Leite humano

(Redirección desde «Leite materno»)

O leite humano ou leite materno humano é o leite producido polas glándulas mamarias da muller para a alimentación inicial dos seus fillos. O leite é a primeira forma de nutrición do neonato nos mamíferos antes de que poida comer e dixerir outros alimentos. Acéptase de forma xeral que a lactación ten unha serie de beneficios para a saúde do meniño e a nai.[1][2]

Neno tomando leite do peito da súa nai.
Cando o neno succiona o peito da nai, unha hormona chamada oxitocina obriga ao leite a fluír polos alvéolos da glándula, ata os ductos e chegar aos sacos de leite situados tras a aréola e saír ao exterior.

Produción

editar

Baixo a influencia das hormonas prolactina e oxitocina, as mulleres producen leite despois de que se produce o nacemento do bebé. O leite producido inicialmente denomínase costro, o cal contén un nivel elevado de inmunoglobulina A (IgA), que cubrirá o tracto gastrointestinal do neno. Isto axuda a protexer ao neonato ata que o seu propio sistema inmunitario funcione plenamente, e crea un suave efecto laxante, que expulsa o meconio e axuda a impedir a acumulación de bilirrubina (un factor que contribuiría á ictericia).

A verdadeira incapacidade de producir leite dabondo para alimentar ao neno é rara, e os estudos de nais de países subdesenvolvidos que estaban pasando un período de escaseza nutricional mostran que malia todo producían cantidades de leite de calidade similar ao das nais de países desenvolvidos.[3] Porén, hai moitas razóns polas cales unha nai pode non producir leite suficiente. A máis común é que o meniño non conecta eficientemente coa mamila e non succiona o suficiente como para facer saír o leite, e outras son certas medicacións (como os contraceptivos con estróxenos), enfermidades e deshidratación. Unha razón máis rara é a síndrome de Sheehan, tamén chamada hipopituitarismo posparto, que está asociada cunha deficiencia de prolactina, e que pode requirir a administración de hormonas.

A cantidade de leite producido depende da frecuencia coa que a nai dá o peito (e/ou bombea leite para almacenalo); canto máis aleite a nai ao meniño (ou bombee leite), máis leite producirá.[4][5][6]

Composición

editar
Composición do leite humano[7]
Graxas
total (g/100 mL) 4,2
ácidos graxos de 8C (% ) trazas
ácidos graxos insaturados (%) 14
Proteína (g/100 mL)
total 1,1
caseína 0,4 0,3
α-lactoalbumina 0,3
lactoferrina (apo-lactoferrina) 0,2
IgA 0,1
IgG 0,001
lisozima 0,05
albumina sérica 0,05
ß-lactoglobulina -
Carbohidratos (g/100 mL)
lactosa 7
oligosacáridos 0,5
Minerais (g/100 mL)
calcio 0,03
fósforo 0,014
sodio 0,015
potasio 0,055
cloro 0,043

Se faltan os nutrientes procedentes dos alimentos, estes poden obterse dos depósitos almacenados no corpo da nai para producir o leite, pero aínda así, a composición exacta do leite materno varía dun día para outro, dependendo da composición dos alimentos comidos e do ambiente, o que significa que a proporción de auga e graxas flutúa.

Durante os primeiros días despois do parto, a nai produce costro. Este é un fluído amarelado pouco denso, que é o mesmo fluído que ás veces gotea dos peitos durante o embarazo. É rico en proteínas e anticorpos que proporcionan unha inmunidade pasiva ao meniño, xa que o seu sistema inmunitario non está desenvolvido no momento do nacemento. O costro tamén axuda ao aparato dixestivo do neonato a crecer e funcionar debidamente.

O costro cambia gradualmente ata converterse no leite maduro. Nos primeiros 3-4 días o leite aparece pouco espeso e acuoso e sabe moi doce, e máis tarde farase máis espeso e cremoso. O leite humano apaga a sede e fame do meniño e fornece as proteínas, azucres, minerais, e anticorpos que precisa.

