Montes do Invernadeiro

Parque Natural do Invernadeiro
(Redirección desde «Parque Natural do Invernadeiro»)

O Invernadeiro é un parque natural galego que abrangue as montañas do sur do macizo central e que se atopa no concello ourensán de Vilariño de Conso. Está situado entre os ríos da Ribeira Grande e da Ribeira Pequena e entre as serras de San Mamede, de Queixa e do Fial das Corzas.[1][2][3]

Modelo:Xeografía físicaMontes do Invernadeiro
Imaxe
Tipoparque natural
espazo natural protexido Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaVilariño de Conso, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°07′52″N 7°19′09″O / 42.1311, -7.3192
Características
Superficie5.695,94733 ha Editar o valor en Wikidata
Categoría II da UICN: Parque Nacional
World Database on Protected Areas
IdentificadorEditar o valor en Wikidata 348994 Editar o valor en Wikidata
Historia
Data de creación ou fundación5 de xuño de 1997 Editar o valor en Wikidata

O parque destaca pola súa biodiversidade, en especial polos seus mamíferos (como os corzos, cervos e cabras bravas) e os peixes das súas ribeiras, e a súa xeomorfoloxía. Os seus cumes son espazos abertos de pastos, as súas abas contan con corgos e cóbrenas as uceiras e queirogais e nas ribeiras dominan as fragas e os soutos.[1][2][3]

É un parque desde o século XX despoboado mais que desde século XV, cando menos, fora un terreo propiedade de nobreza ligada á Casa da Mezquita. Estes aforábanllo e arrendábanllo ás xentes do val do Conso. No século XX aproveitouse para a plantación madeireira e a papelería.[1][2][3]

Un incendio forestal de 1979 deu pé a que fose comprado pola Xunta de Galicia en 1984. Aí comezaría a súa protección, primeiro como refuxio de caza en 1989 e logo como espazo con actividades reguladas 1990. O 5 de xuño de 1997 declarouse como o cuarto parque natural galego.[1][2][3] Desde 2014 forma parque da zona especial de conservación (ZEC) do Macizo Central, a cal se propuxo en 1997.[4][5][6][7][8][9] No ano 2022 volveu sufrir un grave incendio forestal.[10]

Xeografía

editar

Situación

editar

O parque atópase no concello ourensán de Vilariño de Conso, que se atopa na comarca de Viana. O parque atópase na zona oeste do concello e limita ao norte con Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), ao oeste con Laza e ao sur con Castrelo do Val (Comarca de Verín).[3][2] Ocupa parte das parroquias de Pradoalbar e San Mamede de Hedrada de Vilariño de Conso.[11]

Orografía

editar

Comeza ao sur da serra de Queixa e polo seu suroeste atópase dentro da serra do Fial das Corzas, a cal continúa cara ao sueste coa serra de San Mamede. A serra da Pena fai de límite leste do parque e o Lombo Lameiro a do sur.[3] Varios cumes do parque superan os 1500 metros, como o Alto do Cernadiño (1504), O Invernadeiro (1516), o Cabezo do Cernado (1513), As Pozas (1544), A Meixón dos Abroxos (1590), o Cabezo das Pozas (1594) e a Cabeza de Berganciños (1597).[12]

Hidrografía

editar
 
Río da Ribeira Grande.

Os dous vales das serras do Invernadeiro percórrenos os ríos da Ribeira Pequena e o da Ribeira Grande. Nesas dúas bacías que forman, nas abas flúen corgos e corgas[13] que chegan a varios regos menores, afluentes deses ríos. Estes dous ríos chegan ao encoro das Portas, que se atopa ao sur do parque, e que está construído sobre do río Camba. Á súa vez, o río Camba é un afluente do río Bibei, o cal chega ao río Sil.[3][1]

Namentres que o Ribeira Grande é un río de máis caudal e que flúe por un val en forma de "U", o da Ribeira Pequena decorre máis encaixado dentro dun val de ladeiras de fortes pendentes. Nas abas destes ríos atópanse fervenzas como as dos Arcos.[3]

