Museo Catedralicio de Santiago de Compostela
O Museo da Catedral de Santiago de Compostela é unha institución que acolle e expón diversas obras artísticas e arqueolóxicas, propiedade da sé compostelá, que abarcan desde a época romana até a actualidade. Foi creado co obxectivo de conservar e expoñer ó público obxectos litúrxicos en desuso, doazóns de peregrinos nobres e os diferentes restos arqueolóxicos que se ían descubrindo nas diferentes intervencións na catedral e a súa contorna. Entre os seus fondos hai mostras arqueolóxicas, pintura, escultura, ourivería, tapices, alfombras, roupa litúrxica, cerámica e mobiliario.[1][2]
Museo Catedral de Santiago | |
---|---|
Fachada do museo. | |
Cidade | Santiago de Compostela |
Inauguración | 1928 |
Na rede | |
http://www.catedraldesantiago.es/es/museo e http://www.catedraldesantiago.es | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Foi fundado en 1928. Unha inscrición a lapis nun dos bancos do museo recolle a data de creación, 11 de xullo de 1928; o impulsor, o fabriqueiro Robustiano Sández; e o construtor, José Lerramendi Rey.[3] O museo localízase na mesma catedral, distribuído en diversos espazos, con diferente situación dentro da fábrica catedralicia. A cripta, tamén coñecida como catedral vella (aínda que nunca cumpriu tal función), foi unha obra comezada antes da intervención do mestre Mateu, aínda que foi este quen a rematou como paso previo á construción do Pórtico. O Tesouro catedralicio exponse na capela de san Fernando, de estilo gótico, que ata 1677 foi capela de Reliquias. Na catedral románica levantouse tamén un claustro, ó sur da nave principal, cuxo comezo se data en 1124 e que é rematado a mediados do XIII, baixo a iniciativa do arcebispo Xoán Arias.
Espazos do museo
editarO museo localízase na mesma catedral, distribuído en diversos espazos, con diferente situación dentro da fábrica catedralicia:
- Museo propiamente dito, con acceso desde o lado meridional da praza do Obradoiro.
- Cripta do Pórtico da Gloria, accédese pola escalinata de ingreso á catedral, na mesma praza indicada.
- Tesouro e Panteón Real, actualmente pódese visitar desde a entrada ao museo-claustro.
Co tempo, engadíronse ó museo o claustro e o pazo de Xelmírez.
Museo
editarContén varias salas distribuídas en catro plantas. Conta con exposición de obxectos da época romana, medieval até o XVIII.
A planta baixa está dedicada ás orixes da catedral. Entre as obras expostas destacan algunhas pezas da antiga portada de Praterías, a reconstrución do coro catedralicio do mestre Mateu e do vello rosetón da portada occidental, e distintos elementos da antiga catedral románica e dos enterramentos que acollía (como a lauda de Aroaldo), así como os escasos restos das basílicas precedentes. Tamén o baleirado en xeso dos capiteis fundacionais que sitúan no tempo o inicio da construción da catedral.
Na primeira planta expóñense obras de entre o século XIII e o XVIII, entre as que destacan relevos e esculturas en pedra e madeira de distintas épocas e autores, como os de Gregorio Español, táboas maneiristas de Juan Bautista Celma, o retablo da Transfiguración de Cristo de Xosé Ferreiro, un Santiago Peregrino de Gambino etc.
A segunda planta está destinada ó Tesouro Catedralicio, a capela das Reliquias e o Panteón, e mais a Biblioteca. Destas salas falarase máis adiante.
A terceira planta acolle a colección de tapices, uns da escola flamenga de diversas épocas (de Rubens, o seu discípulo Van Thulden e David Teniers), e outros realizados sobre cartóns de Goya e de José del Castillo, con escenas costumistas. Unha ampla balconada permite asomarse á praza do Obradoiro.
Os doce tapices de Francisco de Goya foron legados á catedral en 1814 por Pedro Acuña y Malvar. Estes tapices foran realizados na Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara por encargo do rei Carlos III de España para os Reais Sitios de El Pardo entre os anos 1776 e 1780.
