O penso é o alimento seco para a alimentación dos animais[1], formado por nunha mestura de cereais e outros elementos. O feito de ser unha mestura composta de varios elementos alimenticios fai que moitas veces se denomine ao penso, redundantemente, como penso composto. Segundo a normativa legal europea, o penso é un alimento elaborado para animais composto por "calquera substancia ou produto, incluíndo os aditivos, destinados á alimentación por vía oral dos animais, tanto se foron transformados -enteira ou parcialmente- como se non o foron".[2]

Ración de penso para un cabalo.

Conceptos básicos

editar

Os fabricantes de pensos poden equilibrar a mestura de acordo con cos datos tirados de estudos previos que aconsellan as mellores proporcións para os diferentes propósitos que desexan dar ao destinatario. Así, algúns poden utilizarse para s engorda, outros para promover a desova, ou para favorecer o crecemento etc.

En moitos casos o penso pódese utilizar como alimento único, se está pensado para cubrir todas as que está pensado para cubrir tódalas necesidades nutritivas do animal, pero hai outros tipos de penso que se utilizan como alimento complementario a outros produtos da dieta.

Aínda que cada penso normalmente é específico para cada animal, ás veces pódese usar un doutra especie distinta. Por exemplo, os pensos para gatos poden servir de alimento para paxaros insectívoros, como andoriñas, cirrios ou pardais (amolecéndoos en auga), ou para cans. Porén, os pensos para cans non serven para gatos (fáltanlles taurina), ou o de coellos non vale para cobaias (fáltalle vitamina C).

As necesidades nutricionais de cada animal varían segundo a idade, o nivel de actividade, a raza ou as sensibilidades específicas. Durante o crecemento as necesidades de proteínas e calcio, entre outros nutrientes, necesítanse en maior proporción.

Para a fabricación de pensos pódense utilizar desde materias primas especialmente elaboradas para este fin (como cereais ou outro cultivo), substancias sintéticas (como a urea, que os ruminantes poden utilizar para produciren proteínas) até refugallos da industria alimentaria (como pelas de pataca e outros restos vexetais ou de orixe animal que non teñan saída para o consumo humano). Utilízanse tamén outras fontes, como o soro de leite, subproduto da fabricación do queixo e que pode, teoricamente, alimentar á mesma vaca da que proviña o leite utilizado para elaborar o queixo.

Antes da epidemia de encefalopatía esponxiforme bovina (coñecida como enfermidade ou mal das vacas tolas), alimentábase ás vacas con proteínas de orixe animal, incluso restos de bovinos. Actualmente só están permitidas proteínas de orixe vexetal, que é o natural, ademais de que os prións non se poden destruír con seguridade mediante tratamentos térmicos ou doutro tipo.

Todos os pensos deben pasar uns controis para evitar que sexan nocivos para o animal que se vai alimentar deles, ou para os humanos que se alimenten co animal ou os seus produtos (leite, ovos etc.).

En 2011 producíronse ao redor de 734 millóns e medio de toneladas de pensos no mundo.[3]

Fabricación de pensos

editar
Recepción de materias primas

Á fábrica de pensos chegan camións, vagóns ou carga granel que conteñen os diferentes tipos de materias primas. Entre estas están o millo, a soia, grans de destilaría, glute, graxas (animais ou vexetais) e melaza, entre moitos outros. Idealmente, antes de proceder á descarga das materias primas, debería tomarse unha mostra representativa de cada camión para a súa análise e control de calidade.

Almacenamento das materias primas

As materias primas sólidas (fariñas, graxas etc.) almacénanse en silos. Algúns produtos, como a soia, poden almacenarse en adegas.

En silos de menor tamaño, e cun sistema de vapor para manter as materias primas en estado líquido, almacénanse as melazas e as graxas.

Os sales minerais que chegan en sacos almacénanse nunha zona cuberta.

Silo de espera previo á moenda. Molturación ou moenda

Precísase moer os grans antes da mestura co resto das materias primas, para facilitar a homoxenización da mestura.

Dosificación

Nesta etapa pésase cada materia prima que se incorpora á mestura para asegurar que estará nas proporcións axeitadas.

Mestura

Consiste na homoxenización de tódalas materias primas incorporadas ao penso. Nesta etapa incorpóranse os minerais e os aditivos.

Granulación

Algúns produtos son granulados, xa sexa en forma de pellet ou feitos nunha extrusora. Este é un proceso mecánico no que conflúen varias forzas, como fricción, presión, extrusión, así como incrementos de temperatura, que modifican certas características das materias primas e que termina cunha aglomeración de partículas que quedan en forma de gránulos ou pellets.

Acondicionador

O penso quente e húmido entra nun sistema de arrefriamento, despois da granulación, onde pode haber perigo de acumulación de materia e risco de multiplicación bacteriana e doutros microorganismos. Nesta etapa hai que controlar moito a temperatura e procurar que o aire que entra no arrefriador proveña dunha zona limpa.

Empacamento

Cando o produto esta listo, debe ser posto a disposición para o cliente final, o que pode facerse colocándoo en sacos ou ben transportado en camións graneleiros até os silos das granxas.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 2