O Saviñao
O Saviñao é un concello da provincia de Lugo, que pertence á comarca de Terra de Lemos e á Ribeira Sacra. Segundo o Padrón municipal, no ano 2017 tiña unha poboación de 3.832 persoas. O xentilicio é saviñao.[1]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Lugo | ||||
Capital | Escairón | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.504 (2023) (17,79 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 197 km² | ||||
Altitude | 600 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
Eleccións municipais no Saviñao | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 27058 | ||||
Sitio web | concellodosavinao.com | ||||
Xeografía
editarO concello do Saviñao está enclavado na Ribeira Sacra, dentro da Comarca de Terra de Lemos, situado ó sur da provincia de Lugo. Limita ó norte cos concellos de Paradela e Taboada, ó sur con Pantón, ó leste con Pantón, Monforte de Lemos e Bóveda e ó oeste con Taboada e Chantada. A altitude media é de 600 metros sobre o nivel do mar. Está atravesado polos ríos Miño, Sardiñeira, Saviñao, Pez, Barrantes e Porriño.
Ten 29 parroquias. A capital do concello, Escairón, ten aproximadamente uns 1000 habitantes. O segundo núcleo de poboación é Currelos, a cabeceira da zona norte do concello.
A súa economía é fundamentalmente agrícola, contando tamén con industrias lácteas, vinícolas e da construción. A potenciación do turismo rural e cultural desta zona supón un pulo para a mesma. No aspecto comercial destacan as feiras que se celebran mensualmente, en Escairón os días 8 e 19, e en Currelos o día 26.
Demografía
editarCenso total | 3.832 (2017) |
---|---|
Menores de 15 anos | 243 (6.34 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.967 (51.33 %) |
Maiores de 65 anos | 1.625 (42.41 %) |
Historia
editarAs primeiras mostras de ocupación son a mámoa de Abuíme e numerosos restos da cultura castrexa. Neste período, os habitantes dos castros de Saviñao, pertenceron á tribo dos Lemavi, citada por Tolomeo, e eran veciños dos Seurri, habitantes dos actuais concellos de Sarria e Taboada. Durante esa época Saviñao rexistrou unha importante ocupación do espazo.
Entre os séculos I e IV tivo lugar o asentamento e dominio romano sobre o noroeste lucense, período no que se pode datar a construción da vía romana que concluía nos Codos de Belesar. Tratábase dunha vía secundaria dentro do esquema viario romano.
Outros restos da presenza romana proveñen de distintos achados encontrados en castros romanizados: cerámica feita con "terra sixilada", moedas, a peza pétrea de Abuíme, ou a mesma escultura Mourelos. Coa caída do imperio Romano a finais do século IV, iniciouse unha etapa de transición ata a Idade Media. Desta etapa apenas quedan algúns topónimos, como Xixiriz, Arxeriz, Meitriz, Alperiz ou Reiriz entre outros.
No século VI, mercede ao labor de Martiño de Dumio, grande impulsor do monacato, existen referencias explícitas da Ribeira Sacra. Entre os séculos VI e VII, hai que encadrar a creación dos primeiros cenobios en terras do Saviñao, pois, aínda que non hai unha documentación específica, si existen documentos que falan de fundacións e doazóns a partir do século X, o que fai supor que existían anteriormente, sendo exemplos Santo Estevo e San Vitoiro. Desa etapa medieval tamén se conservan unha serie de sarcófagos (Louredo e San Sadurniño de Piñeiró), restos residuais do que foron tumbas de personaxes importantes no contexto sociopolítico do Saviñao.
Cultura
editarToponimia
editarA súa etimoloxía ven de Sabinianum, á súa vez de Sabinus, cognome romano derivado dun nome étnico que se refería a unha antiga tribo rival dos primeiros habitantes de Roma, os sabinos. Sería entón un antropónimo que alude a un antigo posuidor. Nas fontes medievais non se recolle o artigo.[2]
Patrimonio
editarEn arqueoloxía cabe destacar a Anta de Abuíme ou o campo de Mámoas de Abuíme, situado nunha chaira da parroquia de Saviñao, a uns catro quilómetros do Escairón. Consérvanse boa parte das mámoas.
