Quim Monzó
Joaquim Monzó i Gómez, coñecido como Quim Monzó, nado en Barcelona o 24 de marzo de 1952, é un escritor e xornalista catalán.
Traxectoria
editarEstudou deseño gráfico na Escola Massana de Barcelona. A súa andaina profesional iniciouna como traballador nas artes gráficas e, máis tarde, como deseñador gráfico, debuxante de cómics, autor de letras de cancións e guionista de televisión. Na década de 1970 pasouse ao xornalismo, con colaboracións como correspondente de guerra e columnista de opinión en xornais.[1] En colaboración con Albert Abril escribiu reportaxes sobre Vietnam, Camboxa, Irlanda do Norte e a África do Índico para Tele/eXprés. Colaborou en Ajoblanco. En xaneiro de 1982 acadou unha bolsa para ir estudar a Nova York, onde viviu ata 1983. Ten diagnosticada a síndrome de Tourette.[2]
Deuse a coñecer ao gañar o premio Prudenci Bertrana coa novela L’udol del griso al caire de les clavegueres (1976) e dende entón construíu unha moi persoal obra narrativa onde predomina o xénero do relato breve. Recoñecido con galardóns como o Nacional de Literatura, o Premio de Narrativa Ciutat de Barcelona, o Lletra d’Or, o dos lectores de El Temps e, en varias ocasións, o Premio da Crítica, a súa narrativa está traducida a máis de vinte idiomas.
Comezou a colaborar en Catalunya Ràdio en 1983. Na radio forma tándem primeiro con Sergi Pàmies e logo con Empar Moliner. É columnista habitual no xornal La Vanguardia desde 1996.[3]
Colaborou no programa de TV3 Persones humanes, dirixido por Persones humanes, que presentaba Miquel Calzada, "Mikimoto" con monólogos humorísticos. O seu monólogo do 30 de xaneiro de 1994 sobre a monarquía, no que se parodiaba a vida sexual da infanta Elena de Borbón, provocou unha grande polémica. A Casa Real protestou, o presidente da Generalitat de Catalunya, Jordi Pujol viuse obrigado a pedir desculpas, e vetouse a aparición do escritor no programa presentado por El Gran Wyoming, "El peor programa de la semana", emitido por TVE.[4][5] Quim Monzó, nunha entrevista no programa Jamais sans mon livre (Jamás sin mi libro) en France 3, considerou que a polémica era un acto de censura sobre os programas de televisión de humor político dunha monarquía aínda non afeita á esfera pública:
Creíamos que la censura había desaparecido después de la muerte de Franco, pero no es así. En el programa de TV-3 que desencadenó el conflicto no nos reíamos del Rey ni de la Monarquía. Nos limitábamos a ironizar, de manera sútil y suave, sobre la institución. Nuestros comentarios eran mucho más moderados que los que ofrecen los Guignols franceses sobre el presidente de la República o Spitting Image sobre la familia real británica. Parece que el problema estriba en que nuestros reyes no están habituados a este tipo de cosas.[6]
En 2007 escribiu e leu o discurso inaugural da Feira do Libro de Frankfurt, ano en que a cultura catalá foi a convidada. Monzó deseñou un aplaudido escrito en forma de conto que difería totalmente dos discursos tradicionais.[7] De decembro de 2009 a abril de 2010 tivo lugar na sala Arts Santa Mònica de Barcelona unha grande exposición retrospectiva sobre a súa vida e a súa obra, que levaba por título Monzó. Acadou diversos premios, nacionais e internacionais, como o Premi d'Honor de les Lletres Catalanes, no que ofreceu un discurso sobre a súa relación na infancia cos libros, a lingua catalana e os presos e presas políticas independentistas; de feito o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, non puido entregar o premio porque estaba no cárcere de Soto del Real.[8]
Quim Monzó é un dos escritores cataláns que contan con personaxe no programa de humor político "Polònia", de TV3.
