Samaín

festividade celta

O Samaín[1] (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano.[Cómpre referencia] Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro,[2] xa que o día celta comeza e remata co solpor.[3] Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno.

É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. En realidade, segundo Jan de Vries (o autor de Keltische Religion, ensaio de 1961), as catro festas marcaban non o final senón o comezo dunha estación.[4] Recibían a denominación de feis «festa» ou oénach «reunión, asemblea» e non eran unicamente de carácter relixioso, senón tamén xurídico e político.[4]

Historicamente, o Samaín foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualla) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promocionar dende a década de 1990,[5] que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.[6]

Crese que o Samaín ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer na época do Samaín. É mencionado nalgúns textos irlandeses antigos e moitos eventos importantes da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. Era o momento no que o gando baixaba dos pasteiros de verán e era sacrificado durante o inverno. Ó igual que no Beltane, acendíanse fogueiras especiais. Isto era considerado como formas de protección e limpeza e había rituais específicos que implicaban as fogueiras.[7] Coma no Beltane, o Samaín era considerado como un tempo liminal, cando os límites entre este mundo e o Outro mundo podían cruzarse máis facilmente. Isto significaba que os Aos Sí, os 'espíritos' ou 'fadas', podían chegar máis facilmente ó noso mundo. Moitos estudosos consideran os Aos Sí como restos dos deuses pagáns e espíritos da natureza. No Samaín, críase que os Aos Sí tiñan que ser propicios para asegurar que as persoas e o gando sobrevivisen o inverno. As ofrendas de comida e bebida deixábanse no exterior para eles. Tamén se pensaba que as almas dos mortos volvían para visitar os seus fogares buscando hospitalidade. Celebrábanse banquetes, nos cales as almas dos familiares mortos eran convidadas a asistir e tiñan un lugar na mesa para eles. As carautas e disfraces formaban parte do festival, e implicaba que as persoas ían de porta en porta recitando versos en troques de comida. Os disfraces podían ser un xeito de imitar ou asemellarse ós Aos Sí. Os rituais de adiviñación e os xogos formaban unha parte importante do festival e requirían noces e mazás. A finais do século XIX, John Rhys e James George Frazer suxeriron que era como un "Aninovo celta", e este punto de vista foi repetido por outros estudosos.[8]

No século IX, a igrexa cristiá cambiou a data do Día de Tódolos Santos dende o mes de maio até o 1 de novembro, ó tempo que o 2 de novembro se converteu no Día dos Fieis Defuntos. Co tempo, o Samaín e o Día de Tódolos Santos fusionáronse para crear a moderna festa do Halloween.[9] Os historiadores empregaron o termo 'Samaín' para se referiren ós costumes celtas do 'Halloween' até o século XIX.[10]

Dende finais do século XX, os neopagáns celtas e a Wicca consideran o Samaín, ou algo baseado nel, como unha festividade relixiosa.[11]

Etimoloxía

editar

En irlandés moderno o nome é Samhain, en escocés Samhainn/Samhuinn ˈs̪ãũ.ɪɲ, e en manx Sauin. Estes tamén son os nomes do mes de novembro en cada lingua, acurtado a partir de Mí na Samhna (irlandés), Mì na Samhna (escocés) e Mee Houney (manx). A noite do 31 de outubro (Halloween) é Oíche Shamhna (irlandés), Oidhche Shamhna (escocés) e Oie Houney (manx), e todos queren dicir "noite do Samaín". O 1 de novembro ou a celebración completa, pode chamarse Lá Samhna (irlandés), Là Samhna (escocés) e Laa Houney (manx), significando todos eles "día do Samaín".

