Literatura experimental
A literatura experimental é un nome xenérico que agrupa varias prácticas literarias contemporáneas, xa sexa en forma de relato, novela ou poesía, que poñen énfase formal na innovación, especialmente en termos de técnica literaria.[1] A palabra novela experimental apareceu por primeira vez nos escritos teóricos de Émile Zola, que quería crear unha forma de literatura sociolóxica que poña en práctica o método científico do naturalismo.[2] A colección que recompila os escritos de Zola titúlase Le Roman expérimental, de 1880. Hoxe, o termo úsase en oposición ao realismo, e para definir unha literatura guiada pola imaxinación e as formas non tradicionais de contar historias.
Formas históricas
editarA primeira novela experimental adoita considerarse Tristram Shandy do inglés Laurence Sterne (1759). Porén, este é un texto tan temperán na historia da novela moderna que é difícil falar de como esta novela desafía ou rompe as convencións literarias, xa que estas convencións aínda non estaban moi establecidas. A súa burla das formas narrativas tradicionais, o seu uso de elementos gráficos e non textuais (por exemplo, unha páxina enteira pintada de negro para significar a morte dun personaxe) e os casos de rotura da "cuarta parede" no texto convenceron a moitos críticos de que é unha novela experimental, sobre todo da Segunda guerra mundial. No seu tempo, con todo, conseguiu detractores. Samuel Johnson é citado por James Boswell dicindo: "O que é simplemente estraño non dura. Tristram Shandy non podería durar". Jacques, le fataliste de Denis Diderot toma moitos elementos da obra de Sterne, cousa que se oculta no texto, que foi considerado unha das primeiras formas de metaficción.[3]
Vangardas históricas
editarNa década de 1910, a experimentación en todas as artes cobrou verdadeiro impulso, e un bo número de escritores e artistas de Europa e América comezaron un traballo revolucionario sobre determinadas formas artísticas. As tendencias que se formaron durante este período pasaron a formar parte posteriormente do movemento modernista (no sentido anglosaxón do termo; inglés: modernism). The Songs of Ezra Pound, a obra posterior á Primeira guerra mundial de T. S. Eliot e a prosa e o drama de Gertrude Stein son algúns dos textos fundamentais da década, aínda que a novela Ulises de James Joyce é considerada a obra principal do momento.[4] Esta novela tivo estirpe experimental como as obras de Virginia Woolf e John Dos Passos, aínda que tamén influíu en outros autores menos interesados na innovación formal como Ernest Miller Hemingway.
Os movementos da vangarda histórica contribuíron ao desenvolvemento da literatura experimental a principios e mediados do século XX. Tristan Tzara e os seguidores do movemento dadá foron dos primeiros en utilizar recortes de xornais e tipografía experimental nos seus manifestos. O futurismo de F. T. Marinetti prometía unha teoría das "palabras en liberdade", rematando as fronteiras da narrativa convencional e o propio formato do texto, como na "novela" Zang Tumb Tumb. Os escritores, poetas e artistas surrealistas tamén aplicaron técnicas pouco habituais para evocar estados preconscientes ou inconscientes ou procesos oníricos, místicos ou inducidos por drogas. Algúns exemplos importantes son os textos colaborativos Les Champs Magnétiques de André Breton e Philippe Soupault ou a "novela soñada", producida por Robert Desnos en estado de hipnose.
A finais da década de 1930, a situación política en Europa fixo que as vangardas parecesen inadecuadas, demasiado estetizadas e mesmo irresponsables ante os perigos do fascismo internacional, e a moda da experimentación literaria decaeu considerabelmente, dando paso a certos tipos de realismo e arte politizada, aínda que algúns visionarios como Kenneth Patchen seguirán producindo arte experimental. Na década de 1950, os escritores da xeración beat xurdiron como reacción á literatura en prosa e poesía domesticada do seu tempo, e os textos místicos de Jack Kerouac e Allen Ginsberg representaron un novo enfoque formal dos métodos compositivos.
Despois da Segunda guerra mundial
editarO espírito da vangarda europea reapareceu co grupo de letristas e os seus manifestos, poemas e películas que exploraban as fronteiras da lingua escrita e falada. O grupo Oulipo, en francés Ouvroir de la littérature potentielle ('Obradoiro da literatura potencial') reuniu a artistas, escritores e matemáticos nunha reelaboración combinatoria de métodos de produción textual. O grupo foi fundado por Raymond Queneau e incluíu autores como Italo Calvino e Georges Perec, autor de La vide, mode d'emploi.
