Eduardo Pondal

médico e escritor galego
(Redirección desde «Pondal»)

Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro[2] de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Modelo:BiografíaEduardo Pondal

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(gl) Eduardo María González-Pondal Abente Editar o valor en Wikidata
6 de febreiro de 1835 Editar o valor en Wikidata
Ponteceso, España Editar o valor en Wikidata
Morte8 de marzo de 1917 Editar o valor en Wikidata (82 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Santo Amaro da Coruña Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta, escritor, político Editar o valor en Wikidata
Período de actividadeRomanticismo
Membro de
Xénero artísticoPoesía
MovementoRexurdimento
Influencias
LinguaGalego, castelán
Obra
Obras destacables
Premios

Descrito pola fonteEnsayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Pondal (Eduardo), p.354) Editar o valor en Wikidata
Galiciana: 6268 BNE: XX991082 BUSC: pondal-eduardo-1835-1917 Discogs: 3287763 Find a Grave: 239548292 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar
 
Casa natal de Pondal, en Ponteceso

Foi o derradeiro irmán de entre sete fillos nunha familia de orixe fidalga enriquecida coa emigración a América. Eduardo quedou orfo de nai, Ángela Abente Chans, ao ano de nacer. Seu pai, Juan González Pondal, era comerciante.[3] Estudou dende 1844 gramática latina na escola que tiña un parente seu crego (Cristóbal de Lago) en Vilela de Nemiña. En 1848 instalouse en Santiago de Compostela para cursar o bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. De estudante frecuentou o Liceo de Santo Agostiño, onde había faladoiros literarios, e revelouse como poeta, co seu íntimo amigo Aurelio Aguirre, nunha ocasión que se fixo célebre: o banquete de Conxo. Foi un acto organizado en 1856 por estudantes liberais en homenaxe ao terceiro estado, no que estes fraternizaron con obreiros. Os brindes de Aguirre e de Pondal, cun sentido político moi avanzado, leváronos á Audiencia da Coruña que chegou a considerar a deportación destes ás Illas Marianas. Desta época datan os seus textos manuscritos máis antigos, atopados no arquivo do arcebispado de Santiago Compostela.[4]

Ao rematar a carreira en 1860, exerce como médico militar da Armada Española en Ferrol. En 1861 obtivo praza no Corpo de Sanidade Militar ao aprobar a oposición en Madrid. Porén, tras conseguir un posto na fábrica de armas de Trubia (Asturias), abandonou de maneira definitiva a profesión médica e retornou á casa paterna. O 2 de xullo de 1861 celebráronse na Coruña os primeiros Xogos florais de Galicia, no que Pondal participou con A campana d'Anllóns, o seu primeiro poema en galego, que se publicou ao ano seguinte no Álbum de la Caridad.

Pondal apenas exerceu a medicina. Retirouse axiña á súa casa paterna e alí viviu, con frecuentes viaxes a Santiago de Compostela e á Coruña. Nesta última cidade visitaba habitualmente a imprenta-libraría de Uxío Carré Aldao, bautizada por Celso García de la Riega como "Cova Céltica". Alí mantiñan un parladoiro, entre outros, Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Florencio Vaamonde Lores, Evaristo Martelo Paumán e Manuel Lugrís Freire. Alí accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Será entón cando Pondal asuma o papel de "bardo" da nación galega.

 

No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e castelán que serviu de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recuperou da versión bilingüe as composicións en galego, incluíu aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e tivo ampliacións nas edicións posteriores. Un fragmento d' "Os Pinos", poema xurdido das sucesivas reelaboracións de "Rumores de los pinos", constituíu o himno galego, ao que Pascual Veiga lle puxo música.

 
Placa no lugar onde morou os derradeiros anos na Coruña

A saudade de Pondal, poeta da liberdade, que ansiaba levantar un pobo, orientouse cara a un pasado que el imaxinaba libre e independente, e que o seu impulso lírico ansiaba reconquistar. A poesía de Pondal propoñíase, entón, renovar a historia. Como do pasado céltico non quedaban máis que vagos vestixios, Pondal esforzouse en adiviñalo, guiándose polos poemas de Ossian, por algunhas citas do Lebor Gabála Érenn e polas investigacións de Murguía. Creou así un mito fragmentario, distante da historia, indeterminado, arredor de dous arquetipos: o Heroe e o Bardo. Trátase dun pasado de gran beleza e dunha forza de suxestión extraordinaria.

Eduardo Pondal finou no hostal "La Luguesa", na rúa Juana de Vega da Coruña, no mediodía do 8 de marzo de 1917. Sufría unha cegueira moi avanzada e crises mentais cada vez maiores.[3] Os seus restos xacen no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Pondal é o máximo expoñente da literatura do rexionalismo galego. Idealiza o pasado céltico de Galicia, e como apenas quedan vestixios da época, inspírase nas fontes da invasión romana, nos poemas ossiánicos de James MacPherson, nalgunhas citas do Lebor Gabála Érenn e nas investigacións de Manuel Murguía e Benito Vicetto. O simbolismo do celtismo dentro da poesía de Pondal é claro: así como os celtas combateron heroicamente a invasión romana, os galegos deben tomar o seu exemplo e combater igualmente a opresión castelá. Ao mesmo tempo a súa poesía incorpora unha tendencia helenista, que entronca co seu afán de crear unha lírica culta. Os mitos creados por Pondal baséanse en dous arquetipos: o Heroe e mailo Bardo.