Todos estes nomes proveñen do irlandés antigo samain, samuin ou samfuin ˈsaṽɨnʲ e todos refírense ó 1 de novembro (latha na samna: 'día do samaín'), alén do festival e a asemblea real que se celebraba ese día na Irlanda medieval (oenach na samna: 'asemblea do samaín'). O seu significado propúxose como 'fin do verán', e a frecuente ortografía con f suxire análises de etimoloxía popular como sam ('verán') e fuin ('fin'). O sam do irlandés antigo provén do protoindoeuropeo *semo-; entre os seus conatos salientan o galés haf, o bretón hañv, o inglés summer e o nórdico antigo sumar, todos eles significando 'verán', e o sánscrito sáma ('estación').[12][13]

En 1907, Whitley Stokes suxeriu unha etimoloxía do protocelta *samani ('asemblea'), conato do sánscrito sámana, e do gótico samana.[14] J. Vendryes conclúe que samain non está relacionado con *semo- ('verán'), salientando que o 'fin do verán' celta era en xullo, e non en novembro, como evidencia o termo galés gorffennaf ('xullo').[15] Polo tanto, podería tratarse dunha palabra celta insular para 'asemblea', *samani ou *samoni, ou unha palabra para 'verán', saminos (a partir de *samo-: 'verán') xunto con samrad, *samo-roto-.

Efectivamente, Jan de Vries, en 1961, no seu ensaio sobre a relixión dos celtas (Keltische Religion), seguindo a Joseph Vendryès, o autor de La religion des Celtes (1948), conclúe que, aínda que ese termo («sam-fuin») se traduce en Irlanda como fin do verán, en realidade samuhin (samaín) significa «asemblea», «reunión».[4]

Calendario de Coligny

editar
Artigo principal: Calendario celta.
 
Samonios no calendario de Coligny.

O nome galo de mes SAMON[IOS] "(pertencente ó) verán" no calendario de Coligny está estreitamente relacionada co Samaín.[16] É posible que se celebrase un festival durante as 'tres noites de Samonios' (en galo: trinux[tion] samo[nii]). Semella que o calendario galo estaba dividido en dúas metades: a primeira delas comezando no mes SAMON[IOS] e a segunda comezando no mes GIAMONIOS, que está relacionada coa palabra para o inverno, no protoindoeuropeo *g'hei-men- (do latín hiems, letón ziema, lituano žiema, eslavo zima, grego kheimon, hitita gimmanza), cf. irlandés antigo gem-adaig ('noite de inverno'). Samonios pode representar o comezo da estación do verán e Giamonios (o sétimo mes) o comezo da estación do inverno. As lúas novas que marcan a metade de cada semestre tamén pode estar marcando os festivais.[17]

Historia

editar

Na Irlanda celta, Samain ou Samuin era o nome dos festivais (ou feis) que marcaban o comezo do inverno. Está rexistrado na literatura irlandesa antiga, dende o século X. Era un dos catro festivais estacionais celtas: Samaín (~1 de novembro), Imbolc (~1 de febreiro), Beltane (~1 de maio) e Lughnasadh (~1 de agosto). Crese que o Samaín e Beltane, en tempos opostos do ano, eran as máis importantes. James George Frazer escribiu en The Golden Bough: A Study in Magic and Religion que o 1 de maio e o 1 de novembro eran datas de pouca importancia para os agricultores europeos, pero de grande importancia para os pastores. Sinalaban o comezo do verán, cando o gando é levado ós pasteiros de verán nas terras altas, e o comezo do inverno, cando eran traídas de volta. Deste xeito, Frazer suxire que a metade do ano, o 1 de maio e o 1 de novembro, era unha data importante para os celtas por seren un pobo principalmente pastor e dependente dos seus rabaños.[18]

Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer nas datas do Samaín e Imbolc. Entre elas salientan o Mound of the Hostages (Dumha na nGiall) no outeiro de Tara,[19] e Cairn L en Slieve na Calliagh.[20]

Na Irlanda medieval, o festival marcaba o remate da estación de comercio e guerra e era unha época para as xuntanzas tribais. Estas reunións eran un escenario popular dos contos irlandeses antigos.[21]

Na mitoloxía irlandesa

editar
 
O heroe Fionn loitando contra Aillen, de quen se dicía que queimaba o outeiro de Tara cada Samaín.