A década de 1960 levou á volta á experimentación e sentou as bases do posmodernismo. Naked Lunch de William S. Burroughs é unha obra clave da época, e a publicidade que resultou do xuízo por obscenidade contra o autor destacou o novo gusto e admiración pola liberdade extrema e sen censura. Burroughs tamén innovou co estilo chamado cut-up, combinando textos cortados e pegados de xornais ou manuscritos para conseguir liñas enteiras. A finais da década, os grupos experimentais eran tan numerosos que mesmo os autores máis convencionais de estilo como Bernard Malamud ou Norman Mailer foron influenciados polos usos innovadores da época. A metaficción é omnipresente neste momento, como se pode ver nas obras de John Barth e Jorge Luis Borges.[5] En 1967, Barth publicou o ensaio A literatura do esgotamento, que se considera a miúdo un manifesto da posmodernidade. Gravity Rainbow de Thomas Pynchon foi un best-seller experimental da época, mentres que as historias de Donald Barthelme, Robert Coover e Ronald Sukenick acadaron un éxito considerable na década. Outros escritores experimentais dos anos 70 e 80 foron Calvino, Michael Ondaatje e Julio Cortázar. Entre as obras máis coñecidas de Calvino atópanse Se una notte d'inverno un viaggiatore na que os capítulos mostran ao lector preparándose para ler un libro chamado Se nunha noite de inverno, e outras conforman a narración, mostrando a vida e a lectura como metáforas intercambiábeis.[6]
Narrativa recente
editarDavid Foster Wallace e Rick Moody combinan algúns dos xogos experimentais da década de 1960 cun sentido do humor máis próximo ao desapego emocional e unha certa tendencia á ironía. Infinite Jest de Wallace é unha obra maximalista que describe a vida nunha academia de tenis e centro de rehabilitación. As digresións convértense en novas liñas argumentais e o libro contén máis de 100 páxinas de notas ao pé. Outros autores como Nicholson Baker tenderon máis ao minimalismo en novelas como The Mezzanine, na que un home sobe escaleiras automáticas durante 140 páxinas. O autor estadounidense Mark Danielewski combina elementos da novela de terror cun estilo académico e experimentación tipográfica en House of Leaves.
A principios do século XXI, a maioría das formas de literatura experimental demostran a influencia das novas tecnoloxías dixitais e informáticas, tanto no formato como no contido. Apareceron formas e movementos como a literatura electrónica, os traballos sobre o hipertexto e os chamados codework.
Literatura experimental nas linguas romances peninsulares
editarAo longo do século XX e o que vai do XXI, numerosos autores da Península Ibérica, en diversas linguas románicas (galego, portugués, castelán, catalán) empregaron técnicas pouco convencionais na procura de novas formas de expresión afastándose das convencións realistas e dos xéneros literarios pechados. Estes autores e autoras mesturaron xéneros, adoptaron novas estruturas narrativas e introduciron nos contos ou novelas elementos do teatro, do ensaio ou da poesía.
En galego
editarA experimentación na literatura galega do século XX e XXI maniféstase tanto na poesía como na narrativa, a través da ruptura con convencións formais e a mestura de xéneros, do vangardismo da xeración de 1925 até a actualidade.
Algúns autores que dun ou outro xeito fixeron literatura experimental en galego son:
- Manuel Antonio: O poemario De catro a catro (1928) é unha obra fundacional do vangardismo en lingua galega. Inspirado en correntes das vangardas europeas, rompe coa métrica tradicional, usa imaxes audaces e bebe de fontes como o futurismo.
- Álvaro Cunqueiro: En Merlín e familia (1955), combina elementos da literatura oral, o mito, a lenda e a fabulación nun espazo híbrido, difuminando os límites entre xéneros. Con todo, esa e outras obras súas adoitan entenderse máis dentro do ámbito do realismo máxico que do experimentalismo estrito, xa que o seu principal trazo non é a ruptura formal radical. A súa poesía neotrobadoresca tamén é "experimental" no sentido de volver sobre formas antigas e facelas dialogar coa sensibilidade contemporánea, pero sen vontade de fragmentar a linguaxe ou subverter estruturas métricas. A súa achega é similar á de algúns dos Renovadores buscando unha “revitalización” e "reinterpretación" máis que unha busca rupturista de formas.
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Na narrativa, obras súas como Con pólvora e magnolias (1976) integran elementos simbólicos, oníricos e míticos, mesturando voces narrativas e xogando co tempo. Esta complexidade estrutural e conceptual afástaa de fórmulas convencionais.
- Lupe Gómez: En poemarios como Pornografía (1995), fai un discurso directo, fragmentado e provocador, subvertendo tabús e introducindo a fala cotiá no espazo poético, rompendo fronteiras expresivas.
- Xavier Queipo: En textos como O paso do noroeste (1996), mestura xéneros (ensaio, crónica de viaxes, ficción), recorre a técnicas narrativas pouco convencionais, emprega recursos visuais e integra referencias intertextuais, difuminando os marcos das disciplinas literarias.
- Chus Pato: A fragmentación, a disrupción sintáctica e o simbolismo caracterizan a súa linguaxe. En obras como m-Talá (2000), sitúa a poesía nun terreo híbrido entre o poético, o ensaístico e o metatextual.
