Monte do Castro

monte e parque en Vigo

O monte do Castro é un outeiro de 149 m no que nas súas abas se sitúa a cidade de Vigo. Constitúe un dos maiores parques da cidade tras o de Castrelos. Inclúe ademais dunha boa mostra de especies botánicas, diversos monumentos, unha fortaleza no cumio convertida en miradoiro, e un museo a ceo aberto do poboado castrexo, orixe da vila. Ten unha superficie total de 21 hectáreas.

Modelo:Xeografía físicaMonte do Castro
Imaxe
Tipomontaña Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaVigo, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°13′54″N 8°43′35″O / 42.23176499, -8.72631492
Áncoras, monumento aos galeóns de Rande.
o monte na primeira fotografía coñecida de Vigo, de 1867.[1]

Historia

editar

O monte do Castro era chamado antigamente monte Feroso ou Terroso.[2][3]

O espazo foi noutrora o lugar dun antigo poboado fortificado (castro) do que se pode apreciar hoxe unha parte escavada en distintas intervencións arqueolóxicas, con varias construcións circulares (prerromanas) e cuadrangulares (forma proveniente da romanización). O Castro de Vigo está datado entre os séculos II antes de Cristo ao III despois de Cristo[4]O mundo castrexo coincide coa chamada Idade de Ferro en Galicia e a romanización nos seus albores. No parque tamén se poden contemplar os restos dunha das fortificacións do século XVII que formaban parte -xunto co próximo castelo de San Sebastián e as murallas que rodeaban a cidade antiga- da estrutura defensiva de Vigo.

 
Vista do castro.

O monte do Castro é o punto de orixe da cidade de Vigo, o lugar onde os primeiros poboadores se asentaron. Así podemos atopar restos castrexos datados do século II e III a. C. Hoxe en día aínda se conservan unhas 45 construcións pétreas na aba dereita do monte.

Na Idade Media construíuse o Castelo do Castro que coroa a cima do Castro, agora convertido en miradoiro. Nel podemos atopar o monumento dedicado ao pulo vigués e aos canteiros. En 1934 o monte foi cedido á cidade de Vigo polo Ministerio de Guerra. Decidiuse converter en parque polo que se plantaron especies arbóreas ornamentais e exóticas. Nese momento escávase o castro.

Nos primeiros anos do século XXI a escavación arqueolóxica é restaurada e convertida nun museo a ceo aberto.

Características

editar
 
Cruz dos Caídos e escalinata.

Vigo defínese pola inclinación das súas rúas cara ao mar, o monte do Castro (149 m) é un deses puntos elevados da cidade dende o que se olla toda a ría.

Na vertente oeste, fica o castro que dá nome ao recinto. O poboado prehistórico sorprende pola proximidade coas casas. Encóntrase parcialmente escavado con predominio das edificacións circulares. Esta parte do parque está ocupada por un amplo piñeiral.

Sen dúbida, a coroa do monte presidida pola fortaleza que se conserva íntegra é un dos puntos de maior interese. No seu perímetro encóntranse múltiples elementos da antiga construción defensiva nun espazo axardinado e dotado dunha fonte central. Dende o miradoiro hai unha boa panorámica sobre a baía.

Até esta contorna hai unha senda botánica das frondosas do parque que sinaliza o percorrido por máis de trinta especies diferentes. Esténdese principalmente polo lado meridional e o paseo Rosalía de Castro, que arrodea o centro do parque e comunica varios establecementos hostaleiros.

Ademais dos paseos, O Castro contén un gran número de instalacións de lecer urbano. Na vertente oriental ou paseo dos Cedros atópase a zona de recreo infantil denominada parque Charlie Rivel, onde se atopa unha pista de patinaxe e skate, unha pista-circuíto de bicicletas con semáforos, dous parques infantís, dúas cafetarías, un parque botánico e un pequeno encoro de parrulos.

Patrimonio natural

editar

O Castro é un magnífico parque botánico, con gran variedade de especies tanto autóctonas como foráneas. Cómpre destacarmos que o monte ficaba completamente desarborado até mediados do século XX, como amosan as fotografías antigas, especialmente da feira de gando que se celebraba onde hoxe está a praza do Rei e a casa do concello. Estaba cuberto de vexetación arbustiva atlántica empregada coma estrume: uces, queiroas, toxos e xestas.