Orixinalmente, a mitoloxía irlandesa compoñíase de tradición oral, mais co tempo foi recollida por monxes cristiáns durante a Idade Media,[22][23] que cristianizaron as historias até certo punto. Porén, estes relatos poden botar algode luz sobre o significado do Samaín e o seu impacto na antiga Irlanda. Segundo eles, o Samaín era un dos catro festivais estacionais do ano, e o conto do século X Tochmarc Emire ('O cortexo de Emer') sinala o Samaín como o primeiro deses "días sinalados".[21] Os contos din que estaba marcado por grandes reunións nas que se festexaba, bebíase alcohol,[24] e celebrábanse competicións.[21]

De acordo coa mitoloxía irlandesa, o Samaín (ó igual que Beltane) era un tempo no que as 'portas de entrada' ó Outro Mundo abrían, permitindo ós seres sobrenaturais e ás almas dos mortos vir ó noso mundo. Mentres que Beltane era un festival de verán para os vivos, o Samaín "era esencialmente un festival para os mortos".[25] A narrativa medieval Macgnímartha Finn ("Os feitos da infancia de Fionn") di que os sidhe] (outeiros de fadas ou portais ó outro mundo) "sempre estaban abertos no Samaín".[26] Tamén conta que o Gran Rei de Irlanda celebraba unha gran xuntanza no outeiro de Tara cada Samaín. Cada ano, o botalume Aillen emerxía do Outro mundo e queimaba o palacio de Tara despois de adormecer a todos coa súa música. Un Samaín, o mozo Fionn mac Cumhaill foi quen de quedar esperto e mata a Aillen cunha lanza máxica, co cal se converteu no líder dos fianna. En Acallam na Senórach ('Coloquio dos Anciáns') cóntase como tres lobishomes femias emerxían da cova de Cruachan (un portal do Outro mundo) cada Samaín e mataban o gando. Cando Cas Corach tocou a súa arpa, regresaron á súa forma humana e o guerreiro fianna Caílte acabou con elas coa súa lanza.[27]

Algúns relatos tamén suxiren que se facían ofrendas e sacrificios durante o Samaín. No Lebor Gabála Érenn (ou 'Libro das Invasións') cóntase que cada Samaín a xente de Nemed tiña que ofrecer dous terzos dos seus fillos, a súa colleita e o leite ós monstruosos fomorianos. Os fomorianos representaban os poderes destrutivos e perigosos da natureza; personificaións do caos, da escuridade, da morte, das pragas e as secas.[28][29] Este tributo pagado pola xente de Nemed podía representar un "sacrificio ofrecido no comezo do inverno, cando os poderes da escuridade e as pragas están en ascenso".[30] Segundo os posteriores Dindsenchas e Anais dos Catro Mestres — que foron escritos por monxes cristiáns —o Samaín na antiga Irlanda estaba asociado cun deus ou ídolo chamado Crom Cruach. Os textos din que o primeiro fillo debía ser sacrificado na pedra ritual de Crom Cruach, en Magh Slécht. Tamén din que o rei Tigernmas, e tres cuartas partes da súa xente, morreron mentres adoraban a Crom Cruach durante un Samaín.[31]

Os reis lendarios Diarmait mac Cerbaill e Muirchertach mac Ercae morreron de morte tripla no Samaín, o que implica que morreron feridos, queimados e afogados, do cal ámbolos dous estaban previdos. No conto Togail Bruidne Dá Derga ('A destrución da pousada de Dá Derga'), o rei Conaire Mór tamén morre durante o Samaín despois de romper o seu geasa (prohibición ou tabú). El é advertido da súa inminente perdición por tres xinetes non mortos que son mensaxeiros de Donn, deus da morte.[32] Macgnímartha Finn ("Os feitos da infancia de Fionn") conta como cada Samaín os homes de Irlanda ían cortexar unha fermosa doncela que vivía nun outeiro de fadas en Brí Eile (outeiro de Croghan). Conta que cada ano alguén tiña que ser asasinado "para conmemorar a ocasión", por persoas descoñecidas.[33] Algúns académicos suxiren que eses contos fan referencia a sacrificios humanos,[34] e argumentan que varias momias do pantano (como o home de Croghan) puideron ter sido reis que foron ritualmente asasinados,[35] algúns dos cales arredor do período do Samaín.[36]

En Echtra Neraí ('A aventura de Nera'),[37] o rei Ailill de Connacht reta ó seu séquito a unha proba de valentía na noite do Samaín. Ofrece un premio a quen poide achegarse a unha forca e atar unha banda arredor do nocello dun home aforcado. Tódolos homes que o intentan son frustrados polos demos e bolen arrepiados cara a sala do rei. Porén, Nera conseguiuno, e o home morto pídelle unha bebida. Nera lévao de volta canda el e detéñense nas tres casas. Entran na terceira, onde o home morto bebe e cuspe sobre os caseiros, matándoos. De regreso, Nera ve un grupo fantasmal queimando a sala do rei e asasinando toda a xente que alí había. Segue ó seu convidado a través dun portal cara ó Outro mundo. Nera decátase de que o que presenciara era tan só unha visión do que pasaría o seguinte Samaín se non se facía nada. Deste xeito regresa ó salón e advirte ó rei.

