Miguel Pselo

(Redirección desde «Miguel Psello o Xove»)

Miguel Pselo ou Miguel Psellos, en grego Μιχαήλ Ψελλός ou Mikhaēl Psellos, chamado o Mozo para o distinguir do filósofo homónimo, nado en Nicomedia contra o ano 1018 e finado contra 1078, foi un humanista, político, filósofo neoplatónico, poeta, orador e historiador bizantino do século XI.

Modelo:BiografíaMiguel Pselo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1018 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
Mortexuño de 1078 Editar o valor en Wikidata (59/60 anos)
Constantinopla, Turquía Editar o valor en Wikidata
RelixiónCristianismo ortodoxo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfilósofo, poeta, médico, historiador, escritor, político, astrónomo Editar o valor en Wikidata
MovementoNeoplatonismo Editar o valor en Wikidata
ProfesoresXoán Mauropo Editar o valor en Wikidata
AlumnosJohannes Italus (pt) Traducir e Ioane Petritsi (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Dicionario Musical Riemann (1901–1904)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX955876
Compendium mathematicum, 1647

Pselo foi un cortesán intrigante e un dos políticos máis influentes do seu tempo. Ocupou os máis altos cargos do goberno imperial durante trinta e seis anos, baixo sete emperadores de tres dinastías distintas. Auténtico polígrafo, escribiu sobre teoloxía, dereito, filoloxía, arqueoloxía, historia, alquimia, matemáticas, medicina etc. Foi non soamente o espírito máis cultivado e a mente máis lúcida da súa época, senón tamén un auténtico artista. O seu Chronografía é o máis importante libro de memorias de toda a Idade Media, sen que ningún outro poida comparárselle pola súa frescura, a vivacidade da súa expresión, a finura da súa intuición psicolóxica e os seus dotes para os retratos.[1].

Traxectoria

editar

Primeiros anos

editar

Constantino Pselo [2] naceu no seo dunha modesta familia residente en Constantinopla. O seu pai, orixinario de Nicomedia (Bitinia), tiña patricios e cónsules entre os seus antepasados máis próximos, pero nada lle restaba xa desas ilustres orixes e exercía como simple tendeiro nun barrio popular da capital imperial, onde casara cunha muller de familia humilde. Do matrimonio naceron dúas fillas antes do propio Pselo, que veu ao mundo a fins do ano 1017 ou principios do 1018, nos últimos anos do reinado de Basilio II (959-1025). O que talvez foi o mellor dos oradores bizantinos tivo un defecto físico (probabelmente era belfo) que lle valeu o sobrenome de Pselo (en grego: Ψελλός, psellós), este adxectivo aplícase aos que teñen unha traba ou un defecto na fala, seseo ou freo da lingua (pero non aos tartamudos ou que balbucen ao se expresaren).

Cando Pselo concluíu a educación elemental aos oito anos de idade, a súa familia, reunida en consello, pensou en buscarlle un oficio, e só a insistencia da súa nai, convencida das extraordinarias calidades do seu fillo, puido persuadilos para que seguisen pagando a súa formación: lémbrao emocionado o propio escritor no discurso fúnebre que lle dedicou á súa morte anos despois. A decisión da nai viuse recompensada e axiña Pselo, con apenas dez anos, sabía recitar de memoria a Ilíada e comentar as súas figuras e os seus tropos [3] demostrando un talento excepcional, mesmo naquela idade que cultivaba a memoria ata extremos actualmente impensábeis. Malia as súas calidades, aos dezaseis anos a economía familiar non puido custear máis a súa formación e Pselo púxose a traballar como secretario dun xuíz provincial, probabelmente no distrito europeo de Tracia e Macedonia. Por entón morreu a súa irmá e os seus pais retiráronse a un mosteiro. Pselo regresou a Constantinopla, onde iniciou estudos superiores de retórica e filosofía con Xoán Mauropus, un dos intelectuais máis importantes do seu tempo.

