Musas

deusa inspiradora da música e as artes e as ciencias
(Redirección desde «Musa»)

Para o xénero de plantas bananeiras véxase Musa (planta). Para o militar musulmán véxase Musa ibn Nusayr.

Na mitoloxía grega as musas (en grego Μοῦσαι Mousai) eran, segundo os escritores máis antigos, as deusas inspiradoras da música e, segundo as nocións posteriores, divindades que presidían os diferentes tipos de poesía, así como as artes e as ciencias. Orixinalmente foron consideradas ninfas inspiradoras das fontes, preto das cales eran adoradas, e levaron nomes diferentes en distintos lugares, ata que a adoración tracio-beocia das nove Musas estendeuse dende Beocia ao resto das rexións de Grecia e ao final quedaría xeralmente establecida.

Aínda que na mitoloxía romana terminaron sendo identificadas coas Camenas, ninfas inspiradoras das fontes, en realidade pouco tiñan que ver con elas.

Xenealoxía

editar
 
Musas.
 
As Musas con Apolo.

A xenealoxía das Musas non é a mesma en tódalas fontes. A noción máis común é que eran fillas de Zeus, rei dos olímpicos, e Mnemósine, deusa da memoria, e que naceron en Pieria (Tracia), ao pé do monte Olimpo, polo que ás veces se lles chamaba Piérides, pero algúns autores como Alcmán, Mimnermo e Praxila considerábanas máis primordiais, fillas de Urano e Gaia. Pausanias explica que había dúas xeracións de Musas, sendo as primeiras e máis antigas fillas de Urano e Gaia e as segundas de Zeus e Mnemósine.

Outras versións afirmaban que eran fillas:

  • De Píero e unha ninfa pimplea (polo que ás veces se lles chama Pimpleas) á que Cicerón chama Antíope.
  • De Apolo.
  • De Zeus e Plusia.
  • De Zeus e Moneta, probablemente unha simple tradución de Mnemósine ou Mneme, de onde son chamadas Mnemónides.
  • De Zeus e Minerva.
  • De Éter e Gaia.

Considerábase a Eufeme ama de cría das Musas e ao pé do monte Helicón a súa estatua aparecía xunto á de Lino.

Sobre o seu número

editar
 
Tres musas nun baixorrelevo de Mantinea atribuído ao obradoiro de Praxíteles, século IV adC.

Por Pausanias sabemos que orixinalmente se adoraba a tres Musas no monte Helicón en Beocia: Meletea (“meditación”), Mnemea (“memoria”) e Aedea ou Aoide (“canto”, “voz”). Dicíase que o seu culto e nomes foran introducidos por ver primeira por Efialtes e Oto. Xuntas formaban o retrato completo das precondicións para a arte poética nas prácticas relixiosas.

Tamén se recoñecía a tres en Sición, onde unha delas levaba o nome de Polimatía, e en Delfos, onde os seus nomes eran idénticos aos das tres cordas da lira, é dicir, Nete, Mese e Hípate, ou Cefiso, Apolonis e Boristenis, que eran os nomes que as caracterizaban con fillas de Apolo.

Como fillas de Zeus e Plusia áchanse menciones a catro Musas: Telxínoe (“deleite do corazón”), Aedea, Arque (“comezo”) e Meletea. Algunhas fontes, nas que outra vez son consideradas fillas de Píero, mencionan sete musas: Neilo, Tritone, Asopo, Heptapora, Achelois, Tipoplo e Rhodia, e para rematar outras mencionan oito, que tamén se di que era o número recoñecido en Atenas.

As nove musas canónicas

editar
 
As nove musas canónicas: (de izq. a der.) Clío, Talía, Erato, Euterpe, Polimnia, Calíope, Terpsícore, Urania e Melpómene

Ao final terminaría consolidándose en toda Grecia o número de nove Musas. Homero menciona unhas veces a unha Musa (singular) e outras a unhas Musas (plural), pero só unha vez (A Odisea XXIV.60) di que eran nove, pero non menciona ningún dos seus nomes. Hesíodo (Teogonía 77 e sig.) é o primeiro que dá os nomes das nove, que a partir de entón pasaron a ser recoñecidos. Plutarco afirma que nalgúns lugares as nove eran chamadas polo nome común de Mneiae, “recordos”.

 
Calíope.

As nove musas canónicas son:

  • Calíope (Καλλιόπη, “a de belo rostro”).
  • Clío (Κλειώ, “a que celebra”).
  • Erato (Ἐρατώ, “amorosa”).
  • Euterpe (Ευτέρπη, “deleite”).
  • Melpómene (Μελπομένη, “cantar”).
  • Polimnia (Πολυμνία, “moitos himnos”).
  • Talía (θάλλεω, “florecer”).
  • Terpsícore (Τερψιχόρη, “deleite da danza”).
  • Urania (Ουρανία, “celestial”).

