Royal Mint

ceca oficial do Reino Unido
Para outros artigos de títulos relacionados con Royal Mint, véxase a páxina de homónimos Real Casa da Moeda

A Royal Mint ("Real Casa de Moeda") é unha casa de moeda de titularidade pública situada en Londres que cuña as moedas do Reino Unido e doutros diversos países e territorios do mundo. Baixo o nome de Royal Mint Ltd, constitúese como unha sociedade de responsabilidade limitada propiedade do Ministerio de Finanzas (Her Majesty's Treasury) e dispón dun contrato exclusivo para a subministración de todas as moedas do Reino Unido. Ademais de cuñar moeda circulante para uso tanto nacional como internacional, a ceca tamén elabora plaquetas, moedas conmemorativas, varios tipos de medallas e lingotes de metais preciosos.[3]

Royal Mint



Edificio actual da Royal Mint
en Llantrisant, Gales.

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial.
FundaciónAno 886
MatrizHer Majesty's Treasury
LocalizaciónLlantrisant
Gales.
Reino Unido Reino Unido.
Persoas claveDirectora executiva:
Anne Jessopp.[1]
IndustriaMetal.
ProdutosMoedas, medallas, lingotes etc.
Beneficio14,50 millóns de libras (beneficio de explotación 2017).[2]
Número de empregadosMáis de 900.
Na rede
https://www.royalmint.com/
Facebook: theroyalmint Twitter: RoyalMintUK Instagram: royalmintuk Youtube: UC__OdomcUk4ERyJsyMrgtyg Pinterest: royalmint Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A compañía exporta os seus produtos a uns 60 países ao ano, o que representa o 70 % das súas vendas totais.[4]

Formada hai máis de 1.100 anos, foi historicamente parte dunha serie de cecas que se centralizaron para producir moedas para o Reino de Inglaterra, para toda Gran Bretaña e, finalmente, para a maior parte do Imperio Británico. A ceca orixinal londiniense, da que a Royal Mint é a sucesora, estableceuse en 886 e funcionou dentro da Torre de Londres durante aproximadamente 800 anos antes de se trasladar ao que agora se chama Royal Mint Court, onde permaneceu ata a década de 1960. Coincidindo coa asunción do sistema decimal para a moeda por parte de Gran Bretaña, a casa da moeda mudouse de Londres a unha nova planta 15 hectáreas en Llantrisant, Gales, onde permanece dende entón.

En 2009, logo de se aprobaren as recomendacións para a ceca, a Royal Mint deixou de ser unha axencia executiva do Goberno e adquiriu o status de empresa estatal. Desde esa data, a casa da moeda ampliou os seus intereses comerciais ao reactivar o seu comercio de lingotes e ao desenvolver un centro de visitantes, cun custo de nove millóns de libras.

Historia

editar
 
Moeda de Alfredo o Grande (886-889), rei de Wessex, baseada nun modelo romano. A/: O rei con banda real de perfil. ÆLFRED REX ("Rei Alfredo"). Londres, 880.

A historia das moedas en Gran Bretaña remóntase ao século II a. de C., cando foron introducidas polas tribos celtas de toda a Canal da Mancha. O primeiro rexistro das moedas cuñadas en Gran Bretaña atribúeselles ás tribos como os Cantiaci que, en Kent, arredor de 80-60 a. de C., imitaron as de Marsella a través da fundición, en lugar da cuñaxe a martelo. Logo de que os romanos comezaran a súa invasión de Gran Bretaña no ano 43, estableceron cecas en todo o país, mesmo en Londres, que produciron moedas romanas.[5]

Nos 200 anos seguintes á marcha dos romanos non parece que se producira cuñaxe ningunha nas illas ata a aparición dos reinos ingleses en 650, cando se estableceron ata 30 obradoiros monetarios en Gran Bretaña, un deles en Londres.[6] O control das cecas de Gran Bretaña alternouse á medida que diferentes tribos loitaban polo territorio. En 886, Alfredo o Grande recapturou Londres desde Danelaw e comezou a emitir moedas de prata co seu retrato, o que se considera como o comezo da historia da Royal Mint.[7][8]

Desde as orixes a 1805

editar
 
Torre de Londres (1783)

En 1279, as numerosas cecas do país unificáronse nun só sistema mediante o cal o control quedou centralizado na ceca que se situou dentro da Torre de Londres, de xeito que as casas de moeda restantes, fóra de Londres, se reduciron, e unicamente mantiveron a súa actividade uns poucos lugares e determinados bispados e mosteiros.[9] Consérvanse rexistros das finanzas detalladas da ceca de Londres, que amosan un gasto de 729 libras, 17 xilins e 8½ peniques, así como a cantidade de madeira comprada para a instalación dos talleres.

Os postos de traballo na ceca estaban ben determinados en 1464. O mestre encargado tiña a responsabilidade de contratar os gravadores e de supervisar o labor dos moedeiros; en tanto que o director da ceca era o responsable de deixar constancia do abastecemento dos cuños. En 1472 creouse unha xunta na ceca coa misión de elaborar un contrato, asinado o 23 de febreiro, mediante o que se asignaban as responsabilidades da institución, conformadas en tres postos principais: un superintendente, un mestre e un auditor.

No século XVI, cando se padeceron os efectos da chamada peste negra, a Europa continental achábase nun momento de expansión económica. No entanto, Inglaterra sufría dificultades financeiras por mor dos gastos excesivos do seu Goberno. Na década de 1540, as guerras con Francia e con Escocia levaron a Henrique VIII a promulgar unha grande desvalorización da moeda, que reduciu significativamente a cantidade de metais preciosos nas cuñaxes.[10] Co fin de acadar un maior control da moeda do país, o Estado tomou o control dos mosteiros, o que terminou coa produción de moedas fóra de Londres, que aínda era moi salientable.[11]

En 1603, a unión de Escocia e Inglaterra baixo o reinado de Xacobe I de Inglaterra e VI de Escocia levou consigo unha unión parcial das moedas de ambos os países, a libra escocesa e a libra inglesa. Debido a que Escocia desvalorizou fortemente as súas moedas de prata, o marco escocés (merk) valía só 13 peniques e medio, en tanto que o inglés valía seis xilins e oito peniques. Para salvar a diferenza entre ambos os valores emitíronse por todo o país, a modo de moeda, fichas privadas non oficiais (tokens), con frecuencia feitas en chumbo. En 1612 había arredor de 3.000 obradoiros privados emitindo sen licenza ese tipo de fichas, polas que non se pagaba nada á coroa. A Royal Mint, que non quería desviar o labor dos seus moedeiros cara a outra moeda que non fose a de ouro e prata, moito máis rendible, contratou un axente externo, John Harington, que comezou a emitir farthings (1/4 de penique) de cobre baixo licenza en 1613.[12] En 1672, finalmente, a Royal Mint asumiu a produción de moedas de cobre.

