Pazo de San Lourenzo de Trasouto
O pazo ou convento de San Lourenzo de Trasouto é un pazo e antigo mosteiro franciscano localizado a rentes da carballeira de San Lourenzo, na cidade de Santiago de Compostela. O conxunto conta cun recinto amurallado que ocupa unha superficie de máis de 40.000 m²; está incluído desde 1979 coma Ben de Interese Cultural - Patrimonio Artístico Nacional. Salienta o seu xardín de buxos.
Pazo de San Lourenzo de Trasouto | |
---|---|
Concello | Santiago de Compostela |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°52′41″N 8°33′28″O / 42.878055555556, -8.5577777777778 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (Románico, século XIII) |
Estilo actual | (románico e posteriores estilos/reformas) |
Estado actual | en bo estado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e arquitectura
editarFoi mandado construír polo bispo de Zamora Martín Arias, en 1216 (século XIII), cando fundou unha ermida. Nel pasou unha noite o emperador Carlos V en 1520. Desde o século XV é propiedade dos Condes de Altamira, que o cederon á Orde franciscana. No século XVIII foi construído o claustro, a sancristía e foi erixido un cruceiro, téndose alterado a planta da igrexa a cruz latina, cunha nave en catro tramos e bóvedas de canón. Da igrexa románica consérvanse tres tramos da nave e o pórtico da entrada.
Salienta o altar maior cun fermoso retablo feito en mármore de Carrara, executado en Xénova[1] cara a 1526, probablemente polos irmáns lombardos Antonio Maria e Giovanni Antonio di Aprile, xunto a Pier Angelo della Scala di Carona[2]. Estivo orixinalmente na capela maior do convento chamado Casa Grande de San Francisco de Sevilla (no soar do que hoxe é a Plaza Nueva), de onde foi trasladado por orde da condesa de Altamira, María Eugenia Osorio-de Moscoso Carvajal (1834-1892) en xullo de 1879. O conxunto de mármore foi traído desde Sevilla ata o porto do Carril, sendo instalado polos artistas locais Agustín Rodríguez (carpinteiro) e Vicente Picón (escultor), baixo a dirección e planos do arquitecto Agustín Ortiz de Villajos, que tivo que adaptalo ao espazo dispoñible. A igrexa co "novo" retablo inaugurouse o 9 de agosto de 1883[3]. Non obstante, o propio retablo orixinal do mosteiro, en estilo churrigueresco do século XVIII[4], foi doado pola condesa a unha igrexa do rural sevillano[5].
No cruceiro existen outros dous retablos, tamén de orixe sevillano. O do Evanxeo ten a estética do século XVI, cunha representación da Virxe da Cadeira, lembrando á obra de Jerónimo Hernández, e unha copia dun lenzo de Bartolomé Esteban Murillo, Os nenos da cuncha; mentres tanto, o da Epístola ten trazas de pertencer ao segundo terzo do século XVIII, representándose a Santa Ana ensinando a ler á Virxe, nun estilo próximo ao escultor José Montes de Oca. Salienta tamén e a imaxe da Virxe co Neno, obra do escultor Juan Martínez Montañés.
A portada lateral data de 1760; nela atópase un nicho cunha imaxe de San Lourenzo. O claustro ten dous andares, con arcos de medio punto. etc. No lado occidental, unha escalinata de pedra conduce a unha fonte rematada por unha escultura da Virxe cuberta de hedras.
No século XIX, trala desamortización, os duques de Soma e de Medina de las Torres (actuais propietarios e descendentes dos condes de Altamira), restaurárono para o empregar coma residencia.
Malia as moitas reformas, conserva as naves románicas do primeiro edificio. Dende 1993 está rehabilitado para acoller xantares de congresos, convencións, vodas e outros actos de carácter social. O pazo é de uso privado e só se abre unicamente para actos concertados.
Xardíns
editarTen a particularidade de se tratar dun pazo-mosteiro en cuxo claustro se atopa unha das máis importantes mostras da xardinaxe xeométrica galega: uns macizos/ sebes de buxo de catro séculos de antigüidade que foron tallados seguindo formas da fe cristiá que aínda se conservan: a cuncha de vieira de Santiago, a cruz de San Domingos, a da Orde de Calatrava, Alfa e Omega, a grella de San Lourenzo etc; tállanse dúas veces ao ano.
Malia que o bosque de buxo é o seu principal sinal de identidade, os xardíns adxacentes tamén pagan a pena a visita, xardíns umbríos e vizosos do século XIX, onde medran distintas especies autóctonas e foráneas[6].
Os xardíns conservan a orixinal traza conventual e o estilo romántico do tempo do seu deseño. Salientan ademais dos buxos, as camelias e os magnolios entre as máis de cen especies vexetais de xardíns e arboredo.
Etnografía
editarRosalía de Castro dicía así sobre o pazo no seu poema "San Lourenzo":
¿Ond'estaba o sagrado retiro?...
Percibín ruidos estraños,
Pedreiros iñan e viñan
Por aquel bosque apartado.
¡Era que un-ha man piadosa
Coidaba os desamparados!
—
D'unha ollada medin ó interiore...
Todo relumbraba branco,
Cada pedra era un espello,
Y ó vello convento, un pazo
Coberto de lindas frores.
¡Que terrible desencanto! [7]
Notas
editar- ↑ García-Frías Checa, Carmen (2004) [2002]. "Artistas genoveses en la pintura decorativa de grutescos". España y Génova: obras, artistas y colecionistas [Genova e la Spagna] (en castelán). Madrid: Fernando Villaverde Ediciones / Fundación Carolina. p. 59. ISBN 84-933403-4-0. Consultado o 11-10-2015.
- ↑ Arciniega García, Luis (2001). El Monasterio de San Miguel de los Reyes. Biblioteca Valenciana (en castelán) II. Generalitat Valenciana / Direcció General del Llibre, Arxius i Biblioteques. p. 124. ISBN 84-482-2879-0. Consultado o 11-10-2015.
- ↑ «El antiguo convento de San Lourenzo de Trasouto en Compostela», artigo de José Manuel García Iglesias Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine., en El Correo Gallego, 22-6-2014 (en castelán).
- ↑ Fernández Sánchez, José María; Freire Barreiro, Francisco (2001) [1885]. Guía de Santiago y sus alrededores (en castelán). Valladolid: Editorial Maxtor. p. 394-407. ISBN 84-95636-27-1.
- ↑ Revista Numen Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en castelán).
- ↑ "Pazo a pazo", artigo de Marta Rivera de la Cruz en El Viajero de El País, 21 de febreiro de 2014 (en castelán).
- ↑ IV. D'a Terra (Follas novas, 1880)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario monumental y artístico de Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 552. ISBN 84-85728-62-9.
- Contreras López-de Ayala, Juan de (Marqués de Lozoya) (1957). Escultura de Carrara en España (en castelán). Madrid: Instituto Diego Velázquez / CSIC. p. 17-19.
- Díaz López, Juan David (2015). El Pazo de San Lourenzo de Trasouto: de oratorio franciscano a retiro señorial. Biblioteca de Divulgación del Consorcio de Santiago (en castelán). Guiverny / Consorcio de Santiago. p. 161. ISBN 84-939-4498-X.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo de San Lourenzo de Trasouto |
Ligazóns externas
editar- Ficha en Santiagoturismo
- Páxina do pazo para celebración de vodas e cerimonias (en castelán e inglés).