Pazo de Montecelo

pazo en Montecelo (San Pantaleón das Viñas, Paderne)

O pazo de Montecelo é un pazo situado no lugar de Montecelo, na parroquia de San Pantaleón das Viñas, no concello coruñés de Paderne. Fica fronte á igrexa parroquial románica de San Pantaleón das Viñas, xunto á vía inglesa do Camiño de Santiago. O edificio actual data do século XVII ou XVIII, aparecendo xa nun inventario familiar feito en 1771.

Pazo de Montecelo
ConcelloPaderne
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas43°19′37″N 8°11′44″O / 43.326828525977, -8.1955778117379
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XVII)
Estilo actual(século XVIII)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Descrición

editar

A fachada é sinxela e severa, de cachotaría de granito con revocadura de xeso e cantos, cornixa e vans de cantaría, e conta co que semellou ser unha torre lateral case da mesma altura do beiril da casa con grandes fiestras que darían ao salón nobre. Coma enfeite só presenta un escudo acochado por manto e coroa como indicativo de grandeza ou de elevada dignidade do goberno ou da milicia (aínda que polo que se sabe non correspondería a ningún dos señores desta casa). A casa foi propiedade de Pedro de Aldao Barbeito, mestre de campo dos exércitos de Sicilia e de Cataluña e electo vicerrei de Navarra, directamente emparentado cos Bermúdez de Castro da Casa de Gondar`, ou ben co sobriño deste personaxe, chamado así mesmo Pedro de Aldao, Mestre de Campo, Gobernador de Henault e Xefe do Terzo de Valadares.

Por riba da porta de entrada e entre dúas fiestra áchase o escudo heráldico labrado en pedra. Este áchase profusamente acuartelado, e nel se advirten os escaques de Bermúdez, as cinco lises de Aldao, a banda engolada de dragantes de Andrade, a ponte de Ponte e outras insignias. Ningunha delas parece corresponder aos Fajardo, Somoza, Alfeirán e Posada que antigamente posuíron a casa ou o brasón que recorda os presuntos fundadores e ao de Andrade.[1]

A porta de entrada ten un lintel reforzado cun arco rebaixado interior, a través desta accédese a un atrio que salienta polo seu porte e dimensións (xa que ocupa case a totalidade dese espazo) a súa impresionante escaleira de granito e varanda de fundición que dá acceso a un corredor que, apoiado en monumentais canzorros ou ménsulas con molduras, arrodea todo ese patio dando servizo aos cuartos do sobrado. A parte posterior do edificio está constituída por outra especie de torre de considerábeis dimensións e cun segundo andar que se ergue sobre o resto e que presenta unha galería traseira que dá vista sobre o xardín.

Xardinaxe

editar
 
Parte do xardín francés

O xardín atópase pechado por altos muros de cachotaría e contén abundantes camelias e outras árbores pouco comúns, entre as que salienta un teixo perfectamente tallado en forma cilíndrica, outro conxunto de teixos que forma unha cúpula vexetal sobre unha mesa de pedra cos seus bancos e unha exótica especie de araucaria.

Salienta tamén un gran pozo con peitoril de piedra e cun pío a cada costado, a existencia dun xardín francés a base de buxo recortado, construído nun espazo duns 500 m² e delimitado polo edificio que forma un ángulo ou escuadra. Está formado por seis canteiros simétricos, cun punto focal central e unha pérgola (hoxe desaparecida) nun dos seus extremos e rematado no outro extremo polos escudos heráldicos dos propietarios. Dos seis canteiros ou parterres, os dous centrais son simétricos e cun deseño complexo, de estilo que recupera os da broderie do barroco; os catro dos currunchos son todos distintos e moito máis lineais que os anteriores. Este xardín, que se divisa desde un balcon de pedra sobre ménsulas semellantes ás do patio, disque tería sido deseñado moi probabelmente polo mesmo xardineiro francés que deseñou o coñecido xardín do pazo de Mariñán, aínda que este máis modesto e sen tantas pretensións. O feito da posíbel coincidencia do seu autor non sería de estrañar se se ten en conta que un dos dous escudos heráldicos que adornan este xardín de Montecelo coincide exactamente cun dos que se poden ver en Mariñán; é o que aquí leva unha cartela co nome de “Aurelia” reproducindo o outro, que leva o nome de “Paco”, o escudo da fachada do edificio. E é que un propietario de Montecelo, Francisco Bermúdez de Castro e Mosquera, casou coa que era propietaria de Mariñán, Aurelia Suárez de Deza e Tineo. Pero quizais sexa máis exacto dicir que o xardín de Mariñán do século XVIII serviu de modelo ao de Montecelo realizado en tempos de quen deixairon plasmadas as súas armas no mesmo, a finais do século XIX.

Dende o extremo posterior do xardín e por medio dunha escaleira de pedra de brazo duplo sálvase, mediante unha pontella formada por grandes lousas de pedra, un camiño veciñal e se acada outro espazo máis elevado e amurallado que ocupa a zona máis alta do Castro prehistórico de Montecelo e que por isto goza dunhas espléndidas vistas sobre a ría de Betanzos. Este miradoiro é á súa vez divisábel e identificábel dende puntos moi distantes del por mor de que ten plantado un pequeno arboredo de altísimos e vellos eucaliptos dun gran grosor.