Nas décadas de 1980 e 1990 era frecuente que os profesionais da lactación fixesen a diferenciación entre o primeiro leite e o leite do final durante unha sesión de lactación. Pero esta diferenciación causa confusión, xa que non hai dous tipos de leite. En realidade, a medida que o bebé se aleita o contido de graxa do leite aumenta gradualmente, polo que o leite se fai cada vez máis graxo.[8]

O nivel de inmunoglobulinas A (IgA) no leite humano mantense alto desde o día 10 ata polo menos 7,5 meses despois do parto.[9]

O leite humano contén de 0,8% a 0,9% de proteínas, 4,5% de graxas, 7,1% de carbohidratos, e 0,2% de minerais.[10] Os carbohidratos son principalmente a lactosa; identificáronse como compoñentes menores varios oligosacáridos baseados na lactosa. A fracción graxa contén triglicéridos específicos de ácido palmítico e ácido oleico (triglicéridos con enlace éster O-P-O), e tamén cantidades bastante grandes de lípidos con dobres enlaces trans que algúns estudos consideran beneficiosos para a saúde[11] (a diferenza doutras graxas trans). Trátase do ácido vaccénico, e o ácido linoleico conxugado (CLA) que supoñen o 6% da graxa do leite humano.[12][13]

As principais proteínas son a caseína (homóloga da β-caseína bovina), α-lactoalbumina, lactoferrina (apo-lactoferrina), IgA, lisozima, e albumina sérica. Nun ambiente ácido como o do estómago, a α-lactoalbumina desprégase adoptando unha forma diferente e únese ao ácido oleico para formar un complexo chamado HAMLET que ten a capacidade de matar células tumorais. Isto crese que contribúe á protección dos bebés lactantes contra o cancro.[14]

Os compostos que conteñen nitróxeno non proteico supoñen o 25% do nitróxeno do leite, e entre eles están a urea, ácido úrico, creatina, creatinina, aminoácidos, e nucleótidos.[15][16] O leite materno ten tamén variacións circadianas na súa composición; algúns dos nucleótidos prodúcense máis comunmente durante a noite, outros durante o día.[17]

 
Costro e leite normal humanos.
 
Dúas mostras de 25 mL de leite humano. A mostra da esquerda é o "primeiro" leite e a da dereita é o leite "do final" durante unha sesión de lactación.

O leite materno proporciona un tipo de endocannabinoide chamado 2-araquidonoilglicerol.[18]

O leite humano das nais diabéticas ten diferente composición ca o das mulleres non diabéticas. Pode conter niveis elevados de glicosa e insulina e niveis diminuídos de ácidos graxos poliinsaturados. Detectouse un efecto dependente de dose exercido polo leite de diabéticas sobre o aumento de atrasos da linguaxe nos nenos, aínda que os doutores recomendan que as nais diabéticas dean o peito a pesar dese risco potencial.[19]

Comparación con outros leites

editar

Todas as especies de mamíferos producen leite, pero a súa composición en cada especie varía amplamente, e nalgúns casos son moi diferentes á do leito humano. En xeral, o leite dos mamíferos que se aleitan con gran frecuencia (o que inclúe aos humanos) é menos rica, ou máis augada, ca o leite dos mamíferos que se aleitan con menos frecuencia. O leite humano é menos espeso e máis doce ca o de vaca, por exemplo.

O leite de vaca enteiro contén demasiado pouco ferro, retinol, vitamina E, vitamina C, vitamina D, graxas insaturadas ou ácidos graxos esenciais para os requirimentos dun bebé.[20][21] Ademais ten demasiadas proteínas, sodio, potasio, fósforo e cloruro o cal pode someter a un esforzo os inmaturos riles infantís. Ademais, as proteínas, graxas e calcio do leite vacún son máis difíciles de dixerir e absorber polo neno ca os do leite humano.[22][23] Unha pequena porción dos nenos son alérxicos ao leite vacún, xeralmente ás súas proteínas.[24] Estes problemas tamén poden afectar aos leites maternizados derivados do leite de vaca.

