Plebe e plebeos (en latín plebs, plebeius) era a denominación dun grupo social da Roma antiga. Formaban parte deste grupo, segundo a terminoloxía empregada pola historiografía romana clásica, os que non tiñan gens, é dicir, aqueles que non podían remontar a súa orixe ás primeiras familias que miticamente fundaron Roma con Rómulo, como os chamados patricios (patres, patricii); e, polo menos inicialmente, non formaban parte do populus Romanus nin de ningunha das súas tribos ou curias.[1] A etimoloxía de plebs, non aclarada, parece suxerir a condición dos plebeos como "fillos da terra"; que non teñen antepasado coñecido, a diferenza dos patricios, e ser as divindades terreais as que os protexen, mentres que os patricios vincúlanse aos deuses olímpicos.[2][3]

Evolución

editar

Se inicialmente o termo puido facer referencia á poboación de procedencia foránea (como eran os metecos en Atenas), tal condición deixou de ter sentido co paso do tempo, pois os plebeos non se consideraban estranxeiros (bárbaros) senón cidadáns romanos e, como tales, tiñan obrigas (especialmente o servizo militar) e certos dereitos políticos.[4] Non eran tampouco unha clase social baseada na riqueza; polo que para designalos adoita utilizarse a expresión "ordo plebeius" ("orde plebeo"), non exenta de impropiedade.[5] O termo en si era dunha grande extensión pois entre os plebeos existían situacións moi diferentes a todos os niveis.

A tradición atribúe ao rei Servio Tulio (século VI a. C.) a inscrición da plebe en rexistros públicos, organizándoa en corporacións artesás (os collegia), seguindo a clasificación que Plutarco atribúe a un rei moi anterior, Numa Pompilio: frautistas, tintoreiros, zapateiros, orífices, broncistas, carpinteiros, curtidores e oleiros. Estas reformas de Servio Tulio, baseadas no censo, permitiron que a plebe entrara a formar parte do exército e dos comicios centuriados e, posteriormente, no contexto das loitas entre patricios e plebeos que caracterizaron os primeiros séculos da República romana, até do mesmo Senado, accedendo a todas as maxistraturas.[6] Presionados polas demandas da plebe, os patricios consentiron a redacción dun código legal público e escrito (Lei das XII Táboas) que foi sucesivamente emendado e ampliado con novas leis que concedían aos plebeos novos dereitos (ao matrimonio, ao sacerdocio etc.), a capacidade de voto nas distintas asembleas romanas e a eficacia legal das súas resolucións (plebiscita), e a designación exclusiva de dous maxistrados (os tribunos da plebe) con poderes para garantir os seus dereitos. Os enfrontamentos patricio-plebeos producíronse dende a Secessio plebis do 494 a. C. até a promulgación da Lex Hortensia no 287 a. C.

Homines novi, equites, adsidui e proletarii

editar

A composición social da plebe romana nos últimos séculos da República comprendía: un pequeno pero moi influente grupo de homines novi, moi enriquecidos, do que xurdían personaxes carismáticos que realizaban unha triunfante carreira militar e política (cursus honorum); os equites, con riqueza suficiente para custearse o necesario para o cumprimento do servizo militar en cabalaría; os adsidui, pequenos propietarios, que estaban obrigados ao servizo militar en infantaría, o que nas épocas de continua mobilización os obrigaba a endebedarse, con risco de perder as súas propiedades, caendo na condición de cliente dun rico; e os proletarii, que non posuían nada (denominábanse así por considerar que a súa contribución ao Estado era a súa "prole").[7]

Libertos e escravos

editar

Unha condición social particular tiñan os libertos, escravos emancipados, ben por decisión testamentaria dos seus donos, por méritos contraídos durante o seu período de escravitude ou por comprar a súa liberdade. O número dos escravos romanos (que, ao non ser libres, tampouco eran cidadáns, e por tanto, tampouco pertencen á plebe) creceu durante a época republicana até chegar a converterse no modo de produción dominante até a crise do século III.[8]

Uso posterior

editar

No Antigo Réxime utilizábase cumpridamente o termo "plebe" e "plebeo" para designar ao, "común", "estado chairo" ou terceiro estado, o terceiro dos estamentos en que se dividía a sociedade estamental.

Na Idade Contemporánea, xa en condicións de igualdade legal, o termo "plebe" pasou a ser sinónimo de "clase baixa", "masas" ou "vulgo", mentres que o termo "plebeo" utilízase como antónimo de "nobre".

  1. L. Utchenko, Cicerón y su tiempo, pax. 27.
  2. Online Etymology Dictionary: "Some have attempted to link the word to Greek plethos "multitude;" Latin plebs "people, mob," populus "people" or vulgus; OED and Klein discount this theory but it is accepted in Watkins."
  3. Mario Hernández, Conflicto Roma-Cartago, en España, historia de una nación, pax. 30.
  4. Practicamente desde a fundación da cidade detéctase a presenza de estranxeiros asentados por diversos motivos; fundamentalmente atraídos pola prosperidade da cidade, gran cantidade de mercadores e artesáns libres conflúen desde as Comarcas próximas do Latium e a Italia central e ata desde as afastadas cidades da Magna Grecia, así como gregos das cidades-estado metropolitanas da Hélade.
  5. "Senadores e equites... eran as dúas ordes (ordines).
  6. A Constitución Serviana.
  7. O assidui, o locupletes.
  8. Para todo o artigo, Leon Bloch, Luchas sociales en la Antigua Roma Arquivado 21 de xuño de 2014 en Wayback Machine.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
iOS 7
mac 1
os 113
text 1
todo 3