Lois Peña Novo
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Lois Peña Novo, nado en Vilalba o 5 de agosto de 1893 e finado en Robra (Outeiro de Rei) o 24 de xullo de 1967, foi un avogado, político e escritor galego.
Biografía | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 5 de agosto de 1893 Vilalba, España | ||||||||||||||
Morte | 24 de xullo de 1967 (73 anos) Robra, España | ||||||||||||||
Causa da morte | morte accidental, accidente de tráfico | ||||||||||||||
Cargos Gobernador Civil de Sevilla Gobernador Civil de Cáceres Gobernador Civil de Valencia | |||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||
Educación | Universidade de Santiago de Compostela | ||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||
Ocupación | político, avogado, escritor | ||||||||||||||
Empregador | Irmandades da Fala Partido Galeguista | ||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||
Irmáns | Plácido Peña Novo Antonio Peña Novo | ||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||
premio Mouronte (febreiro de 1959) | |||||||||||||||
Descrito pola fonte | Diccionario bio-bibliográfico de escritores, (vol:3, p.68) | ||||||||||||||
Lista
|
Traxectoria
editarNaceu no lugar do Rollo, hoxe unha rúa de Vilalba, o 5 de agosto de 1893, fillo de Vicente Peña Rodríguez e María Novo Pardo. A súa era unha familia labrega, sendo Lois o quinto dos irmáns. Estudou no seminario de Mondoñedo e despois cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, rematando en 1915. No curso seguinte traballou de profesor auxiliar de Lois Porteiro na mesma facultade.
En 1916, ano da fundación da primeira Irmandade da Fala, incorpórase á de Compostela e participa como cofundador na de Vilalba.
En 1918 é redactor do Programa das Irmandades da Fala aprobado na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo. Entre outros recollía a petición da autonomía integral de Galicia e a igualdade de dereitos de mulleres e homes.
Lois Peña Novo foi o primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista en Galicia, resultando elixido no concello da Coruña nos comicios do 8 de febreiro de 1920[1] -nos que o seu compañeiro de candidatura Antón Villar Ponte quedou fóra-.
En 1921 publica o libro La Mancomunidad Gallega, que será a referencia dos galeguistas á hora de concretar as súas arelas de autogoberno.
Coa chegada da Segunda República foi membro da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia da Federación Republicana Gallega e poñente na presentación e defensa dese proxecto estatutario na asemblea celebrada na Coruña os días 4 e 5 de xuño de 1931. Nela aprobáronse as "Bases para o Estatuto Galego".
O día 8 de maio de 1936 foi un dos asistentes á xuntanza dos deputados e dos compromisarios (para escoller o Presidente da República) elixidos en Galicia, co obxectivo de darlle pulo ao proxecto estatutario nun tempo que se valorou como "conxuntura magnífica para someter a referendo o proxecto de Estatuto Galego". En xuño de 1936 participou activamente na campaña pro-Estatuto de Galicia.
Lois Peña Novo exerceu diversos cargos na II República: gobernador civil de Cáceres (6-5-1932 a 31-8-1932), Sevilla (31-8-1932 a 9-12-1932), Valencia (22-8-1933 a 14-9-1933), e gobernador xeral de Estremadura (nomeado o 7-12-1932). E foi un fiel defensor da mesma na súa caída ante a sublevación militar do 18 de xullo de 1936, mantendo a súa lealdade aos dirixentes democraticamente elixidos e defendendo mentres foi posible o Goberno civil de Lugo.
A súa pertenza ao bando dos perdedores da guerra civil supuxo o comezo das penalidades: foi encarcerado primeiro en Lugo e despois en Baralla. Máis tarde foi deportado á vila de Mallén, en Zaragoza, para retornar como confinado a Vilalba ao remate da guerra.
Desta última etapa da súa vida, só se coñece a súa asistencia, contra o ano 1945, a unha reunión celebrada na Coruña por iniciativa de Ramón Piñeiro. Nela pretendíase iniciar os contactos para a formación dunha fronte democrática opositora ao franquismo. Pero a detención de Ramón Piñeiro dous anos máis tarde deu ao traste con esta pretensión, e puxo punto final á actividade política de Peña Novo.
Dende entón, a súa vida concentrouse no ámbito do privado e no exercicio da avogacía no seu despacho vilalbés. A única excepción constituíuna a obtención do premio Mouronte en febreiro de 1959 polo seu artigo La inversión del ahorro campesino, publicado no xornal La Noche co pseudónimo Luís de Cadaval.
En 1962, cando xa se achegaba aos setenta anos, marcha a Madrid para vivir na casa do seu fillo, o médico Lois Peña López. Retorna a Vilalba todos os veráns ata que, o 24 de xullo de 1967, nunha destas viaxes, un accidente automobilístico segou definitivamente a súa vida e a da súa dona na estrada N-VI ao seu paso por Robra (Outeiro de Rei).
Pensamento
editarLois Peña Novo foi, con varios libros e centos de artigos —publicados en El Pueblo Gallego, Galicia, A Nosa Terra, Acción Coruñesa, Nós, El Ratón—, un dos principais estudosos da realidade socioeconómica galega do primeiro terzo do século XX e das tentativas da súa resolución. Pódese sintetizar o seu pensamento nas seguintes formulacións:
- Galicia nación, que aspira á autonomía integral, a converterse nun estado dentro da República Federal Española. O seu soporte económico-social é un campesiñado dono das súas terras, organizado en cooperativas e con acceso fácil ao crédito para mellorar a agricultura e a gandería que, xunto coas industrias de transformación, co aproveitamento forestal, a pesca e as industrias derivadas, e a explotación mineral, debían constituír os piares básicos da súa estrutura económica.
- Negación-oposición ao vello e opresor Estado Español, representado emblematicamente por Castela que, coa súa forma dexenerada representación política —o caciquismo— e o seu sistema arancelario proteccionista, impide o desenvolvemento da nación galega nos seus aspectos políticos e económicos.
- Integración con Portugal, nación que formara noutrora unha unidade con Galicia, ben puidera ter sido "a Gran Potencia Atlántica, máis forte que Inglaterra", de non impoñérselle a Galicia, cando xa remataba o século XV, a "unidade feita polos Reis Católicos".
- Analoxía por afinidade étnica con Irlanda, que por aqueles anos (en 1919) independizouse da Gran Bretaña, e por afinidade política con Cataluña e Euskadi, que loitaban fronte ao mesmo inimigo, o centralismo español.
Recoñecemento
editarOs premios Lois Peña Novo levan o seu nome.
Notas
editar- ↑ Ventureira, Rubén (2016). Calendario Histórico A Coruña 2017 (en castelán). Asociación da Prensa da Coruña, Compañía de Tranvías da Coruña. ISBN 978-84-608-9887-0.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Beramendi, Justo G. e Roca Cendán, Manuel (ed.) (1996). Lois Peña Novo. Obra completa. Universidade de Santiago de Compostela.
- Novo, J. L. (1995). Lois Peña Novo: irmán da fala, agrarista, avogado, galeguista, republicano. A paixón política : historia dunha frustración. Ir Indo. ISBN 84-7680-196-3.
- Roca Cendán, Manuel (2005). "Peña Novo, Lois". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.