Malia a estendida crenza, non había correlación entre as artes tradicionais (que por outra banda eran seis) e as Musas, sendo tal asociación unha innovación posterior.

Representacións artísticas

editar

Nas obras de arte máis antigas atópanse só tres Musas e os seus atributos son instrumentos musicais, tales como a frauta ou a lira.

Na arte romana, renacentista e neoclásica, cada unha das noves Musas recibían ao ser representadas en esculturas ou pinturas atributos e actitudes diferentes, en función da disciplina artística ou científica coa que eran asociadas, o que permitía distinguilas:

 
Erato.
  • Calíope (poesía) aparece cunha taboíña e un estilete, e ás veces cun pergamiño.
  • Clío (historia) aparece sentada, cun pergamiño aberto ou un cofre de libros.
  • Erato (poesía lírica) leva unha lira.
  • Euterpe (música) cunha frauta.
  • Melpómene (traxedia) cunha máscara tráxica, a cabeza rodeada de follas de parra e levando coturnos.
  • Polimnia (poesía sacra) aparece con xesto serio.
  • Terpsícore (danza) aparece cun instrumento musical de corda (a lira ou a viola) e ás veces bailando.
  • Talía (comedia) aparece cunha máscara cómica.
  • Urania (astronomía) cun compás e un globo celeste.

Nalgunhas representacións as Musas aparecen con plumas sobre as súas cabezas, aludindo á competición coas Sirenas. Tamén aparecían en ocasións acompañadas de Apolo.

 
Terpsichore.

Nos poemas homéricos considérase ás Musas deusas da música e a poesía que viven no Olimpo (A Ilíada ii.484). Alí cantan alegres cancións nas comidas dos deuses (A Ilíada I.604, Himno a Apolo Pitio 11), e no funeral de Patroclo cantaron queixumes (A Odisea XXXIV.60; comp. Píndaro, Ístmicas VIII.126).

O poder que se lles atribúe con máis frecuencia é o de traer á mente do poeta mortal os acontecementos que ha de relatar, así como outorgarlle o don do canto e darlle elegancia ao que recita (A Ilíada II.484, 491, 761, A Odisea I.14, VIII.63 e sig., 481, 488; Eustaquio, Sobre Homero p. 259). Non hai razón para dubidar de que os poetas máis antigos eran sinceros na súa invocación ás Musas e que realmente se crían inspirados por elas, pero en épocas posteriores, do mesmo xeito que na actualidade, tal invocación é unha mera imitación. (Véxase Funcións na literatura.)

Como os poetas e os bardos obtiñan o seu poder das Musas, e aínda que a idea máis xeral é que, como as demais ninfas, eran divindades virxinais, algúns eran con frecuencia chamados os seus discípulos ou fillos (Hom. Od. VIII.481, 'Hymn. in Lun. 20; Hes. Theog. 22; Pind. Nem. iii.1; Serv. ad Virg. Georg. ii.476):

  • Lino é chamado fillo de Anfímaro e Urania (Paus. IX.29 §3) ou de Apolo e Calíope ou de Terpsícore (Apolodoro I.3 §2).
  • Xacinto, fillo de Píero e Clío (Apolodoro I.3 §3).
  • Orfeo, de Calíope ou Clío.
  • Tamiris, de Erato.

Da estreita relación existente en Grecia entre a música, a poesía e a danza pode tamén inferirse que unha das ocupacións das Musas era o baile. Como eran adoradas no monte Helicón, asociábanse con Dioniso e a poesía dramática, e por isto eran descritas como as súas acompañantes, compañeiras de xogo ou aias.

Tamiris, que presumiu de superar ás Musas, foi privada por estas do don que lle outorgou, e castigárona coa cegueira (Hom. IL. II.594 e sig.; Apolodoro I.3 §3). As Sirenas, que igualmente se atreveron a competir con elas, foron privadas das plumas das súas ás, que as propias musas se puxeron como adorno (Eutath. ad Hom. p.85), e as nove fillas de Píero, que presumiron de rivalizar coas Musas, foron transformadas en paxaros (Anton. Lib. 9; Ov. Met. V.300 e sig.).

Apolo e Marsias

editar
 
Clío.

Ao ser deusas do canto, están naturalmente relacionadas con Apolo, o deus da lira, que como elas instruía aos bardos, e é mencionado con elas mesmo por Homero [1]. En épocas posteriores Apolo é situado en moi estreita relación coas Musas, pois é descrito como o xefe do coro das Musas polo epíteto Μουσαγέτης [2].