Xeoloxía

editar

O Invernadeiro sitúase dentro da zona de Galicia Media-Tras-Os-Montes do macizo hespérico. Formouse durante o ordovícico. Produciuse para a zona ao oeste da Ribeira Grande, a cal é a máis escarpada, durante o ordovícico inferior e para a restante, como a Ribeira Pequena, durante o ordovícico medio. Só unha área menor ao suroeste se formou máis tarde: no silúrico-devoniano.[3]

O territorio do ordovícico inferior está formado por bandas de cuarcitas, arenitas e lousas. As lousas presentes poden ser grises azuladas, nas capas inferiores, e lousas grises e xistos negros nas superiores. O territorio do ordovícico medio é o núcleo central do Invernadoiro. Esténdese de NO-SE, pasando polas cabeceiras dos dous ríos, e componse de lousas grises e azuladas con sucesións de filitas. A área do silúrico-devoniano forma unha bacía de material heteroxéneo e supón un cambio con respecto das formacións ordovícicas. Presenta unha serie verde, de lousas areosas, grauvacas e cuazo-filitas; ou metaconglomerados de cores azuis, grises ou verdes de materiais silíceos.[3]

Dentro do parque existen varios lugares de interese xeolóxico. Algúns son circos glaciares (na cabeceira de Corga de Aguacenza, no Morrón dos Salgueiros e no Fial das Corzas), outros son pregamentos (como a confluencia da Corga Cenzoá e a Ribeira Grande, ou a cabeceira de Corga da Ortiga), socalcamentos (os aluviais de Ribeira Grande) ou encaixamentos (o final da Ribeira Pequena), outros son coluvións (como o do Corgo das Cembas-Ribeira Grande) e outros fervenzas (como a fervenza e Cristas de Corgo da Buraquiña). Tamén están presentes os xacementos fósiles, como os da Ortiga, o dos Altos do Cernado e os do Cernado.[3]

Xeomorfoloxía

editar

Predominan os vales encaixados no terreo, con grandes manifestacións da acción erosiva fluvial, que separan áreas altas e planas con irregularidades. Aparecen tamén algunhas chairas illadas, relativamente extensas e rexuvenecidas pola rede fluvial, con altitudes aproximadas de 1.000 m. A acción dos fríos durante o cuaternario deixou pegadas xeomorfolóxicas como as moreas e os circos glaciares.

Edafoloxía

editar

Presenta como aspectos máis notables o escaso desenvolvemento da maior parte dos perfís e a existencia de determinados tipos de solo, con características que parecen estar relacionadas cos fríos Wurnienses, tanto na súa distribución como nalgúns caracteres morfolóxicos.

Na súa formación predominaron as accións mecánicas sobre as químicas, debido ás condicións climáticas.

En xeral, predominan os solos escasamente desenvolvidos (Ranker e Litosol), con áreas de solo hidromorfo (Historal e Glysol) e pequenos enclaves de solos podsólicos.

Tamén existen algúns cambisoles nos lugares ben drenados e con escasa pendente.

O parque atópase entre nun clima oceánico con influenzas continentais. O relevo favorece a presenza de microclimas en pequenas extensións.[3]

A temperatura media atópase preto dos 10 °C. Os veráns son suaves, con temperaturas ó redor dos 15 °C, e os invernos fríos, con mínimas que poden chegar ós -10 °C. A pluviometría é de 1.600 mm/ano e ocupa 158 días do ano. Boa parte destas precipitacións son forma de neve. Ademais, os días de xeada por ano son 72, e danse agás de xuño a setembro. Carece de secas estivais.[3]

A influencia das masas mariñas no clima da rexión é máis reducido e iso móstrase con veráns e invernos máis marcados.[3]

O parque atópase entre as rexións climáticas eurosiberiana e mediterránea e o seu macrobioclima é temperado.[3]

Demografía

editar

No parque non existen aldeas habitadas. Os lugares máis poboados preto do parque son as aldeas das parroquias que ocupa o parque, e que en 2019 supoñían unha poboación de 48 persoas.[14]

Hábitats

editar

Este espazo natural está, bioclimaticamente, encadrado dentro da rexión eurosiberiana, provincia atlántica europea e sector galaico-duriense. En particular, encádrase dentro do denominado subsector queixense. Isto supón que o parque se atopas á beira dos lindes da rexión eurosiberiana coa rexión mediterránea, en concreto na área de transición da flora da cordilleira cantábrica e da dos macizos do Bierzo e Seabra coa fachada atlántica.[3] Como exemplo, a influencia mediterránea favorece a presenza de cerquiños e deriva na ausencia de queirogas maiores queiroga maior (Daboecia cantabrica) nas formacións de mato de uz e toxo.

