Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2014 tiña 70.389 habitantes, sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. A cidade ocupa un emprazamento peninsular dentro da ría que leva o seu nome, a Ría de Ferrol.

Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval. Tamén conta cunha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada Española, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un destacado Arsenal Militar.

A cidade aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén conta cunha destacada fachada litoral cara ó Océano Atlántico na zona rural. Esa fachada acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo ou Covas.

Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana a efectos legais aínda que se atope no arrabalde. O concello ten unha densidade de poboación de 852,17 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².

Entre o patrimonio da cidade destacan o castelo de San Filipe ou Concatedral de San Xiao. Por outra banda, a Semana Santa de Ferrol, un dos acontecementos máis sinalados do ano, xunta unha gran cantidade de turistas e é declarada de interese internacional.

Artigo destacado

editar

O OAR Ferrol foi un club de baloncesto galego da cidade de Ferrol. Fundado en 1951, en 1982 foi un dos fundadores da Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB). O equipo desapareceu en 1996 por motivos económicos.

Na tempada 1979-80 foi campión da Segunda División, conseguindo deste xeito o ascenso á máxima categoría, na que permaneceu sete tempadas. Logo dun ano na segunda categoría (denominada daquela Primeira División B) conseguiu de novo o ascenso á Liga ACB, na que permaneceu ata o seu descenso en 1994.

Foi durante a presidencia de Juan Fernández García cando o club obtén os seus maiores éxitos deportivos, marcados por sucesivos ascensos de categoría que levan ao club a militar durante trece anos na máxima categoría do baloncesto español. Nestes trece anos logra clasificarse en tres ocasións para xogar competición europea, concretamente a Copa Korać.

Nos 45 anos de historia do equipo pasaron xogadores como Fernando Romay, Bob McCann, Otis Howard, Anicet Lavodrama ou Miguel Ángel Loureiro.

Lugar de interese

editar

A concatedral de San Xiao é un templo de culto católico situado na cidade galega de Ferrol, e adicado ao patrón da cidade, San Xiao. Pertence á diocese de Mondoñedo-Ferrol e trátase do monumento relixioso máis importante da cidade.

Proxectado polo enxeñeiro e arquitecto de mariña Julián Sánchez Bort a partir do ano 1763, comezouse a construír en 1765 sobre os restos dunha antiga igrexa románica, sendo finalizado en 1772. En 1959, mediante unha bula de Xoán XXIII acadou a categoría de concatedral o 9 de marzo, o motivo polo cal acadou a categoría de concatedral e non de catedral foi porque na súa mesma diocese xa había outra catedral, a Catedral de Mondoñedo.

Na súa planta centrada e nos primeiros proxectos, recollíanse conceptos arquitectónicos renacentistas, aínda que o edificio considérase neoclásico. O templo presenta a peculiaridade de ter a súa planta en forma de cruz grega e non latina como é habitual.

Imaxe destacada
Biografía destacada

editar

Víctor López Seoane y Pardo-Montenegro, nado en Ferrol o 28 de setembro de 1832 e finado na Coruña o 14 de xullo de 1900, foi un naturalista galego, probablemente o máis importante do século XIX, que realizou importantes traballos sobre a fauna, especialmente nos campos da entomoloxía, a ornitoloxía e a herpetoloxía, e a flora de Galicia.

Seoane foi o naturalista galego coa contribución científica máis valiosa, un taxónomo salientable na zooloxía europea do século XIX. Exemplares de seres vivos recollidos por el figuran entre as coleccións dos principais museos de Historia Natural de Europa; formou parte de relevantes sociedades científicas europeas adicadas ao estudo da natureza e publicou en diversos idiomas en revistas especializadas prestixiosas.

A López Seoane débese a primeira descrición das especies Podarcis bocagei (1884) ou Rana perezi (hoxe Pelophylax perezi, 1885). A súa fama foi recoñecida por numerosos expertos nacionais e estranxeiros, algúns dos cales usaron o seu nome para catalogar e bautizar novas especies de plantas, insectos e réptiles.

Rúas nas cidades da Coruña e Ferrol e outra en Perillo, concello de Oleiros, levan o seu nome.

Sabías que...?

editar

Semana Santa de Ferrol.


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (1)

Artigos bos (0)


Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

  NODES
INTERN 2
todo 1