Pazo de Lestrobe
O pazo de Lestrobe e unha construción civil do concello de Dodro, situado no lugar de Lestrobe. Pertence á arquitectura barroca, e inclúe tamén unha capela dedicada ao Anxo da Garda.
Pazo de Lestrobe | |
---|---|
Pazo de Lestrobe e chafariz do século XVIII | |
Concello | Dodro |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°43′59″N 8°39′59″O / 42.733055555556, -8.6663888888889 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | Barroco (Século XVI) |
Estilo actual | Barroco (Século XVI) |
Estado actual | Hotel |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarO pazo de Lestrobe foi construído no século XVI, sendo propiedade do arcebispado compostelán, pero sofre varias reformas ao longo da historia e pódese clasificar dentro do estilo barroco.[1] No patio da entrada existe un monumental chafariz do século XVIII que constitúe un notable exemplo deste tipo de arquitectura. Consta dunha gran pía con tres alturas coroada pola figura de Santiago peregrino.
Recibe este pazo o nome de Pazo do Anxo da Garda porque é a advocación da capela, que só se descobre por un gracioso campanil que supera o tellado. O edificio, de grande envergadura, ten planta en forma de U cunha longa fachada principal totalmente simétrica, que consta dunha porta centrada e de ocos con molduras barrocas.
Cara a fronte do inmoble péchase tamén unha longa fachada na que, nun lateral, se inclúe a capela desta casa. Existen varios alpendres dedicados aos labores agrícolas que completan a edificación. O edificio ten derredor un gran terreo, duns 7.000 m² con emparrados, bancos de pedra e árbores froiteiras, estando totalmente rodeado por un valado de pedra.
Foi mansión de recreo dos arcebispos composteláns, ata que caeu en decadencia. No século XIX entrou en proceso de desamortización pasando a mans seculares, volvendo a ser posteriormente propiedade da Igrexa compostelá, porén permaneceu en estado de abandono, usándose só coma capela para celebracións litúrxicas. Despois de décadas de abandono foi restaurado entre 2003 e 2005[2][3], asinándose un convenio de cesión por 50 anos entre a Xunta de Galicia e o arcebispado[4], abrindo no ano 2006 coma hotel e restaurante, xestionado por Pousadas de Compostela.
Notas
editar- ↑ Hotel Pazo de Lestrove en Proxecto ARGA.
- ↑ "Pazo de Lestrove - Premios Europa Nostra en España" (en castelán). Consultado o 17 de decembro de 2023.
- ↑ "O pazo de Lestrobe, en Dodro, rehabilitarase para uso hostaleiro" Arquivado 13 de maio de 2014 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 24 de febreiro de 2005.
- ↑ "Conclúen en Dodro os traballos de rehabilitación do pazo de Lestrobe tras un investimento de 3,6 millóns" Arquivado 13 de maio de 2014 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 27 de xullo do 2005.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Figueira, Silvia (2003). Dodro, un concello para ver. Concello de Dodro.
- Rial, A.; Gago, Paz (1992). Dodro, Guía Turística. Tradución ó galego: Angueira, Anxo. Fotografías: Torreiro, Antón. Concello de Dodro. Depósito legal: 1651-92.
- García Iglesias, Xosé Manuel (2001). Guía dos pazos de Galicia. A Coruña. Fotografías: Xenaro Martínez Castro. Vigo: Galaxia. p. 295. ISBN 84-8288-434-4. Depósito legal: VG-361-2001.
- García Iglesias, Xosé Manuel (1989). Pazos de Galicia: inventario do patrimonio histórico galego. Consellería de Cultura e Xuventude. Xunta de Galicia. p. 130.
Ligazóns externas
editar- Web do Pazo de Lestrove en Pousadas de Compostela