Linguado, linguado común
Solea solea


Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Soleidae
Xénero: Solea
Especie: S. solea
Nome binomial
Solea solea
(Linnaeus, 1758) [1]

Solea solea (Linnaeus, 1758) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] coñecida en galego como linguado común,[2] ou linguado propiamente dito.[2][3][4][5]

Liguado afectado de leucismo.

Adoita acadar até os 70 cm de lonxitude e até os 3 kg de peso, como máximo. A forma do seu corpo é ovoidal, alongada e aplanada por ambos os lados. Déitase nos fondos sobre o seu lado esquerdo. Durante a súa fase inicial de desenvolvemento, o seu ollo esquerdo comeza a virar cara ao seu lado dereito. Todo o seu corpo está protexido por pequenas escamas ctenoides, e é de cor marrón verdosa, aínda que poden alterar a súa cor para mimetizarse co leito onde se atopa a fin de cazar mellor. O lado esquerdo, que se atopa en contacto co fondo, é de cor branca.

A súa boca disponse en forma oblicua, con beizos protráctiles, e está provista de agudos dentes que concentran nun só dos bordos de ambos os maxilares. Cazador por excelencia, aliméntase de pequenos peixes, crustáceos e invertebrados bentónicos.

Reprodúcese durante a primavera. A femia deposita miles de óvulos no leito e o macho os fecunda. A femia pode pór entre dous e tres millóns de óvulos ao ano. Unha vez fecundado, o ovo, peláxico, flota na superficie, pero a medida que se van desenvolvendo os individuos, e despois da súa metamorfose para se coneverteren en peixes planos, migran cara ao fondo. As crías (larvas) nacen aos quince días da desova, e son peláxicas durante catro a seis semanas.

É un peixe de grande importacia comercial, sendo obxecto de activa pesca, e a súa carne é moi apreciada. Canda o rodaballo, é un dos peixes máis famosos na gastronomía de Galicia e doutras partes de Europa.

Taxonomía

editar

A especie foi decrita en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné (Linneo), na páxina 270 da 10ª edición do seu Systema Naturae,[6] baixo o nome de Pleuronectes solea.[1] Posteriormente foi reclasificado no xénero Solea cando este foi fundado, en 1806, por Conrad Quensel.

Sinónimos

editar

Ademais de polo nome orixinario de Linneo, Pleuronectes solea, e polo actualmente vixente, Solea solea, a especie coñécese tamén polos sinónimos:[1]

  • Solea vulgaris Quensel, 1806 (polo que é moi citado na bibliografía), e
  • Solea vulgaris vulgaris Quensel, 1806

Etimoloxía

editar

O nome específico solea, que lle aplicou Linneo á especie, vén do termo latino solea, que era o nome que lle daban os romanos a unha certa especie de linguado, debido ao seu aspecto que recordaba a sola dunha sandalia (en latín clásico, solea, -ae).[7]

Posteriormente, Quensel adoptouno para o xénero que el creara.

Características

editar

O seu corpo é ovalado e longo,[4][5] e pode alcanzar até os 70 cm de lonxitude,[5][8] aínda que os espécimes apañados adoitan medir entre os 30 e os 50 cm.[4][5][9][10] O seu peso máximo rexistrado foi de 3 kg.[9] Os machos son algo máis pequemos que as femias.[10]

Na cabeza cómpre destacar o seu fociño, arredondado e prominente, e os seus ollos, que están moi xuntos, o superior bastante afastado do bordo da cabeza.[5] A abertuda bucal, pequena e curvada, está situada no lado cego.[4][5][10]

A aleta dorsal orixínase da vertical que pasa pola base do tubo nasal anterior, é dicir, moi por diante do ollo superior. As aletas dorsal e anal case se unen coa caudal, deixando tan só un pequeno e estreito pedúnculo caudal. A aleta pectoral do lado pigmentado é arredondada, e presenta unha característica mancha escura, case negra, máis ou menos circular, na súa metade distal; a aleta pectoral do lado cego é algo menor que a pectoral. A aleta cuadal é pequena e arredondada.[5]

A aleta dorsal está sustentada por de 73 a 86 raios, e a anal, por de 61 a 74 raios.[5][11]

A coloración do lado pigmentado é apardazada, agrisada ou avermellada, con manchas irregulares máis escuras.[4][5][11] A do lado cego é abrancazada.