Durante os anos seguintes Pselo vería promocionada a súa carreira administrativa como xuíz (gobernador provincial), probabelmente polo apoio do seu amigo Constantino Licudes, que entrou no Senado e asumiu postos de poder durante os reinados de Miguel IV e Miguel V. Así, Pselo tivo o cargo de xuíz polo menos en tres themas de Asia Menor (Tracesios, Bucelarios e Armeniacos), sen que se saiban exactamente as datas. É sorprendente que lle encomendasen postos de tan alta responsabilidade a un mozo duns vinte anos, algo para o que non se atopa paralelo ningún na historia administrativa do Imperio e que fala das súas excepcionais calidades. É probábel que a súa presenza en provincias non fose permanente durante eses anos e que a alternase con estancias en Constantinopla para continuar coa súa formación.

Na Corte Imperial

editar
 
Mosaico de Constantino Monómaco e Zoe en Hagia Sophia.

En 1041 entrou na corte como secretario imperial (hypogrammateús) de Miguel V, e en torno a 1042, contraeu matrimonio cunha muller de boa familia, descendente dun valido do emperador León VI (886-912). Do matrimonio naceu unha soa filla, Estiliana, á que Pselo colmou de atencións, e que morreu á temperá idade de nove anos, o que motivou o ingreso da súa muller nun mosteiro. Pselo quedou unicamente cunha filla adoptiva, Eufemia, pero o compromiso da moza cun mozo de boa familia debeu romperse, o que provocou mesmo un proceso legal contra o historiador.

Ao ascender ao trono imperial Constantino IX Monómaco (1042-1055), Pselo converteuse en secretario de estado e gran chanceler. Tiña nese momento uns vinte e cinco anos, e ao mesmo tempo ensinaba retórica e filosofía na Academia de Constantinopla, onde tivo entre outros discípulos a Xoán Ítalo e a Teofilacto; estaba considerado un grande helenista, constituíndose na columna vertebral do que na época dos Comnenos se denominou "Renacemento helénico".

Monómaco foi retirando aos poucos o seu favor aos eruditos do contorno de Pselo, que tiveron que tomar finalmente o hábito monástico para evitar seren perseguidos. O propio Pselo tonsurouse como monxe repentinamente a finais do ano 1054, adoptando o nome monástico de Miguel. Isto é estraño, xa que o costume bizantino era escoller un nome que comezase coa mesma letra do nome bautismal. Na súa Cronografía sinala, sorprendentemente, que o fixo malia as protestas do propio Emperador, que non quería verse privado da súa compañía. Pselo é de feito deliberadamente ambiguo ao falar sobre os motivos que o impulsaron a este retiro, e que posibelmente non tivesen que ver co Emperador senón co seu contorno cortesán, algo que explicaría que xustamente á morte de Monómaco, en xaneiro de 1055, Pselo abandonase axiña Constantinopla e se refuxiase no mosteiro da Fermosa Fonte, no Olimpo bitinio. Por entón morreu a súa nai, co que Pselo quedou privado de familia.

Vida monástica

editar

A experiencia do retiro monástico resultou moi decepcionante para Pselo, sobre todo pola ignorancia e inactividade dos seus compañeiros de hábito, aos que chamou despois xentes groseiras e incultas, verdadeiros escitas. Grande admirador de Platón e, en especial, do neoplatonismo, esforzouse por presentar esta corrente filosófica do paganismo como un esforzo imperfecto que acadou co cristianismo a súa perfecta coroación. Por iso adoptou o alegorismo como o mellor método de esexese para estudar, analizar e comentar os clásicos gregos como antes se analizaran as Sagradas Escrituras. Desa forma chegou a ver nos autores gregos unha especie de profetas do cristianismo e mesmo atopou en Homero nada menos que o misterio da Santísima Trindade. Acusado por iso de herexía, Pselo viuse de feito obrigado a acreditar a súa ortodoxia nun escrito.