A área que cobre o parque atópase a unha altitude elevada e de ríos no que coexisten diferentes hábitats. En particular nos altos atópanse uceiras, están presentes as carballeiras galaico-portuguesas e os bosques de abeneiros, freixos e acivros. Outros hábitats presentes son dos ríos e prados ou as zonas de rochedos.[3]

Flora e fauna

editar
 
Vales con matogueiras e árbores como os cerquiños.

Os bosques do parque son de crecemento lento e propios de climas de montaña. As especies que os forman e son máis abundantes son o carballos comúns (Quercus robur), habitual das zonas atlánticas, e os cerquiños (Quercus pyrenaica), habitual das zonas submediterráneas. Estas carballeiras atópanse sobre todo nos avesedos e valgadas. Nas ladeiras orientadas cara ao norte e vales estreitos están presentes as carballeiras con arandeiras. Outra formación son os carballos alber (Quercus petraea) cos acivros (Ilex aquifolium). No alto das abas dominan os bidueirais e os acivros (Ilex aquifolium) e no fondo das corgas, fano as abeleiras (Corylus avellana). Mesmo os acivros forman sós arboredos no noroeste do parque, nas abas da corga de Aguacenza. Xa nas ribeiras, atópanse freixos (Fraxinus excelsior), abeleiras (Corylus avellana) e sanguiños (Frangula alnus), bidueiros (Betula celtiberica) entre outros. Só preto da Ribeira Grande existen abeneiros (Alnus glutinosa).[3][1]

Outras árbores que existen no parque son os teixos (Taxus baccata), os cancereixos (Sorbus aucuparia), os salgueiros cabuxos (Salix caprea), os abruñeiros (Prunus spinosa) e os pradairos (Acer pseudoplatanus). Ademais, por ser unha área de plantacións forestais ata a década de 1980, existen áreas de piñeiros rubios. Algunha outra especies arbustivas presente é o estripo (Crataegus monogyna).[3][1]

Nos altos dominan os queirogais, con especies como a Erica australis subsp. aragonensis, e a altitudes un pouco máis baixas as carqueixas (Pterospartum tridentatum). Nos rochas dos altos atópanse endemismos como Armeria ciliata ou Dianthus langeanus. Nas chairas do altos, como é no Alto do Seixo, danse pastos seminaturais e neles aparecen especies como a herba das brañas (Nardus stricta).[3][1] Nos solos asolagados aparecen especies como Galium broterianum ou Oenanthe crocata, e matogueiras formadas por Genista micrantha ou Erica tetralix.[3][1] Nas matogueiras existen os endemismos Allium victorialis, a Festuca elegans, a Festuca graniticola e Narcisuss asturiensis.[3]

Nas zonas de sombra dos bosques existen unha riqueza de fieitos e consérvanse endemismos de hepáticas como Aphanolejaeunea microscopica e de vasculares como Anemone trifolia subespecie albida ou Eryngium duriaei subespecie juresianum (especie en risco de extinción).[3]

A explotación para o papel do territorio do parque introduciu entre 1950 e 1960 Pinus sylvestris nas zonas de matogueiras. Os actuais piñeiros presentes no parque son os que persistiron a eses incendios e a repoboacións feitas desde 1984 para cubrir áreas queimadas. Unha áreas importante de piñeiros do parque atópase no sur.[3]

 
Ribeiras con bidueiros e salgueiros.