Cecas da guerra civil

editar
 
Media coroa de Carlos I (1621-1649) da época da guerra civil.

Antes do inicio da Guerra Civil Inglesa, Inglaterra asinou un tratado con España en 1630 que lle asegurou a subministración permanente de lingotes de prata á ceca situada na Torre de Londres. Establecéronse sucursais para axudar os talleres de Londres, unha delas no castelo de Aberystwyth, en Gales. En 1642 o Parlamento tomou o control da ceca da Torre e, logo de que Carlos I intentara arrestar cinco dos seus membros, viuse obrigado a abandonar Londres, co que se estableceron polo menos 16 cecas de emerxencia polas illas británicas, en Colchester, Chester, Cork Edimburgo, Dublín, Exeter, Salisbury e diversas localidades de Cornualla, entre elas Truro e York.

Despois de izar o estandarte real en Nottingham, que marcou o comezo da guerra, Carlos chamou un enxeñeiro de minas que se mantiña leal a el, Thomas Bushell, propietario dunha mina de prata e unha ceca privada en Aberystwyth, para trasladar as operacións do obradoiro monetario a Shrewsbury, vila controlada polas tropas reais, probablemente dentro dos terreos do seu castelo. Porén, a ceca non durou moito alí, non máis de tres meses, e Carlos ordenou a Bushell trasladar a súa sede á capital real de Oxford. A nova ceca de Oxford estableceuse o 15 de decembro de 1642 no edificio New Inn Hall, da Universidade de Oxford, que logo albergou o St Peter's College. Alí fundíronse lingotes de prata e moedas estranxeiras e, nalgúns casos moldeáronse moedas, en lugar de cuñalas, para as producir máis axiña. Bushell foi nomeado director e mestre da casa de moeda, onde contou con gravadores moi salientables, como Nicholas Briot, Thomas Rawlins e Nicholas Burghers. Cando o príncipe Ruperto tomou o control de Oxford en 1643, ordenóuselle a Bushnell trasladarse ao castelo de Bristol, onde continuou cuñando moedas ata que caeu baixo o control parlamentario o 11 de setembro de 1645, o que puxo fin á participación de Bushnell nas cecas da guerra civil.

No sur de Inglaterra, en novembro de 1642, o rei ordenou ao parlamentario monárquico Richard Vyvyan que construíse unha ou máis cecas en Cornualla, onde recibiu instrucións para cuñar moedas a partir de calquera lingote que puidese obter e lle entregase a produción a Ralph Hopton, un comandante das tropas reais na rexión. Vyvyan construíu unha casa de moeda en Truro e dirixiuna ata 1646, cando foi capturada polos parlamentaristas. En Exeter, que estivera baixo control de Westminster desde o comezo da guerra, ordenouse o establecemento dunha ceca despois de que o Parlamento debatese a proposta o 8 de decembro de 1642. En setembro do ano seguinte, a cidade foi capturada polo exército realista de Cornualla, liderado polo príncipe Mauricio, o que levou a Vyvyan a trasladar a súa ceca próxima en Truro á cidade recapturada. Descoñécese a localización exacta da ceca en Exeter, aínda que os mapas da época amosan unha rúa chamada Old Mint Lane ("canella da ceca vella") preto de Friernhay, onde debeu situarse en 1696 un taller destinado á recuñaxe de moeda. Tampouco se coñece moito sobre os seus empregados; nos rexistros conservados só se fai mención de Richard Vyvyan e de Thomas Hawkes.[13]

 
Unite emitida durante a Commonwealth, en 1653.
 
Coroa británica coa efixie de Oliver Cromwell (1658), obra de Thomas Simon.[14]

Tras a execución de Carlos I en 1649, a Commonwealth de Inglaterra, que acababa de constituírse, emitiu unha serie de moedas propia que, por primeira vez, utilizaban o inglés nas súas lendas no canto do latín, e estaban deseñadas de xeito sinxelo en comparación coas anteriormente cuñadas pola monarquía. En 1649, o Goberno invitou o enxeñeiro francés Peter Blondeau, que traballaba na Casa da Moeda de París, para que fose a Londres, coa idea de modernizar o proceso de cuñaxe no país. En Francia, a cuñaxe a martelo abandonárase en 1639 e substituírase polo uso de máquinas de cuñar máis avanzadas, que utilizaban o método do muíño. Despois da súa chegada, o 9 de maio de 1651 comezaron as súas primeiras probas no histórico edificio londiniense da Drury House, logo de contar co permiso do parlamento. As primeiras probas foron para as moedas de prata de media coroa, dun xilin e de seis peniques; porén, os moedeiros rivais seguían a preferir a cuñaxe a martelo. En 1656, o Lord Protector Oliver Cromwell ordenoulle ao gravador Thomas Simon a elaboración dunha serie de cuños co seu busto, para a cuñaxe de novas moedas polo método do muíño. Poucas destas moedas de Cromwell chegaron a entrar en circulación, por mor do seu falecemento en 1658 e á desaparición da Commonwealh dous anos despois. Sen o apoio de Cromwell na cuñaxe de moedas, Peter Blondeau regresou a Francia.[15][16]

 
Retrato de Isaac Newton, director da casa da moeda de Londres

En 1662, logo do fracaso dos intentos anteriores de introducir a produción de moeda a muíño en Gran Bretaña, o monarca restaurado Carlos II chamou novamente a Peter Blondeau para retomar este proxecto.[17][18] Malia a introdución das novas moedas cuñadas a muíño, tanto estas como as anteriores a martelo sufriron tanto a falsificación como o recorte de metal. Para combater este problema, a algunhas das moedas engadíuselles nos cantos a inscrición procedente da Eneida de Virxilio DECVS ET TVTAMEN ("adorno e salvagarda").[19]

Despois da Revolución Gloriosa de 1688, que viu como Xacobe II foi expulsado do poder, o parlamento tomou o control da ceca da Coroa, que ata daquela actuara como un organismo independente que producía moedas en nome do Goberno.

