Regra de Allen
A regra de Allen é unha lei da ecoxeográfica formulada por Joel Asaph Allen en 1877,[2][3] na que afirma que os animais adaptados a climas fríos teñen as extremidades máis curtas que os animais adaptados a climas quentes.
Máis especificamente, afirma que a relación da superficie corporal/volume para animais homeotermos varía coa temperatura media do hábitat ao que está adaptados (ou sexa, a relación é baixa en climas fríos e alta en climas quentes).
Explicación
editarA regra de Allen prevé que os animais endotérmicos co mesmo volume corporal deben ter diferentes áreas de superficie que axudarán ou impedirán a disipación de calor.
Como os animais que viven en climas fríos precisan conservar o máximo de calor posíbel, a regra de Allen prevé que deberían ter desenvolvido unha relación superficie/volume comparativamente baixa para minimizar a superficie pola que disipan a calor, permitíndolles reter máis calor.
Para os animais que viven en climas cálidos, a regra de Allen prevé o oposto: que deben ter relacións comparativamente altas de superficie/volume. Como os animais con baixa relación superficie/volume quecerían rapidamente, os animais en climas cálidos deberían, de acordo coa regra, ter altas relacións de superficie/volume para maximizar a superficie a través da cal disipan a calor.[4]
En animais
editarAínda que hai moitas excepcións, moitas poboacións de animais parecen estar en conformidade cos previsións da regra de Allen. O oso polar ten membros fortes e orellas moi curtas que están de acordo cos previsóns da regra de Allen.[5]
En 2007, R. L. Nudds e S. A. Oswald estudaron as lonxitudes das patas das aves mariñas e descubriron que estaban inversamente relacionadas coa temperatura corporal menos a temperatura ambiente mínima, apoiando as previsóns da regra de Allen.[6] Argumentaron que hai pouco soporte empírico para a regra de Allen, aínda que sexa un "principio ecolóxico establecido". Opinan que o apoio para a regra de Allen vén, principalmente, de estudos dunha única especie, e que estudos de varias especies están "confundidos" polos efectos de escala da regra de Bergmann e adaptacións alternativas que se opoñen ás previsións da regra de Allen.[6]
En humanos
editarObserváronse marcadas diferenzas na lonxitude das extremidades cando diferentes partes dunha determinada poboación humana residen a diferentes altitudes. Os ambientes de maior altitude xeralmente teñen temperaturas ambiente máis baixas. No Perú, os individuos que vivían en altitudes máis elevadas tendían a ter membros máis curtos, mentres que os da mesma poboación que habitaban zonas costeiras máis baixas tiñan xeralmente membros máis longos e troncos máis grandes.[7]
Katzmarzyk e Leonard sinalaron que as poboacións humanas parecen seguir as predicións da regra de Allen. Existe unha asociación negativa entre o índice de masa corporal e a temperatura media anual das poboacións humanas indíxenas, o que significa que as persoas das rexións máis frías teñen unha constitución máis pesada para a súa estatura, e as persoas das rexións máis cálidas teñen unha anatomía máis lixeira. A altura relativa tamén está negativamente correlacionada coa temperatura das poboacións humanas indíxenas, o que significa que as persoas orixinarias de rexións máis frías teñen pernas proporcionalmente máis curtas para a súa altura e as persoas orixinarias de rexións máis cálidas teñen pernas proporcionalmente máis longas para a súa altura.[8]
Notas
editar- ↑ Frydrýšek, Karel (2019). Biomechanika 1. Ostrava, República Checa. VSB – Technical University of Ostrava, Faculty of Mechanical Engineering, Department of Applied Mechanics. pp. 338–339. ISBN 978-80-2484-263-9.
- ↑ López, Barry Holstun (1986). Arctic Dreams: Imagination and Desire in a Northern Landscape. Nova York: Charles Scribner's Sons. ISBN 978-0-6841-8578-1.
- ↑ Joel Asaph Allen 1877, pp. 108–140.
- ↑ Ashizawa, K. et al. (2007): "Growth of height and leg length of children in Beijing and Xilinhot, China". En Anthropological Science 116 (1): 67-68.
- ↑ Hogan, C. Michael (18 de novembro de 2008). "Polar Bear: Ursus maritimus". iGoTerra.
- ↑ 6,0 6,1 Nudds, R. L.; Oswald, S. A. (decembro de 2007). "An Interspecific Test of Allen's Rule: Evolutionary Implications for Endothermic Species". Evolution 61. pp. 2839–2848.
- ↑ Weinstein, Karen J. (novembro de 2005). "Body Proportions in Ancient Andeans from High and Low Altitudes". American Journal of Physical Anthropology 128. pp. 569–585.
- ↑ Katzmarzyk, Peter T.; Leonard, William R. (1998). "Climatic Influences on Human Body Size and Proportions: Ecological Adaptations and Secular Trends". American Journal of Physical Anthropology 106: 483–503.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Joel Asaph Allen (1877): "The influence of Physical conditions in the genesis of species". Radical Review 1: 108–140.