Os monocitos son un tipo de leucocitos do sangue, que forman parte do sistema inmunitario dos vertebrados. As funcións inmunitarias dos monocitos inclúen: (1) repoñer os macrófagos residentes e células dendríticas nos seus niveis normais, e (2) en resposta aos sinais de inflamación, os monocitos poden moverse rapidamente (aproximadamente en 8-12 horas) cara aos sitios de infección nos tecidos e dividirse/diferenciarse en macrófagos e células dendríticas que efectuarán a resposta inmunitaria. Orixínanse na medula ósea e despois instálanse en diversos órganos como bazo, fígado, pulmóns, ganglios linfáticos, ósos, cavidades serosas etc. A metade dos monocitos corporais están almacenados no bazo.[1] Os monocitos identifícanse normalmente nos frotis tinguidos polos seus núcleos grandes (ocupan 2/3 da célula) cunha amosega central ou con forma de ril.

Monocitos vistos ao microscopio óptico a 40 aumentos nun rotis de sangue periférico rodeados de glóbulos vermellos.

Fisioloxía

editar
 
Monocitos con núcleo con forma de ril ou cunha amosega central.

Os monocitos prodúcense na medula ósea a partir de células troncais hematopoéticas precursoras chamadas monoblastos. Os monocitos circulan na corrente sanguínea durante dun a tres días e despois móvense normalmente aos tecidos. Supoñen do 3 ao 8 % dos leucocitos do sangue. A metade deles están almacenados como reserva no bazo formando agrupamentos nas cordas de Billroth da medula vermella dese órgano.[1] Nos tecidos os monocitos maduran en diferentes tipos de macrófagos en diferentes localizacións anatómicas. Os monocitos son as células presentes no sangue de maior tamaño.

Os monocitos que migran da circulación sanguínea a outros tecidos diferéncianse neles en macrófagos residentes ou células dendríticas. Os macrófagos son responsables da protección dos tecidos das substancias estrañas pero tamén se sospeita que son importantes na formación de importantes órganos como o corazón ou cerebro. Son células que posúen un gran núcleo, e un citoplasma con moitas vesículas para o procesamento do material externo fagocitado.

Os monocitos e a súa proxenie de macrófagos e células dendríticas desempeñan tres funcións principais no sistema inmunitario, que son a fagocitose, a presentación do antíxeno e a produción de citocinas. A fagocitose é o proceso de captación e introdución na célula de microbios e partículas seguida da súa dixestión e destrución. Os monocitos poden levar a cabo a fagocitose utilizando proteínas intermediarias, como os anticorpos ou sistema do complemento que cobren a superficie dos patóxenos (opsonización), e pola unión directa co microbio por medio de receptores de recoñecemento de patrón, que recoñecen aos patóxenos. Os monocitos poden tamén matar ás células hóspedes infectadas por medio da chamada citotoxicidade celular mediada por anticorpos. Pode presentarse vacuolización na célula despois da fagocitose.

Os fragmentos microbianos que quedan despois da súa dixestión na célula poden servir como antíxenos. Os fragmentos poden incorporarse ás moléculas do complexo maior de histocompatibilidade (CMH ou, en inglés, MHC) e ser levadas á superficie dos monocitos (e macrófagos e células dendríticas), onde quedan expostos. Este proceso denomínase presentación do antíxeno e leva á activación dos linfocitos T, os cales despois desencadean a resposta inmunitaria específica contra o antíxeno.

Outros produtos microbianos poden activar directamente os monocitos e orixinar a produción de substancias proinflamatorias e algo despois de citocinas antiinflamatorias. Xeralmente as citocinas típicas producidas polos monocitos son o factor de necrose tumoral (TNF), a interleucina-1 (IL-1) e a interleucina-12 (IL-12).

Subpoboacións de monocitos

editar

Hai polo menos tres tipos de monocitos no sangue humano [2]:

a) os monocitos clásicos están caracterizados polo alto nivel de expresión do receptor de superficie CD14 (son os monocitos CD14++ CD16-)

b) os monocitos non clásicos tamén expresan o CD14 pero cun baixo nivel de expresión, e ademais expresan o coreceptor CD16 intensamente (son os monocitos CD14+CD16++).[3]

c) os monocitos intermedios mostran un alto nivel de expresión do CD14 xunto coa expresión a baixo nivel do CD16 (son os monocitos CD14++CD16+).