Tamén é interesante como poeta lírico. Xunto coa natureza, e as paisaxes da súa terra natal (a comarca de Bergantiños), o amor é outra das claves da súa poesía.

Utilizou unha lingua aristocratizante, fuxiu do coloquial e incorporou no seu léxico e na súa sintaxe numerosos cultismos. Para isto serviuse dos seus profundos coñecementos das linguas clásicas e en ocasións botou man tamén da lingua portuguesa. É famosa a súa frase no leito de morte: "déchedesme unha lingua de ferro i eu douvos unha lingua de ouro".

 
Placa na praza Maior de Lugo.

Himno galego

editar
Artigo principal: Himno galego.

En 1890 o músico Pascual Veiga pedíralle unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña. Eduardo Pondal compuxo para a ocasión o poema "Os Pinos", do cal as dúas primeiras estrofas formaron parte da letra da melodía de Veiga. Aínda que a obra non chegou a estrearse, o poema aparecerá publicado ese mesmo ano nun folleto do certame, así como en xornais galegos da emigración cubana. En 1907, xa finado Veiga, a súa composición foi estreada nunha homenaxe a el na Habana. Dende entón, é considerada como o Himno de Galicia. En 1981 foi recoñecida como himno oficial polo Estatuto de autonomía de Galicia.

Dende 1935 (edición da Real Academia Galega) ese poema integrouse, xunto con outros inéditos, nas edicións de "Queixumes dos Pinos".

Obra publicada en vida

editar
 
Queixumes dos pinos, 1886, Biblioteca Gallega.

Obra póstuma

editar
  • Pondal. Versos iñorados ou esquecidos, reunidos, prologados e anotados por Carballo Calero, Centro de estudos Fingoy,[6] 1961, Galaxia.
  • Os Eoas: unha aproximación, 1992, A Coruña: Real Academia Galega.
  • Poesía galega completa I. Queixumes dos pinos, 1995, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa II. Poemas impresos, 2001, Santiago de Compostela. Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa III. Poemas manuscritos, 2002, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.
  • Poesía galega completa IV. Os Eoas, 2005, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Edición de Manuel Ferreiro.

Significado

editar

O significado político da obra de Pondal foi obxecto de moitas teorías e discusións.[quen?][Cómpre referencia] Por unha banda, é indiscutíbel que apela a conceptos raciais para devolverlle o orgullo ao pobo galego e para menosprezar Castela, á que considera invasora do país. Porén, o seu ideario político sempre estivo máis próximo a un socialismo emerxente, como demostra a súa participación no banquete de Conxo e o seu compromiso estético coa idea da liberdade. No momento histórico en que se desenvolveu a súa obra, as teorías raciais non só non foron desacreditadas, senón que eran profusamente empregadas polo romanticismo europeo como unha expresión do Volksgeist ("o espírito do pobo" en lingua alemá), especialmente nos países que vivían un conflito nacional.

Por outra banda, o seu ideario en relación coa cuestión territorial semellaba máis próxima a un iberismo federal ca a un nacionalismo galego aínda emerxente. Pondal expresa repetidamente o seu sentimento de irmandade con Portugal e a súa simpatía polo catalanismo. De feito, "Os Eoas" fala dunha xesta, o descubrimento do mundo, que incumbe todos os pobos ibéricos.

No que atinxe á crítica da misoxinia na súa obra, María Xosé Queizán publicou o ensaio Misoxinia e racismo na poesía de Pondal en 1998. A autora conclúe que, alén do formalismo da súa obra, da creación mitolóxica e da exaltación da terra galega, os textos de Pondal transmiten, en efecto, unha ideoloxía sexista e racista[7] fortemente polémica.[8]

Recoñecementos

editar

En 1965, a Real Academia Galega dedicoulle o terceiro Día das Letras Galegas, tras Rosalía de Castro (1963) e Castelao (1964).[3]

En Galiza hai seis centros de ensino que levan o seu nome: O Colexio Eduardo Pondal (concertado) de Cangas, o CEIP Eduardo Pondal e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso, o IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, o CEIP Eduardo Pondal de Vigo e o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) Eduardo Pondal da Coruña.[9]

Galería de imaxes

editar
  1. Gómez & Queixas 2001, p. 149.
  2. Ferreiro Fernández, Manuel (2017). Eduardo Pondal, o cantor do eido noso (PDF). Edicións Laiovento. ISBN 978-84-8487-347-1. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Figuras homenaxeadas. Rel Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2015. Consultado o 29 de xaneiro de 2015. 
  4. Franco, Camilo (1 de xuño de 2011). "Localizan os textos autógrafos máis antigos de Eduardo Pondal". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 5 de xuño de 2019. 
  5. Queixumes dos pinos na BVG.
  6. Pondal. Versos iñorados ou esquecidos imaxe da portada.
  7. Misoxinia e racismo na poesía de Pondal Arquivado 12 de decembro de 2017 en Wayback Machine. na páxina web de Edicións Laiovento
  8. González, Montse (24 de maio de 2012). "A pexa do sexismo". elpais.com. Consultado o 19 de xaneiro de 2018. 
  9. Centros educativos. Xunta de Galicia

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
chat 1
Idea 4
idea 4
todo 2