 
Moeda a nome da raíña Ana co topónimo "VIGO" baixo o busto, cuñada na Royal Mint baixo a dirección de Isaac Newton coa prata requisada polos ingleses na Batalla de Rande.[20][21]

Baixo o patrocinio de Charles Montagu, primeiro conde de Halifax, Isaac Newton converteuse no director da casa da moeda en 1696, quen puxo todo o seu empeño na loita contra a falsificación. Naquel momento, a moeda falsa supuña o 10 % de todo o circulante do país, o recorte era unha práctica habitual e o valor da prata das moedas superara o seu valor nominal.[22] O rei Guillerme III iniciou en 1696 unha gran campaña de recuñaxe, na que se retiraron da circulación todas as moedas, fundamentalmente as de prata, moi deterioradas polos recortes e polo uso, e ese mesmo ano promulgouse unha nova Lei da moeda, pola que se consideraba alta traizón a posesión privada de maquinaria e equipamentos de falsificación. Ao tempo, instaláronse para as recuñaxes cecas sucursais en Bristol, Chester, Exeter, Norwich e York, onde as moedas retornadas eran valoradas polo seu peso, non polo valor nominal.[23]

A Lei de Unión (Acts of Union) de 1707 uniu a Inglaterra e Escocia nun único Estado, o que fixo que Londres tivese que facerse cargo tamén da produción da moeda para Escocia. Neste contexto, substituíuse a libra escocesa pola libra esterlina inglesa, o que provocou o pechamento da ceca de Edimburgo, o 4 de agosto de 1710.[24][25] Ademais, á medida que o Imperio Británico se expandía, maior era a necesidade de subministralo de moeda. Esta conxuntura, xunto coa necesidade dunha nova maquinaria de cuñaxe para afrontar os novos retos e as reducidas condicións de espazo dentro da Torre de Londres, fixo que xurdisen plans para o traslado da ceca á rúa próxima de East Smithfield, en Tower Hill, no distrito londiniense de Tower Hamlets.

Anos 1805 a 1967

editar

A sede da ceca en Tower Hill

editar
 
Antigo gravado da Royal Mint en Tower Hill, Londres (1830).

Situada fronte á Torre de Londres, en Tower Hill, o novo edificio da casa de moeda comezou a edificarse en 1805 e completouse en 1809. Con todo, non foi ata 1812 cando se fixo oficial o traslado da ceca, nunha cerimonia na que se lle outorgaron as súas chaves ao condestable da Torre. Ao lado do edificio principal había outros máis pequenos para almacén, maquinaria e residencia do persoal, e o conxunto estaba rodeado dunha muralla e protexido por unha garda militar.[26]

En 1856, a casa da moeda empezaba a dar mostras de ineficiencia e apreciábanse irregularidades na finura e no peso das moedas que cuñaba. O primeiro ministro, Henry John Temple, comunicoulle ao mestre da ceca, Thomas Graham, que a menos que a puidese elevar a calidade das súas moedas e resultar máis eficiente economicamente, a ceca pasaría a estar baixo a xestión dos contratistas. Graham procurou entón o consello do químico alemán August Wilhelm von Hofmann, quen pola súa vez lle recomendou un dos seus estudantes, George Frederick Ansell, ao consideralo capaz de resolver os problemas da empresa. Nunha carta ao Tesouro con data 29 de outubro de 1856, Ansell foi presentado como candidato e, posteriormente, outorgóuselle o posto de empregado temporal o 12 de novembro do mesmo ano, cun salario de 120 libras por ano.[27]

 
Mapa de 1833 coa localización da Royal Mint

Ao asumir o posto, Ansell comprobou que o peso dos metais na ceca era extremadamente impreciso. Na ceca adoitábase pesar a prata en cantidades de media onza e o ouro en fraccións de 1/20 de onza (pennyweight), o que implicaba unha perda pola sobrevaloración dos metais. Nun caso concreto, Ansell entregou na ceca 7.920 onzas de ouro, onde un funcionario a pesou, cun resultado de 7.918,15 onzas; é dicir, unha diferenza de 1,85 onzas. Ao solicitar unha segunda pesaxe da mesma cantidade de ouro nunha escala máis precisa, certificouse pesaba 7.919,98 onzas, moito máis preto do peso real. Para aumentar a exactitude das pesaxes, ordenouse adquirir un equipamento máis preciso e revisáronse as escalas a 0,10 onzas para a prata e 0,01 onzas para o ouro. Entre 1856 e 1866, as escalas antigas elimináronse gradualmente e substituíronse polas feitas por De Grave, Short e Fanner, gañadores dun premio da Exposición Universal de Londres de 1862 outorgado por traballos relacionados coa precisión das balanzas.[28]

Outra observación feita por Ansell foi a da perda de ouro durante o proceso de fabricación. Descubriu que se podían obter de 15 a 20 onzas recuperándoas dos refugallos queimados durante o proceso de cuñaxe, que se deixaban adoito en caixas abertas durante meses antes de seren retirados.

Por outra parte, en 1859 a Royal Mint rexeitou un lote de ouro que se considerou demasiado fráxil para a cuñaxe dos soberanos de ouro. A análise revelou a presenza de pequenas cantidades de antimonio, arsénico e chumbo. Ansell persuadiu a Royal Mint para que lle permitisen aplicar os seus coñecementos de química á experimentación co uso desta aliaxe na cuñaxe e, finalmente, foi quen de producir con ela 167.539 soberanos.[29] Nunha segunda ocasión, en 1868, descubriuse novamente que as moedas de ouro, esta vez por un valor total de medio millón de libras, se estaban a producir cun ouro de pureza inferior á establecida. Aínda que a práctica habitual na ceca era que as moedas rexeitadas (bockages) se fundisen, moitas destas entraron en circulación e a ceca viuse obrigada a devolver milleiros de onzas de ouro ao Banco de Inglaterra. Ansell ofreceuse entón a refundir as moedas de calidade inferior, mais a súa oferta non foi aceptada, o que causou unha disputa entre el e os xefes da ceca que, finalmente, o levou a ser destituído do seu posto.[30]

 
Proceso de fusión do ouro (1870)

Refinaría da Royal Mint

editar

Despois do seu traslado á súa nova sede en Tower Hill, a Royal Mint foi obxecto dun maior escrutinio sobre o seu xeito de actuar co ouro sen refinar que introducía no país. O mestre da ceca fora responsable de supervisar a refinaxe desde a creación dese posto no século XIV; porén, ao ser este proceso demasiado custoso e ao considerar que excedía a responsabilidade do mestre de ceca, unha comisión real establecida en 1848 recomendou que o proceso de refinaxe se lle encomendase a unha axencia externa.[31]