Outra característica máis das Musas é o seu poder profético, que lles pertence en parte porque eran consideradas como ninfas inspiradoras e en parte pola súa relación co deus profético de Delfos. Por iso é polo que instrúen, por exemplo, a Aristeo na arte da profecía [3].

Apolo era considerado o xefe do coro das Musas. Grazas á intervención destas, levaba a cultura e inspiraba creativamente aos humanos. Viaxaron xuntos en Pegaso esparexendo a cultura e as artes por toda Arcadia.

Marsias era un pastor frixio (noutras versións, un sátiro) que desafiou a Apolo a un concurso de música. Atopara un aulos inventado por Atenea que esta tirara porque lle provocaba inchazón nas súas fazulas. Apolo tocou a súa lira e Marsias a frauta, e ambos tocaron tan ben que nin Midas, ao que invitara como xuíz, nin as Musas puideron decretar un vencedor. Entón Apolo retou a Marsias a tocar o instrumento do revés: el virou a súa lira e tocou, pero o aulos non podía tocarse do revés. Entón as Musas declararon vencedor a Apolo, pero Midas obxectou contra este veredicto. As Musas estaban en maioría e negáronse a ceder. Apolo, para castigar a Marsias pola súa soberbia e audacia ao retar a un deus, atouno a unha árbore e esfolouno vivo, dando o seu sangue orixe ao río Marsias (noutras versións, os faunos, os sátiros e as dríades choraron tanto por el que foron as súas bágoas as que procrearon o río). Seguidamente tocou a cabeza de Midas, e as orellas deste creceron ata seren como as dun burro.

As Piérides

editar

Segundo a lenda, as Piérides eran nove doncelas fillas do rei Píero de Pieria, en Tracia, moi hábiles na arte do canto que, orgullosas do seu talento, desafiaron ás Musas. As ninfas do Parnaso foron nomeadas xuíces, e como era de esperar fallaron a favor das Musas. Estas castigaron ás Piérides transformándoas en pegas, tornando así as súas voces en grallos.

Tras ser asasinado por Dioniso, as Musas recolleron os anacos do cadáver de Orfeo, fillo de Calíope, e soterrárono ao pé do sagrado monte Olimpo, onde se di dende entón que os reiseñores cantan con máis dozura ca en ningún outro lugar.

Tamiris

editar

Tamiris, lendario cantor fillo de Filamón e a ninfa Arxiope, desafiou ás Musas, esixindo, de saír vencedor, unirse sucesivamente coas nove. As Musas venceron, e cegaron a Tamiris.

Funcións na sociedade

editar

A palabra grega mousa é un substantivo común ademais dun tipo de deusa: significa literalmente “canción” ou “poema”. A palabra deriva probablemente da raíz indoeuropea *men-, que é tamén a orixe do grego Mnemósine, do latín Minerva, e das palabras mente e museo.

As Musas eran xa que logo as personificacións e as patrocinadoras das representacións de discursos en verso ou musiké (de onde provén «música»), “arte das Musas”. No período arcaico, antes de que os libros estivesen amplamente dispoñibles, isto incluía case tódalas formas de ensino: o primeiro libro grego de astronomía, por Tales, estaba escrito en hexámetros dactílicos, ao igual camoitas outras obras da filosofía presocrática. Tanto Platón como os pitagóricos incluían explicitamente a filosofía como un subxénero de mousike (Estrabón X.3.10). Herodoto, cuxo principal medio de expresión era a recitación pública, chamou a cada un dos nove libros dos seus Historias co nome dunha Musa diferente.

Para o poeta e lexislador Solón (frag. 13), as Musas era «a clave da boa vida», pois traían tanto a prosperidade como a amizade. Solón buscou a perpetuación das súas reformas políticas a través do establecemento da declamación da súa poesía (completada con invocacións ás súas Musas prácticas) por parte de mozos atenienses nos festivais de cada ano.

Funcións na literatura

editar

As Musas son invocadas tipicamente ao principio dun poema ou historia clásica grega. Servían de axuda a un autor, ou como auténtico orador do que o autor non era máis que a voz. Orixinalmente a invocación ás musas era unha indicación de que o orador se movía na tradición poética, de acordo ás fórmulas establecidas.

Dous exemplos clásicos son o libro I de A Odisea de Homero:

«Cóntame, Musa, a historia do home de moitos carreiros,
que, logo de destruír a sacra cidade de Troia,
andou peregrinando longuísimo tempo»

e o canto II do Inferno de A Divina Comedia de Dante:

«¡Oh musas, oh altos xenios, axudádeme!
¡Oh memoria que apunta o que vin,
agora verase a túa auténtica nobreza!»