Invertebrados

editar

As lamáchegas (Geomalacus maculosus) e os escornabois (Lucanus cervus) son dúas especies ameazadas presentes no parque. Ademais, existen arredor de 30 especies de coleópteros endémicas da península presente no parque. Compre destacar os tricópteros Limnephilus bipunctatus e Rhyacophila terrai.[3][1]

Peixes

editar

As troitas, o cacho e a boga do Douro, que son especies ameazadas, habitan os ríos do parque. Preto da Aula da Natureza do parque atópase un centro ictioxénico para criar estas especies no parque.[3][1]

Anfibios e réptiles

editar

No parque habitan 7 especies de anfibios e 3 de réptiles que se atopan ameazadas ou en risco de extinción.[3][1]

Entre os anfibios están a ra patilonga (Rana iberica), a ra vermella (Rana temporaria) e a rela común (Hyla arborea). Algunhas das réptiles son a lagarta da serra (Iberolacerta monticola) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).[3][1]

Outras especies a destacar do parque son o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagarta dos penedos (Podarcis hispanica), a lagarta galega (Podarcis bocagei), a cobra viperina (Natrix maura), a de colar (Natrix natrix), a lagarteira común (Coronella austriaca) e a víbora de Seoane (Vipera seoanei) e a fociñuda (Vipera latastei).[3][1]

Mamíferos

editar

O Invernadeiro destaca pola presenza de mamíferos catalogados, que chegan a 40 especies.[3][1]

Entre os carnívoros atópanse os lobo, que ten poboacións estable e se alimenta de ungulados silvestres. Outros presentes son o gato montés (Felis silvestris), a marta (Martes martes), o armiño (Mustela erminea)[15], o tourón (Mustela putorius) e as londras (Lutra lutra).[3][1] Tamén se atopan o leirón gris (Glis glis), o teixugo (Meles meles), a xeneta (Genetta genetta), o gato montés (Felis silvestris), a garduña, (Martes foina) e o raposo (Vulpes vulpes).[Cómpre referencia]

Destaca a abundancia de ungulados do parque. As especies presentes son o corzo (Capreolus capreolus), o cervo, as cabras bravas, os rebezos, o xabaril (Sus scofra) e a lebre ibérica. Os cervos e as cabras montesas só se atopan en cercados para elas. [3][1]

Ademais destas especies, destacan as especies de morcegos, a presenza dos aguaneiros (Galemys pyrenaicus), grazas aos regatos, os leiróns, as trilladeiras nivais.[3][1] Tamén se atopan touróns (Mustela putorius) e maila lontra (Lutra lutra), que habitualmente se aloxan no río, ribeiras e zonas húmidas en xeral.

Os raposos e os gatos bravos son especies comúns no parque.[3]

 
Aguia real en voo.

Respecto da avifauna presente, esta destaca pola súa diversidade. Atópanse máis de 82 especies con arredor de 67 delas reprodutoras. O número de especies de paso polo parque podería ser inda maior. As máis representativas son as rapaces e as especies de pastos e queirogais de altura. Algunhas aves acuáticas atópanse de paso preto do encoro das Portas.[3]

Entre as 31 especies de interese de protección, destacan a aguia real (Aquila chrysaetos) (e que aniña no parque), o bufo real (Bubo bubo), o gatafornela (Circus cyaneus), o tartaraña cincenta (Circus pygargus), a aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus), o papoazul (Luscinia svecica), o voitre branco (Neophron percnopterus), a charrela (Perdix perdix subsp. hispaniensis), o rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus) e a arcea (Scolapax rusticola).[3]

Tamén destacan no parque a pica dos prados (Anthus campestris), o moucho común (Athene noctua), a avelaiona (Strix aluco), o bufo pequeno (Asio otus), a aguia albela (Circaetus gallicus), gatafornela (Circus cyaneus), o falcón peregrino (Falco peregrinus), o azor (Accipiter gentilis), o miñato común (Buteo buteo) ou o gabián eurasiático (Accipiter nisus).

Patrimonio

editar

Patrimonio arqueolóxico

editar

Os restos arqueolóxicos da zona na que se encadra o Invernadoiro van desde posibles dolmens, castros ou restos romanos; como son presenza dun antigo campamento romano en Castelo de Cerveira. Na época romana o monte do Invernadeiro traballouse para a explotación aurífera por un sistema denominado derrubium montim. Os topónimos como o do regato Cabadoiro reflicten esa actividade.