<galley mode="packed"A |Ficheiro:Interior do museo da Catedral de Santiago.jpg|Unha das salas do museo. |Ficheiro:Gallaecia petrea 02-80a.JPG|Detalle dun fuste entorchado procedente da Porta Francíxena ou do Paraíso. |Ficheiro:Gallaecia petrea 02-80b.JPG| |Ficheiro:Gallaecia petrea 02-80c.JPG| |Ficheiro:Gallaecia petrea 02-80d.JPG| |Ficheiro:Gallaecia petrea 02-26a.JPG|Estela funeraria de San Vicente de Fisteus (A Coruña). </gallery>
Cripta
editarA cripta, tamén coñecida como catedral vella (aínda que nunca cumpriu tal función), foi unha obra comezada antes da intervención do mestre Mateu, aínda que foi este quen a rematou como paso previo á construción do Pórtico. Foi construída para salvar o desnivel que existía entre a catedral e o espazo que se abría ante esta, onde debía levantar a fachada occidental. É posible que se idease como Panteón Real.
Sobre unha forte columna central formada por oito columnas acaroadas (que coincide co parteluz do Pórtico da Gloria) nacen os arcos que sosteñen a bóveda que sustenta o Pórtico. Esta solución arquitectónica foi inédita na Galicia do século XI. Este piar central conforma un deambulatorio ó seu redor presidido por unha capela central que imita á capela do Salvador. Nas claves de bóveda hai dous relevos significativos: un anxo cun disco solar e outro anxo portando unha lúa crecente.
Exhibe unha colección escultórica nos mesmos capiteis e xambas da obra, e outras esculturas procedentes de diferentes partes da catedral derrubadas por reformas.
Tamén se expón unha colección das reproducións dos instrumentos que tocan os anciáns da arquivolta do tímpano do Pórtico. Estas reproducións realizounas o taller de instrumentos da Deputación de Lugo no ano 1999, baixo a dirección de Luciano Pérez.
Tesouro e Panteón Real
editarO Tesouro catedralicio exponse na capela de san Fernando, de estilo gótico, que ata 1677 foi capela de Reliquias. De cando cumpría esta función conserva un retablo caixonado de Cornielles de Holanda que foi restaurado recentemente para mostrar distintas pezas de ourivería.
Entre as distintas obras que se expoñen nesta sala destaca a custodia procesional realizada entre 1539 e 1545 polo ourive Antonio de Arfe[4] ou a esclavina orixinal que vestía a imaxe de Santiago do altar maior da catedral. A custodia é de prata sobredourada e mide metro e medio de altura e ten unha estrutura hexagonal en catro pisos formados por columnas de estilo plateresco con gran cantidade de figuras dos Apóstolos e un Cristo resucitado, e na peaña atópanse gravadas escenas da vida do Apóstolo Santiago. En 1573 completouse cun pedestal de madeira.
Sobre un altar neorrenacentista disponse a estatua de san Fernando, obra de Juan de Seoane, e nas lúas da bóveda hai pinturas murais que representan a Ascensión e a Asunción, de 1536.
A capela das Reliquias foi construída entre 1520 e 1535 por encargo do arcebispo Alonso III de Fonseca ao arquitecto Juan de Álava. Inicialmente era unha dependencia para o uso do Cabido ata converterse en 1617 en capela de Reliquias.
Contén unha importante colección de reliquias que se iniciou durante a Idade Media ao ser utilizada para conter os restos mortais dos diferentes bispos da catedral. Os relicarios están colocados nun retablo neogótico que veu substituír un anterior de Bernaldo de Cabrera e Gregorio Español do ano 1630 e que se perdeu tras sufrir un incendio en 1921, aínda que non sufriron dano os relicarios nin boa parte das súas reliquias. O novo retablo foi deseñado por Rafael de la Torre e tallado polo escultor compostelán Maximino Magariños, en 1924;[5] foi doazón da emigración galega en Cuba.
Entre as reliquias conservadas cómpre citar a cabeza de Santiago o Menor, obra de Rodrigo de Eáns, de 1332.