Tal oportunidade foi aproveitada pola familia Rothschild, propietaria dunha compañía multinacional de banca de investimento, que conseguiu un contrato co Goberno en xaneiro de 1852 mediante o que se dotou un edificio adxacente á Royal Mint co equipamento de refinaxe necesario, baixo o nome de Royal Mint Refinery.[31][32]

A expansión colonial e as sucursais da ceca

editar

Á medida que se expandía a influencia de Gran Bretaña como potencia mundial co establecemento de colonias no estranxeiro, a crecente necesidade de moedas fixo que a Royal Mint tivese que abrir sucursais noutros lugares do mundo.[33]

En Australia, o Consello Lexislativo local solicitoulle ao Goberno do Reino Unido que establecese unha das sucursais da Royal Mint en Sidney (Sydney Mint), logo da descuberta de ouro en Nova Gales do Sur en 1851. Os solicitantes obtiveron o consentimento real en 1853 e a Royal Mint de Londres comezou a planificar a instalación da primeira sucursal fóra do territorio das illas. O superintendente da Royal Mint viaxou a Australia para supervisar o seu establecemento en Macquarie Street, na ala sur do edificio do Hospital de Sidney, onde se inaugurou en 1854.[34][35]

 
Debuxo da Royal Mint de Sidney en 1888.

O éxito da sede da Sydney Mint levou á apertura dunha nova sucursal da Royal Mint en Australia, a Melbourne Mint (en Melbourne), o 2 de xuño de 1872 (cun custo de 368.350 libras), e posteriormente unha terceira, a Perth Mint (en Perth), que se inaugurou o 20 de xuño de 1899. En 1926, despois de 72 anos de funcionamento, a Sydney Mint pechou por mor da súa inferior capacidade tecnolóxica, e foi substituída polas de Melbourne e Perth. Logo da independencia de Australia como un novo Estado federal en 1901, Gran Bretaña seguiu a ser a propietaria de ambas as cecas ata o 1 de xullo de 1970, cando pasaron a depender da administración federal de Australia Occidental.[36][37]

No Canadá, que estivera baixo o dominio británico desde 1763, as moedas británicas circularon xunto ás doutras nacións ata 1858, cando a Royal Mint de Londres comezou a producir moedas para do dólar canadense, que se acababa de establecer como unidade monetaria. Consonte o Canadá se ía desenvolvendo, en 1890 comezaron a xurdir propostas para a construción dunha casa de moeda en Otava, para cuñar o ouro aparecido nas minas do país. A nova ceca, Ottawa Mint, foi inaugurada o 2 de xaneiro de 1908 polo Gobernador Xeral do Canadá, Albert Grey, e comezou a producir moedas para a súa circulación, entre elas os soberanos. En 1931, en virtude do Estatuto de Westminster, a ceca pasou a estar baixo a administración do Goberno do Canadá e posteriormente cambiou o seu nome polo de Royal Canadian Mint.[38][39]

 
Dólar de comercio de Hong Kong (1867)

Logo das sucursais da Royal Mint en Australia e no Canadá, estableceuse unha quinta sucursal en Bombay, na India, o 21 de decembro de 1917. A nova ceca cuñou soberanos de ouro entre o 15 de agosto de 1918 e o 22 de abril de 1919, data en que se produciu o seu pechamento.[40][41]

En Pretoria, na Unión Surafricana, estableceuse unha sexta e derradeira sucursal da Royal Mint fóra das illas británicas, o 1 de xaneiro de 1923, que produciu durante a súa existencia soberanos de ouro por un valor total de 83.114.575 de libras. Cando Suráfrica comezou a cortar os seus lazos con Gran Bretaña, a ceca pechou o 30 de xuño de 1941, e máis tarde reabriu como Casa da Moeda de Suráfrica (South African Mint).[42]

Aínda que a ceca real de Londres non controlou oficialmente máis de seis cecas sucursais no mundo, establecéronse moitas máis casas de moeda independentes para dotar o Imperio Británico de moeda circulante. En New Westminster, na Columbia Británica, a febre do ouro levou á creación dunha ceca en 1862 dirixida polo seu gobernador, James Douglas, que cuñou algunhas series de moedas de ouro e de prata antes da súa clausura no propio ano da súa fundación.[43] Así mesmo, o 26 de febreiro de 1864, unha orde do Consello da colonia solicitou a fundación dunha casa de moeda independente en Hong Kong, para a cuñaxe de moedas de prata e de bronce. A ceca chegou a crearse (Hong Kong Mint) mais mantivo a súa actividade pouco tempo debido á escasa calidade das súas cuñaxes, o que causou perdas significativas.[44] A empresa Jardine Matheson & Co. Ltd adquiriu o edificio en 1868 para o destinar a outros fins e a maquinaria da ceca vendéuselle á Casa da Moeda do Xapón en Osaca.[45]

As moedas neozelandesas con valor en dólares cúñanse na Royal Mint, en tanto que as divisionarias con valor en centavos están producidas pola Royal Canadian Mint. En épocas anteriores, recorreuse para estas cuñaxes a outras cecas descendentes da matriz británica, como a Royal Australian Mint e a South African Mint, e a outras de diferentes países.[46]

Anos 1914 a 1967

editar

En 1914, cando comezou a guerra en Europa, o ministro británico de facenda, David Lloyd George ordenou a inmediata retirada da circulación das moedas de ouro para axudar a pagar os gastos ocasionados pola guerra. O Goberno comezou entón a emitir bonos do Tesouro dun e de 10 xilins para as substituír, o que supuxo un precedente do abandono do padrón ouro por parte do Reino Unido en 1931.

A partir de 1928, o Estado Libre Irlandés (posteriormente República de Irlanda) pasou a emitir as súas propias moedas, que foron cuñadas inicialmente na Royal Mint, antes de que Irlanda establecese a súa propia casa de moeda en 1978.

 
Sala de gravado da Royal Mint en 1934.