Bioloxía

editar

Hábitat e distribución

editar
Hábitat

É un peixe que vive en augas mariñas e salobres, demersal, oceanódromo,[12] a profundidades de entre os 0 e os 150 m,[13] aínda que usualmente entre os 10 e os 60 m,[5][14] case sempre sobre fondos lamacentos e areosos,[4][5] se ben en inverno migra cara a maiores profundidades, de entre os 70 e os 180 m.[4] Prefire as augas subtropicais, a temperaturas de entre os 8 °C e os 24 °C.[15]

Distribución

Dsitribúese polo Atlántico nororiental, incluíndo o mar Mediterráneo, entre os 67° N e os 17° N, e entre os 17° W e os 37° E,[16] desde o sur do fiorde de Trondheim (Noruega) polo norte, até o Senegal, polo sur, incluíndo o mar do Norte e o Báltico occidental e o Mediterráneo, até o mar de Mármara, o Bósforo e o suroeste do mar Negro e, no Atlántico, as illas do Cabo Verde.[17]

Nutrición

editar

O linguado é un depredador que caza de noite apañando vermes, pequenos crustáceos e moluscos bivalvos de cuncha fina, que encontran coa axuda das pequenas papilas sensitivas filamentosas que rodean a súa boca, no lado cego.[10]

Reprodución

editar

Os linguados alcanzan a madurez sexual entre os 3 e os 5 anos, cando miden entre 25 e 35 cm.[10] A desova prodúcese principalmente durante os meses de febreiro a maio (por exemplo, fronte ás costas de Galicia);[11] entre abril e xuño no sur do mar do Norte e nalgúns lugares do Skagerrak e o Kattegat, entre maio e xuño nas costas de Irlanda e do sur de Inglaterra e, en febreiro, en zonas máis cálidas, como no Mediterráneo. A desova ten lugar en augas pouco profundas, entre os 20 e 50 m de profundidade, e a temperaturas entre os 6 e os 12 °C.[10]

Durante as migracións para a desova, os linguados encóntranse con frecuencia au augas peláxicas (de aí que se culifiquen como peixes oceanódromos). As femias producen entre os 100.000 e os 150.000 óvulos, de 3 a 4 mm de diámetro, que tras seren fecundados vagan libremente nas augas. Ao cabo duns 10 días eclosionan os ovos, dando lugar a larvass, así mesmo peláxicas, que minden 3,5 mm.[10]

As larvas sofren a metamorfose para convertérense en peixes planos despois dunhas de 4 a seis semanas, cando miden entre 12 e 14 mm e, daquela, os peixiños xuvenís descenden cara ao fondo, en mares costeiros de augas pouco profundas. Os mares do Norte e de Wadden son as zonas de cría máis importantes. En inverno desprázanse cara a augas máis profundas e deixan de alimentarse.[10]

Lonxevidade

A idade máxima rexistrada para a especie foi de 26 anos.[18]

Pesca e usos

editar

Debido á súa carne, delicada e saborosa, é un dos peixes planos máis apreciados gastronomicamente en toda a Europa. péscase con artes de arrastre, de cerco, encanizadas e francadas. Tamén é unha importante captura adicional nas pescarías de cigala e solla.[10]

As capturas anuais no Atlántico nororiental, nos anos 1990, oscilaron entre as 25.000 e as 50.00 t, incluídas unhas 10.000 t do Mediterráneo.[10]

Comercialízase en fresco, ou en filetes.[10][19] e consómese cocido ao vapor, frito, grellado, asados ao forno ou en microondas,[19]

Acuicultura

editar

Ademais da pesca, nos últimos anos está incrementándose en gran medida en Galicia e noutras partes de España, o cultivo do linguado común, e mais do linguado do Senegal ou linguado branco. (Véxanse as ligazóns externas).

En Galicia

editar

O primeiro rexistro científico desta especie en augas galegas débese a Cornide, en 1788, que a cita como Pleuronectes liguatula, no seu Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo.[20] Xa no século XX rexístrana, co nome actual Solea solea, De Buen, en 1935, en "Fauna ictiológica. Catálogo de los peces ibéricos de la planicie continental, aguas dulces, pelágicos y de los abismos próximos, I parte", Not. y Res.Inst. Esp. Ocean 82: 1-19, e, a partir desta data, aparece mencionada en numerosas obras.[5]

Nomes vulgares galegos

editar

Ademais do nome "oficial" da RAG, inguado, ou de linguado común que lle dan moitos autores para distiguilo doutros linguados, a profesora e lingüista Ríos Panisse, na súa monumental obra Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia, recolle para Solea solea os seguintes nomes vernáculos:[21]