Estilo
editarNos dous primeiros libros de Monzó percíbese a influencia do textualismo, un movemento que procuraba abolir a herdanza literaria recorrendo á innovación lingüística e a experimentación formal. Porén, Monzó, e mais outros nomes desta corrente, de seguida foi consciente das limitacións de seguir esa vía experimental e a súa prosa virou cara a formas máis lexibles. A maior parte dos contos escritos desde finais da década de 1970, o escritor leva ao absurdo todos os aspectos da vida cotiá no mundo urbano contemporáneo, nunha combinación de caricatura, humor, retranca e angustia existencial. O autor defende a miúdo a súa aposta polo humor como un ingrediente funtamental na ficción. Así o fixo nunha estadía en Santiago de Compostela:
O sentido do humor é un método para entender a vida dun xeito máis serio. Fago humor sempre, como cando digo que quero mexar nos muros da catedral. Esa é a miña maneira de entender o mundo e tamén a literatura. Un escritor pode crerse a si mesmo, e crer que o que está a facer ten algún valor, pero se o diviniza, se o entroniza, cagouna. É unha opinión persoal. Unha novela seria, daquelas nas que o escritor se toma tan en serio a si mesmo que non hai nin miguiña de humor, desa navela en vinte anos no vai falar ninguén. O humor é angustiante. As películas de terror sen un puntiño de humor non mete medo.[9]
Nas escolmas de contos publicados entre 1878 e 1999 Monzó explora factores tan humanos como o desexo sexual, a amargura das relacións ou os círculos viciosos que imposibilitan as decisións persoais. Abundan na súa obra as historias lineais, de ritmo ágil, protagonizados por personaxes correntes e anódinos. Monzó ofrece fórmulas ficcionais para un novo costumismo urbano. Co tempo Monzó tende cara á depuración formal. Os relatos parten de situacións prototípicas que, debidamente reenfocadas, conseguen crear un efecto de ridículo. O escritor sabe termar da demora co obxectivo de condicionar a lectura e, a miúdo, de levalo cara a unha resolución insospeitada e anticlimática.[1]
Na súa literatura sempre hai máis reflexión, máis densidade moral, máis intención crítica e máis capacidade de transformar o lector do que poida parecer a simple vista. Por detrás do humor e a imaxinación diáfana de Monzó hai unha pulsión tráxica e tras a aparente transparencia da súa escrita agóchase un traballo miúdo de matices, sombras e efectos calculados. Se lle sumamos a esixencia con que avalía, rexeita e traballa as frases, os argumentos e os máis mínimos detalles empezan a achegarnos á medida do seu talento.[10]
Téñense apuntado entre os seus modelos e referentes literarios a narrativa minimalista norteamericana, como Robert Coover, John Barth e Donald Barthelme; nomes representativos da narrativa de avangarda en Latinoamérica, como Guillermo Cabrera Infante, Julio Cortázar e Adolfo Bioy Casares; e, sobre todo nos seus primeiros textos, a influencia teórica de Raymond Queneau. Adóitase citar tamén entre as súas influencias, a narrativa de Francesc Trabal e Pere Calders. Con estes autores comparte temas comúns, particularmente unha paisaxe que abala, inestable, entre o baleiro e o desexo, entre a utopía e o escepticismo.[1]
Un dos recursos máis característicos da ficción de Monzó é a parodia dos usos convencionais da linguaxe e dos xéneros literarios.
Obra
editarNarrativaeditar
|
Artigoseditar
|
Guións
editar- Hic digitur Dei (1979), de Antoni Martí i Gich. Coguionista con Roser Fradera, Antoni Martí i Gich.
- Pa d'àngel (1984), de Francesc Bellmunt. Coguionista con Jordi Balló, Francesc Bellmunt e Juanjo Puigcorbé.
- Jamón, jamón (1992), de Bigas Luna. Guión de Bigas Luna e diálogos de Cuca Canals e Quim Monzó.