O conto Aided Chrimthainn maic Fidaig ('O asasinato de Crimthann mac Fidaig') conta como Mongfind mata ó seu irmán, o rei Crimthann de Munster, para que un dos seus fillos se converta en rei. Mongfind ofrece a Crimthann unha bebida envelenada nunha festa, mais el pídelle a ela que beba primeiro. Sen outra opción que beber o seu propio veleno, morre na véspera do Samaín. O escritor irlandés medio sinala que ó Samaín tamén se lle chamaba Féile Moingfhinne (o festival de Mongfind ou Mongfhionn), e que as "mulleres e a plebe fanlle peticións a ela" no Samaín.[38][39]

 
Oweynagat ('cova dos gatos'), unha das moitas 'portas ó Outro mundo' dende onde xorden os seres e os espíritos no Samaín.

Outros moitos eventos da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. A invasión do Ulster, que conforma a acción princial do Táin Bó Cúailnge ('A incursión do gando de Cooley') comeza no Samaín. Xa que as incursións polo gando eran unha actividade do verán, está invasión fóra de tempada sorprende ós homes do Ulster.[40] A Segunda batalla de Magh Tuireadh tamén comeza no Samaín.[41] Morrigu e Dagda coñécense e teñen sexo antes da batalla contra os fomorianos; neste senso, Morrigu actúa como unha figura de soberanía e outorga a vitoria ó pobo de Dagda, os Tuatha Dé Danann. En Aislinge Óengusa ('O soño de Óengus') é cando el e a súa futura esposa cambian de ave a forma humana, e en Tochmarc Étaíne ('O cortexo de Étaín') é o día no que Óengus reclama o reinado de Brú na Bóinne.[34]

Localizacións

editar

Varias cidades de Irlanda están especialmente vinculadas co Samaín. Cada Samaín un membro dos seres do outro mundo emerxe de Oweynagat ("cova dos gatos"), en Rathcroghan no Condado de Roscommon.[42] Crese que o outeiro de Ward (ou Tlachtga) no Condado de Meath puido ser un sitio importante de reunión do Samaín e de acendido de fogueiras;[24] e o ringfort da Idade de Ferro puido ser o sitio onde a deusa ou druída Tlachtga deu a luz a trillizos e logo morreu.

En The Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain (1996), Ronald Hutton escribe: "Sen dúbida tamén houbo prácticas relixiosas [pagás], pero ningún dos contos conservados as describen". A única referencia histórica a ritos relixiosos pagáns está na obra de Geoffrey Keating (finado 1644), mais a súa fonte é descoñecida. Hutton di que é posible que non se mencionen ritos relixiosos porque, séculos despois da cristianización, os escritores non tiñan rexistro deles.[21] Hutton suxire que o Samaín puido non ter estado particularmente asociado co sobrenatural. Tamén di que as reunións da realeza e dos guerreiros no Samaín puido ser simplemente un escenario ideal para os contos, do mesmo xeito que os relatos artúricos teñen como escenarios reunións no Nadal ou Pentecostés.[43]

O Samaín en Galicia

editar
 
Concurso de calacús nun bar en Vilaboa.

O Samaín en Galicia, é unha celebración estreitamente relacionada co Día dos Fieis Defuntos e co Magosto, o herdeiro directo en Galicia destas festividades da cultura atlántica anterior á romanización.[44] Está baseada na tradición de tallar cabazas o día de Defuntos, que eran deixadas nos camiños para asustar ós viandantes.[45] Tradicionalmente, tamén era habitual que a mesa non se recollese despois de cear, por se as ánimas dos defuntos acodían de visita durante a noite. Ademais, deixábase o lume aceso para que non pasasen frío.[46] É unha festa asociada ó ciclo anual do sol que forma parte do Patrimonio Inmaterial de Galicia e o Norte de Portugal,[47] e formou parte da candidatura á declaración da UNESCO do patrimonio inmaterial galego-portugués na candidatura multinacional "As tradicións orais galego-portuguesas".