Beneficios

editar
Artigo principal: Lactación.

A Organización Mundial da Saúde recomenda dar o peito durante os primeiros seis meses de vida, e introducir gradualmente as comidas sólidas despois dese tempo. A lactación complementaria recoméndase ata os dous anos ou máis, xa que tamén é beneficiosa nos nenos pequenos. A lactación no neno diminúe o risco de contraer diversas infeccións e enfermidades crónicas e favorece a súa maduración cognitiva.[1] [25][26][27][28][29]

A lactación materna tamén proporciona beneficios para a saúde da nai. Axuda á nai a que o seu aparato reprodutor se recupere despois do parto, e que volva ao seu peso normal anterior ao ambarazo, e, segundo algúns estudos, reduce o risco de cancro de mama durante a vida.[30][31]

Aínda que a lactación materna é universalmente prescribida, nalgúns países a partir da década de 1950 dita lactación pasou por un período en que non estaba de moda e no que se consideraba que os leites maternizados de fórmula eran superiores ao leite de peito. Porén, hoxe recoñécese xeneralizadamente que ningún leite maternizado de fórmula pode igualar as cualidades do leite materno. Ademais das cantidades axeitadas de carbohidratos, proteínas e graxas, o leite materno proporciona vitaminas, minerais, encimas dixestivos,[32] hormonas,[32] anticorpos e linfocitos procedentes da nai que axudan ao meniño a resistir as infeccións.[33] A función inmune do leite materno é individualizada, xa que a nai entra en contacto cos patóxenos que colonizan ao meniño ao tocalo e agarimalo, e así o sistema inmunolóxico materno fabrica anticorpos contra eses patóxenos, que despois pasan polo leite ao seu fillo.[34] O leite materno contén menos ferro ca os leites de fórmula (e ca o de vaca), xa que o ferro é esencial para a supervivencia dos patóxenos dentro do hóspede.[35] Porén, o ferro fornecido polo leite materno está máis dispoñible para o organismo do neno que o subministrado no leite maternizado de fórmula ou en suplementos dietéticos. Arredor dos 4 a 6 meses de idade os depósitos de ferro intestinal almacenados ho fígado do neno están esgotados; por tanto, este é o momento en que se introduce a alimentación complementaria.[36][37]

A maioría das mulleres que non dan o peito aos seus fillos utilizan leites de fórmula, pero outras almacenan e conservan o leite extraído do peito para usalo noutro momento ou, nalgúns países, existen bancos de leite humano doado por voluntarias que pode obterse por prescrición.

Transmisión de substancias prexudiciais

editar

A pesar do risco da transmisión de substancias a través do leite da nai ao fillo, a lactación materna ten máis vantaxes ca os leites maternizados de fórmula, e, con poucas excepcións, a OMS recomenda a lactación exclusiva nos primeiros 6 meses de vida.[38]

Fármacos

editar

As células produtoras de leite son máis permeables ás drogas durante a primeira semana despois do parto.[39]

As características dos fármacos que fan que estes incrementen a súa excreción no leite son:[39]

  1. Non se unen a protéínas do plasma
  2. Non se ionizan
  3. Baixo peso molecular
  4. Solubilidade en lípidos en vez de en auga
  5. Debilmente alcalinos en vez de debilmente ácidos

Os fármacos son transportados polo plasma sanguíneo a través das células dos ductos ata o leite por difusión ou transporte activo. Isto último pode orixinar que haxa unha maior concentración do fármaco no leite ca no plasma da nai.[39]

As cantidades da maioría dos fármacos no leite non exceden o 2% do total da dose inxerida.[39]

O alcohol tamén pode pasar ao leite materno.[40]