- És tard (1994), curtametraxe de Marc Recha. Coguionista con Marc Recha.
- Arsenal (1986), guión dun capítulo da serie de TV.
- L'amor és etern (2008), curtametraxe de Heidy Cañaveral, Norma Martínez e Janina Vilana.
- The Trip (2012), curtametraxe de Nina Orlandina. Coguionista con Nina Orlandina.
Escrita dramática
editar- El tango de Don Joan (1987), musical de Quim Monzó e Jérôme Savary.
Tradución
editarTraduciu unha ampla nómina de escritores do inglés ao catalán: John Barth, Eric Bogosian, Ray Bradbury, Truman Capote, Roald Dahl, Harvey Fierstein, Thomas Hardy, Ernest Hemingway, Arthur Miller, Dorothy Parker, J.D. Salinger, Mary Shelley, Javier Tomeo.
Recepción en Galicia: traducións e crítica
editarHai tres libros en galego de Quim Monzó e forman parte do que Dolores Vilavedra considera unha viraxe na tradución seguindo criterios non só testemuñais senón comerciais, procurando un público actual.[12] A magnitude da traxedia, traducida por Manuel Cortés (Edicións Positivas, 1989; reedición en 1991). Vinte e nove contos é unha selección de contos traducida por María Xesús Lama (Sotelo Blanco, 2008). Mil cretinos, traducida por Helena González Fernández, publicouse en 2008, ao mesmo tempo que o libro Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies, os dous con ilustración na cuberta do artista Fran Herbello, para reforzar a aposta de Edicións Xerais pola literatura en catalán contemporánea.
A recepción dos títulos traducidos de 2008 foi moi positiva e considerouse que marcaba un fito na traxectoria de tradución literaria ao galego. Ramón Nicolás salienta que Monzó é un escritor heterodoxo e gaba os contos da primeira parte de Mil cretinos.[13] O escritor Samuel Solleiro valora de maneira positiva a tradución do autor catalán, rexeita a cota periférica que fai que o sistema literario español reducise na década de 1990 a un só nome os autores en catalán, éuscaro e galego, tal como explicou Helena González:
Nun primeiro momento incluírono no grupo de escritores do que se deu en chamar "a España periférica" e na que estaban tamén Manuel Rivas e Bernardo Atxaga. Monzó desmarcouse de contado porque dicía que non tiña nada que ver, malia o respecto entre os tres [..]. E daquela en Galicia empezouse a dicir que Monzó era o equivalente catalán de noso Suso de Toro, por moitas razóns.[14]
Por iso salienta que Monzó debe ser lido alén diso polo seu experimentalismo formal, a súa frialdade e a capacidade para escribir sobre a morte sen cruzar as fronteiras do pathos.[15] O narrador Mario Regueira, súmase á crítica á cota periférica e subliña o estilo deshumanizado, un estilo que denomina de "realismo vacilante" e o desenlace anticlimático.[16] Un dos contos máis gabados nas críticas anteriores son "O señor Benesset", que se localiza nun xeriátrico no que a vellez e a demencia levan a unha inversión dos roles, como sinala Rafael Fernández Lorenzo.[17] Montse Pena, ao tempo que reclama traducir de maneira sistemática a Monzó, salienta nos relatos a tensión, unha linguaxe coidada e un estilo que se basea na "lucidez brutal e unha tranquilidade inesperada".[18]
Adaptacións da súa obra
editarFílmicas
editar- El perquè de tot plegat (1995), longametraxe de Ventura Pons (director e guionista).
- Primats (1997), de Carles Jover (director e coguionista). Adaptación de La magnitud de la tragèdia.
- Redacció (1988), curtametraxe de Francisco Sánchez.
- Mil cretins (2011), de Ventura Pons (director e guionista).
- Dogadjaj (2014), curtametraxe de Danilo Nikolic (director e guionista).