  • Lencuado, en 10 localidades.
  • Lenguado, en 19 localidades.
  • Lenguado manso, en Bueu.
  • Lenguao, en 2 localidades.
  • Lenghuado, en 16 localidades.
  • Lerpa, en Cangas, Foz.
  • Lincuado, en 3 localidades.
  • Lirpa, en 3 localidades (aos pequenos).
  • Lirpia, en Mugardos (aos pequenos).
  • Lirpote, en Sada (aos medianos)
  • Tapaconas, en 3 localidades (aos pequenos).

Gastronomía

editar

O gastrónomo galego Jorge Víctor Sueiro opinaba que os andaluces queríano convencer de que os linguados do sur eran mellores que os galaicos,[22] pero que:

Non podo deixar de poñer á par de (...) eles e en ocasións moi por riba a eses fermosos e rotundos linguados que se dan nas costas galegas e que frecuentemente pesan máis dun quilo. Fillos de mares broncos e batidos, a dureza da súa propia vida incorpórase á consistencia da súa carne e a especial alimentación mariña da zona noroeste —que é a clave recoñecida da calidade de tódolos produtos daqueles mares— sitúaos nuns vértices de sabor incomparables.[22]

Para este autor, o linguado hai que excluílo da caldeirada e, para o seu gusto, como mellor está é frito, á grella ou ao forno.[22]

Para o gastrónomo madrileño José Carlos Capel:[23]

O linguado é unha especie apreciadísima en toda a xeografía peninsular, que alcanza cotas de calidade suprema en dous cantos específicos do noso litoral: as costas galegas e o Golfo de Cádiz.
Os linguados de Galicia, fillos de mares broncos e batidos, caracterízanse pola dureza da súa carne, fiel reflexo do medio no que se desenvolven. Pola contra, os seus conxéneres gaditanos e onubenses, xelatinosos e de suave padal, denotan unha finura e unha delicadeza no tacto acorde coas augas máis temperadas e tranquilas do mesmo Océano Atlántico, mil quilómetros ó Sur.(...)
Desde o punto de vista gastronómico convén non olvidar que o mellor linguado non é o máis grande, senón o que, como máximo, alcanza vinte e cinco ou trinta centímetros.
En calquera caso, o seu sabor é moito máis fino cando se captura antes de desovar.(...)
A cociña do linguado é tan extensa e variada que algúns recetarios alén das nosas fronteiras superan o cento de fórmulas de condimentación. En peza, en filetes, ó forno, escalfado nun caldo curto, ou ó vapor, a ampulosidade e refinamiento da cociña francesa ofrece preparacións tan sofisticadas como á «duglère», á «bercy», á borgoñesa, en «vol-au-vent»..., fórmulas todas elas pasadas de moda para aqueles que se deleitan cos produtos do mar. Porque, para gozar dun linguado, sen enmascarar o seu sabor, existen só tres fórmulas maxistrais: en fritura, se a peza é pequena; á prancha ou ó sal, se alcanza superior tamaño22.

Pola súa parte, xa no ano 1929, o famoso periodista galego Julio Camba escribía:[24]

O meu amor pasional pola sardiña, cuxa miseria recoñezo á vez que a súa grandeza, non bastaría, nin con moito, a facerme desprezar o linguado. O linguado é, quizais, o mellor de tódolos pescados do mar, pero ¡desconfiade das imitacións! Non é que eu comparta a opinión dun meu amigo, que sostén que na Coruña hai unhas máquinas apisonadoras coas que converten en linguados a tódolos peixes. Non. A falsificación faise no fondo mesmo do mar, loncxe de toda mirada humana, e a propia Natureza é quen nos dá o cambiazo. Visto o éxito enorme obtido polo saboroso acantopterixio, unha cantidade de peixes insignificantes adoptaron a forma extraplana, e cando o pescador bota a rede para pescar linguados, non é estraño que as sollas, os rapantes, etc., se metan fraudulentamente nela a ver se pasan de polisóns. ¿Quen non ten imitadores neste mundo, irmán linguado?
O linguado préstase a preparacións exquisitas. En calquera libro de cociña encontrará vostede, amigo lector, as recetas do linguado Marenguery, do linguado Joinville, do linguado Mornay, etc.; pero, por razóns que expoño noutra parte, non lle aconsellarei a vostede que ensaie ningunha delas. Nada diso. Colla vostede o seu linguado, un bo linguado dun quilo, cen gramos máis ou cen gramos menos, pero non moitos menos.(...) Rebóceo vostede cunha pouca farina —supoño, naturalmente, que o seu linguado xa está limpo— e fríao vostede en aceite: bo aceite e moito aceite. Teña vostede en conta que cando se trata de fritir, a cantidade de aceite é unha das súas cualidades.(...)
¡Se en España se coñecese a arte da «grellada»!... Cando en Londres ou en París eu me atopaba cun bo linguado de Dover ou de Dieppe, solicitaba desprezar as habilidades do cociñeiro, por bo que fose, e dispoñía simplemente que me asaran o linguado á grella; pero a grellada, que parece o máis primitivo dos procedementos culinarios, é hoxe un dos máis difíciles
.
Receitas galegas

