Shabat (en hebreo: שַׁבָּת; Šabbāṯ, que quere dicir "descanso"), é o sétimo día da semana xudía, e debe ser celebrado, segundo as prescricións da Torá, en primeiro lugar mediante a abstención de calquera clase de traballo. O Shabat comeza o venres co solpor e remata despois do anoitecer o sábado. O Shabat é no ethos xudeu un sinal da relación entre Deus e o pobo xudeu. A celebración do Shabat está prescrita entre os Dez Mandamentos recibidos por Moisés.


Nos Dez Mandamentos di: Éxodo 20:8:

Pensa no día do sábado para o faceres día santo. Traballarás seis días na semana, e neles fara-la túa tarefa. Pero o día sétimo é sábado, adicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo

[1]

Na versión dos Dez Mandamentos de Deuteronomio 5:12-15 a palabra zakhor (pensa, lembra) substitúese por shamor (reserva, observa). De aquí apréndense os dous principais elementos da observancia do Shabat: recordalo e honralo por medio de rituais e cousas pracenteiras, e coidalo por medio da abstención dos traballos prohibidos nel.

Actividades prohibidas

editar

O Talmud, no tratado Shabat, capítulo 7, mishná 2, trae unha lista das 39 categorías de actividades prohibidas en Shabat. Estas derívanse dos diferentes tipos de traballo que eran necesarios para construír o Tabernáculo, e que se coñecen en conxunto como avot melakha. Estas son:

  • Sementar.
  • Arar.
  • Apañar.
  • Reunir a colleita.
  • Mallar.
  • Debullar.
  • Seleccionar.
  • Moer.
  • Peneirar.
  • Amasar.
  • Enfornar.
  • Rapar la.
  • Lavar la.
  • Bater la.
  • Pintar la.
  • Fiar la.
  • Tecer.
  • Facer dous lazos.
  • Unir dous fíos.
  • Separar dous fíos.
  • Amarrar.
  • Desamarrar.
  • Coser.
  • Romper.
  • Atrapar un animal.
  • Matar un animal.
  • Esfolar un animal.
  • Curtir peles.
  • Raspar peles.
  • Marcar peles.
  • Moldear peles.
  • Escribir dúas ou máis letras.
  • Borrar dúas ou máis letras.
  • Construír.
  • Demoler.
  • Apagar lume.
  • Prender lume.
  • Tocar un instrumento musical.
  • Rematar a preparación dun utensilio novo.
  • Transportar un obxecto de áreas públicas a áreas privadas e viceversa ou cargar catro cóbadoss ou máis nunha área pública.

Destas categorías principais (Avot) derívanse outras actividades similares (toldot), por exemplo dentro da categoría de "enfornar" derívanse prohibicións de cociñar, fritir etc. Á parte das actividades prohibidas pola Torá, existen algunhas prohibicións de orixe rabínico, como utilizar ou mover un obxecto que se usa para traballos prohibidos, ao que se lle chama muktze; e pedir a unha persoa non xudía que faga un traballo prohibido dentro de certas circunstancias.

Honrar o Shabat

editar

Hai varias formas nas cales se honra o Shabat. Unha delas é consagralo ao seu principio e o seu final. Estas cerimonias son o Kidush da noite do venres e a Havdalá da noite do sábado.

O Kidush lévase a cabo recitando un texto bíblico e unha bendición sobre unha copa de viño, seguido da bendición do pan. Esta práctica esténdese tamén á mañá do sábado.

A Havdalá recítase despois de rematar o Shabat o sábado pola noite. Tamén se recita sobre viño, e bendinse especias (comunmente canela ou cravo) así como unha candea. Unha vez rematada a havdalá non se procede coa bendición do pan, pois non necesita dicirse ao principio dunha comida.

Outro mandamento, de carácter rabínico, para honrar a festividade é o aceso das candeas antes de iniciar o Shabat, o venres pola tarde. Este mandamento foi feito preferentemente para a muller, aínda que en caso de non haber ningunha muller na casa pode ser levado a cabo por un home. Abonda con prender un mínimo de dúas candeas as, aínda que se chegan a prender máis segundo diferentes costumes.

Outras formas nas que se honra o Shabat é comendo e vestindo dun xeito agradable. adóitase comer peixe así como carne nas comidas de Shabat, e comida quente (que se deixou quentando dende antes de Shabat, segundo as leis apropiadas). Acostúmase a comer tres comidas en Shabat (a diferenza do costume de comer dúas comidas ao día na antigüidade). Para cumprir con este precepto faise un xantar lixeiro chamado seuda shelishit(terceira comida) en hebreo ou ben shalosh seudos en yiddish. Nas comidas de Shabat adóitase a cantar cancións tradicionais chamadas zemirot, así como melodías xasídicas.

Ese día debe vestirse roupa limpa, e antigamente adoitábase a empregar pezas brancas, aínda que hoxe en día isto é infrecuente. Os xasidís homes visten de xeito especial, cun sombreiro de pel chamado shtraimel e un saco longo de seda chamado bekishe. Nalgunhas outras comunidades úsase vestimenta formal.

En teoría, o xudaísmo conservador difire moi pouco do ortodoxo no que refire á observancia do Shabat. Por moitos anos, o movemento conservador permitiu, a diferenza da ortodoxia, viaxar en automóbil para se trasladaren á sinagoga cando a distancia sexa demasiado grande coma para ir andando, aínda que esta postura xa foi retractada. O xudaísmo conservador, a diferenza dos ortodoxos, permite o uso de luz eléctrica argumentado que non involucra lume, o que si ten certo precedente na Xalaxá (Halajá, no termo habitual). Á súa vez, o movemento reformista recoñece a observancia do Shabat do ortodoxo, só que opina que cada individuo pode dicir se seguilos ou non.

Importancia do Shabat

editar

A práctica do Shabat é unha dos máis representativos costumes xudías. O Shabat, lonxe de ser só un día dedicado ao rezo, é un día de descanso e, potencialmente, de enriquecemento espiritual. O famoso escritor polaco Ajad Ha 'am dixo:

Máis que gardar Israel o Shabat, o Shabat gardou a Israel.

Co correr do tempo, a práctica e conservación do Shabat fíxose o símbolo para o coidado dos preceptos do xudaísmo. Durante a longa historia do pobo xudeu, os xudeus resaltaron o coidado do Shabat. Aínda así o Shabat pódese violar para salvar a vida, polo que algunhas accións normalmente prohibidas permítense ao persoal médico, servizos de seguridade e en ocasión dunha emerxencia.

O Shabat no mundo non xudeu

editar

Tomando como base o xudaísmo, aceptouse a idea dun día de descanso semanal e observancia relixiosa nas outras relixións monoteístas, aínda que sexa o domingo no caso de Cristianismo ou o venres no caso do islam. Aínda que manteñen certa similitude o Sabbath cristián e o Shabat xudeu non é correcto pensar que son o mesmo. En galego, Shabat pode entenderse como o día sábado, pero só con fins de tradución literal, non no contexto relixioso. Non obstante, para os Adventistas do Sétimo Día o sábado non deixou de ser o "Día de Repouso"

  1. A Biblia. SEPT: Vigo, 1992

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  • Ner Tamid (Comunidade que celebra o Shabat en Galicia)

Ligazóns externas

editar
  NODES
Done 1
eth 1
orte 1