Incapaz de se adaptar ao retiro monástico, e máis que probabelmente incomodado cos demais monxes, Pselo regresou á capital ese mesmo ano de 1055, cando a emperatriz Teodora, última da dinastía macedonia, o chamou ao seu lado como conselleiro. A pesar de que recuperou e mesmo incrementou a influencia perdida, fíxoo xa desde a súa condición de monxe, e a súa autoridade xa non se baseou máis en títulos ou dignidades concretas.

Intrigas cortesás

editar

Pouco antes da morte de Teodora en 1056, o consistorio de palacio obrigou a que esta designase un sucesor. O elixido, Miguel VI (1056-1057), foi coroado pouco despois. Pselo declarou na súa Cronografía ser testemuña dos conciliábulos para elixir o sucesor, pero sitúase á marxe dunha decisión que axiña se revelará efémera, pois apenas proclamado emperador Miguel, subleváronse contra el os xenerais de Asia Menor, membros de poderosas familias terratenentes descontentas co goberno de funcionarios da capital.

Cando os rebeldes, capitaneados por Isaac Comneno, chegaron ás proximidades da capital, Pselo foi enviado como embaixador polo Emperador para negociar un acordo co usurpador: nomealo César e herdeiro ao trono a cambio de pór fin das hostilidades.

Pselo, afirmou que superou o ambiente hostil dunha tenda chea de soldados inimigos, foi capaz de superar o ambiente hostil e convenceu coa súa oratoria superior aos presentes da bondade da súa proposta. Pero o feito de que a continuación Isaac o considerase o seu home de confianza ergue sospeitas sobre a xestión da súa embaixada e dúbidas acerca da súa fidelidade a Miguel, que foi derrocado en Constantinopla por sectores próximos ao patriarca Miguel Cerulario, cando o usurpador acampaba aínda á outra beira do estreito do Bósforo en compañía de Pselo.

Isaac entrou pouco despois na capital e nomeou a Pselo presidente do Senado, o que fixo evidente a todos o seu cambio de bando. As peores calidades de político sen escrúpulos de Pselo quedaron novamente patentes cando, pouco despois, aceptou o encargo do Emperador de redactar unha acusación contra o patriarca Miguel Cerulario por traizón. O patriarca, responsábel do cisma con Roma en 1054, era un home con ambicións políticas e perigosas para o poder imperial, polo que a súa deposición estaba xustificada. Porén, o singular do feito é que Pselo fose o encargado de formular os cargos a pesar da amizade que os unía e ao feito de que sobriños de Cerulario eran destacados discípulos seus. O patriarca, deposto e desterrado, morreu antes de que as acusacións de Pselo se fixesen públicas ante o sínodo convocado na capital, pero a súa deposición fixo gañar a Pselo a animadversión do pobo e prestixio ante o Emperador, que nomeou ademais patriarca a Constantino Licudes (1059-1063), vello amigo seu.

As férreas restricións de gastos decretados polo Emperador privárono do apoio dos altos cargos políticos do Corte, Pselo incluído. É posíbel por iso que, como suxire Robert Volk, a abdicación de Isaac en 1059 por mor dunha enfermidade fose estimulada por Pselo, que, como médico persoal do Emperador, esaxerou os síntomas do seu mal para facerlle renunciar ao trono. É curioso que Pselo non sinale na súa obra que Isaac morrería meses despois de abdicar.

O ascenso dos Ducas

editar

En calquera caso é evidente que a Pselo lle conviña o ascenso ao poder de Constantino X, da familia dos Ducas (1059-1067), coa que mantiña excelentes relacións desde a época de Monómaco. O novo Emperador, que inventou o novo título de hypertîmos para Pselo, tivo ao mesmo como principal conselleiro e encargoulle mesmo a educación do seu fillo e sucesor, o futuro Miguel VII Ducas.

