Saturnais

(Redirección desde «Saturnalia»)

As Saturnais eran unha importante festividade romana, e que tamén se chegou a denominar "festa dos escravos", xa que nas mesmas, os escravos recibían racións extras, tempo libre e outras prebendas. Se se permite a comparación, os Saturnais viñan sendo como un Nadal e Carnaval a un mesmo tempo e o cristianismo da antigüidade tardía tivo fortes problemas para acabar con esta festa pagá, intentando substituíla.

As saturnais celebrábanse por dous motivos que agora mencionamos:

As primeiras celebrábanse do 17 ao 23 de decembro en honor a Saturno, Deus da agricultura, á luz de candeas e fachos, celebrábase o fin do período máis escuro do ano e o nacemento do novo período de luz, ou nacemento do Sol Invictus, coincidindo coa entrada do Sol co signo de Capricornio (solsticio de Inverno). Probablemente as saturnais fosen a festa da finalización dos traballos do campo, celebrada trala conclusión da sementeira de inverno, cando o ritmo das estacións lles deixaban a toda a familia campesiña, incluídos os escravos domésticos, tempo para descansar do esforzo cotián.

A duración constaba de sete días de buliciosas diversións, banquetes e intercambio de agasallos. As festas comezaban cun sacrificio no templo de Saturno (en principio o deus máis importante para os romanos ata Xúpiter), ao pé do outeiro do Capitolio, a zona máis sagrada de Roma, seguido dun banquete público ao que estaba invitado todo o mundo. Os romanos asociaban Saturno co deus prehelénico Cronos, que estivo en activo durante a idade de ouro da terra. Durante as festas saturnais, os escravos eran frecuentemente liberados das súas obrigacións e os seus papeis cambiados cos dos seus donos.

Posteriormente, o nacemento do Sol e o seu novo período de luz foron substituídos polo nacemento do verdadeiro señor para a Igrexa: Xesús de Nazaret. E gradualmente os costumes pagáns pasaron ao Día de Ano Novo, sendo asimilados finalmente pola festa cristiá que hoxe en día se coñece universalmente como O Día do Nadal.

Oficialmente celebrábanse o día da consagración do templo de Saturno no Foro romano, o 17 de decembro, con sacrificios e un banquete público festivo. Pero esta festa era tan apreciada polo pobo, que de forma non oficial festexábase ao longo de sete días, do 17 ao 23 de decembro. As autoridades estatais víronse obrigadas ata a atender ao costume popular. A finais do século 1 d.C, as vacacións xudiciais prolongáronse definitivamente a cinco días.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
todo 2