Unha boa colección de receitas galegas (e doutros países) para preparar este exquisito peixe, pódense encontrar en:

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Solea solea (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 86.
  3. linguado no dicionario da RAG.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Rodríguez Solórzano el al. (1983), p. 189.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 Rodríguez Villanueva et al. (1995), p. 316.
  6. Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata. Laurentius Salvius: Holmiae. ii, 824 pp.
  7. Online Etymology Dictionary.
  8. Quéro, J.-C.; M. Desoutter & F. Lagardère (1986): "Soleidae". p. 1308-1324. En P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol. 3. Paris: UNESCO.
  9. 9,0 9,1 Bristow, P. (1992): The illustrated encyclopedia of fishes. London: Chancellor Press.
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 272-273.
  11. 11,0 11,1 11,2 Solea solea (Linnaeus, 1758) en FishBase.
  12. Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
  13. Muus, B. J. & J. G. Nielsen (1999): Sea fish. Scandinavian Fishing Year Book, Hedehusene, Denmark.
  14. Muus, B. J. & P. Dahlstrøm (1989): Havfisk og Fiskeri i Nordvesteuropa. København: GEC Gads Forlag.
  15. Moreira, F.; C. A. Assis, P. R. Almeida, J. L. Costa & M. J. Costa (1992): "Trophic relationships in the community of the Upper Tagus Estuary (Portugal: a preliminary approach)". Estuar. Coast. Shelf-Sci. 34: 617-623.
  16. FAO-FIGIS (2005): A world overview of species of interest to fisheries. Capítulo: Solea solea. FIGIS Species Fact Sheets. Species Identification and Data Programme-SIDP, FAO-FIGIS.
  17. Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 1037-1049. En J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Lisboa: JNICT / Paris: SEI e UNESCO. Vol. 2.
  18. Deniel, C. (1990): "Comparative study of growth of flatfishes on the west coast of Brittany". J. Fish Biol. 37 (1): 149-166.
  19. 19,0 19,1 Frimodt, C. (1995): Multilingual illustrated guide to the world's commercial coldwater fish. Fishing News Books, Osney Mead, Oxford, England.
  20. Hai unha reedición facsímile de 1982 deditada en O Castro-Sada, polo Seminario de Estudos Galegos.
  21. Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galici. I. Invertebrados y peces. Santiago de Compostela: Verba, Anejo 7. Universidad de Santiago de Compostela, ISBN 84-7191-008-X, p. 431.
  22. 22,0 22,1 22,2 Sueiro, Jorge-Víctor (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-8537-32-8, p. 132.
  23. Capel, José Carlos (1982): Manual del pescado. Madrid: Penthalon Ediciones. ISBN 84-85337-70-0, pp. 224-226.
  24. Camba, Julio (1961): "El lenguado", en La casa de Lúculo. Madrid: Espasa-Calpe. Colección Austral, nº 343, sexta edición, pp. 108-110. Hai unha nova reedicón publicada en 2010 pola editorial Reino de Cordelia, S. A. ISBN 978-84-936929-7-1.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Desoutter, M. (1990): "Soleidae", pp. 860–865, en C. Levêque, D. Paugy and G. G. Teugels, eds. Faune des poissons d'eaux douces et saumâtres d'Afrique de l'Ouest Tome 2 PDF. Faune Tropicale n° 28. Musée Royal de l'Afrique Centrale, Tervuren, Bélxica e O.R.S.T.O.M., París, Francia.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Community 1
iOS 6
mac 4
multimedia 1
os 259
todo 2