Maud Menten
Maud Leonora Menten, nada en Port Lambton (Ontario) o 20 de marzo de 1879 e finada en Leamington (Ontario) o 26 de xullo de 1960, foi unha médica e científica canadense que fixo importantes contribucións á cinética enzimática e histoquímica. O seu nome está asociado á ecuación Michaelis-Menten.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de marzo de 1879 Port Lambton, Canadá (en) |
Morte | 26 de xullo de 1960 (81 anos) Ontario, Canadá |
Educación | Universidade de Chicago - Doutora en filosofía (–1916) Universidade de Toronto - doutor en medicina (–1911) Faculdade de Medicina da Universidade de Toronto (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Bioquímica |
Ocupación | química, bioquímica, médica, patóloga |
Empregador | Universidade de Pittsburgh |
Influencias | |
Premios | |
| |
Traxectoria
editarMaud Menten estudou medicina na Universidade de Toronto. Foi unha das primeiras mulleres que se doutorou no Canadá.[2] Completou a súa tese na Universidade de Chicago. Naquel momento, as mulleres non estaban autorizadas a facer investigacións no Canadá, polo que decidiu facer investigacións noutros países como Estados Unidos e Alemaña.
Pouco se sabe da súa familia e infancia. Só se sabe que a familia Menten mudouse a Harrison Mills, onde a nai de Maud traballou como responsable da oficina de correos local. Despois de completar o ensino medio, Maud foi á Universidade de Toronto, onde obtivo un máster en fisioloxía en 1907.[3]
En 1907 foi nomeada membro do Rockefeller Institute for Medical Research en Nova York. Alí estudou o efecto do bromuro de radio nos tumores cancerosos nas ratas.[3][4] Despois dun ano no instituto, Maud traballou como internista na enfermaría infantil e feminina de Nova York. Volveu ao Canadá para comezar os seus estudos na Universidade de Toronto un ano despois. En 1911, converteuse na primeira muller no Canadá que se doutorou en medicina.[3]
Carreira profesional
editarEn 1912, trasladouse a Berlín, onde traballou con Leonor Michaelis, e foi coautora do artigo, publicado na revista Biochemische Zeitschrift, que demostrou que a velocidade dunha reacción catalizada por enzimas é proporcional á cantidade do complexo enzima-substrato. Esta relación entre a velocidade de reacción e a concentración enzima-substrato coñécese como ecuación de Michaelis-Menten.
Despois de estudar con Leonor, en Alemaña, ingresou na Universidade de Chicago, onde se doutorou en 1916,[5] coa disertación titulada "The Alkalinity of the Blood in Malignancy and Other Pathological Conditions; Together with Observations on the Relation of the Alkalinity of the Blood to Barometric Pressure" (A alcalinidade do sangue en malignidade e outras condicións patolóxicas, xunto con observacións sobre a relación da alcalinidade do sangue coa presión barométrica). Despois, Maud foi á Universidade de Pittsburgh, onde permaneceu entre 1923 e 1959,[6] sendo profesora axudante e asociada na Escola de Medicina e xefa de patoloxía no Hospital infantil de Pittsburgh. A súa última promoción foi a profesora titular, en 1948, aos 69 anos.[5][3]
O seu último posto académico foi como investigadora do Instituto de Investigación Médica da Columbia Británica entre 1951 e 1953.[7]
O seu traballo máis famoso foi sobre cinética enzimática, con Leonor Michaelis,[8] baseado nos descubrimentos anteriores de Victor Henri, obtendo a ecuación Michaelis - Menten. Maud Menten tamén creou a reacción de acoplamento diazoico para a fosfatasa alcalina, aínda en uso na histoquímica. Maud tamén caracterizou e estudou as toxinas de bacterias como B. paratyphosus, Streptococcus scarlatina e Salmonella ssp., usado nun exitoso programa de inmunización contra a escarlatina en Pittsburgh nos anos 1930 e 1940.[9] Tamén realizou a primeira separación electroforética de proteínas de hemoglobina en 1944 e traballou en propiedades da hemoglobina, regulación do azucre no sangue e funcións dos riles, escribindo e participando en máis de 100 artigos científicos.[10]
Xubilación e morte
editarMaud era unha muller discreta e decidida. Conduciu o seu Ford Modelo T polo campus universitario durante 32 anos. Tocou o clarinete e foi pintora, exhibindo obras en galerías de arte en Pittsburgh.[2] Gustáballe explorar montañas e a astronomía, e participou nunha misión ao Ártico. Falaba con fluidez en ruso, francés, alemán, italiano e polo menos unha lingua nativa americana. Aínda que traballou a maior parte da súa vida nos Estados Unidos, mativo a súa cidadanía canadense.[3]
Despois da súa xubilación na Universidade de Pittsburgh en 1950, Maud volveu ao Canadá para continuar a súa investigación sobre o cancro no British Columbia Medical Research Institute. Os problemas de saúde obrigárona a parar en 1955, faleceu o 20 de xullo de 1960 con 81 anos en Leamington, Ontario.[3]
Notas
editar- ↑ Pérez Benavente, Rocío. "Maud Menten, la bioquímica imparable que no descansó hasta ser profesora". Mujeres con ciencia. Consultado o 20 de marzo de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 "Dr. Maud Menten". The Canadian Medical Hall of Fame. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2014. Consultado o 20 de marzo de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Skloot, Rebecca (outubro de 2000). "Some called her Miss Menten" (PDF). University of Pittsburgh School of Medicine magazine. Consultado o 14 de outubro de 2014.
- ↑ Jobling, J W; Flexner, Simon Menten, Maud L (1910). Tumors of animals. Instituto Rockefeller de Pesquisas Médicas.
- ↑ 5,0 5,1 "Leonor Michaelis and Maud Menten". Chemical Heritage Foundation. Consultado o 10 de novembro de 2014.
- ↑ Menten, M. (1919). "A Study of the Oxidase Reaction with alpha-Naphthol and Paraphenylenediamine". The Journal of medical research 40 (3). PMC 2104435. PMID 19972493.
- ↑ Menten, M.; McCloskey, G. (1951). "Histopathology and Etiology of Pneumonia in Children Dying after Antibacterial Therapy". The American Journal of Pathology 27 (3): 477–491. PMC 1937251. PMID 19970982.
- ↑ Michaelis, Leonor (4 de febreiro de 1913). "Die Kinetik der Invertinwirkung". Biochemische Zeitschrift 49: 335–369. doi:10.1016/j.febslet.2013.07.015.
- ↑ "Scarlet fever deaths avoided in city". 19 de maio de 1942.
- ↑ Stock, Aaron; Carpenter, Anna-Mary (1961). "Prof. Maud Menten". Nature 189 (4769): 965. doi:10.1038/189965a0.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Canadian Medical Hall of Fame - Breve biografía (en inglés)
- Algúns chámanlle Miss Menten por Rebecca Skloot (Universidade de Pittsburgh - Medical School Magazine), outubro de 2000
- "The Original Michaelis Constant: Translation of the 1913 Michaelis-Menten Paper". Biochemistry 50 (39). outubro de 2011. PMC 3381512. PMID 21888353. doi:10.1021/bi201284u.