Ramón Gómez de la Serna
Ramón Gómez de la Serna, nado en Madrid o 3 de xullo de 1888 e finado en Buenos Aires o 13 de xaneiro de 1963, foi un escritor vangardista, xeralmente adscrito á Xeración de 1914 de literatura española ou ao Novecentismo, e inventor do recurso narrativo coñecido como greguería.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de xullo de 1888 Madrid, España |
Morte | 12 de xaneiro de 1963 (74 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Lugar de sepultura | cemiterio de San Justo de Madrid 40°24′07″N 3°43′44″O / 40.401886, -3.728825 |
Actividade | |
Campo de traballo | Historia moderna (en) |
Ocupación | escritor, xornalista, autobiógrafo, xurista |
Membro de | |
Interesado en | Madrid |
Xénero artístico | Greguería |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Luisa Sofovich |
Parella | Carmen de Burgos |
Pai | Javier Gómez de la Serna y Laguna Puig |
Parentes | Ismael González de la Serna, curmán |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Medvik >>>:Gómez de la Serna, Ramón, 1888-1963, |
Traxectoria
editarFillo dun notable xurista, publicou o seu primeiro libro con catorce anos, e era xa avogado con dezasete, se ben non chegou a exercer a profesión: o afán literario absorbeuno. Viaxou por Europa e América e empezou a súa carreira literaria no xornalismo, onde destacou polo seu carácter orixinal, exercendo unha rebelión imaxinativa e nihilista contra unha sociedade anquilosada, burguesa e sen expectativas; procurou, en efecto, renovar o panorama literario español importando as literaturas de vangarda, que foi a coñecer a Francia; ó respecto escribiu o seu libro Ismos. El, e Guillermo de Torre nun plano máis erudito, foron os principais divulgadores das literaturas de vangarda en España. Escribiu en El Sol, La Voz, Revista de Occidente e El Liberal. Entre as súas excentricidades cóntanse dar unha conferencia montado sobre o trapecio dun circo en Madrid, desde o lombo dun elefante en París, subido a un farol de gas en Xixón e nun tugurio de xitanos e chulos de Granada (un deles ameazouno cunha pistola mentres preguntaba ó auditorio: «¿Le mato ya?». Foi un dos tres membros estranxeiros da Academia Francesa do Humor xunto con Charles Chaplin e Pitigrilli. Estivo ligado sentimentalmente á tamén escritora e xornalista Carmen de Burgos, Colombine.
Creou unha celebérrima fórmula de literatura de vangarda, oposta ó transcendentalismo da máxima, a greguería, que definiu como «humorismo + metáfora = greguería». Un exemplo: «La Zeta es un siete que oye misa»; escribiu miles delas, e tamén cultivou a novela (La quinta de Palmyra, El torero Caracho, Gran Hotel, Seis falsas novelas, Cinelandia, La Nardo, El novelista, La mujer de ámbar, Las tres gracias, Piso bajo, El chalet de las rosas...), a biografía (Goya, Azorín, El Greco, Mi tía Carolina Coronado, Efigies, Retratos contemporáneos, Nuevos retratos contemporáneos, Solana, Quevedo, Lope viviente, Valle-Inclán...), o teatro (Los medios seres, El doctor inverosímil), o ensaio (Lo cursi y otros ensayos, El Rastro, Cartas a las golondrinas, Morbideces, Pombo, Entrando en fuego, El libro mudo, Tapices, El teatro en soledad, Senos, Variaciones, Ramonismo, Ismos, Elucidario de Madrid, Cartas a mi mismo, Los muertos e las muertas, Libro Nuevo...), coleccións de greguerías (Greguerías, Flor de greguerías, Total de greguerías), e a autobiografía (Automoribundia), todos eles xéneros nos que deixou pegada do seu particular xenio inclasificable.
Con Azorín fundou o PEN Club español e foi ademais secretario do Ateneo de Madrid. Tivo unha frecuentada tertulia no Café de Pombo, á que asistiron algúns dos seus amigos, como o pintor José Gutiérrez Solana, que o retratou varias veces. O estalido da guerra civil española, sorprendeu a Gómez de la Serna en Madrid. Figura entre os fundadores da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura. Pese a iso, en agosto decide marchar con Luisa Sofovich a Bos Aires, co pretexto de asistir ó congreso internacional do PEN Club. Terminou decantándose polo bando «nacional», manifestando o seu apoio á sublevación mediante un documento xunto con outros escritores, ademais de entregar unha suma cuantiosa de diñeiro para financiar armas ó servizo dos nacionais. A súa casa madrileña foi saqueada, desaparecendo tódalas súas pertenzas. La tertulia de Pombo de Solana é trasladado ó Museo do Prado, que en 1939 o devolvería ó café.
