Saccharomyces

xénero de fungos

Saccharomyces

S. cerevisiae
Clasificación científica
Reino: Fungi
Filo: Ascomycota
Subfilo: Saccharomycotina
Clase: Saccharomycetes
Orde: Saccharomycetales
Familia: Saccharomycetaceae
Xénero: Saccharomyces
Meyen (1838)
Especie tipo
Saccharomyces cerevisiae
Meyen (1838)
Especies

Saccharomyces é un xénero de fungos que inclúe moitas especies de lévedos, como o lévedo de panadería S. cerevisiae. O nome Saccharomyces procede do grego antigo σάκχαρον (aucre) e μύκης (fungo) e significa fungo do azucre. Son fungos unicelulares e saprotróficos. Moitos membros do xénero son importantes na produción de alimentos. Un exemplo é o lévedo de panadería Saccharomyces cerevisiae, que se usa na produción de pan, viño e cervexa, e para a saúde humana e animal. Outros membros do xénero son o lévedo silvestre Saccharomyces paradoxus que é o parente máis próximo de S. cerevisiae, Saccharomyces bayanus, usado tamén na produción de viño e Saccharomyces cerevisiae var boulardii, usado en medicina.

Morfoloxía

editar

As colonias de Saccharomyces crecen rapidamente e maduran en tres días. Son planas, lisas e húmidas, con brillo ou apagadas e de cor crema. A incapacidade de usar nitrato e a capacidade de fermentar varios carbohidratos son características típicas de Saccharomyces.

Morfoloxía celular

editar

As células xeralmente teñen un diámetro de 2 a 8 μm e unha lonxitude de 3 a 25 μm. É frecuente observar blastoconidios (xemas celulares). Son orgsanismos unicelulares, globosos e de elipsoidais a alongados. A xemación multilateral é típica. As pseudohifas, se están presentes, son rudimentarias. As verdadeiras hifas están ausentes.

Saccharomyces produce ascósporas, especialmente cando crece en medio V-8, en ágar de ascóspora acetato ou en medio Gorodkowa. Estas ascósporas son globosas. Cada asco contén de 1 a 4 ascósporas. Os ascos non rompen ao madurar. As ascósporas poden tinguirse con tinguidura Kinyoun e tinguidura para ascósporas. Cando están tinguidos con tinguidura de Gram, as ascósporas aparecen Gram negativas, mentres que as células vexetativas aparecen Gram positivas.

Historia

editar

Suxeriuse presenza de lévedos na cervexa en 1680, aínda que o xénero non recibiu o seu nome de Saccharomyces ata 1837. En 1876 Louis Pasteur demostrou a implicación de organismos vivos nas fermentacións, e en 1883, Emil C. Hansen illou o lévedo de cervexería e propagouno en cultivo, o que conduciu ao descubrimento da importancia dos lévedos na fabricación de cervexa. Pasteur descubriu unha explicación de por que se picaba o viño: cando crecían no viño os lévedos producían alcohol e a fermentación orixinaba viño normalmente, pero cando no cultivo crecían bacterias que orixinaban ácido láctico, o viño picábase.[1] O uso de microscopios para o estudo da morfoloxía dos lévedos e a pureza dos cultivos foi crucial para comprender o seu funcionamento.

Uso na produción de viño

editar

O viño orixínase por fermentación alcohólica en condicións anaerobias dos azucres das uvas, realizada por lévedos, que transforman o azucre en etanol e dióxido de carbono. O lévedo asociado coa produción de viño máis común é Saccharomyces cerevisiae, que é o preferido debido ás súas capacidades fermentativas predicibles e vigorosas, tolerancia a niveis relativamente altos de alcohol e dióxido de xofre e a súa capacidade de prosperar no pH normal do viño entre 2,8 e 4. A pesar do uso moi estendido desta especie, ás veces coa súa deliberada inoculación a partir de lévedos cultivados, S. cerevisiae raramente é a única especie de lévedo presente durante a fermentación do viño, xa que adoita ir acompañada doutras especies de lévedos do seu xénero (S. bayanus) ou doutros xéneros (Kloeckera, Candida, Brettanomyces').