Patrimonio arquitectónico

editar

Entre a arquitectura relixiosa próxima ó parque atópase igrexa de Santa María, en Sabuguido. Así mesmo, tamén está o pazo de Conso, e que pertenceu ó conde de Lemos, destaca como arquitectura civil.

Patrimonio etnográfico

editar

O territorio que actualmente ocupa o parque natural foi unha excepción histórica dentro do sistema de propiedade agraria en Galicia. Na época feudal, estes territorios eran moi apreciados pola súa riqueza cinexética e as súas posibilidades de pastoreo e foros. Foi unha propiedade privada medieval en mans laicas e que non tivo divisións territoriais desde a Idade media. O seu paso a produción forestal e logo a titularidade do estado no século XX fixo que fose unha excepción na dinámica do século que se tivese interese de conservación a finais do século.[3]

No parque abundan as construcións do pastoreo, como as cabanas, e os curros para estabular animais. As cabanas son máis comúns nos vales ou nas malladas preto dos prados. Na Ribeira Pequena e Rocín existen asentamentos arredor do século XX para as explotación agrícolas, como un caso foron as praderías, cos seus muíños, presas e canles nos ríos. Coa entrada da explotación papeleira da metade dese século e por conflitos, derruíronse algunhas destras construcións. Aínda así, no Rocín consérvanse palleiras e casais, que se empregaron para os cultivos de centeo.[3]

A industria papeleira deixou construcións ligadas a esta como foron as das vivendas ou obras dos traballadores desta e construcións industriais e de servizo. En liñas coas pistas atópanse campamentos carboeiros e casetas de servizo para o aproveitamento de carbón que se fixo nesas décadas. Na Ribeira Grande atópanse ademais tres obras mineiras do ferro río arriba. Outros elementos son os de obra da papeleira, como son as pistas de servizo na plantación, as redes de cortalumes, as casas forestais para os enxeñeiros e os gardas, barracóns para obreiros e casas de garda nos altos.[3]

Turismo

editar
 
Aula da natureza e outros servizos do parque.

Desde a declaración do parque, o acceso está limitado a un máximo de persoas polo que se precísase de permiso. A entrada ao parque faise desde Campobecerros. Dese alí accédese á Ribeira Pequena, onde se atopa un servizo de recepción e unha exposición permanente. Na Ribeira Grande atópase a Aula da Natureza. Nese aula hai espazo para estadías de visitantes e residencia de investigadores e outros servizos, como o de biblioteca e laboratorio.[1][16]

O parque conta con varias rotas de sendeiros de interese biolóxico, xeolóxico e cultural. Algunhas son a ruta Valdeirexa ou dos Cercados, a da Aceveda, a das Troitas, a da Auga, a da Corga e a da Ortiga.[1][16]

Conservación

editar

Dende a súa creación, leváronse a cabo no Invernadeiro proxectos de reintrodución e reprodución en réxime de semicatividade de ungulados extintos ou con poboacións moi restrinxidas en territorio galego. Foron especies como o cervo, o hirco, a cabra montesa e o rebezo.

O hirco extinguírase en Galicia a finais do século século XIX[17] e foi reintroducida en 1992[18]. O rebezo estivo ausente dos Ancares entre 1960 e 1970 e foi reintroducido entre 1992-94.[19]. Os estudos de seguimento destas especies trala súa reintrodución mostran unha estabilidade ou aumento da poboación.

Lexislación

editar

O Invernadeiro é un parque natural galego declarado en 1997.[1][2] Fora xa un refuxio da caza declarado en 1985 e un espazo natural protexido provisionalmente desde 1989.[20][21] Os seus planos de xestión inicíaronse en 1990 cunhas primeiras directrices de xestión, aprobouse unha planificación completa no 1999 e actualizouse en 2019.[22][16][3]

O parque está integrado ademais dentro da zona especial de conservación (ZEC) do Macizo Central da rede Natura 2000. Este espazo foi proposto tamén en 1997, coa declaración do parque, confirmouse en 2004 e 2006[23] e declarouse finalmente como ZEC en 2014.[4][5][6][7][8][9]