Durante a segunda guerra mundial, a ceca londiniense xogou un papel importante para garantir que a cidadanía recibise os seus pagamentos en moeda metálica no canto do papel moeda. Baixo a Operación Bernhard, os nazis intentaron colapsar a economía británica inundando o país con billetes falsificados, o que levou o Banco de Inglaterra a deixar de emitir billetes de 10 libras e superiores. Para satisfacer as necesidades de circulante, a Royal Mint duplicou a súa produción, de maneira que en 1943 pasou a cuñar arredor de 700 millóns de pezas, malia estar baixo a ameaza constante de ser bombardeada. A dirección da ceca recoñeceu o perigo que estaba a correr a institución e tomou medidas para garantir que puidese manterse en funcionamento mesmo en caso de se producir un desastre. Asegurouse a subministración de auga de emerxencia, reforzáronse os sotos do edificio para que servisen de refuxio antiaéreo e mesmo se aceptaron as mulleres como empregadas, por primeira vez. Durante a maior parte da guerra, a ceca logrou escapar da destrución do Blitz da Luftwaffe, ata decembro de 1940, cando morreron tres empregados nun ataque aéreo. Neses momentos, instalouse unha ceca auxiliar nos estudios Pinewood, en Buckinghamshire, que foran requisados por mor da guerra. O persoal e a maquinaria da sede de Tower Hill foron trasladados alí provisionalmente, onde comezou a produción en xuño de 1941, que se mantivo durante o conflito bélico. No transcurso da guerra, a Royal Mint foi alcanzada polos bombardeos en varias ocasións e nunha delas estivo inactiva durante tres semanas.[47][48]

De 1967 ao século XXI

editar

Traslado a Gales

editar

Concluída a guerra, á medida que a tecnoloxía se ía perfeccionando coa introdución da electricidade e a demanda medraba, acelerouse o proceso de reconstrución ata o punto de que na década de 1960 quedaba pouco da ceca orixinal, á parte do propio edificio, construído en 1809, e as súas garitas na parte dianteira.

O 1 de marzo de 1966, o Goberno británico anunciou a súa intención de decimalizar a libra, o que traería consigo a retirada a grande escala da moeda circulante e a rápida cuñaxe de millóns de moedas novas.[49] Na súa localización habitual, a Royal Mint levaba anos sufrindo a falta de espazo e agora amosábase pouco adecuada para afrontar unha operación como a que se precisaba.[50] A cuestión do traslado a unha instalacións de maior tamaño xa fora abordada en diversas ocasións desde 1870; daquela suxerírase aproveitar o alto valor dos terreos que a ceca ocupaba en Tower Hill para financiar a compra doutros terreos en Whitefriars, Londres, e construír alí unhas novas instalacións.[51]

Porén, ante a nova conxuntura da proximidade da data da decimalización, fixada para 1971, o Goberno viuse obrigado a decidir axiña un lugar onde edificar unhas novas instalacións para a Royal Mint. En principio baralláronse máis de 20 lugares, en zonas como Irlanda do Norte ou Escocia, aínda que finalmente se escolleu a pequena cidade galesa de Llantrisant, situada a 16 quilómetros ao noroeste de Cardiff.[52][53]

Os traballos de construción da nova ceca comezaron en agosto de 1967 co levantamento dunha planta de tratamento en branco e outra para a cuñaxe. Esta primeira fase da ceca inaugurouse oficialmente o 17 de decembro de 1968 coa asistencia da raíña Isabel II, o príncipe Filipe e o seu fillo, o príncipe Carlos.[54] A segunda fase da construción comezou en 1973 e nela completouse a instalación de todos os equipamentos necesarios para completar o proceso de cuñaxe. Logo de finalizado o proceso, o custo final do terreo, os edificios e os equipamentos ascendeu a oito millóns de libras.[55] A cuñaxe e a produción de moedas foise trasladando gradualmente ao novo lugar durante os seguintes sete anos, ata que en novembro de 1975 se cuñou a derradeira moeda na planta de Londres, un soberano de ouro.

Dificultades financeiras

editar

Despois do traslado a Gales, a compañía puxo todo o seu empeño en resultar rendible, nun contexto internacional de profunda recesión a principios da década de 1970. Para combater o crecemento da débeda pública, o 1 de abril de 1975 aprobouse que a ceca debería autofinanciarse, unha medida que tivo éxito, xa que a empresa comezou a ser rendible grazas á súa decidida política de exportacións. Para gozar de máis liberdade financeira e unha mellor administración, a ceca converteuse en abril de 1990 nunha "axencia executiva" (Executive Agency).[56][57] No entanto, a Royal Mint informou en 2001 do seu primeiro balance anual negativo; un resultado que atribuíu a que só se lle encomendara a produción do 5 % das novas moedas con valores euros para os estados da Zona Euro, cando a compañía tiña proxectado o 20 %.[58] Malia todo, a ceca comezou a diversificar a súa gama de produtos e ampliala alén da produción de moedas, ofrecendo, entre outros obxectos, xoias, pratos conmemorativos, figuras e toda clase de regalos, e creou unha liña propia de artigos de colección, denominada Royal Mint Classics, que conseguiu a atracción de novos clientes.[59] Porén, en 2007 decidiuse refocalizar a actividade na produción de moeda e reducir a súa oferta doutro tipo de produtos.[60]

Durante a crise financeira de 2008, anunciouse un paquete de rescate que custou medio millón de libras, para axudar a estabilizar o sistema bancario británico, o que fixo temer que o Goberno intentaría financiar o seu custo mediante a venda de empresas e organismos estatais. Nun informe previo aos orzamentos de 2009, o ministro de Facenda declarou que o Tesouro "exploraría os beneficios potenciais de modelos futuros alternativos para a Royal Mint".[61][62] Un mes máis tarde, nos orzamentos do Reino Unido para ese ano, recomendou que a institución se convertese en empresa, con vistas á súa posterior venda.[63]

A previsión da venda foi recibida con indignación polos sindicatos e polos partidos da oposición parlamentaria, que a denominaron "a venda da prata da familia", e anunciaron que provocaría perda de empregos. Pola contra, o director executivo da Royal Mint acolleu con satisfacción a decisión e dixo que conduciría a un maior crecemento e aseguraría o futuro do negocio.[64] O 31 de decembro de 2009, en lugar de ser totalmente privatizada, a ceca abandonou o seu status de axencia executiva e os seus activos pasaron a unha nova sociedade de responsabilidade limitada denominada Royal Mint Ltd, que tiña como propietario o fondo comercial The Royal Mint, que pola súa vez continuaba a ser propiedade do Ministerio de Finanzas (Her Majesty's Treasury). Como o seu único accionista, a compañía paga un dividendo anual de catro millóns de libras ao Tesouro, e os beneficios restantes invístense na propia Royal Mint.[65] En 2015, o ministro de Facenda anunciou unha campaña de privatización de 20 mil millóns de libras para recadar fondos coa venda da Royal Mint xunto coa doutras institucións, como Met Office e Companies House.[62]

Renacemento: Xogos Olímpicos de Londres 2012

editar
 
Medalla olímpica de 2012 realizada pola Royal Mint.