Culto ás Musas

editar

A adoración das Musas sinala orixinalmente a Tracia e Pieria sobre o monte Olimpo, dende onde foi introducida a Beocia, de tal forma que os nomes das montañas, grutas e fontes relacionados co seu culto foron igualmente transferidos do norte ao sur.

Preto do monte Helicón, dicíase que Efialtes e Oto lles ofreceron os primeiros sacrificios, e no mesmo lugar había un santuario coas súas estatuas, as fontes Aganipe e Hipocrene, e sobre o monte Leibethrion, que está relacionado co Helicón, había unha gruta consagrada a elas (Paus. IX.29 §1 e sig., 30 §1, 3; Strab. pp. 410, 471; Serv. ad Virx. Eclog. X.11).

Dicíase que Píero, un macedonio, foi un dos primeiros en introducir a adoración ás nove Musas dende Tracia a Tespias, ao pé do monte Helicón (Paus. IX.29 §2). Alí había un templo e estatuas, e os tespios celebraban un solemne festival das Musas no monte Helicón, chamado “”“”“”“ (Paus. IX.27 §4, 31 §3; Pind. Fragm. p.656, ed. Boeckh; Diod. XVII.16).

O monte Parnaso estaba de igual forma consagrado a elas, coa fonte de Castalia, preto da cal tiñan un templo (Plut. De Pyth. Orac. 17). Dende Beocia, que se converteu xa que logo no centro de adoración das nove Musas, estendeuse máis tarde nas rexións adxacentes e máis distantes de Grecia. Por isto atópase un templo das Musas na Academia de Atenas (Paus. i.30 §2); ofrecíanselles sacrificios en Esparta antes de ir á batalla (iii.17 §5); en Troezene, onde o seu culto foi introducido por Ardalo, ofrecíanselles sacrificios xunto con Hipnos, o deus do soño (Paus. III.31 §4 e sig.); en [[Corinto antiga|Corinto]] Peirene, a fonte de Pegaso, estaba consagrada a elas (Pres. Sae. Prol. 4; Stat. Silv. II.7.1); en Roma tiñan un altar en común con Hércules e posuían un templo en Ambracia adornado coas súas estatuas (Plut. Quaest. Rom. 59; Plin. H.N. XXXV. 36). Os sacrificios que se lles ofrecían consistían en libacións de auga ou leite e de mel (Schol. ad Soph. Oed. Col. 100; Serv. ad Virg. Eclog. VII.21). Os diversos epítetos cos que eran designadas polos poetas proceden na súa maior parte dos lugares que lles estaban consagrados ou nos que eran adoradas, aínda que algúns aluden á dozura das súas cancións.

Cando Pitágoras chegou a Crotón, o seu primeiro consello aos crotonienses foi construír un altar ás Musas no centro da cidade, para impulsar a harmonía cívica e a aprendizaxe.

Os cultos locais ás Musas adoitaban estar asociados con mananciais ou fontes. Ás veces eran chamadas Aganípedas debido á súa relación cunha fonte chamada Aganipe. Outras fontes, chamadas Hipocrene e Pirene eran tamén importantes para as Musas. Tamén eran chamadas ás veces ninfas Corícides ou Coricianas por unha cova no monte Parnaso chamada Coricia.

As Musas eran especialmente veneradas en Beocia (polo que recibían o sobrenome latino de aeonides, "fonte”) preto de Helicón, e en Delfos e o Parnaso, onde Apolo chegou a ser coñecido como xefe das Musas.

A adoración ás Musas adoitaba estar tamén relacionada co culto heroico de poetas: tanto a tumba de Arquiloco en Tasos como as de Hesíodo e Tamiris (a quen cegaron) en Beocia albergaban festivais nos cales as declamacións poéticas eran acompañadas de sacrificios ás Musas.

A biblioteca de Alexandría e o seu círculo de investigadores formáronse ao redor dun mousaion (“museo” ou altar das Musas) próximo á tumba de Alexandre Magno.

Moitas figuras da Ilustración buscaron restablecer un «Culto ás Musas» no século XVIII. Unha famosa loxa masónica no París prerevolucionario era chamada Neuf Seurs[1] (“nove irmás”, é dicir, nove Musas), e a ela asistiron Voltaire, Benxamín Franklin, Danton e outros personaxes influentes da época. Un efecto secundario deste movemento foi o uso da palabra museo (orixinalmente, “lugar de culto ás Musas”) para referirse a un lugar destinado á exhibición pública de coñecemento.

  1. Il. I.603, Od. VIII.488
  2. Diod. I.18
  3. Apolonio Rodio II.512

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar


  NODES
HOME 6
Idea 1
idea 1
iOS 8
mac 3
multimedia 1
musik 1
os 138
todo 1