O soño sulagado
O soño sulagado é o segundo libro de poemas publicado en galego por Celso Emilio Ferreiro. Trátase dun conxunto de 31 composicións publicadas por vez primeira en Vigo pola Colección Alba no 1955.
O soño sulagado | |
---|---|
Título orixinal | O soño sulagado |
Autor/a | Celso Emilio Ferreiro |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Poesía |
Editorial | Colección Alba |
Data de pub. | 1955 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Contexto histórico
editarO soño sulagado foi creado no clima da posguerra, no cal o galeguismo cultural e político unicamente resistiu en pequenos núcleos clandestinos. Na década dos 50, o réxime franquista consolídase ao abeiro do repartimento de poder dos bloques e o horizonte dunha loita política galeguista semella esmorecer. Isto provoca que o movemento galeguista se desprace cara posicións netamente culturais, dando lugar, por exemplo, á fundación da Editorial Galaxia no 1950.[1][2]
É este un período de pesimismo, de fondo existencialismo e dun intenso malestar social e cultural. Porén, a poesía galega de posguerra continúa as direccións menos conflitivas da poesía galega de preguerra.[3]. O neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro e a lírica da paisaxe de Noriega Varela e Iglesia Alvariño dominan o panorama poético da época. Mención á parte merece a produción de Luís Pimentel, situado entre o intimismo existencial e o simbolismo. Pero é Celso Emilio o único poeta que define neste contexto unha poética social ou comprometida, sendo O soño sulagado o seu verdadeiro punto de partida.[4]
Temática
editarSegundo afirma Xesús Alonso Montero, n' O soño sulagado xa están presentes os contidos esenciais da poesía de Ferreiro: o intimismo, a crítica social e a sátira.[5] A amargura pola perda do soño, o asolagamento do soño é o fío transversal que abrangue estes contidos. Ese soño é o idealismo, a utopía que se percibe irrealizable, tanto no plano sociopolítico, como potencia liberadora do ser humano, coma no plano íntimo ou existencial, metáfora da infancia perdida e do paso do tempo sen futuro. Todos estes puntos condénsanse fortemente nos dous primeiros versos do poema Falareivos de min:[6]
- Falareivos de min, anque me doan
- as escuras raíces dos meus soños.
Ramiro Fonte salienta os seguintes núcleos temáticos na obra:[7]
- A perda do idealismo. Como xa se comentou, ese idealismo é o soño e a súa perda simbolízase mediante o seu asolagamento.
- A dor existencial. Relaciónase cun presente menesteroso e con ese paso do tempo sen futuro.
- A infancia como paraíso perdido. Estreitamente vencellada aos temas anteriores, tamén lle evoca ao autor a lembranza dos primeiros temores e, sobre todo, o sentimento da terra, vencello coa paisaxe primordial que concilia ao home coa natureza e que esperta a lembranza dun pasado feliz.
- A memoria da guerra. Aparece como pano de fondo que explica a razón dun tempo magoado. Ilustrativos son estes versos do poema Dempois:
- Que inda non sei por qué dioses iñotos
- morreron tantos mozos que pasaban
- cantando ledamente
- cando o solpor durmía sobre os pinos
O antibelicismo prolóngase ao presente histórico, con críticas á Guerra fría, ás veces botando man dun sarcasmo indisimulado como na composición Poema nuclear.
- A denuncia dun presente histórico. Un presente opresivo que dificulta as posibilidades dun futuro mellor. Encádrase aquí a denuncia da emigración.
- O amor. Manifestado sempre en clave apelativa e confidencial e no que o suxeito dese amor (a súa muller, Moraima) é un ti ao que o poeta lle confesa a súa fe de vida, un ti cómplice.
Estrutura e estilo
editarA unidade estrutural conséguese mediante o emprego constante dun tipo de metros, especialmente o hendecasílabo e o heptasílabo. Utiliza unha ordenación por estrofas, non renegando aínda da linguaxe poética tradicional, característica que o definirá en obras posteriores, agás nalgúns casos.
As figuras literarias máis frecuentes son os paralelismos e as anáforas, xunto coas aliteracións e as onomatopeas, as máis das veces cun matiz irónico. A construción dos poemas seguindo a liña do prosaísmo crítico é frecuente sobre todo naqueles poemas con intención máis satírica. Por outra parte, a riqueza das imaxes simbólicas é un trazo constante na produción do celanovés que o achega á Xeración do 27 ou ao hilozoísmo galego.
A lingua
editarSegundo Gonzalo Navaza[8], e tomando como referencia o estándar actual do galego, as características máis salientables da lingua d' O soño sulagado (e, en xeral, de toda a poesía de Celso Emilio) son as seguintes:
- Vacilación perante as diferentes solucións ortográficas, morfolóxicas ou léxicas (árbores / albres; impasíbel / inmobre; e / i).
- Presenza de trazos característicos do galego central ourensán (unhos; il; iste, ise, aquil; eiquí; maus).
- Fidelidade á lingua popular (da iauga; iñoto; piedá; olláime, faláime; pra).
Á parte do emprego dalgún castelanismo e hiperenxebrismo, cómpre salientar a introdución que fai Ferreiro dalgúns campos léxicos pouco comúns na poesía galega daquel tempo, como os relacionados cos ámbitos urbanos ou con terminoloxías burocráticas ou tecnolóxicas.
Traducións
editarFoi traducido ao castelán polo propio autor, e publicado en edición bilingüe pola editorial Akal en 1981 co título de El sueño sumergido[9].
Notas
editar- ↑ Fernández del Riego, F. (1990), O río do tempo, Ediciós do Castro, páxs. 139 - 146 e 205 - 212
- ↑ Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 25 - 26
- ↑ Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páx. 26
- ↑ Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 29 - 30
- ↑ Alonso Montero, X. (1982), Celso Emilio Ferreiro, Ed. Júcar, páx. 70
- ↑ Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páx. 49
- ↑ Fonte, R. (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais, páxs. 32 - 36
- ↑ Navaza, G. (1992). Introdución en Ferreiro, C. E. Longa noite de pedra, 2ª ed., Edicións Xerais, páx. 37
- ↑ Ficha Arquivado 20 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Nicolás, Ramón (1992): Guía de lectura de O soño sulagado, Edicións do Cumio.
- Fonte, Ramiro (1998). Introdución en Ferreiro, C. E. O soño sulagado, 5ª ed., Edicións Xerais de Galicia.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.