Galería

editar
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 Xunta de Galicia (eds.). "O Invernadeiro: O segredo natural do sur do Macizo Central ourensán". 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (Venres, 27 de xuño de 1997). Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 155/1997, do 5 de xuño, polo que se declara o parque natural do Invernadeiro.". DOG (123): 6.247. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 3,21 3,22 3,23 3,24 3,25 3,26 3,27 3,28 3,29 3,30 3,31 3,32 3,33 3,34 3,35 3,36 3,37 3,38 3,39 Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Luns, 9 de setembro de 2019). Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 102/2019, do 11 de xullo, polo que se modifica o Decreto 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural do Invernadeiro, e polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Invernadeiro.". DOG (170): 39333– 39536. 
  4. 4,0 4,1 BOE - Goberno de España, eds. (29/12/2004). "Decisión de la Comisión, de 7 de diciembre de 2004, por la que se aprueba, de conformidad con la Directiva 92/43/CEE del Consejo, la lista de lugares de importancia comunitaria de la región biogeográfica atlántica [notificada con el número C(2004) 4032].". Diario Oficial de la Unión Europea - BOE: L 387/1–96. 
  5. 5,0 5,1 Goberno de España, eds. (21/9/2006). "Decisión de la Comisión, de 19 de julio de 2006, por la que se adopta, de conformidad con la Directiva 92/43/CEE del Consejo, la lista de lugares de importancia comunitaria de la región biogeográfica mediterránea [notificada con el número C(2006) 3261].". Diario Oficial de la Unión Europea - BOE: L 387/1–96. 
  6. 6,0 6,1 Consellería de medio ambiente (Luns, 31 de marzo de 2014). Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.". DOG (62): 13.427. 
  7. 7,0 7,1 Consellería de medio ambiente (Luns, 12 de abril de 2004). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais." (69): 5.046. 
  8. 8,0 8,1 Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ES1130002 Macizo Central". Consultado o 15/05/2020. 
  9. 9,0 9,1 Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "ES1130002 Macizo Central". Consultado o 18/10/2019. 
  10. "O lume de Pradoalbar (Vilariño de Conso) leva arrasadas 3.500 has e afecta ao Parque Natural do Invernadeiro". O Sil. 20 de xullo de 2022. 
  11. Consulta realizada no visor xeográfico do Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia.
  12. Consulta realizada no visor xeográfico do Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia.
  13. Correntes de auga de pouco caudal.
  14. Consulta realizada no portal do Instituto Galego de Estatística, Xunta de Galicia.
  15. "Marta (Martes martes)". 4 de xaneiro de 2012. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Consellería de Medio Ambiente (Mércores, 20 de decembro de 1989). "DECRETO 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural do Invernadeiro." (Núm. 106): 6.923. 
  17. Diario da Universidade de Vigo (DUVI) (19/01/2015). "A cabra montés reina no Xurés". GCiencia. 
  18. Museo Natural de las Ciencias Naturales - CSIC (eds.). "Cabra montesa Capra pyrenaica". Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles. 
  19. Museo Natural de las Ciencias Naturales - CSIC (eds.). "Rebeco Rupicapra pyrenaica". Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles. 
  20. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. (Mércores, 20 de decembro de 1989). "Orde pola que se declara provisionalmente os Montes do Invernadeiro e A Baixa Limia como espacios naturais en réxime de protección xeral." (Núm. 242): 6077. 
  21. Consellería de Agricultra, Gandería e Montes. (Mércores, 08 de maio de 1985). "Decreto polo que se establece un refuxio de caza nos Montes do Invernadeiro" (Núm. 87): 1586. 
  22. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. (Luns, 05 de febreiro de 1990). "Orde pola que se fixan as normas de funcionamento das actividades de uso público do espacio natural dos Montes de Invernadeiro." (Núm. 25): 1069. 
  23. En 2004 acéptase dentro da región bioxeográfica atlántica e en 2006 dentro da mediterránea, xa que o espazo se considera dentro das dúas áreas de traballo da rede Natura 2000.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 1
todo 2