Contaminantes do ambiente

editar

Os contaminantes ambientais que se encontran no leite xeralmente non son daniños, e deberían terse en consideración só cando os niveis ambientais son infrecuentemente altos. Os contaminantes máis preocupantes son os pesticidas, mercurio orgánico, e chumbo. O DDT e a dieldrina son inevitables e poden detectarse en pequenas cantidades no leite e mesmo en leites maternizados de fórmula.[41] Os pesticidas e outras substancias tóxicas bioacumúlanse; é dicir, os seres vivos que están máis altos na cadea trófica almacenan máis cantidade deles nas súas graxas corporais. Isto pode observarse especialmente nos inuit (esquimós), que teñen unha dieta fundamentalmente carnívora. Estanse a facer estudos sobre o leite das nais inuit sobre os efectos dos bifenilos policlorados e contaminantes orgánicos persistentes, que mostran que dito leite ten niveis moi altos de compostos tóxicos.[42]

Contaxio de enfermidades infecciosas

editar

O leite materno non é estéril, polo que pode conter bacterias e virus, e a nai lactante que teña certas enfermidades transmisibles pode infectar ao neno, como é o caso de infeccións por virus como o VIH e o CMV.[43][44] Ás nais infectadas polo VIH aconséllaselles non dar de mamar.

Usos alternativos do leite humano

editar

Ademais de nutrir ao neno, ao leite humano téñenselle dado outros usos, especialmente usos medicinais.[45][46] O leite materno contén fortes anticorpos e antitoxinas que moita xente cre que promoven a curación e a saúde xeral e úsano como remedio caseiro contra conxuntivite, picadas de insectos, queimaduras e abrasións, aínda que a ciencia médica nunca o considerou unha panacea. Como caso curioso algúns restaurantes teñen usado leite humano nas súas preparacións.[47][48]

