A ponte de Toralla é unha ponte de formigón situada no lugar de Toralla, na parroquia de Coruxo, no concello de Vigo, que une a Illa de Toralla coa praia do Vao. Está formada por un taboleiro de formigón duns 500 metros de longo cuns 18 pares de piares de formigón armado de 10 metros de altura.

Ponte de Toralla
Localización
Coordenadas42°12′N 8°48′O / 42.2, -8.8
RíoBaía de Vigo
ConcelloVigo
ProvinciaPontevedra
Características
Construción1965
Lonxitude500 metros
Ancho7 metros
TipoEn trabe
MaterialFormigón (piares e taboleiro)

Historia

editar

A mediados do século XX, a sociedade denominada Toralla, S.A. ten por obxecto a adquisición, tenza e realización de bens inmobles na illa de Toralla, Canido, Vigo, incluíndo neste a construción e explotación en réxime de concesión administrativa, peaxe ou por calquera outro procedemento, de pontes, camiños e de centros de turismo, deporte ou lecer. De acordo co seu obxecto social Toralla, S.A. constrúe unha ponte dende a praia do Vao até a illa, logo da obtención da correspondente concesión administrativa por 99 anos.

Por Orde ministerial do 21 de xuño de 1990 do Ministerio de Medio Ambiente revisouse a concesión da ponte outorgada a Toralla, S.A. que mantendo o uso privado desta, se fai compatíbel co seu uso público o que permitiu a partir dese momento o acceso peonil ás dúas praias públicas existentes na illa de Toralla, polo que hoxe, un terzo da illa é pública pois pertence á Universidade de Vigo por concesión administrativa do Ministerio de Medio Ambiente con data de xaneiro de 2004.

No verán do ano 2000, ante as deficiencias estruturais producidas pola deterioración das pezas de formigón armado causadas pola acción do mar lévase a cabo unha reparación total da ponte cun custo de 59 millóns de pesetas.

A ponte hoxe

editar

Toralla, S.A. segue ocupándose do mantemento e limpeza da ponte. O estado das beirarrúas da ponte é bastante deficitario.

A ponte utilízase frecuentemente durante o día para pasear e pescar. Na época do verán, énchese de bañistas que se dirixen ás dúas praias da illa. Pola noite convértese nun grande escenario dedicado á pesca, pola cantidade de xardas, chocos, luras, agullas e outras especies.

Dende hai xa varios anos os máis novos encontraron na ponte un entretemento perigoso consistente en lanzarse á auga dende a varanda desta e volver nadando á praia do Vao, actividade que desde o verán do 2009 prohibiu o Concello de Vigo e instalou dous sinais á entrada da ponte. Con todo, os mozos seguen a saltar[1].

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
iOS 1
mac 2
os 25
todo 2