Coa escolla de Londres como sede dos Xogos Olímpicos de verán de 2012, a Royal Mint recibiu a encarga de fabricar as medallas olímpicas e paralímpicas dos xogos.[66] A casa da moeda produciu 4.700 medallas de ouro, prata e bronce, e cada unha delas recibiu, na súa cuñaxe, 15 percusións con 900 toneladas de forza.[66][67]

Especificacións das medallas olímpica[67][68]
Ouro Prata Bronce
Peso 412 g 412 g 357 g
Aliaxes 1,34 % ouro

93 % prata

6 % cobre

93 % prata

7 % cobre

97 % cobre

2,5% cinc

0,5 % estaño

Ademais da encarga das medallas olímpicas, a Royal Mint organizou un concurso para o deseño dunha serie de moedas conmemorativas con valor de cincuenta peniques que entrarían na circulación xeral antes do evento. Das máis de 30.000 propostas recibidas, seleccionáronse 29 deseños, caracterizados polos seus motivos relacionados cun deporte (o deseñador máis novo tiña soamente nove anos).[69] Tamén para a circulación, a Royal Mint cuñou unha moeda bimetálica de dúas libras conmemorativa da entrega de Londres a Río de Xaneiro da encomenda de organizar os seguintes Xogos Olímpicos.[70]

Centro de visitantes Royal Mint Experience

editar

En abril de 2014, a Royal Mint anunciou un plan para o desenvolvemento dun centro de visitantes en Llantrisant, para organizar visitas guiadas ás instalacións e informar os visitantes sobre a historia da ceca. Cun orzamento de 7,7 millóns de libras, o contrato para o desenvolvemento do proxecto adxudicóuselle á empresa de construción ISG e á consultora de deseño Mather & Co, quen xa deseñara anteriormente o Museo Olímpico de Noruega e diversas atraccións para visitantes de clubs deportivos como o Chelsea FC, o Manchester City FC, o FC Porto e os Springboks.[71][72]

Para financiar o proxecto, o Goberno de Gales outorgou unha subvención de 2,3 millóns de libras, co obxectivo de que o centro de visitantes atraese á zona uns 200.000 visitantes por ano.[73] En maio de 2016, dous anos despois do anuncio, o centro de visitantes abriu ao público co nome de Royal Mint Experience e cun custo final de nove millóns de libras. As instalacións e as actividades abranguen un museo interactivo, unha visita á fábrica, un centro educativo e unha prensa na que os visitantes poden cuñar a súa propia moeda dunha libra en lembranza da visita.[74][75] No centro exhíbense moedas, medallas olímpicas, probas de moedas, maquinaria de cuñaxe e outros obxectos, ata máis de 80.000 pezas.[76]

Eventos recentes

editar

En 2014, a ceca pasou a albergar 48 toneladas de prata recuperadas do naufraxio do SS Gairsoppa, que se utilizaron para cuñar unha serie limitada de moedas.[77]

En 2015, logo de case 50 anos, a ceca comezou a producir a súa propia liña de lingotes e moedas de investimento baixo a súa revivida marca Royal Mint Refinery. Logo, en 2016, anunciou un plan para a creación de Royal Mint Gold (RMG), unha moeda de ouro dixital a modo de criptomoeda que utiliza a cadea de bloques, para comerciar e investir en ouro.[78] Prevíase o lanzamento desta criptomoeda para 2017, coa equivalencia dunha ficha de RMG cun gramo de ouro físico da Royal Mint.[79]

Operacións e produtos

editar

Produción de moedas circulantes

editar

Como único organismo responsable da cuñaxe de moedas de curso legal para o Reino Unido baixo o contrato co Ministerio de Finanzas (HM Treasury), a Royal Mint produce toda a moeda física do país, á parte dos billetes que imprime o Banco de Inglaterra. De media, produce anualmente moedas por valor de 2.000 millóns de libras esterlinas e estímase que están en circulación uns 28.000 millóns de pezas saídas dos seus talleres. Fóra do Reino Unido, a Royal Mint proporciona servizos a máis de 60 países, entre eles Nova Zelandia e moitas pequenas nacións do Caribe, tanto en forma de moedas acabadas como de discos metálicos preparados para a cuñaxe.[3]

En 2015 estímase que se cuñaron 2.400 millóns de moedas para países estranxeiros, cantidade que supera a das moedas nacionais e que proporciona máis do 60 % dos ingresos da ceca provenientes de cuñaxe moeda circulante. A venda de moedas conmemorativas tamén forma parte das operacións da Royal Mint, con pezas de elevada calidade en metais preciosos, destinadas ao mercado do coleccionismo.[80]

Moedas cuñadas (millóns)
2015[80] 2014[80] 2013[81]
Reino Unido 2.007 2.384 1.996
Outros países 2.400 2.200 2.000

Moedas de investimento e lingotes

editar
 
Selo da Royal Mint Refinery.

Outra das operacións importantes que realiza a Royal Mint e que supón a metade dos seus ingresos é a venda de moedas de investimento e lingotes a investidores e á poboación en xeral.

Historicamente a Royal Mint fixera a refinaxe do seu propio metal, aínda que, seguindo o consello dunha comisión real de 1848, o proceso separouse e a refinaxe pasou a mans privadas en 1852, en concreto á familia Rotschild, que lla vendeu á compañía estadounidense Engelharden en 1967. A partir da recuperación da marca Royal Mint Refinery en 2015, os lingotes producidos pola Royal Mint en diferentes tamaños e con diversos pesos están estampados co emblema orixinal da Royal Mint Refinery.[82][32][83]

Lingotes
Metal Pureza Pesos
Prata 999 100 g 500 g 1 kg
Ouro 999,9 1 g 5 g 10 g 1 oz 100 g 500 g 1 kg
Platino 999,5 1 oz 100 g 500 g 1 kg
 
Anverso dun soberano de ouro de 1959 a nome de Isabel II de Inglaterra.

A cuñaxe de moedas de investimento comezou en 1957 para satisfacer a demanda de soberanos de ouro auténticos, dada a abundancia de falsificacións (tamén se emitiron pezas de medio soberano). Estas moedas emitíronse case todos os anos ata 1982, cando se suspendeu a produción, aínda que se retomou posteriormente en 2000.

En 1987, a ceca comezou a producir un novo tipo de moeda de investimento, coa denominación de Britannia, o peso dunha onza troy e o valor facial de 100 libras. En 1997 comezou a emitirse tamén a súa correspondente en prata con valor facial de dúas libras.

En 2014, comezou a cuñarse anualmente unha nova serie de moedas para conmemorar o ano novo lunar e en 2016 deu comezo unha nova serie de moedas de investimento: The Queen's Beasts.