Uso na produción de cervexa

editar
 
Saccharomyces cerevisiae, o lévedo máis usado na fermentación do viño, cervexa e pan.
As raias da escala numerada están separadas 10 micrómetros.

Os lévedos de cervexería son poliploides e pertencen ao xénero Saccharomyces. As cepas para fabricar cervexa poden clasificarse en dous gruos; as cepas ale (Saccharomyces cerevisiae) e as cepas lager (Saccharomyces pastorianus ou Saccharomyces carlsbergensis na taxonomía máis vella). As cepas lager son unha cepa híbrida de S. cerevisiae e S. eubayanus e a miúdo denomínanse cepas que fermentan no fondo. Ao contrario, as cepas ale denomínanse cepas que fementan na parte superior, o cal se refire a que durante a fermentación están caracterísitcamente separadas no fondo ou na parte superior do recipiente fermentador cadrado aberto. Aínda que as dúas especies difiren en diversos aspectos, como na súa resposta á temperatura, transporte de azucre e uso, as especies S. pastorianus e S. cerevisiae están estreitamente relacionadas dentro do xénero Saccharomyces.

Os lévedos Saccharomyces poden formar matrices simbióticas con bacterias, e utilízanse para producir kombucha, kéfir e cervexa de xenxibre.
Saccharomyces fragilis, por exemplo, forma parte dos cultivos de kéfir[2] e crece alimentándose da lactosa contida no soro lácteo (que é un subproduto da fabricación de queixo) que se usa como alimento para os animais tamén.[3][4]

Uso na produción de pan

editar

Para fermentar a masa de pan utilízase tamén o S. cerevisiase, que deriva historicamente das cepas "altas" usadas na fabricación de cervexa. Os encimas amilases que contén a masa húmida hidrolizan o amidón da fariña, orixinando azucres simples, que poden ser fermentados polo lévedo (en caso de que a fariña estivese moi refinada de modo que non tivese eses encimas, pode ser necesario engadir azucre). Na fermentación o lévedo orixina alcohol (que desaparece despois durante a cocción) e CO2, gas que fai "subir" a masa do pan e forma os ocos ("ollos") do miolo. Ademais o lévedo produce outros cambios sutís nas propiedades físicas e químicas da masa, que lle dan ao pan as súas características.

Patoloxía

editar

Saccharomyces causa que se estraguen alimentos ricos en azucres, como o xarope de arce, almibres, zumes concentados e condimentos.[5] Informáronse dalgúns casos en que a prolongada exposición a S. cerevisiae podería orixinar hipersensibilidade.[6]

  1. Boulton, Chris and Quain, David. Brewing yeast and fermentation. John Wiley & Sons, 2001, p. 18
  2. The kefir starter culture Arquivado 15 de setembro de 2016 en Wayback Machine. of Cultures for Health contains Saccharomyces fragilis
  3. Rory A. M. Delaney, Robert Kennedy, Bernard D. Walley - Composition of Saccharomyces fragilis biomass grown on lactose permeate†, 1975
  4. Aaron E. Wasserman, William J. Hopkins and Nandor Porges - Whey Utilization: Growth Conditions for Saccharomyces Fragilis, Sewage and Industrial Wastes, Vol. 30, No. 7 (Jul., 1958), pp. 913-920
  5. MICROBES INVOLVED IN FOOD SPOILAGE Arquivado 24 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. Authors: Gabriel Chavarria, Julia Neal, Parul Shah, Katrina Pierzchala, Bryant Conger
  6. Yamamoto Y, Osanai S, Fujiuchi S, et al. (2002). "[Saccharomyces-induced hypersensitivity pneumonitis in a dairy farmer: a case report]". Nihon Kokyuki Gakkai Zasshi (en Japanese) 40 (6): 484–8. PMID 12325333. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 1