A hostilidade da vila cara a el como responsábel da condena ao patriarca Cerulario, a dos abundantes exiliados de Isaac Comneno que regresaron co novo monarca e as presións dos relixiosos, para quen Pselo era un «apóstata», fixeron que o patriarca Constantino Licudes lle aplicase os canons dos monxes xiróvagos e Pselo viuse forzado a ingresar no mosteiro de Ta Narsu, en Constantinopla, do que non sairía ata que en setembro de 1063 un terremoto destruíu os seus muros.

As intrigas contra Pselo desatáronse abertamente cando, á morte de Constantino, a súa viúva Eudoxia (rexente do seu fillo menor de idade) seguiu confiando en Pselo para o goberno. Entón o eunuco Nicéforo acusouno de manter relacións adúlteras coa emperatriz. Non sabemos en que desembocaron estas acusacións, pero é evidente que o matrimonio de Eudoxia co xeneral Romano en 1068 non favoreceu os intereses de Miguel. Dióxenes, convertido en coemperador, desconfiaba do intrigante Pselo e temía deixalo na capital mentres el partía en campaña. O distanciamento entre ambos os dous se fixo patente cando ordenou que o acompañase na súa campaña militar contra os turcos selxúcidas do 1069, unha campaña que Pselo lle desaconsellara por precipitada. Porén, o erudito conseguiu escapulirse da expedición ao chegar a Cesarea Mazaca e regresar a Constantinopla.

Cando en 1071 Romano Dióxenes foi capturado polos turcos na catastrófica batalla de Manzikert, a súa muller Eudocia asumiu o poder no seu nome e no do seu fillo Miguel. Pselo estivo detrás desta decisión, pois foi o que instou ao César Xoán Ducas, irmán do falecido Constantino X e cabeza visíbel dos Ducas, a dar este paso, tal como sinala na súa historia. A recuperación do poder efectivo por parte da familia Ducas beneficiaba a Pselo, que era íntima amiga do César [4] e tiña unha grande influencia sobre Miguel Ducas, o seu pupilo imperial. O César foi no entanto máis alá, e ordenou encerrar a Eudoxia, a fin de contas muller de Romano, nun mosteiro, de xeito que o poder quedou exclusivamente en mans do seu sobriño Miguel.

Mentres tanto o sultán turco Alp Arslán liberara a Dióxenes, que non estaba disposto a ceder o seu poder ao seu fillastro. O conflito estaba servido. Pselo describe na súa Cronografía cal foi a súa reacción no medio desta confusión:

Eu encontreime tamén no medio daquel desconcerto xeral, cando todos me instaban a que dixese o que conviña facer. Tendo en conta que sobre todo o meu nobre e querido emperador me constrinxía e presionaba, eu declarei que non debía acoller xa máis a Romano no imperio, senón que había que desfacerse del e enviar a todas partes ordes excluíndoo do goberno.

Efectivamente, tropas enviadas desde Constantinopla derrotaron a Romano Dióxenes e, a pesar das garantías de seguridade que lle deron cando acabou rendéndose, sacáronlle os ollos. Romano morreu pouco despois a resultas das feridas: un final tráxico para un nobre xeneral e un dos capítulos máis infames da historia bizantina. Pselo foi aínda quen de lle dedicar un panexírico no que declara non saber se lamentar ou envexar o destino de Romano. Aínda que resulta difícil crer que a compaixón de Pselo cara a Romano Dióxenes fose sincera, sendo el mesmo responsábel do seu final, é posíbel que tivese remorsos e non pensase que o enfrontamento entre Dióxenes e Miguel Ducas desembocase nunha pequena guerra civil e moito menos que acabase con Romano cegado polos sicarios imperiais.

Se se identifica co Miguel de Nicomedia que cita o historiador Miguel Ataliates, Pselo morrería en abril de 1078. Ataliates, inimigo declarado do orador, escribiría o seu epitafio con estas palabras:

Pouco despois exhalou o seu último suspiro o monxe e hipértimo Miguel, que observara a fronte dos asuntos de goberno e cuxa familia procedía de Nicomedia, home desagradábel e orgulloso, que a duras penas aprobaba a munificencia do emperador.