Moedas de investimento
Tipo Valor facial Diámetro Peso Pureza
Britannia [84] Onza de prata 2 libras 38,61 mm 31,21 g 999
Onza de ouro 100 libras 32,69 mm 31,21 g 999,.9
Soberano [85] Soberano 1 libra 22,05 mm 7,988 g 916
The Queen's Beasts [86] 2 onzas de prata 5 libras 38,61 mm 62,42 g 999
Onza de ouro 100 libras 32,69 mm 31,21 g 999,.9
Onza de platino 100 libras 32,69 mm 31,21 g 999,.5
Serie lunar (Lunar Serie) [87] Onza de prlata 2 libras 38,61 mm 31, 21 g 999
Onza de ouro 100 libras 32,69 mm 31,21 g 999,.9
Landmarks of Britain [88] Onza de prata 2 libras 38,61 mm 31,21 g 999

Medallas

editar
 
Anverso da medalla de coroación de Xurxo VI (1821)

Ocasionalmente, a Royal Mint produce medallas para os departamentos gobernamentais e, tamén, baixo un contrato privado, para outros clientes como as reais sociedades, colexios ou universidades. Son de salientar particularmente as medallas para a Orde do Imperio Británico, así como diversas honras militares como a Medalla da Defensa e a Cruz de Valentía, das Forzas Armadas do Reino Unido.[89]

Antes de 1851, a realización de medallas na ceca era a discreción dos gravadores, que podían realizar o labor de xeito independente e recibir, así, un salario adicional. Unha patente real emitida en 1669 outorgáballe á Royal Mint o dereito exclusivo de producir medallas de calquera metal que amosasen o retrato dun monarca. Os gravadores utilizaban, xa que logo, as instalacións da casa da moeda para faceren medallas conmemorativas do seu propio deseño destinadas á venda.[90]

Unha data clave na historia da Royal Mint é a da produción de medallas para os militares en 1815, cando a Batalla de Waterloo marcou o comezo de da concesión de medallas por campañas militares. En 1874, a ceca pasou a ser a responsable de facer todas as barras e os pechamentos das medallas de guerra do país e naquela época facía medallas para campañas militares como a Medalla de Nova Zelandia, a Medalla da Guerra Abisinia e a Medalla de Ashantee.[90]

Ao comezo da primeira guerra mundial, as medallas militares foron fabricadas polo arsenal de Woolwich e por contratistas privados. Porén, en 1922 creouse unha nova sección de medallas na Royal Mint, que pasou a ser o único fabricante de todas as medallas e condecoracións metálicas reais e estatais, bardante a Cruz Vitoria (Victoria Cross), da que se encargou a compañía Hancock & Co.[90][91] A partir de 2010, a Royal Mint compite con outros fabricantes na fabricación das medallas militares británicas.[92]

A proba do Pyx

editar
 
Proba do Pyx na Compañía dos Ourives (Worshipful Company of Goldsmiths).

O ensaio do Pyx (Trial of the Pyx) é o procedemento utilizado no Reino Unido para asegurar que as moedas cuñadas cumpran os estándares requiridos. O termo Pyx ten a súa orixe no cofre de madeira de buxo (en grego: πυξίς, pyxis) no que se presentan as novas moedas para o seu exame por un xurado.[93][94]

Estes ensaios lévanse celebrando desde o século XII, normalmente cunha periodicidade anual. O cerimonial é esencialmente o mesmo desde 1282. Trátase de xuízos reais desde o punto de vista xurídico, presididos por un xuíz e cun xurado de expertos ensaiadores. Desde 1871, estes actos tiveron lugar no edificio da Compañía dos Ourives (Worshipful Company of Goldsmiths) e anteriormente realizábanse no Palacio de Westminster, onde hai unha denominada Cámara Pyx (Pyx Chamber) que se utilizaba para este fin.[93][94][95]

As moedas obxecto deste xuízo extráense da produción normal da Royal Mint. O director da ceca encárgase de seleccionar aleatoriamente ao longo do ano varios milleiros de moedas e apartalas para a proba do Pyx, que se realiza con independencia da ceca real.[93][94]

O xurado está composto por mestres da Compañía de Ourives, que analizan as moedas proporcionadas para decidiren se foron cuñadas consonte os criterios determinados pola correspondente lexislación da moeda.[93][94]