  1. 1,0 1,1 "WHO | Exclusive breastfeeding". Who.int. 2011-01-15. Consultado o 2011-10-26. 
  2. "Biological and Nutritional Aspects of Human Milk in Feeding of Preterm Infants". 
  3. Prentice, A.M., Paul, A., Prentice, A., Black, A., Cole, T., & Whitehead, R. (1986). Cross - cultural differences in lactational performance. In Maternal Environmental Factors in Human Lactation. Human Lactation 2, pp. 13 = 44 [Hamosh, M., & Goldman, A.S. (eds). New York: Plenum Press.
  4. "Breast-feeding: Pumping and maintaining your milk supply". MayoClinic.com. 2010-03-13. Consultado o 27 marzo 2013. 
  5. "How Can I Increase My Milk Supply?". LLLI. 2011-06-21. Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2013. Consultado o 27 marzo 2013. 
  6. "How Breast Milk is Produced". Babies.sutterhealth.org. Consultado o 27 marzo 2013. 
  7. Constituents of human milk United Nations University Centre
  8. Mohrbacher, https://breastfeedingusa.org/content/article/worries-about-foremilk-and-hindmilk Arquivado 15 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.
  9. Rechtman, DJ and Ferry, B. and Lee, ML and Chapel, H. 2002. International Journal of Infectious Diseases 6, pS58.
  10. Belitz, H Food Chemistry, 4th Edition, p.501 table 10.5
  11. Bassett, C. M. C.; Edel, A. L.; Patenaude, A. F.; McCullough, R. S.; Blackwood, D. P.; Chouinard, P. Y.; Paquin, P.; Lamarche, B. et al. (Jan 2010). "Dietary Vaccenic Acid Has Antiatherogenic Effects in LDLr-/- Mice". The Journal of Nutrition 140 (1): 18–24. doi:10.3945/jn.109.105163. PMID 19923390.
  12. Precht, D and J.Molkentin. C18:1, C18:2, and C8:3 trans and cis fatty acid isomers including conjugated cis delta 9, trans delta 11 linoleic acid (CLA) as well as total fat composition of German human milk lipids, Nahrung 1999 43(4) 233-244
  13. Friesen, R, and S.M. Innis, Trans Fatty acids in Human milk in Canada declined with the introduction of trans fat food labeling, J. Nut 2006, 136 2558-2561
  14. Svanborg, C; Agerstam H, Aronson A, Bjerkvig R, Düringer C, Fischer W, Gustafsson L, Hallgren O, Leijonhuvud I, Linse S, Mossberg AK, Nilsson H, Pettersson J, Svensson M. (2003). "HAMLET kills tumor cells by an apoptosis-like mechanism--cellular, molecular, and therapeutic aspects.". Advances in Cancer Research 88: 1–29. PMID 12665051. doi:10.1016/S0065-230X(03)88302-1. 
  15. Jenness R (1979). "The composition of human milk". Seminars in Perinatology 3 (3): 225–239. PMID 392766. 
  16. Thorell L; Sjöberg LB, Hernell O (1996). "Nucleotides in human milk: sources and metabolism by the newborn infant". Pediatric Research 40 (6): 845–852. PMID 8947961. doi:10.1203/00006450-199612000-00012. 
  17. Sanchez CL; et al. (2009). "The possible role of human milk nucleotides as sleep inducers.". Nutr Neurosci 12 (1): 2–8. PMID 19178785. doi:10.1179/147683009X388922. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2009. 
  18. Fride E, Bregman T, Kirkham TC. (2005). "Endocannabinoids and food intake: newborn suckling and appetite regulation in adulthood" (PDF). Experimental Biology and Medicine 230 (4): 225–234. PMID 15792943. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de agosto de 2009. 
  19. Rodekamp E, Harder T, Kohlhoff R, Dudenhausen JW, Plagemann A (2006). "Impact of breast-feeding on psychomotor and neuropsychological development in children of diabetic mothers: role of the late neonatal period". Journal of Perinatal Medicine 34 (6): 490–6. PMID 17140300. doi:10.1515/JPM.2006.095. 
  20. Department of Health, 1994. Weaning and the weaning diet. Report of the Working Group on the Weaning Diet of the Committee on Medical Aspects of Food Policy. London: HMSO. Report on Health and Social Subjects No 45.
  21. FSA, 2002. McCance and Widdowson’s The Composition of Foods, 6th summary edition. Cambridge, England, Royal Society of Chemistry.
  22. MedlinePlus Medical Encyclopedia: Cow's milk for infants and children
  23. Martinez, G.A., Ryan, A.S. and Malec, D.J. 1985. Nutrient intakes of American infants and children fed cow's milk or infant formula. American Journal of Diseases in Children. 139 (10) 1010-8.
  24. Lactose Intolerance, National Institute of Child Health and Human Development (NICHD)
  25. Persico, M.; Podoshin, L.; Fradis, M.; Golan, D.; Wellisch, G. (1983). "Recurrent middle-ear infections in infants: The protective role of maternal breast feeding". Ear, nose, & throat journal 62 (6): 297–304. PMID 6409579.