- Autores galegos como Teresa Moure, Suso de Toro, María Reimóndez ou Iolanda Zúñiga, entre outros, fixeron obras que pola súa estrutura narrativa, o uso do tempo ou a linguaxe poden ser consideradas literatura experimental.
En portugués
editar- Mário de Sá-Carneiro: A intensidade da súa ruptura coas convencións e a mistura de decadentismo, simbolismo e vangarda fan da súa produción algo moi innovador para a súa época.
- José Saramago (portugués): Autor de obras novelas como O ano da morte de Ricardo Reis (1984) cun estilo narrativo peculiar de longos parágrafos, ausencia de guións de diálogo, puntuación minimalista ou ausencia dela, como no Ensaio sobre a cegueira (1995).[7]
- Gonçalo M. Tavares (portugués): Na súa serie do “Bairro” ou noutros libros, combina relato, filosofía, poesía e ensaio, creando construcións literarias complexas.
- Herberto Helder: Poeta de obra simbólica e afastada das convencións métricas, sintácticas e temáticas.A súa poesía é máis coñecida nos círculos académicos ca no público xeral.
- Ana Hatherly: Membro destacado do grupo da chamada Poesía Experimental Portuguesa nos anos 60 e 70, está vinculada á poesía concreta e á experimentación visual, con obra que mestura texto, imaxe, artes plásticas e caligrafía.
- Maria Gabriela Llansol: A súa prosa fragmentaria, desprovista de tramas lineais e abertamente filosófica e poética, sitúaa nun lugar de experimentalismo narrativo, de xénero difícil de clasificar, posibelmente a máis hermética e incomprensible da literatura portuguesa contemporánea.[8]
En castelán e catalán
editar- Max Aub (castelán): No ciclo El laberinto mágico, sobre a Guerra civil española, mestura xéneros, voces, estilos narrativos e formatos, creando un mosaico literario complexo e innovador.
- Gonzalo Torrente Ballester (castelán): En La saga/fuga de J.B. (1972), experimenta con estruturas complexas, múltiples voces e metáforas metatextuais, rompendo coa linealidade e o realismo tradicional.
- Camilo José Cela (castelán): O autor galego, na súa obra Cristo versus Arizona (1988), ofrece unha novela experimental que se afasta da linealidade convencional e mestura rexistros e recursos formais diversos.
- Juan Goytisolo (castelán): Na súa etapa de madurez introduce técnicas experimentais, cuestionando a autoría, a voz narrativa e a autenticidade histórica, e mesturando ensaio, reflexión e testemuño.
- Enrique Vila-Matas (castelán): Obras como Bartleby y compañía (2000) ou Dublinesca (2010) dilúen as fronteiras entre ensaio, diario, autoficción e novela, dando lugar a textos híbridos que reflexionan sobre a literariedade.
- Fernando Arrabal (castelán): Ligado ao teatro do absurdo e ao Movemento Pánico, estendeu a súa experimentación a outras formas literarias, incorporando elementos teatrais en obras narrativas e poéticas.
- Quim Monzó (castelán e catalán): Coñecido polos seus contos breves, emprega estratexias narrativas experimentais, deformando e deconstruíndo as pautas clásicas do relato.
- Pere Calders (catalán): Principalmente contista, introduce elementos fantásticos e metaficcionais, tensionando o conto tradicional con estratexias formais pouco convencionais.
- Núria Perpinyà (catalán): Realizou experimentos literarios combinando xéneros, como a fusión entre novela e relato, ou novela e teatro.
Notas
editar- ↑ "Literatura Experimental: O que é?" (en portugués). 2024-08-22. Consultado o 2024-12-06.
- ↑ David Lodge, The Art of Fiction, Penguin, Londres, 1992; p. 105
- ↑ "Revista Clarín » Diderot: ¿un fatalista?". Consultado o 2024-12-06.
- ↑ Wellek, René & Warren, Austin Teoría Literaria. archive.org.
- ↑ Barata, Eduarda (2017-01-01). "O jogo de espelhos entre John Barth e Jorge Luis Borges". Angry Young Postmodernism - Ensaios do Seminário de Inglês sobre o Pós-modernismo na Literatura e na Cultura Anglo-Americanas.
- ↑ "If on a Winter’s Night a Traveler". www.britannica.com; Italian Literature, Postmodernism, Metafiction (en inglés). Consultado o 2024-12-06.
- ↑ Ciberdúvidas/ISCTE-IUL. "Saramago não usa pontuação em muitas das suas obras? - O nosso idioma - Ciberdúvidas da Língua Portuguesa". ciberduvidas.iscte-iul.pt (en portugués). Consultado o 2024-12-06.
- ↑ Cilleruelo, José Ángel (2019-02-26). "El balcón de enfrente: Maria Gabriela LLansol . Poética de lo ingrávido". El balcón de enfrente (en castelán). Consultado o 2020-04-01.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Émile Zola, Versión sonora de Le roman expérimentale .
- Sobre a novela experimental en catalán Arquivado 20 de xuño de 2012 en Wayback Machine. Arquivado (en catalán)