolóxico no segmento pulmonar que se pretende estudar, para posteriormente aspirar o contido[2]. O líquido recuperado é mandado a analizar para determinar mediante probas de microbioloxía, análises clínicos e anatomía patolóxica se existe algunha condición ou doenza pulmonar. É unha técnica realizada habitualmente por médicos especialistas en pneumoloxía.
Procedemento e equipo
editarPara a realización da técnica cómpre a presenza dun equipo de broncoscopia: un broncoscopio flexíbel e un pneumólogo que realice o procedemento. Ademais é preciso unha solución de soro salino fisiolóxico, un aparato aspirador e uns recipientes estériles para recolectar o líquido aspirado. O fibrobroncoscopio debería de ser estéril para evitar posíbeis contaminantes da árbore traqueobronquial, aínda que se iso non for posíbel, é preciso desinfectalo ou lavalo con soro fisiolóxico.
A técnica realízase co doente xeralmente sedado, en posición decúbito supino. O aparello de broncoscopia é introducido pola boca do individuo e mediante visión directa ou por pantalla progrésase a cámara a través da glote, a traquea e posteriormente cara ao segmento pulmonar que se queira estudar.
Tipos de estudos
editarCelulares
editarMediante o LBA pódese determinar a celularidade no aparello broncoalveolar, isto é, a presenza ou ausencia de células, o seu tipo, número, proporción e distribución. Nun paciente san, entre o 85 e o 90% das células correspóndese con macrófagos, menos do 15% son linfocitos e entre o 2 e o 5% son neutrófilos. O resto de células (eosinófilos, basófilos e células plasmáticas) son residuais e representan, en condicións normais, menos do 1% do reconto celular. Os individuos fumadores teñen alterada a proporción celular, de xeito que teñen máis células, maior porcentaxe de linfócitos e menor porcentaxe de neutrófilos. Así pois, a alteración no número ou distribución destas células podería indicar algún tipo de patoloxía, como acontece por exemplo nas eosinofilias pulmonares, onde o número de eosinófilos no reconto celular é significativamente maior.
Microbioloxía
editarO LBA tamén é útil para determinar a existencia de infeccións bacterianas, especialmente cando outras probas diagnósticas microbiolóxicas menos invasivas non foron concluíntes. Para determinas se existe unha infección e cal é o organismo responsábel, realízase un cultivo do líquido aspirado durante a broncoscopia. Considéranse valores significativos o illamento de máis de 10.000 unidades formadoras de colonias (UFC) por mililitro. Cómpre ter en conta a posibilidade de que exista contaminación da mostra por secrecións orofarínxeas. Tamén pode estudarse a existencia de bacterias atípicas, organismo intracelulares ou parasitos.
Doenzas
editarO lavado broncoalveolar é unha técnica útil no diagnóstico de doenzas do aparello respiratorio, especialmente das pneumonites de carácter non infeccioso. Entre as enfermidades que se poden diagnosticar mediante esta proba atópanse:
Notas
editar- ↑ Gharsalli (2018). "A utilidade do lavado broncoalveolar na avaliación de doenzas pulmonares intersticiais: unha perspectiva clínico-patolóxica.". Seminarios en patoloxía diagnóstica. 5 (35): 280–287. PMID 30173880.
- ↑ "Broncoscopia con lavado broncoalveolar". Medline plus. Consultado o 11/01/2021.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Lavado broncoalveolar en fibrosispulmonar.info