  1. "[1]". The Royal Mint.
  2. "[2]". The Royal Mint.
  3. 3,0 3,1 "About Us". The Royal Mint.
  4. "Factory of the Month: The Royal Mint". En The Manufacturer. 7 de decembro de 2012.
  5. Rudd, Ch. "Britain's First Coins". En The Journal of Ancient Numismatics. Vol. Nº 1.
  6. "The Royal Mint Story Arquivado 08 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
  7. "The Royal Mint Arquivado 31 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". Museums Victoria Collections.
  8. Dyer, G. P. (1986). Páxina 3.
  9. "Records of the Royal Mint". The National Archives.
  10. "The Testoons of Henry VIII". En AMR Coins.
  11. Bernard, G. W. (2011).
  12. Broadway, J. "Harington, John, first Baron Harington of Exton (1539/40-1613)". En Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
  13. Morgans, G. (1999). "Making a mint? Arquivado 23 de agosto de 2017 en Wayback Machine.". En Coutry Quest.
  14. "1 Crown - Oliver Cromwell". Numista.com
  15. "‘Unreleased’ Oliver Cromwell coins from the 17th century displayed at The Royal Mint Experience". The Royal Mint.
  16. Allen, L. (2009). Páxina 282.
  17. Linecar, H. (1985). Páxinas 88-98.
  18. Davis, G. (2010). Páxina 888.
  19. "Decus et tutamen Arquivado 04 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". En The Pharmaceutical Journal. 5 de xaneiro de 2012.
  20. "Emisións da Raíña Ana de Inglaterra". En Pita Fernández, R. L. (1999). Páxinas 173-176.
  21. Dos monedas de ´Vigo´, adjudicadas por más de un millón de euros en Londres”. En Faro de Vigo. 16 de xaneiro de 2019.
  22. Levenson, T. (2010).
  23. Li Ming-Hsun. (1963).
  24. Murray, A. L. (2003).
  25. Murray, A. L. (1999).
  26. "Tower Hill Arquivado 01 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
  27. Ansell, G. F. (1870). Páxinas v, vi
  28. Ansell, G. F. (1870).
  29. "1859 Victoria Young Head 'Ansell' Sovereign". En Gold Souvereign Expert.
  30. W. P. Courtney. "Ansell, George Frederick (1826-1880)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
  31. 31,0 31,1 "The Royal Mint Refinery". www.rothschildarchive.org. Consultado o 2024-11-16. 
  32. 32,0 32,1 Blagg, M. "N M Rothschild & Sons and the Royal Mint Refinery, London". GLIAS. Greater London Industrial Archeology Society.
  33. "Royal Mint: Branch Mints". The National Archives.
  34. "Mint Bulding". New South Wales Government.
  35. "The Mint. Public building". En The Dictionary of Sydney.
  36. "The Melbourne Mint". En The Argus. 4 de outubro de 1880.
  37. "History Arquivado 03 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". En The Perth Mint.
  38. "The Royal Canadian Mint Arquivado 14 de xullo de 2020 en Wayback Machine.". En Ontario's Historical Plaques.
  39. "The Royal Canadian Mint". En Today in Ottawa's History.
  40. Michel, T. (2016). Páxina 1.130.
  41. "The History of the Indian Sovereign Arquivado 27 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En The Gold Souvereign.
  42. "A History of the South African Mint". En Provident Metals.
  43. Hainsworth, G. (2005). Páxina 148.
  44. "Hong Kong Currency". Hong Kong Museum of History.
  45. Ingham, M. (2007). Páxina 70.
  46. "The history of coins in New Zealand Arquivado 16 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Reserve Bank of New Zealand.
  47. Beardon, J. (2013). Páxina 177.
  48. Challis, C. E. (1992). Páxina 579.
  49. "Britain to go decimal in 1971". En BBC. 1 de marzo de 1966.
  50. Mosalski, R. "The fascinating story of how the institution that makes all our money ended up in Wales". En Wales Online. 30 de novembro de 2018.
  51. "Annual Report of the Deputy Master and Comptroller - Royal ". 1871. Páxina 52.
  52. Pearson, A. "Royal Mint". Debate no Parlamento Británico.
  53. "A new Royal Mint for 'D-Day'". The Royal Mint.
  54. "Queens Opens New Mint (1968)". British Pathé.
  55. Taverne, D. "Royal Mint (Move)". Debate no Parlamento Británico.
  56. "Royal Mint". Debate no Parlamento Británico.
  57. "Executive Agencies". En The National Archives.
  58. "Royal Mint Annual Report 2001-02". Royal Mint.
  59. "Gifts". Royal Mint.
  60. "The Royal Mint Annual Repoprt 2007-08". The Royal Mint.
  61. Blake, A. (2009). "Privatisation of Royal Mint at Llantrisant rolls closer". En Wales Online. 17 de marzo.
  62. 62,0 62,1 Pikard, P. (2016). "Green Investment Bank bidders ready final offer". En The Financial Times. 11 de setembro.
  63. Bawden, A. (2009). "Budget 2009: Thousands of public sector jobs at risk". En The Guardian. 22 de abril.
  64. "Royal Mint privatisation closer". En BBC News. 21 de abril de 2009.
  65. Kollewe, J. (2015). "Royal Mint makes a mint … again". En The Guardian. 24 de xullo.
  66. 66,0 66,1 Ruddick, G. (2010). "London 2012 Olympics: Royal Mint wins contract to make medals". En The Telegraph. 16 de decembro.
  67. 67,0 67,1 Hume, C. (2011). "London 2012: Olympic medals go into production in Wales". En BBC News. 27 de outubro.
  68. DeMarco, A. (2012). "London's Olympic Gold Medal Worth The Most In The History Of The Games". En Forbes. 26 de xullo.
  69. "London 2012 Olympic 50p coins go into circulation". En BBC News. 13 de outubro de 2010.
  70. "2012 Handover to Rio £2 Arquivado 20 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Royal Mint.
  71. Sion Barry. (2015). "The Royal Mint appoints design consultancy for its £7.5m interactive museum". En Wales Online. 13 de abril.
  72. "The Royal Mint Experience". Marther & Co.
  73. "The Royal Mint announces plans for first visitor centre". The Royal Mint. 24 de abril de 2014.
  74. Doran, L. (2016). "Everything you need to know about The Royal Mint Experience". En Wales Online. 17 de maio.
  75. Boyce, L. (2017). "Ever wondered how your coins are made? (...)". En This is Money. 31 de xaneiro.
  76. Montgomery, A. (2014). "Royal Mint seeks exhibition designers as visitor centre plans take shape". En Design Week. 17 de novembro.
  77. Evans, C. (2014). "Royal Mint takes delivery of 48 tonnes of silver salvaged from site of WWII shipwreck". En Wales Online. 4 de abril.
  78. Irrera, A. (2017). "CME Group, Royal Mint test blockchain-based gold trading platform Arquivado 21 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Reuters. 12 de abril.
  79. Castor, A. (2017). "Consensus 2017: CME Group, UK Royal Mint Detail Plans for Blockchain Gold". En Coindesk.com
  80. 80,0 80,1 80,2 "The Royal Mint Annual Report 2015-2016". The Royal Mint.
  81. "The Royal Mint Annual Report 2014-2015". The Royal Mint.
  82. "The Royal Mint Refinery[Ligazón morta]". The Rothschild Archive.
  83. Dan, O. (2015): "Gold bars now available from The Royal Mint Arquivado 21 de abril de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  84. Davis, I. (2018). "Gold Britannia Coin Information and Technical Specification". Chards. Coin and Bullion Dealer.
  85. Chard, L. (2018). "Technical Specification of a Gold Sovereign". Chards. Coin and Bullion Dealer.
  86. "2020 Queen's Beasts Lion of Mortimer 1 oz Gold Bullion Coin". Chards. Coin and Bullion Dealer.
  87. Chard, L. (2018). "British Chinese Lunar Calendar Coins". Chards. Coin and Bullion Dealer.
  88. "Landmarks Of Britain Silver Coins Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  89. Thomas, J. (2013). "A badge of honour – our pride in making medals at The Royal Mint Arquivado 21 de abril de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  90. 90,0 90,1 90,2 "Royal Mint: Medals". The National Archives.
  91. "Victoria Cross". Hancocks. London.
  92. Thomas, J. (2013). "Does The Royal Mint have the sole right to make medals?". En "A badge of honour – our pride in making medals at The Royal Mint Arquivado 21 de abril de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  93. 93,0 93,1 93,2 93,3 "Trial of the Pyx – Since 1282". The Royal Mint.
  94. 94,0 94,1 94,2 94,3 "Trial of the Pyx Arquivado 05 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
  95. "The Trial of the Pyx". The Goldsmiths' Company.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 3
Idea 1
idea 1
INTERN 2
todo 12