- Artigo principal: Panteón Real da catedral de Santiago.
Na capela das Reliquias sitúase o Panteón Real, constituído por diversas sepulturas da coroa galega e leonesa que foron trasladadas en 1535 desde a súa localización orixinal na capela de santa Catarina. Poden contemplarse os sepulcros do Conde Pedro Froilaz de Trava (c.1075-1128), a emperatriz Berenguela de Barcelona (1108-1149), o rei Fernando II (1188-1157), o infante Fernando Afonso (1192-1214), o rei Afonso VIII (1171-1230), e a raíña Xoana de Castro (--- - 1374).
-
Pedro Froilaz de Trava
-
Berenguela de Barcelona
-
Fernando II
-
Fernando Afonso
-
Afonso VIII
- Artigo principal: Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.
Finalmente, a Sala capitular, edificada por Lucas Ferro Caaveiro, e o Arquivo-Biblioteca da Catedral, onde se atopan manuscritos como o Códice Calixtino (ca. 1137-1173), o Tombo A (ca. 1129-1134), entre moitos outros libros e documentos que fan referencia á catedral e á historia de Galicia desde a Idade Media ata os nosos días. Na mesma sala consérvanse os dous botafumeiros que existen na catedral (o orixinal, de 1851; e unha réplica de 1971).
Outros espazos integrados no museo
editarClaustro
editarNa catedral románica levantouse tamén un claustro, ó sur da nave principal, cuxo comezo se data en 1124 e que é rematado a mediados do XIII, baixo a iniciativa do arcebispo Xoán Arias. Este claustro románico foi derruído e reconstruído por Alonso III de Fonseca entre 1521 e 1559 segundo os planos do arquitecto Juan de Álava (quen presentou as trazas xa en 1510) coa axuda do escultor flamengo Mestre Arnao. Á morte deste en 1537 continuou as obras Rodrigo Gil de Hontañón, quen constrúe as fachadas exteriores que dan a Praterías e á rúa Fonseca e deixa as trazas da fachada que dá á praza do Obradoiro. Esta fachada foi deseñada por Juan de Herrera [6] e construída por Gaspar de Arce o Vello. En 1614, Xácome Fernández coroou a fachada cun balcón corrido e a Torre da Vela.
No século XVIII, o claustro foi remodelado por Casas Novoa.
Do claustro orixinal só quedan restos que se conservan no propio Museo da Catedral ou no Museo das Peregrinacións,[7] atopados durante as escavacións realizadas na basílica.
O actual claustro é de estilo gótico na súa estrutura e renacentista no seu desenvolvemento e decoración, e coróase cunha balaustrada calada con pináculos. Ten planta cadrada de trinta e catro metros de lado, con cinco grandes arcos en cada lado, de medio punto e aberto o central ó patio interior, e apuntados os extremos. A porta de acceso desde a catedral está destinada á Anunciación, coas imaxes da Virxe, o Anxo e Deus Pai no alto. Hai dous medallóns coas efixies dos Fonseca e, na parede exterior da basílica, medallóns con personaxes do Vello Testamento. A porta que dá á capela das Reliquias, hoxe sancristía, mostra es imaxes de Santiago e santo Ildefonso, patrón dos Fonseca, e os bustos das virtudes da Xustiza e a Fortaleza.
Como é habitual nos antigos claustros, cumpre función de cemiterio de cóengos e outros personaxes relacionados coa catedral. Nas galerías pódese ver unha ampla colección de labras nobiliarias e varios sartegos en pedra. A parede está percorrida por un friso continuo no que se mostra un programa iconográfico dedicado á morte, a resurrección e a vida. Nun escudo na porta do antetesouro represéntase a Fonseca portado por quimeras e un busto do emperador Xulio César (con quen se compara a Alonso de Fonseca).
No centro do patio interior está situada a Fons mirabilis, construída en 1122 polo mestre Bernardo no adro da Fachada do Paraíso para acoller os peregrinos que chegaban á catedral pola Porta Francíxena, e trasladada ó claustro cando se construíu en 1769 a actual fachada da Acibechería.