- Die Willenskraft (2017), curtametraxe de Justus Hanfland (director e guionista).
Dramáticas
editar- En galego
- O porqué das cousas, con dirección e dramaturxia de Roberto Cerdá, da compañía Nove-Dous, interpretada por Josi Lage, quen xa participara na versión teatral en español da compañía ITAE en 1994, Jouse García e Lois Seoane, foi estreada na Mostra de Teatro de Chantada o 19 de agosto de 2003.[19][20]
- Os suicidas da compañía de teatro amador Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, sobre textos de Manuel Rivas, Manuel Lourenzo e Quim Monzó, estreada en Pontevedra en 2014.[21]
- En catalán
- Malas (2004), de Nas Teatre. Pepe Viyuela (dirección). Adaptación do conto El determini.
- El millor dels móns (2010), de Teatre esSeLa. Pep Tines e Cacu Prat (dirección e adaptación). Adaptación dos contos: "El nen que s’havia de morir"; "Vacances d’estiu"; "El meu germà"; "Quan la dona obre la porta"; "La vida perdurable" e "La venedora de mistos".[22]
- L'illa del monzons (2010). Jordi Faura (dirección e dramaturxia). Adaptación de Vuitanta- sis contes.
- La força de voluntat i altres contes de Quim Monzó (2017), recital-concerto de Assumpta Mercader.
Intervencións
editarMonólogos no programa "Persones humanes"
editarIntervencións no programa emitido por TV3, presentado e dirixido por Miquel Calzada
- A educación (en catalán)
- A realeza, monólogo que provocou a censura do escritor en TVE, 1994 (en catalán e castelán)
- A vellez (en catalán)
- As modelos, con Xavier Sardà
- ¿Cando findan as cousas? (en catalán)
- O acoso sexual (en catalán)
- O himno catalán, "Els segadors" (en catalán)
Discursos
editar- 2007 "Senyores i senyors, els explicaré un conte", discurso-conto pronunciado na Feira do Libro de Frankfurt.
- 2010 Per què no vaig al teatre, conferencia co gallo do Día Mundial do Teatro no Teatre Romea.
- 2018 "El bibliobus", discurso-conto pronunciado co gallo do Premi d'Honor de les Lletres Catalanes.
Premios e recoñecementos
editar- 1976 — Premio Prudenci Bertrana de novela por L'udol del griso al caire de les clavegueres
- 1981 — Premio Crítica Serra d'Or por Olivetti, Moulinex, Chaffoteaux et Maury
- 1986 — Premio Crítica Serra d'Or por L'illa de Maians
- 1989 — Premio de Novela El Temps por La magnitud de la tragèdia
- 1993 — Premio Ciutat de Barcelona por El perquè de tot plegat
- 1994 — Premio Crítica Serra d'Or por El perquè de tot plegat
- 1997 — Premio Crítica Serra d'Or por Guadalajara
- 2000 — Premio Nacional de Literatura por Vuitanta-sis contes
- 2000 — Premio Lletra d'Or por Vuitanta-sis contes
- 2002 — Premio dos escriptores cataláns da AELC ao conxunto da súa obra
- 2007 — Premio Traxectoria da Setmana del Llibre en Català
- 2008 — Premio Maria Àngels Anglada de narrativa por Mil cretins
- 2016 — Premio Ràdio Associació de Catalunya
- 2018 — Premi d'Honor de les Lletres Catalanes, de Òmnium Cultural
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 «Biografia de Quim Monzó». Generalitat de Catalunya. Departament de Cultura. [Consulta: 18 novembro 2012].
- ↑ Moliner, Empar. «Redefinir la dopamina». El País. [Consulta: 7 marzo 2016].
- ↑ "La trayectoria de Quim Monzó en ‘La Vanguardia’ a través de sus columnas". La Vanguardia. 7/3/2018.