Patrimonio arqueolóxico
editar- Cultura castrexa
Contabilízanse vinte e sete castros no concello (Castro de Abuíme, Castro da Torre en Freán, Castro de Illón en Licin, Castro da Portela en Diomondi, Castro de Mourelos, Castro da Besta en Vilelos, Castro de Villacaiz, Castro de Arxeriz...). Destacan o de Vilacaiz e o de Abuime pola súa fácil visibilidade.
Patrimonio arquitectónico
editar- Arquitectura civil
Destacan varias edificacións:
- Pazo de Vilelos, de planta en L, cunha capela duns cen metros cadrados e flanqueada polos escudos dos Ulloa, que rexentaron o pazo durante varias xeracións. Os seus fundadores foron Juan González de Ulloa e Catalina López de Sober.
- Pazo de Arxeriz, que foi propiedade de Juan López Suárez (Xan de Forcados). O seu primeiro fundador foi Gonzalo Raxo, cabaleiro da Orde de Santiago, a mediados do século XVI. Ten planta cadrada e destacan os seus dous brasóns situados na fachada norte. Posúe numerosas dependencias anexas, restauradas recentemente.
- Pazo das Cortes, situado fronte á igrexa románica de San Paio de Diomondi. Ten planta en U e acaroada unha capela dedicada á Nosa Señora da Asunción. Xunto á portada ten os escudos dos Somoza, do século XVIII.
- Casa da Abadía de Santo Estevo de Ribas de Miño. Está rodeada por un muro de pedra, accedéndose por un portalón con arco de medio punto. Ten planta rectangular e unha capela exterior de pequenas dimensións.
Ademais cabe destacar o Pazo de Lamaquebrada en Fión, o Pazo de Casadonas en Licin, o Pazo de Fraguas en Louredo, ou a Casa Grande de Mosiños.
O único edificio que se pode considerar de arquitectura militar en Saviñao é a torre-forte da Candaira en Rebordaos. É do século XIII, con planta cadrada de 9,81 por 9,94 metros; consta de tres plantas, na última están as ameas. Foi propiedade de Francisco de Garza de Quiroga Taboada y Álvarez de Castro, señor de Tor. Na actualidade pertence a Álvaro Taboada de Zúñiga.
- Arquitectura relixiosa
Destacan as igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi.
Etnografía
editarFestas e celebraciós
editar- Festividades
Na primeira semana de agosto celébranse as festas patronais de Escairón, en honra da Nosa Señora das Dores.
O maior atractivo é a "carreira de burros", celebrada a mañá do último día de festa, e que vai seguida da competición do tiro de corda por parroquias.
- Feiras e mercados
A feira de Escairón transcorre os días 8 e 19 de cada mes e en Currelos son os días 26.
Economía
editarA principal actividade económica é a agricultura e a gandería. Estes sectores no pasado foron case exclusivos, prevalecendo o cultivo de produtos da horta. Comercialízanse as crías de gando vacún, ovino e porcino, ademais de produtos lácteos.
Hai un polígono industrial no concello, situado na vila de Escairón.
Os traballadores agrarios por conta allea realizan actividades na loita contra incendios ou na repoboación forestal, tarefas importantes na zona para o coidado ambiental. Iso xera emprego para traballadores non cualificados.
A hostalería é outra actividade en auxe, debido á aceptación crecente do turismo rural e á promoción da zona pola súa beleza natural.
A albanelaría é tamén outra actividade en auxe, especialmente pola rehabilitación e construción de vivendas.
As pensións son unha das principais fontes de ingresos debido ó elevado número de persoas xubiladas, unido ó número de pensionistas por outros conceptos, como invalidez ou viuvez.
A renda familiar por habitante encóntrase entre os 7.800 e os 8.275 €, que proceden dos ingresos de actividades agrícolas e das pensións.
A maior parte da poboación só ten estudos primarios.
Deporte
editarO seu equipo de fútbol, o Club Atlético Escairón, xoga actualmente na Preferente Autonómica de Galicia.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do Saviñao.
Lugares do Saviñao
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello do Saviñao vexa: Lugares do Saviñao.
Parroquias
editarNotas
editar- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 61. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O Saviñao |