Historia

editar

Non se teñen noticias exactas da época de construción do pazo na súa configuración actual, porén pódese aventurar que no fundamental trátase dunha construción dos séculos XVII e XVIII, aínda que se basea nunha edificación anterior e teña elementos de épocas posteriores. Nun inventario dos bens do seu propietario, realizado en 1771 xa se fala da Casa e Pazo de San Pantaleón. O que é moi probábel é que se producise aquí un fenómeno bastante común neste tipo de edificacións: partindo dunha torre orixinaria medieval, vanse construíndo dependencias acaroadas á mesma aos poucos, até que nun momento determinado, propiciado pola existencia de medios económicos que o permiten e á moda arquitectónica ao uso, dotaselle de elementos ornamentais peculiares.

Tal sería o caso da grande escaleira de acceso, da monumental lareira do salón principal (desmontada e trasladada polos seus últimos donos), así como o seu espectacular artesoado (teito lamentabelmente irrecuperábel na restauración polo seu grao de deterioración) formado por grandes casetóns rematados no centro por unha piña natural. Porén, sábse que a orixe do actual pazo é a construción que se realiza a mediados do século XV como consecuencia da concesión dun foro polo abade do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela do couto de San Pantaleón coa súa xurisdición civil e criminal á familia Díaz de Andrade.

O primeiro señor coñecido desta casa é Fernando Fajardo de Andrade, casado con Felipa Somoza e Alfeirán, que vivía en 1683. Este matrimonio uniu a San Pantaleón das Viñas propiedades como a Torre de Silán e o Pazo da Misericordia, os dous nas proximidades de Viveiro. A súa filla, Xertrude, casou co seu parente Xoán Antonio Bermúdez Fajardo de Andrade, dono da Casa de Gondar, nas inmediacións de Pontevedra, fillo de Antonio Bermúdez de Castro e Aldao e de María Fajardo de Andrade.

Do matrimonio de Antonio e Xertrude naceu Diego Luís Bermúdez de Castro e Andrade dono, entre outros señoríos e xurisdicións, do de San Pantaleón das Viñas, onde está encravado o Pazo de Montecelo. Casou con María Taboada Mariño Proaño Rojas que achegou o señorío de Lamas de Rañestres. Aos dous herdáronlles sucesivamente os seus fillos Xosé Antonio, que morreu sen descendentes, e Gaspar Xosé Bermúdez de Castro e Taboada que se cruzou como Cabaleiro de Malta en 1736 e titulábase Señor de Gondar, San Pantaleón das Viñas, Silán, Torre de Calvos, Misericordia, Xeve, Verducido, Gaxato, Refringos, Fragoso, Lamas de Rañestres, Codesido e da Casa do Vao. Este personaxe, que enriqueceu notabelmente o Santuario da Misericordia, casou con María das Dores Pardo Vaamonde Quiroga, de ilustre liñaxe luguesa e os dous foron pais de Xosé Bermúdez de Castro e Pardo, que ingresou na Orde de Malta e na Mestranza de Ronda.

Fillo seu foi Francisco Bermúdez de Castro, que lle sucedeu en todos os seus dominios e regalías e que ao casar con Aurelia Suárez de Deza e Tineo, morgada dos señoríos de seus pais Apolinar Suárez de Deza Caamaño Yebra e Pardo, e María Xosefa Raimunda de Tineo e Vigo, donos de moitas propiedades en toda Galicia, pasou a ser un dos maiores potentados do antigo reino. O seu fillo primoxénito, Xerardo, que morreu solteiro, legou a casa de Láncara e a de Mariñán, en Bergondo, á Deputación Provincial da Coruña.

O fillo segundo, Ricardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza, casou con Amparo Navia Osorio da familia dos Marqueses de Ferreras e de Santa Cruz de Marcenado, a cal, ao quedar viúva e sen fillos, legou o Pazo de Montecelo, herdado do seu esposo, á súa sobriña Amparo Quiroga Navia Osorio, casada con Xurxo Quiroga García do Foxo.

A filla deste último matrimonio, Amparo, dona de Gonzalo de Vargas Fernández de Córdoba, doouo pazo, hoxe restaurado, a unha institución relixiosa.

O pazo no século XXI

editar

Esta entidade ten cedidas en arrendamento todas as instalacións á Asociación Cultural Montecelo, que organiza campamentos e actividades relixiosas e formativas ligadas co Opus Dei.

  1. "Información do Pazo na Web do Concello de Paderne". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 06 de outubro de 2015. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Carlos Martínez Barbeito, Torres, Pazos y Linajes de la Provincia de A Coruña, A Coruña 1978;
  • Padre Crespo, Blasones y Linajes de Galicia, Bilbao – Madrid 1982-1985;
  • Xosé Antón García Ledo, «Querella de forza por unhas sepulturas na Eirexa de San Francisco de Betanzos», en VNTIA – Boletín do Seminario de Estudos Mariñáns 2(1986)143-151;
  • Fernando Urgorri Casado, «Los molinos de Bermúdez en Puente Lambre y la molinería en Ferrol y Betanzos en el siglo XVII y XIX», en VNTIA – Boletín do Seminario de Estudos Mariñáns 2(1986)153-182;
  • Pablo Pérez costanti, Linajes Galicianos, Santiago de Compostela 1998;
  • Jesús Ángel Sánchez García, Mariñán, Pazo de los sentidos, A Coruña 1999' (Árboles genealógicos de Bugallal y Vela).

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 5
mac 1
os 121
todo 4
web 2