Parece haber unha relación no desenvolvemento dos distintos tipos na que os monocitos clásicos orixinan os monocitos intermedios, os cales se converten en monocitos non clásicos CD14+CD16++. Por tanto, os monocitos non clásicos poden representar unha forma máis madura destas células. Despois da estimulación con produtos microbianos os monocitos CD14+CD16++ producen grandes cantidades de citocinas proinflamatorias como o factor de necrose tumoral e a interleucina-12. Os investigadores Said et al. atoparon que os monocitos activados expresan altos niveis de PD-1, o cal pode explicar a maior expresión do PD-1 nos monocitos CD14+CD16+ comparada coa dos monocitos CD14+CD16-. A activación do PD-1 expresado polos monocitos polo seu ligando PD-L1 induce a produción de IL-10, o cal inhibe a función das células T CD4+.[4]

Uso diagnóstico

editar
 
Valores de referencia para as análises de sangue de glóbulos brancos, na que se compara a cantidade de monocitos (en verde) con outras células.
 
Imaxe de microscopio electrónico de varrido de sangue circulante humano normal. Pódense ver glóbulos vermellos, varios glóbulos brancos con superficies nodulosas entre as que hai linfocitos, un monocito, un neutrófilo, e moitas plaquetas discoidais pequenas.

A contaxe de monocitos forma parte do reconto sanguíneo total ou hemograma, e pode expresarse como a proporción de monocitos con respecto aos leucocitos, ou como cantidades absolutas. Esta contaxe é moi útil no diagnóstico de moitas enfermidades.

Monocitose

editar

A monocitose é un estado que consiste nun exceso de monocitos no sangue periférico. Pode ser indicativo de varias enfermidades. Exemplos de procesos que poden incrementar a contaxe de monocitos son:

En casos de infeccións graves (sepsia) aparece unha contaxe elevada de monocitos CD14+CD16+ [5], entanto que unha contaxe baixa de ditas células aparece despois de terapias con glicocorticoides inmunosupresores [6]

Monocitopenia

editar

A monocitopenia é unha forma de leucopenia asociada coa deficiencia de monocitos.

Células dendríticas e monocitos

editar

Os monocitos poden utilizarse para xerar células dendríticas in vitro engadindo citocinas como o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF) ou a IL-4.[7]

  1. 1,0 1,1 Swirski FK, Nahrendorf M, Etzrodt M, Wildgruber M, Cortez-Retamozo V, Panizzi P, Figueiredo J-L, Kohler RH, Chudnovskiy A, Waterman P, Aikawa E, Mempel TR, Libby P, Weissleder R, Pittet MJ. (2009). Identification of Splenic Reservoir Monocytes and Their Deployment to Inflammatory Sites. Science, 325: 612-616. doi 10.1126/science.1175202 PMID 19644120
  2. Loems Ziegler-Heitbrock, Petronela Ancuta, Suzanne Crowe, Marc Dalod, Veronika Grau, Derek N. Hart, Pieter J. M. Leenen, Yong-Jun Liu, Gordon MacPherson, Gwendalyn J. Randolph, Juergen Scherberich, Juergen Schmitz, Ken Shortman, Silvano Sozzani, Herbert Strobl, Marek Zembala, Jonathan M. Austyn, Manfred B. Lutz. Nomenclature of monocytes and dendritic cells in blood. Blood. doi: 10.1182/blood-2010-02-258558. October 21, 2010 vol. 116 no. 16 e74-e80. [1] Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
  3. Ziegler-Heitbrock, L: The CD14+ CD16+ Blood Monocytes: their Role in Infection and Inflammation, Review. J Leukocyte Biology, 81:584, 2007
  4. Elias A. Said et al. 2009, PD-1 Induced IL10 Production by Monocytes Impairs T-cell Activation in a Reversible Fashion. Nature Medicine. 2010; 452-9.
  5. Fingerle, G., Pforte, A., Passlick, B., Blumenstein, M., Ströbel, M., Ziegler-Heitbrock, H.W.L.: The novel subset of CD14+ CD16+ blood monocytes is expanded in sepsis patients. Blood, 82: 3170-3176, 1993
  6. Fingerle-Rowson, G., Angstwurm, M., Andreesen, R., Ziegler-Heitbrock, H.W.L.:Selective depletion of CD14+ CD16+ monocytes by glucocorticoid therapy.Clin. Exp. Immunol., 112: 501-506, 1998
  7. Sallusto F, Cella M, Danieli C, Lanzavecchia A (1995). "Dendritic cells use macropinocytosis and the mannose receptor to concentrate macromolecules in the major histocompatibility complex class II compartment: downregulation by cytokines and bacterial products" (PDF). J. Exp. Med. 182 (2): 389–400. PMC 2192110. PMID 7629501. doi:10.1084/jem.182.2.389. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Done 1
orte 2