A pina[1] ou aro[2] é unha parte da roda da maioría de vehículos terrestres, unha peza metálica cuxa forma varía en relación ao tipo e tamaño do vehículo, e a súa función é soster o pneumático para que conserve a forma ao rodar.

Pina de aliaxe de aluminio.
Pina de bicicleta sen os radios.
Roda dun Porsche Carrera GT con pina de aliaxe de magnesio.

Pódense atopar pinas en vehículos tales como automóbiles, motocicletas, camións, avións, bicicletas etc. Moitos modelos de coches veñen equipados con pinas feitas de aliaxe (de aluminio ou magnesio).

Historia

editar

As primeiras pinas foron unha continuación das rodas de carruaxe. Das primeiras rodas que se recubriron con caucho vulcanizado (en 1880 aproximadamente), cara a 1910 comezouse a colocar un talón metálico entre a roda e o pneumático (para entón xa se implementou o tubo de ar como parte da roda) para reforzar a rixidez total da estrutura.[3]

As primeiras rodas dos vehículos con motor comezaron sendo rodas semellantes ás das bicicletas, coas pinas unidas ao eixe central por radios. A medida que os vehículos se volveron máis pesados, utilizáronse rodas con radios de madeira e pinas de aceiro. Máis tarde, montáronse pneumáticos de caucho macizo nas pinas das rodas de madeira. As pinas completamente feitas de metal xeneralizáronse gradualmente arredor da década de 1930.

Pinas de aliaxe

editar

As pinas de aliaxe son os aros metálicos que se fabrican a partir dunha aliaxe de aluminio ou de magnesio.[4] As aliaxes son mesturas dun metal e outros elementos, que polo xeral proporcionan unha maior resistencia que os metais puros, que adoitan ser moito máis brandos e dúctiles. As aliaxes de aluminio ou magnesio son tipicamente máis lixeiras para obter unha resistencia dada, proporcionan unha mellor condución de calor, e a miúdo producen unha aparencia estética mellorada en comparación coas pinas de aceiro. Aínda que o aceiro é o material máis común utilizado na produción de pinas, é unha aliaxe de ferro e carbono, e o termo "pina de aliaxe" xeralmente se reserva para as que son fabricadas con aliaxes non ferrosas.

As primeiras pinas de aliaxe lixeira estaban feitas de aliaxes de magnesio. Aínda que non se xeneralizaron nos vehículos comúns, seguiron sendo populares durante a década de 1960, aínda que en cantidades moi limitadas. A mediados e finais da década de 1960, os refinamentos da fundición de aluminio permitiron a fabricación de rodas máis seguras que non eran tan fráxiles. Ata ese intre, a maioría das pinas de aluminio sufrían dunha baixa ductilidade, que polo xeral oscilaba entre o 2-3% de elongación. Debido a que as pinas de aliaxe lixeira por entón a miúdo estaban feitas de magnesio, os primeiros problemas detectados atribuíronse máis tarde á baixa ductilidade do magnesio, cando en moitos casos eran pinas de aliaxe de aluminio mal fundidas. Unha vez que estas melloras na fundición do aluminio foron adoptadas máis amplamente, as pinas de aluminio substituíron as de magnesio como rodas de baixo custo e alto rendemento para os deportes de motor.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pina.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aro.
  3. "Historia de la llanta". www.continentaltire.mx (en castelán). 2012. Consultado o 20 de abril de 2021. 
  4. Jesús Calvo Martín (1997). Mecánica del automóvil actual. Reverte. pp. 191 de 250. ISBN 9788492134946. Consultado o 23 de abril de 2021. 
  NODES
todo 1