O saco vitelino (en terminoloxía latina saccus vitellinus, vesicula umbilicalis) é un saco membranoso unido ao embrión, formado por células da capa do hipoblasto do disco embrionario bilaminar. Tamén se lle chama vesícula umbilical en Terminologia Embryologica (TE), aínda que saco vitelino é moito máis usado. En humanos o saco vitelino é importante para a subministración de sangue ao embrión temperán,[1] e gran parte del incorpórase ao tracto gastrointestinal primordial durante a cuarta semana de desenvolvemento embrionario.[2]

Embrión humano de 3,6 mm no que se observa o saco vitelino (yolk sac).
Embrión humano de 31-34 días.

En humanos

editar
 
Contido da cavidade uterina visto a aproximadamente 5 semanas de idade xestacional por ultrasonografía obstétrica.
 
Imaxe coloreada artificialmente que mostra o saco xestacional, o saco vitelino e o embrión (a distancia entre os signos + é de 3 mm).

O saco vitelino é o primeiro elemento que se observa no saco xestacional durante o embarazo,[1] xeralmente aos 3 días de xestación.

O saco vitelino está situado na parte frontal (ventral) do embrión; está tapizado polo endoderma extraembrional,[3] fóra do cal hai unha capa de mesénquima extraembrional, derivada do epiblasto.

O sangue chega á parede do saco vitelino a través da aorta primitiva e despois circula a través dun plexo de capilares que forman unha densa rede, torna polas veas vitelinas do corazón tubular que nese momento ten o embrión. Isto constitúe a circulación vitelina, que nos humanos é o lugar onde se produce a hematopoese.[4][5] Antes de que se forme a placenta e empece a funcionar como elemento circulatorio, o saco vitelino proporciona nutrición e realiza o intercambio de gases entre a nai e o embrión en desenvolvemento.[6]

Ao final da cuarta semana, o saco vitelino ten a aparencia dunha pequena vesícula con forma de pera (tradicionalmente chamada vesícula umbilical), que comunica co tubo dixestivo por un tubo longo estreito, o conduto vitelino ou onfalomesentérico. Raramente pode verse o saco vitelino despois do necemento como un corpo pequeno e máis ou menos oval cuxo diámetro varía de 1 mm a 5 mm; está situado entre o amnio e o corion e pode situarse sobre ou a certa distancia da placenta. Este saco vitelino residual non ten importancia clínica.

Como regra o conduto sofre unha completa obliteración na semana 20ª a medida que a maioría do saco vitelino se incorpora ao tracto gastrointestinal en desenvolvemento, pero nun 2 % dos casos a súa parte proximal persiste como divertículo do intestino delgado, o chamado divertículo de Meckel, que está situado a uns 60 cm en dirección proximal da válvula ileocecal, e pode estar unido por medio dun cordón fibroso á parede abdominal no embigo.

Ás veces pode observarse un estreitamento do lume do íleo fronte ao sitio de unión do conduto.

Histoxénese

editar

O saco vitelino empeza a formarse durante a segunda semana de desenvolvemento embrionario, ao mesmo tempo que se orixina o saco amniótico. O hipoblasto comeza a proliferar lateralmente e a descender. Mentres tanto, a mambrana de Heuser, situada no polo oposto da vesícula en desenvolvemento, empeza a súa proliferación cara a arriba e ponse en contacto co hipoblasto.

Modificacións

editar
  • Saco vitelino primario: é a vesícula que se desenvolve na segunda semana; o seu piso é representado pola membrana de Heuser e o seu teito é o hipoblasto. Tamén se chama cavidade exocelómica.
  • Saco vitelino secundario: esta estrutura fórmase cando o mesoderma extraembrionario se separa para formar o celoma extraembrionario; células do mesoderma evaxinan unha área do saco vitelino[3] e o que queda é o saco vitelino secundario.
  • Saco vitelino final: durante a cuarta semana de desenvolvemento, durante a organoxénese, parte do saco vitelino é rodeado polo endoderma e incorporado ao embrión como parte do intestino. A parte restante do saco vitelino é o saco vitelino final.

Galería

editar
  1. 1,0 1,1 Lutfey, Karen; Freese, Jeremy (2005). "Toward Some Fundamentals of Fundamental Causality: Socioeconomic Status and Health in the Routine Clinic Visit for Diabetes". American Journal of Sociology 110 (5): 1326–1372. ISSN 0002-9602. JSTOR 10.1086/428914. doi:10.1086/428914. 
  2. The Developing Human: Clinically Oriented Anatomy: Capítulo 7
  3. 3,0 3,1 Hafez, S. (2017-01-01). Huckle, William R., ed. Chapter One - Comparative Placental Anatomy: Divergent Structures Serving a Common Purpose. Progress in Molecular Biology and Translational Science. Molecular Biology of Placental Development and Disease (en inglés) 145 (Academic Press). pp. 1–28. PMID 28110748. doi:10.1016/bs.pmbts.2016.12.001. Consultado o 2020-10-21. 
  4. Moore, Keith; Persaud, TVN; Torchia, Mark (2013). The Developing Human. Philadelphia, PA: Saunders. ISBN 978-1-4377-2002-0. 
  5. Blaas, Harm-Gerd K; Carrera, José M (2009-01-01). Wladimiroff, Juriy W; Eik-Nes, Sturla H, eds. Chapter 4 - Investigation of early pregnancy. Ultrasound in Obstetrics and Gynaecology (en inglés) (Edinburgh: Elsevier). pp. 57–78. ISBN 978-0-444-51829-3. doi:10.1016/b978-0-444-51829-3.00004-0. Consultado o 2020-10-21. 
  6. Donovan, Mary F.; Bordoni, Bruno (2020). Embryology, Yolk Sac. StatPearls (Treasure Island (FL): StatPearls Publishing). PMID 32310425. Consultado o 2020-09-11. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  NODES
todo 1