Algunhas destas tradicións foron perseguidas e prohibidas pola Igrexa, como se pode constatar nas Constitucións Sinodais de 1541 do bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara:[48]

Nos constó por la visita que el Día de Todos los Santos y al dia siguiente de difuntos andan todos los mozos de la feligresía a pedir por las puertas y les dan pan y carne y vino y freixós y pixóns y otras cosas, y que piden así los hijos de los ricos que los pobres; y por ser más este rito gentil que cristiano, ordenamos y mandamos que, de aquí en adelante, ningún mozo vaya aquellos dos días de puerta en puerta a pedir sino que el beneficiado el rector, el primiclero y otro que nombrare la feligresía pidan aquel pan y todo lo demás que les dieren lo repartan en la iglesia el dia de los finados entre los pobres y necesitados, so pena que el padre o la madre que enviaran a su hijo a pedir aquellos dias pague mil maravedís.

A súa recuperación e promoción comezou na década de 1990, en Cedeira, estendéndose por Galicia[49] con actividades que involucran as escolas e asociacións culturais.[50] Porén, hai lugares como A Illa de Arousa con tradicións vinculadas a esta celebración que nunca se perderon. Os nenos arousáns van cada 2 de novembro a pedir as portas dos veciños, tendas, panaderías, etc. repetindo a frase "Unha esmoliña polos defuntiños que (xa) van alá", enchendo as bolsas de lambetadas, castañas, mandarinas e uns cornechos de pan feitos expresamente para este día.

Diversas localidades comezaron a recuperar as celebracións apoiadas pola recolleita de testemuños e documentos sobre as antigas tradicións locais asociadas ó Magosto.[51] Hoxe en día é común atopala referenciada en diversas expresións culturais e festivas relacionadas con esa data. Existe un texto teatral, Indo para o Samaín, de Carlos Labraña e Sabela Labraña, e un álbum ilustrado, O noso Samaín de Loreta Birott Bermejo publicado por Editorial Galaxia no ano 2016,[52] con obxectivos divulgativos entre os nenos. Ademais, existen outras publicacións dirixidas ós nenos protagonizadas por personaxes como Os Bolechas[53] ou Os Barbanzóns.[54] Asemade, a presenza do termo en Internet aumentou de maneira constante dende o comezo da década de 2010.[55]

Recuperación

editar
 
Calacú no Samaín en Galicia.

Rafael López Loureiro, mestre da escola de Cedeira, é o principal impulsor do Samaín. Promoveu esta festividade dende a asociación "Chirlateira",[56] e despois dende "Amigos do Samaín", durante a década de 1990. Ademais, López Loureiro realizou un estudo no que recolle testemuñas e referencias documentais desta tradición e creou unha unidade didáctica que utilizou nos colexios de Cedeira e, pouco despois, de Santiago. Segundo el, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea, e en Galicia, "atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes".[57] Chegou a detectar peculiaridades como a de Quiroga (Lugo), onde a cabaza tallada sécase e é empregada como máscara no Entroido.

Nalgunhas localidades galegas empregábanse nabos no canto de cabazas, segundo o refrán que di:

  • Polo tempo de tódolos Santos (1° de novembro) mira os nabos; se fosen bos, di que son malos.

O escritor Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defendeu a persistencia do Samaín en Galicia.[58]

Controversia

editar

O escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín defende que se trata dunha falsa tradición, inexistente en Galicia ata esta recuperación, un "costume imposto polo imperialismo norteamericano", que se quere presentar como tradición céltica galega como froito dunha corrente ideolóxica celtista.[59]

O termo Samaín non foi recollido por ningún lexicógrafo nin dicionario de referencia. Porén, as celebracións pagás que designa, relacionadas co equinoccio de outono, foron recollidas por diferentes etnógrafos, como Risco, González Reboredo ou Mariño Ferro co seu nome cristián ou tradicional. López Loureiro, porén, afirma:

