Pazo de Cadro

construción civil en San Tomé de Piñeiro, Marín

O Pazo de Cadro é unha casa señorial particular situada na parroquia de San Tomé de Piñeiro, en Marín. É a construción civil máis antiga do concello, e está recollida no inventario de patrimonio histórico-artístico da Xunta de Galicia. No ano 2012 estaba en mal estado de conservación.

Pazo de Cadro
ConcelloMarín
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°22′N 8°42′O / 42.36, -8.7
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Medieval século XV)
Estilo actual(século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Xa existía no século XV como casa grande fortificada. Desde que en 1590 a torre foi aforada polo mosteiro de Oseira a Vasco de Romai, o pazo pertenceu a esa familia durante douscentos anos. Segundo consta nunha inscrición sobre a porta de entrada á herdade, en 1710 Xoán de Romai realizou diversas obras de acondicionamento. A finais do século XVIII pasou á familia Cea, tralo matrimonio de Juana Añel Romai con José de Cea, dono do Pazo de Cea (Nigrán).

Posteriormente o pazo pasou a ser propiedade municipal, quedando en estado de ruína. Na década de 1960 foi mercado pola escritora e xornalista sueca Christina Lilliestierna. Trala súa morte no ano 2000 os seus herdeiros venderon o mobiliario (incluídas unha colección de cerámicas e de alfombras persas) e o pazo. Actualmente está abandonado.

Arquitectura

editar

A torre, con planta terrea, dous andares e remate ameado, é a parte máis vella do pazo, posiblemente construída no século XV. A comezos do século XVIII engadíuselle o corpo residencial, cun balcón corrido na parte traseira asentado sobre canzorros, e unha ampla solaina a ras de chan rodeada de balaustres sobre o val de Esperela. No exterior hai varios escudos nobiliarios, incluídos os dos Romai e os dos Soutomaior: dous na residencia e outro no portalón.

 
Rosetón e imaxe de Santa Bárbara.

A capela de Santa Bárbara é de arquitectura barroca-clasicista. Foi construída co pazo, e reconstruída a comezos do século XIX por José Cea Añel e Romai, segundo as inscricións no portalón e na parede da capela. O templo está acaroado ao pazo, pero accédese a ela por unha porta lateral independente con escalinata. Sobre a porta hai un pequeno rosetón calado, quizais aproveitado dunha construción anterior, e un nicho coa imaxe de Santa Bárbara. O presbiterio está cuberto por unha bóveda de canón. A nave ten unha elegante cúpula sobre pendentes decoradas con brasóns familiares, rematada por unha lanterna. Hai outro escudo nobiliario no pincho exterior da capela.

O conxunto inclúe un hórreo de dez pés na eira e un pombal, amais dunha casa para os caseiros e dúas piscinas engadidos posteriormente.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 2
mac 1
os 38
todo 1
web 1