Morreu en 1963 en Bos Aires, despois de pasar varios anos nun hospital gravemente enfermo. O 23 de xaneiro os seus restos chegaron a Madrid, onde permanece enterrado no Panteón de homes ilustres da Sacramental de San Xusto, xunto á tumba de Mariano José de Larra. En Bos Aires, unha placa recorda o lugar onde habitou, na rúa Hipólito Yrigoyen 1900, no barrio de Balvanera.
A súa casa natal consérvase na rúa Guillermo Roland, unha rúa do Madrid vello, próxima ó Palacio Real, ó Senado, ó Teatro Real ou á Porta del Sol.
Obra
editar«Ramón», como lle gustaba que o chamaran, escribiu un centenar de libros, a gran maioría traducidos en tódolos idiomas principais. Divulgou as vangardas europeas desde a súa concorrida tertulia, no café de Pombo, inmortalizada polo seu amigo o pintor e escritor expresionista José Gutiérrez Solana. Escribiu especialmente biografías onde a personaxe destacada era en realidade unha escusa para a divagación e a acumulación de anécdotas verdadeiras ou inventadas.
Cultivou un teatro moi innovador, próximo á estética surrealista, sendo a obra que mellor a expón Los medios seres, que chegou a representarse pero non foi entendida polo público madrileño, pouco habituado ás extravagancias vangardistas. Tamén sentiu interese polo madrileñismo castizo e encontrou unha forma de renovar o costumismo que se utilizara na súa descrición na metáfora do Rastro de Madrid, ó que dedicou o seu libro El Rastro, onde os obxectos infortunados e abandonados son salvados pola súa evocación lírica.
Da súa extensa produción literaria, máis de cen títulos entre novelas, ensaios, biografías e teatro, o máis destacable é a introdución das vangardas europeas en España (o seu libro Ismos, por exemplo, que introduciu un novo vocábulo no dicionario castelán) e a invención dun xénero literario novo: as greguerías. Esta é unha sentenza enxeñosa e en xeral breve que xorde dun choque casual entre o pensamento e a realidade. O propio inventor a define esquematicamente do seguinte modo: «Humorismo + metáfora = Greguería».
A imaxe na que se basea a greguería pode xurdir de forma espontánea, pero a súa formulación lingüística é moi elaborada, pois debe recoller sintética, enxeñosa e humoristicamente a idea que se quere transmitir.
O efecto sorpresivo obtense a través de:
- A asociación visual de dúas imaxes: «La luna es el ojo de buey del barco de la noche».
- A inversión dunha relación lóxica: «El polvo está lleno de viejos y olvidados estornudos».
- A asociación libre de conceptos ligados: «El par de huevos que nos tomamos parece que son gemelos, y no son ni primos terceros».
- A asociación libre de conceptos contrapostos: «Lo más importante de la vida es no haber muerto».
Gómez de la Serna dedicou ó longo da súa vida numerosos libros a este novo xénero, que cultivaba asiduamente en seccións fixas dos xornais e o consagraría como un dos escritores máis coñecidos das letras españolas: Greguerías (1917), Flor de greguerías (1933), Total de greguerías (1955) etc. Este xénero, de feito, serviu para renovar a anquilosada idea da metáfora e da imaxe poética que posuía a estética literaria española e anticipou o Surrealismo.
O seu carácter crítico e sarcástico vese reflectido nas novelas e relatos breves, en especial en obras como El Chalet de las rosas (1923), análise da psicoloxía criminal; El torero Caracho (1926), visión grotesca do ambiente taurino, e El caballero del hongo gris (1928), descrición do mundo da va aparencia e a superficialidade. Destacables son tamén as súas novelas eróticas, Senos (1918), La viuda blanca y negra (1918), La mujer de ámbar (1927) e La Nardo (1930). En La quinta de Palmira, por outra parte, trata o tema da homosexualidade feminina.
Escribiu un libro de memorias en dous volumes, titulados Automoribundia e Nostalgias de Madrid (1955).
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarA Galicitas posúe citas sobre: Ramón Gómez de la Serna |
- Ramón Gómez de la Serna, dedicada ó estudo da súa vida e obra (en castelán)
- Greguerías y otros textos, homenaxe a Ramón Gómez de la Serna (en castelán)