"Non me chama tanto a atención o feito de que hoxe os nenos xa estean a celebrar o Samaín en todo o país, como que se recupere, incluso, ata o nome, do que xa só había referencias escritas en textos moi contados, como aquel no que don Ramón Otero Pedrayo falaba das fadas e dos defuntos que no tempo do Samaín, en Irlanda, bebían nas fontes do esquecemento"[51]
  1. Portal das Palabras (ed.). "Samaín no Portal das Palabras". Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  2. "How Halloween Traditions Are Rooted in the Ancient Pagan Festival of Samhain". Time (en inglés). Consultado o 4 de decembro de 2019. 
  3. Ó hÓgáin, Dáithí. Myth Legend and Romance: An Encyclopaedia of the Irish Folk Tradition. Prentice Hall Press, 1991. p. 402
  4. 4,0 4,1 4,2 de Vries, Jan (1977 (1961)). La religion des Celtes. París: Payot. p. 233. 
  5. Osil.info, ed. (30 de outubro de 2018). "A tradición do Samaín en Galicia, contada por Rafael López Loureiro na Biblioteca do Barco". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  6. A Revista da TVG, ed. (28 de outubro de 2016). "Rafael López Loureiro, impulsor do Samaín". Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2018. Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  7. O'Driscoll, Robert (ed.) (1981) The Celtic Consciousness New York, Braziller ISBN 0-8076-1136-0 pp.197–216: Ross, Anne "Material Culture, Myth and Folk Memory"; pp.217–242: Danaher, Kevin "Irish Folk Tradition and the Celtic Calendar"
  8. Hutton, Ronald (1996) Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press ISBN 0-19-288045-4, p. 363.
  9. Simpson, John; Weiner, Edmund (1989). Oxford English Dictionary (segunda ed.). Londres: Oxford University Press. ISBN 0-19-861186-2. OCLC 17648714. 
  10. Hutton, Ronald. The Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford University Press, 1996. pp.365–369
  11. Hutton, Ronald (1993). The Pagan Religions of the Ancient British Isles: Their Nature and Legacy. Oxford, Blackwell. pp. 327–341. ISBN 0-631-18946-7. 
  12. Pokorny, Julius. IEW (1959), s.v. "sem-3", p. 905.
  13. Rogers, Nicholas (2002). "Samhain and the Celtic Origins of Halloween". Halloween: From Pagan Ritual to Party Night, pp.11–21. New York: Oxford University Press. ISBN 0-19-516896-8.
  14. Stokes (1907). "Irish etyma". Zeitschrift für vergleichende Sprachforschung 40: 245. 
  15. Vendryes, Lexique Étymologique de l'Irlandais Ancien (1959).
  16. Stüber, Karin, The historical morphology of n-stems in Celtic, National University of Ireland, Maynooth, 1998, p. 111.
  17. Burkard Steinrücken, Lunisolarkalender und Kalenderzahlen am Beispiel des Kalenders von Coligny (2012), pp. 7, 19.
  18. Frazer, Sir James George. The Golden Bough: A Study in Magic and Religion. Forgotten Books, 2008. p.644
  19. Anthony Murphy & Richard Moore. Island of the Setting Sun: In Search of Ireland's Ancient Astronomers. Liffey Press, 2006. p. 81
  20. Brennan, Martin. The Stones of Time: Calendars, Sundials, and Stone Chambers of Ancient Ireland. Inner Traditions, 1994. pp. 110–111
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Hutton, Ronald (1996) Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press ISBN 0-19-288045-4, p. 361.
  22. Harpur, James (15 de abril de 2016). Celtic Myth: A Treasury of Legends, Art, and History (en inglés). Routledge. ISBN 9781317475286. 
  23. Leeming, David (8 de maio de 2003). From Olympus to Camelot: The World of European Mythology (en inglés). OUP USA. ISBN 9780195143614. 
  24. 24,0 24,1 Monaghan, p. 407
  25. Monaghan, Patricia. The Encyclopedia of Celtic Mythology and Folklore. Infobase Publishing, 2004. p. 41
  26. Koch, John T. Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. 2006. p. 388
  27. Tales of the Elders of Ireland: A new translation of Acallam na Senórach by Ann Dooley and Harry Roe. Oxford University Press, 1999. p. 212
