Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro

mosteiro en Cervás, Ares

O mosteiro de Santa Catarina de Montefaro, situado na parroquia de Cervás do concello de Ares, foi fundado no século XIV polo conde Fernán Pérez de Andrade.

Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro
Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro en 2017.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoMosteiro
LocalizaciónCervás (Ares)
Coordenadas43°27′02″N 8°16′55″O / 43.45055556, -8.28194444
Estiloarquitectura barroca
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar
 
Patio do mosteiro.

Foi Fernán Pérez de Andrade, O Boo o que no 3 de agosto do ano 1393[1] fundou sobre a primitiva construción o que sería o convento da Orde Terceira de San Francisco, mediante documento asinado polo Arcebispo compostelán Juan García Manrique, en Burgos. Nel concedía a Fernán Pérez e á Orde de San Francisco abondosos privilexios económicos que, sumados ás terras da península de Ares e Mugardos, doadas á casa de Andrade por Henrique II no 1371, dotan ao primeiro abade do mosteiro, frei Lope Manteiga, do control eclesiástico sobre as parroquias de Cervás, Caamouco, a ermida de Chanteiro, Franza, o termo do actual concello de Mugardos, e parte dos de Miño, Narón, Neda e Ferrol.

O enorme peso do mosteiro na vida dos habitantes da vila e terras de Mugardos, ampliado durante os séculos XVI e XVII, atopou a oposición da veciñanza a fins do século seguinte, cando se produce a conversión de Ferrol en arsenal e praza forte polos reformistas borbónicos en 1757. No seu apoxeo contou con 30 relixiosos.

Os franciscanos desaparecen de Montefaro coa desamortización de Mendizábal en 1837, pasando as súas terras ao exército, que instala alí unha dotación estable. O seu uso militar mantívose ata o 2000 e a propiedade foi transferida o concello de Ares en 2002.[2] En xullo de 2024 un incendio provocou escasos danos materiais.[3]

Descrición

editar

A persistencia do románico en Galicia en períodos nos que o gótico era xa utilizado noutras zonas, conforma en Montefaro unha construción de transición desvirtuada por reformas posteriores no século XVIII, e pola súa adaptación a usos militares. Da fábrica de 1393 só se conserva unha magnífica portada ao fondo do segundo claustro; tres vans cubertos por unha arcada dobre entrecruzada, de arquivoltas apuntadas, que se apoia sobre columnas pareadas, con capiteis de decoración zoomórfica e pasaxes da vida de San Francisco. Nas basas predominan as vieiras de adscrición xacobea.

 
Acroterio do século XIV da igrexa do mosteiro, exposta no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

As obras realizadas polo exército sacaron á luz gran cantidade de restos escultóricos de factura semellante á citada portada: capiteis, lápidas sepulcrais, cabezas de estatuas, canzorros e fragmentos de arcos, que tras estar varios anos adornando a alameda de acceso ao mosteiro - Cuartel trasladáronse ao Museo do Castelo de San Antón na Coruña.

Do mesmo xeito das obras dunha galería de tiro foron extraídas unhas pedras talladas que pertencían probablemente a unha capela exenta, dada a distancia do edificio principal. De finais do século XVI acháronse, na reconstrución do claustro unhas pinturas renacentistas, en mal estado, representando franxas verticais con motivos vexetais xeométricos.

A antiga igrexa conventual debeu ter planta de cruz latina, substituída no século XVIII por nave única con cuberta de bóveda de canón sobre arcos doelados e lunetos sobre o altar maior. O retablo que a preside de madeira estufada e policromada, reproduce un esquema barroco con retoques posteriores: As antigas imaxes están en igrexas ferrolás. Son barrocos os dous claustros, con arcadas de medio punto sobre fiestras rectangulares, entaboamento dórico e columnata de pilastras. A torre de formas macizas, coróase cunha balaustrada e un ciborio, cun marcado carácter churrigueresco.

Dun dos seus vans foi trasladada á Alameda unha estatua de San Francisco sen cabeza que se atribúe a Mateo de Prado. Unha figura zoomorfa, animal heráldico da casa de Andrade, emprázase no exterior da capela.

  1. Gran enciclopedia Galega Silverio Cañada 30. El Progreso-Diario de Pontevedra. 2005. p. 138. 
  2. Redacción (2017-04-13). "Santa Catalina de Montefaro, en Ares, outro mosteiro galego que morre de abandono". Historia de Galicia. Consultado o 2024-07-24. 
  3. "Controlado un incendio desatado no mosteiro de Santa Catalina, en Ares". Galicia Confidencial. Consultado o 2024-07-24. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 1