  26. Cantey, J.; Bascik, S.; Heyne, N.; Gonzalez, J.; Jackson, G.; Rogers, V.; Sheffield, J.; Treviño, S. et al. (2012). "Prevention of Mother-to-Infant Transmission of Influenza during the Postpartum Period". American Journal of Perinatology. doi:10.1055/s-0032-1323585. PMID 22926635.
  27. Finigan, V. (2012). "Breastfeeding and diabetes: Part 2". The practising midwife 15 (11): 33–34, 36. PMID 23304866.
  28. Salone, L. R.; Vann Jr, W. F.; Dee, D. L. (2013). "Breastfeeding: An overview of oral and general health benefits". Journal of the American Dental Association (1939) 144 (2): 143–151. PMID 23372130.
  29. Lausten-Thomsen, U.; Bille, D. S.; Nässlund, I.; Folskov, L.; Larsen, T.; Holm, J. C. (2013). "Neonatal anthropometrics and correlation to childhood obesity—data from the Danish Children's Obesity Clinic". European Journal of Pediatrics. doi:10.1007/s00431-013-1949-z. PMID 23371390.
  30. Alyssa Gillego, M.D and Stephanie Bernik, M.D. "Breast-Feeding Might Cut Risk for Tough-to-Treat Breast Cancer: Study". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 18 de outubro do 2012. 
  31. Levin, Roy J. (2006). "The breast/nipple/areola complex and human sexuality". Sexual & Relationship Therapy 21 (2): 237–249. 
  32. 32,0 32,1 Chantry, C. J.; Wiedeman, J.; Buehring, G.; Peerson, J. M.; Hayfron, K.; k'Aluoch, O.; Lonnerdal, B.; Israel-Ballard, K. et al. (2011). "Effect of Flash-Heat Treatment on Antimicrobial Activity of Breastmilk". Breastfeeding Medicine 6 (3): 111–116. doi:10.1089/bfm.2010.0078. PMC 3143386. PMID 21091243.
  33. "Lymphocytes bearing the T cell receptor gamma delta in human breast milk". ncbi.nlm.nih.gov. 1990-11-01. Consultado o 2012-12-01. 
  34. The Newborn Immune System and Immunological Benefits of Breastmilk
  35. Ortíz-Estrada, G.; Luna-Castro, S.; Piña-Vázquez, C.; Samaniego-Barrón, L.; León-Sicairos, N.; Serrano-Luna, J. S.; De La Garza, M. (2012). "Iron-saturated lactoferrin and pathogenic protozoa: Could this protein be an iron source for their parasitic style of life?". Future Microbiology 7 (1): 149–164. doi:10.2217/fmb.11.140. PMID 22191452.
  36. "Breastfeeding Answers Made Simple - Breastfeeding Reporter - Do Breastfeeding Babies Need Extra Iron at 4 Months?". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 27 de marzo de 2013. 
  37. First AAP recommendations on iron supplementation include directive on universal screening
  38. http://www.who.int/nutrition/publications/gs_infant_feeding_text_eng.pdf
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 breastfeedingbasics.org Breastfeeding & Drugs: Does the medication pass into the breast milk? Arquivado 20 de xullo de 2013 en Wayback Machine. Retrieved on June 19, 2009
  40. Margaret E. Lawton. Alcohol in Breast Milk. Australian and New Zealand Journal of Obstetrics and Gynaecology. Volume 25, Issue 1, pages 71–73, February 1985
  41. kidsgrowth.org --> Drugs and Other Substances in Breast Milk Arquivado 14 de maio de 2020 en Wayback Machine. Consultado 27 marzo 2013
  42. Silent Snow: The Slow Poisoning of the Arctic by Marla Cone, Grove Press.
  43. New England Journal of Medicine Breast Milk & Risk of CMV 1980 http://content.nejm.org/cgi/content/citation/302/19/1073 Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  44. Mabuka, J.; Nduati, R.; Odem-Davis, K.; Peterson, D.; Overbaugh, J. (2012). "HIV-Specific Antibodies Capable of ADCC Are Common in Breastmilk and Are Associated with Reduced Risk of Transmission in Women with High Viral Loads". In Desrosiers, Ronald C. PLoS Pathogens 8 (6): e1002739. doi:10.1371/journal.ppat.1002739. PMC 3375288. PMID 22719248.
  45. Newsvine.com. The Milk Of Human Kindness: Uses For Human Breast Milk http://daniel-slack.newsvine.com/_news/2009/04/26/2733785-the-milk-of-human-kindness-uses-for-human-breast-milk
  46. Bella Online: Medicinal Uses of Breast milk http://www.bellaonline.com/articles/art41924.asp
  47. New York Daily News: Restaurant Drops Plan to Cook with Breast Milk http://www.nydailynews.com/money/2008/09/18/2008-09-18_restaurant_drops_plan_to_cook_with_breas.html Arquivado 05 de agosto de 2011 en Wayback Machine.
  48. Tammy Frissell-Deppe. A Breastfeeding Mother's Secret Recipes: Breast milk Recipes, Fun Food for Kids and Quick Dishes!. Dracut, MA: JED Publishing, 2002

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Done 1
News 5
orte 3