  28. MacCulloch, John Arnott. The Religion of the Ancient Celts. The Floating Press, 2009. pp. 80, 89, 91
  29. Smyth, Daragh. A Guide to Irish Mythology. Irish Academic Press, 1996. p. 74
  30. MacCulloch (2009), p. 80
  31. Annals of the Four Masters: Part 6 en Corpus of Electronic Texts.
  32. Ó hÓgáin, Dáithí. Myth, Legend & Romance: An encyclopaedia of the Irish folk tradition. Prentice Hall Press, 1991. pp. 165–166
  33. Cross, Tom P., & Clark Harris Slover, ed. & trans (1936). The Boyhood Deeds of Fionn – Ancient Irish Tales. Nova York: Henry Holt. pp. 360–369. 
  34. 34,0 34,1 Koch, John T. The Celts: History, Life, and Culture. 2012. p. 690
  35. Kelly, Eamonn. "An Archaeological Interpretation of Irish Iron Age Bog Bodies". The Archaeology of Violence, editado por Sarah Ralph. SUNY Press, 2013. pp. 232–240
  36. "The Dark Secrets of the Bog Bodies". Minerva: The International Review of Ancient Art & Archaeology, marzo/abril de 2015. pp. 34–37
  37. Monaghan, p. 107
  38. Stokes, Whitley (1903). "Revue Celtique". Revue Celtique 24: 179. 
  39. Byrne, Francis John. Irish King and High Kings. Four Courts Press, 2001. p. 75
  40. Monaghan, p. 438
  41. Monaghan, p. 345
  42. O'Halpin, Andy. Ireland: An Oxford Archaeological Guide. Oxford University Press, 2006. p. 236
  43. Hutton, Ronald (1996) Stations of the Sun: A History of the Ritual Year in Britain. Oxford, Oxford University Press ISBN 0-19-288045-4, p. 362.
  44. "O Magosto". centros.edu.xunta.es. Consultado o 2017-10-24. 
  45. As tradición de tallar cabazas por Defuntos revive en Galicia da man de diferentes asociacións
  46. La Voz de Galicia, ed. (6 de agosto de 2018). "Doce cosas que debes saber sobre el Samaín". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  47. "As escolas galegas e portuguesas comprométense na recuperación do Patrimonio Tradicional. Apeneira pg 13" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de febreiro de 2009. Consultado o 20 de febreiro de 2009. 
  48. Pena Graña, André (2004). "Halloween, Samaín, víspera de todos los santos". Treba y Territorium. Génesis y desarrollo del mobiliario e inmobiliario arqueológico institucional de la Gallaecia (PDF) (Tese) (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela. p. 172. Consultado o 27.12.2018. 
  49. La Voz de Galicia, ed. (26 de outubro de 2018). "López Loureiro: «O Samaín perverteuse nun 'Hallomaín'»". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  50. Osil.info, ed. (30 de outubro de 2018). "Samaín entre cabazas na Biblioteca de Verín". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  51. 51,0 51,1 Samaín: a festa das caliveras. Ficha do libro en culturagalega.org.
  52. Editorial Galaxia (ed.). "O noso Samaín por Editorial Galaxia". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  53. "Os Bolechas: O Samaín" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de novembro de 2020. Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  54. Cultura Galega (ed.). "Os Barbanzóns: A Noite de Samaín". Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  55. "Google Trends". Google Trends. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2017. Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  56. "Samaín, la fiesta que se recuperó en Cedeira y se extendió por toda Galicia". La Voz de Galicia. 26 de outubro de 2018. Consultado o 31 de outubro de 2018. 
  57. "Samaín" Arquivado 31 de outubro de 2014 en Wayback Machine., artigo de Rafael López Loureiro en Vieiros da Escola, novembro de 2006.
  58. Pérez Labaca, Xoán Xosé (2008). Anacos de cousas celtas. Ponteareas: Alén Miño. 
  59. X.L. Méndez Ferrín: "Tempo de Santos" Arquivado 02 de novembro de 2011 en Wayback Machine., artigo en Faro de Vigo, 2 de novembro de 2007.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
INTERN 2
todo 12