No momento que se estudou coma parque comezaron a se plantar especies ornamentais, hoxe convertidas en destacados exemplares de piñeiros, cedros e camelias principalmente. Tamén atopamos tileiros (principalmente nos paseos), carballos, xinkgos etc.

A respecto da fauna, ademais de numerosos paxaros, en ocasións téñense visto esquíos e incluso no estío unha pequena ave rapaz nocturna chamada moucho de orellas (Otus scops ).

Patrimonio histórico artístico

editar
 
Parque alta da fortaleza e miradoiro.

No parque atopamos unha vintena de esculturas. Encóntrase un monumento dedicado a Curros Enríquez, un dos máximos representantes da literatura galega do século XIX; un monumento dedicado ao trobador medieval Martín Codax, así coma diferentes pezas pétreas de animais, coma un oso ou unha xirafa. Quizais o monumento máis salientábel do parque é o dedicado á batalla de Rande de 1702, un pequeno encoro con tres grandes áncoras atopadas no leito do estreito completado con cinco canóns recuperados de buques naufragados na ría. Na aba cara á praza do Rei e a avenida das Camelias áchase a polémica Cruz dos Caídos, monumento franquista en honra aos caídos durante a Guerra Civil española, coa súa grande escalinata que ascende até os pés da fortaleza. No alto da fortaleza, no medio dun encoro áchase o monumento "O Empuxe Vigués", de Camilo Nogueira Martínez (1969).

Cómpre mencionar tamén a existencia de pasadizos soterrados que comunicaban con diferentes puntos da vila no século XVII e que serviron coma punto de execucións durante a Guerra Civil Española.

Existía no alto do monte un edificio do século XX de perpiaño e ameado acaroado á fortaleza (chamado "El Castillo"), que até hai pouco fora un coñecido restaurante da cidade. Desde finais do século XX estaba en ruínas e agochaba parte da muralla. A finais de 2013 por orde do Concello de Vigo iníciase o derrubamento do edificio.[5]

Fortaleza

editar
Artigo principal: Fortaleza do Castro.

O Castelo do Castro, do século XVI, formaba parte do sistema defensivo da cidade. Construíuse na Idade Media ao mesmo tempo que a Fortaleza de San Sebastián e mais a fortaleza que unía ambas as fortificacións. A fortaleza do Castro estaba formada por tres recintos amurallados. Na actualidade só se conserva o primeiro recinto e parte do segundo; o terceiro, que sería a muralla da cidade, desapareceu na súa totalidade. O primeiro recinto é a fortaleza que coroa o cumio do Castro, agora convertida en miradoiro. O segundo recinto é a fortaleza de San Sebastián, na actualidade ocupado pola praza do Rei e a casa consistorial. Atopáronse pasadizos e túneles que comunicaban os castelos entre si e coa cidade.

Ten forma poligonal e está construída en fábrica de perpiaño de granito. Áchase aberta ao público, sendo un dos lugares de máis interese do parque. Por unha banda polo miradoiro, con excelentes vistas á ría, pola outra, pola ruta botánica e os xardíns da parte alta, onde salienta a fonte e a escultura do “empuxe vigués” de Camilo Nogueira Martínez, símbolo da vila. A fortaleza atópase baixo protección de Patrimonio Histórico Español.

Poboado castrexo

editar
Artigo principal: Castro de Vigo.

O sitio está aberto á visita pública dende febreiro de 2010.

Aínda que existen accesos rodados, o principal ascenso a pé parte da Praza do Rei xunta a casa do Concello, onde ata os anos 70 se conservou o castelo de San Sebastián do que na actualidade só son visibles fragmentos da muralla. Unha longa escalinata con descansos e miradoiros propician un ascenso sen présas.

Servizos: Castro, fortaleza. Miradoiros. Xogos infantís. Rótulos botánicos (Ruta das frondosas). Merendeiros. Aparcadoiro. O parque está aberto sempre ao público de xeito gratuíto. A visita do sitio do Castro ten un horario:

  • Horario de Inverno (outubro - abril): mércores a domingo de 11 a 13 horas polas mañás e de 16 a 18 horas polas tardes.
  • Horario de Verán (maio - setembro): mércores a domingo de 11 a 13 horas polas mañás e de 17 a 19 horas polas tardes.
  • Visitas guiadas gratuítas: Teléfono de información cidadá 010.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 1
mac 1
os 105
todo 1
web 1