Non sabemos en que circunstancias morreu Pselo, pero si que o seu neto, o fillo de Eufemia, vivía na penuria anos despois, ata o punto de que un dos discípulos de Pselo, Teofilacto de Ocrida, compadecido da súa sorte, se viu obrigado a pedir axuda para el.

Descrición

editar

O único retrato que conservamos do noso autor é desta época, en que se describe a si mesmo como de grande estatura, pel escura e cabelos louros, cellas rectas, ollos brillantes e un nariz aquilino do que sempre se mostrou orgulloso, ataviado co negro hábito de monxe.

O seu carácter era extremadamente veleidoso. Na súa epístola a Miguel Cerulario recoñecía:

ser un home, animal cambiante e inestábel, alma racional que se serve dun corpo, singular mestura de tendencias discordantes.

Era no trato vaidoso, fachendoso e afagador, burlón, pero tamén magnánimo e místico. Como cortesán era un político maquiavélico e sen escrúpulo ningún, un especialista na arte da inxuria cuxos desaires eran temidos, a súa mordacidade e o seu afán de polémica implacábeis. Na vida privada, en cambio, era tenro e sensíbel, «feminino», nas súas propias palabras.

Non existe ningunha lista fidedigna da obras de Pselo. Moitas permanecen aínda inéditas e outras fóronlle falsamente atribuídas.

Escribiu unha Cronografía chea de fortes críticas e que por iso foi censurada coidadosamente polo poder, malia o cal non foron cortadas as súas digresións contra monxes "folgazáns e inimigos da humanidade" ou onde lembraba que o diñeiro dos impostos non estaba destinado a manter conventos nin concubinarias do soberano, ou onde afirmaba a superioridade da república ateniense sobre o estado romano "institución de escravos e non de homes libres" e no que, por último, dicía textualmente "non estamos gobernados por Pericles nin por Temístocles, senón polos máis viles adeptos de Espártaco que compramos a prezo de ouro aos bárbaros [5].

Pselo, na súa condición de home de Estado apoleirado aos máis altos cargos, ao mesmo tempo que observou da historia da súa época, participou moi sobranceiramente nela. Iso explica, por outra banda, a parcialidade das súas opinións nesta obra, que unhas veces disimulan a verdade e outras a deforman. A obra divídese en dúas partes. A primeira foi escrita a pedimento dun amigo, probabelmente Constantino Licudes, entre 1059 e 1063, e ocúpase do período comprendido entre Basilio II e a abdicación de Isaac Comneno. A narración enriquécese a medida que van transcorrendo os reinados, en especial a partir do de Miguel V (1041-1042), no que Pselo se incorporou á corte en calidade de secretario do Emperador. A segunda parte abarca o período do goberno dos Ducas (1059-1078) e foi escrita por pedimento expreso e en vida de Miguel VII, o cal se manifesta no carácter claramente tendencioso da narración.

Interesouse ademais polo ocultismo e a maxia, a astroloxía e a adiviñación, reunindo todas estas supersticións, que seguían vivas ao empezar o segundo milenio, so o termo de caldeísmo e refutándoas en numerosas obras como contrarias á razón e ao cristianismo. Así, esforzouse en atopar explicacións racionais e científicas a fenómenos pretendidamente máxicos ou misteriosos, e aínda que non negou a existencia dos demos nin a súa capacidade para xeraren males, sostivo que o cristián debe empregar só a fe en Deus para se defender deles. E seguindo a Oríxenes, a Basilio, e a San Xoán Damasceno, afirmou que os demos teñen un corpo que utilizan unicamente para actuaren neste mundo. Tampouco rexeitou, malia o seu racionalismo filohelénico, a teoloxía mística, aínda que si a rexeitou tal e como se practicaba, entre outros lugares, no convento do monte Olimpo (Betinia), onde os monxes se persignaban con só escoitaren o nome de Platón, e tivo que defenderse da acusación de helenismo polo seu continuo uso, lectura e defensa das ideas gregas. Xifilino, reitor da Escola de Dereito de Constantinopla e amigo persoal de Pselo, acusouno mediante un escrito de querer perturbar á Igrexa mediante o seu platonismo e contaxiala coas aberracións pagás. Pselo repuxo algo hipocritamente que estudou os sistemas filosóficos pero sempre referíndoos ás Escrituras.