- ↑ Sámano, José (1994-02-16). "TVE vetó anoche el programa de El Gran Wyoming por invitar al escritor que ridiculizó a la infanta Elena en TV3". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-10-12.
- ↑ "El Gran Wyoming recorda la censura a Quim Monzó a TVE per pressió de la casa reial". VilaWeb.cat (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2018. Consultado o 2018-10-12.
- ↑ Martí, Octavi (1994-03-11). "Monzó afirma en la televisión francesa que en España se mantiene la censura". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-10-12.
- ↑ Monzó, Quim. «Discurs inaugural de la Fira del Llibre de Frankfurt 2007». VilaWeb, 09-10-2007. [Consulta: 28 setembro 2011]
- ↑ Son moi interesantes a carta que Jordi Cuixart, presidente de Òmnium Cultural e preso político no cárcere de Soto del Real lle dedica ao escritor; o discurso de Quim Monzó; e mais o vídeo dos tradutores de Monzó a outras linguas.
- ↑ "Quim Monzó, Escritor. "De una novela que no tenga humor no hablará nadie en veinte años"". Faro de Vigo. Consultado o 2018-06-10.
- ↑ Oller, Manel (2018). "Quim Monzó" (PDF). Associació d'Escriptors en Llengua Catalana. p. 12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2015. Consultado o 2018-10-12.
- ↑ Tradución ao galego de M.ª X. Lama como Vinte e nove contos (Sotelo Blanco, 2008).
- ↑ Vilavedra, Dolores (2015). "La importación de narrativa en Galicia, a la búsqueda de orientación". Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Peter Lang.
- ↑ Nicolás, Ramón (6/12/2008). "Monzó e os seus Mil cretinos". La Voz de Galicia.
- ↑ "Quim Monzó, un autor universal i atemporal segons els seus traductors". VilaWeb.cat (en catalán). Consultado o 2018-06-10.
- ↑ Solleiro, Samuel (2009). "Uf, dixo el". Protexta.
- ↑ Regueira, Mario (10/01/2009). ""Cataláns na Galiza"". Vieiros. Consultado o 10/06/2018.
- ↑ Fernández Lorenzo, Rafael (2008). "«Mil cretinos» ou o home que miraba pola fiestra". Cartafol de libros.
- ↑ Pena Presas, Montse (2008). "Furgar no ser humano. A extraña maxia de Monzó". Supl. Faro da Cultura, Faro de Vigo.
- ↑ "Nove-Dous aborda las relaciones de pareja en «O porqué das cousas»". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-12-04. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. Consultado o 2018-06-10.
- ↑ "Afeccións que crean escola". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-07-30. Consultado o 2018-06-10.
- ↑ "“Os suicidas”, o 14 de xuño, nova función teatral no Centro Cultural Xaime Illa De Raxó – www.raxocultural.org". raxocultural.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2018. Consultado o 2018-06-10.
- ↑ "Dins del món de Quim Monzó". 20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2018-10-12.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quim Monzó |
Entrevistas
editar- 1984 En "Vostè pregunta", en TVE Catalunya, con Joaquim Maria Pujal.
- 1993 En "Tres senyores i un senyor", en TV3, con Fina Brunet, Gemma Nierga e Susanna Griso.
- 2009 Quim Monzó, Julià Guillamon i Amèrica Sanchez a "L'hora del lector", en TV3, con Emili Manzano.
- 2011 En "El convidat", en TV3, con Albert Om.
- 2016 En "Fora de sèrie", en TV3, con Òscar Dalmau.
- 2018 En "Tot el temps del món", en TV3, con Anna Guitart.
Ligazóns externas
editar- Páxina de Quim Monzó (en varias linguas)
- Quim Monzó en Twitter (en catalán)
- Artigos de Quim Monzó en La Vanguardia (en catalán e castelán)
- Quim Monzó en LletrA. La literatura catalana a Internet, de la Universitat Oberta de Catalunya