“ | Á fin da escada deste adro [da porta Francíxena] hai unha admirable fonte que non ten parella no mundo. Esta fonte aséntase enriba de tres chanzos de pedra, que sosteñen unha fermosísima cunca de pedra, de forma circular e cóncava, [...] No centro dela érguese unha columna de bronce, grosa no fondo, heptagonal e de proporcionada altura. Do seu remate xorden catro leóns, que deitan polas súas bocas catro chorros de auga para refrixerio dos peregrinos de Santiago e dos habitantes da cidade. [...] Na columna de bronce, debaixo das gadoupas dos leóns, está gravado, todo arredor, en dúas liñas, este texto: Eu Bernardo, tesoureiro de Santiago, fixen esta condución de auga e levei a cabo a presente obra para remedio da miña alma e das dos meus pais, o día terceiro do idos de abril da era MCLX [11 de abril de 1122] | ” |
— Aimery Picaud, A Guía do peregrino (Libro V do Códice Calixtino) |
Nun dos ángulos consérvanse tres campás, as orixinais da torre Berenguela, substituídas en 1990; e no ángulo oposto instalouse en 2012 unha estatua de Manuel Patinha (escultor portugués residente en Narón) conmemorativa do 800 aniversario da consagración da basílica.[8]
No lado norte do claustro atópase a capela de Alba, fundada en 1530, que garda no seu interior un retablo coa Transfiguración de Xesús, obra que data do século XVIII.
-
Cemiterio de cóengos.
-
800, escultura de Manuel Patinha exposta no claustro
-
Detalle do friso.
-
Outro detalle.
-
Clave de bóveda do claustro románico, hoxe no Museo das Peregrinacións.
- Artigo principal: Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.
Desde o claustro accédese á sala capitular, edificada por Lucas Ferro Caaveiro, e ao Arquivo-Biblioteca da catedral, onde se atopan manuscritos como o Códice Calixtino (roubado o 5 de xullo de 2011 e recuperado o 3 de xullo de ano seguinte) do Liber Sancti Iacobi, entre moitos outros libros e documentos que fan referencia á catedral e á historia de Galicia desde a Idade Media ata os nosos días.
Pazo de Xelmírez
editarPermite visitar un dos pazos medievais mellor conservados de España. Aínda que houbo un pazo anterior, o arcebispo Diego Xelmírez reconstruíuno de raíz desde 1117. Na denominada sala de cerimonias, destacan as súas ménsulas esculpidas, con representacións dun banquete.
Notas
editar- ↑ Diccionario enciclopédico galego universal.
- ↑ Enciclopedia Galega Universal
- ↑ Yzquierdo Peiró, px. 6.
- ↑ Segundo Barral Iglesias, a Custodia compostela ten a singularidade de ser ... o modelo que seguirán as custodias da Península Ibérica nos anos vindeiros (Yzquierdo Peiró, px. 116).
- ↑ Escultor Maximino Magariños Rodríguez
- ↑ Homónimo do arquitecto autor do mosteiro do Escorial.
- ↑ Aquí pode verse un dos arcos do vello claustro.
- ↑ "Escultura conmemorativa del 800 Aniversario…"
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Barral Iglesias, Alejandro e Suárez Otero, José (2003). Catedral de Santiago de Compostela y Museo. Edilesa. ISBN 9788480124355.
- Yzquierdo Peiró, Ramón (2011). Museo Catedral de Santiago. Consorcio de Santiago. ISBN 978-84-939061-2-2.
- "Museo Catedralicio de Santiago de Compostela". Diccionario enciclopédico galego universal 43. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 106. ISBN 84-7680-429-6.
- "Museo Catedralicio de Santiago de Compostela". Enciclopedia Galega Universal 12. Ir Indo. 1999-2002. p. 296. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
editar- Páxina oficial do museo
- Datos do museo en museosdegalicia.com
- Datos do museo na páxina de Turgalicia.
- Sobre o escultor Manuel Patinha 29/2/2012.