A filosofía de Platón era para el a máxima realización do espírito humano e o filósofo grego constitúese nun verdadeiro precursor do cristianismo, pola súa defensa da inmortalidade da alma, a súa idea da xustiza e a súa afirmación de que é posíbel elevarse máis alá dos límites da razón ata a contemplación do Un. Aristóteles, se ben merece tamén o recoñecemento de Pselo, é criticado por el por abordar os temas teolóxicos coa soa razón, sen recoñecer que ás cousas divinas se chega coa intelixencia, que está alén da razón e dos seus siloxismos. De Aristóteles rescata especialmente a súa ciencia, e sobre todo a súa lóxica, á que considera como unha preparación para asimilar a metafísica de Platón.

Como teólogo sostivo que os anxos posuían unha certa substancia material e a santidade de María no momento da súa concepción e a súa función mediadora.

Entre a obras máis suxestivas de Pselo atópase a súa colección de máis de cincocentas cartas, na súa maioría persoais e motivadas por circunstancias concretas, aínda que todas escritas con gran coidado e elegancia.

Listaxe parcial de obras

editar
  • Nocións comúns (miscelánea de reflexións sobre diversos temas teolóxicos, filosóficos e científicos).
  • Solucións breves das cuestións físicas (breve tratado no que se remonta desde o estudo dos seres sensíbeis ata a consideración do primeiro principio de todas as cousas).
  • Crisopeia (onde analiza os métodos da alquimia desde unha perspectiva científica).
  • Oráculos caldeos (resumo e comentario do libro sagrado neoplatónico homónimo, cuxo fin é comparalos coas doutrinas de Platón e co cristianismo).
  • Sobre a actuación dos demos (tratado en forma de diálogo no que enfronta o ocultismo con espírito científico).
  • Sobre a cadea de ouro (interpretación alegórica dun discurso do Xúpiter homérico).
  • Cronografía (ed. esp.: Vidas de los emperadores de Bizancio. Gredos, Madrid, 2005. ISBN 84-249-2754-0 ). (en castelán).
  1. Ostrogorsky 1983: 313
  2. Constantino era o seu nome propio; o de Miguel, co que o coñece a tradición posterior, era o seu nome monástico.
  3. Como conta el mesmo
  4. Son moitas as cartas dirixidas a el que se conservan
  5. "Cronografía, VI, 134

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Cabrera Muñoz, Emilio. Historia de Bizancio. Ariel, Barcelona, 1998. ISBN 84-344-6599-X
  • Psellos, Miguel; Juan Signes (trad.). Vidas de los emperadores de Bizancio. Gredos, Madrid, 2005. ISBN 84-249-2754-0
  • Ostrogorsky, Georges. Geschichte des byzantinischen Staates C. H. Beck, Múnic, 1940. Ed. española: Historia del Estado Bizantino. Akal, Tres Cantos, 1983. ISBN 84-7339-695-2
  • Vasiliev, Alexander. Historia del Imperio Bizantino. Iberia, Barcelona, 1946. ISBN 84-7082-095-8
  • A. Kaldellis, Anthony Kaldellis: The argument of Psellos' Chronographia, Boston 1999.
  • E. Pietsch: Die "Chronographia" des Michael Psellos: Kaisergeschichte, Autobiographie und Apologie, Wiesbaden 2005.
  • S. Papaioannou, Michael Psellos: Rhetoric and Authorship in Byzantium, Cambridge 2013.
  • F. Lauritzen, Depiction of Character in the Chronographia of Michael Psellos, Turnhout 2013.

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 2
Idea 2
idea 2
todo 10