O sikhismo[1] (en punjabi: ਸਿੱਖੀ sikkhī, do sánscrito: 'śiṣya' 'aprendiz', ou śikṣa 'instrución'[2][3]), tamén coñecido tradicionalmente como gurmat (literalmente, 'o consello dos gurús) ou dharma sikh (doutrina dos sikhs), é unha relixión monoteísta que se desenvolveu durante o século XV na rexión de Punjab[4][5], no contexto do conflito entre o hinduísmo e o islam. Os seguidores do sikhismo chámanse sikhs.

Símbolo do sikhismo.
Home sikh diante do Templo Dourado.

O termo sikh significa en punjabi discípulo forte e tenaz. A doutrina básica do sikhismo consiste na crenza dun único deus e as ensinanzas do gurú Nanak e dos Dez Gurús do sikhismo, recollidas no libro sagrado dos sikhs, o Guru Granth Sahib. Dun monoteísmo estrito, estas ensinanzas son unha síntese do movemento bhakti hinduísta e do sufismo islámico que nega a autoridade dos vedas, abole o sacrificio, o sacerdocio e o sistema de castas. Coas ensinanzas do último gurú Gobind Singh (1666-1708), o seu carácter pacifista transformouse nun espírito militar, rexeitando a doutrina non violenta do ahimsa. Os templos sikhs reciben o nome de gurdwaras e o máis importante é o Templo Dourado da cidade de Amritsar.

Os sikhs cren nun deus chamado Ek Onkar[6], omnipresente e con cualidades infinitas e, en certo xeito, son panteístas[7]. Tamén cren na reencarnación, mais aceptan outras crenzas para despois da morte. Practican as virtudes da caridade, amabilidade e humildade contra os vicios da ira, gula e luxuria. Manteñen que hai igualdade entre todas as persoas (son contrarios ao sistema de castas da India) e procuran un estilo de vida chamado Chardi Kala, que se considera positivo e optimista[8].

É a quinta relixión máis importante do mundo por número de fieis, cun número estimado de 25 millóns de crentes en todo o mundo. A maior parte deles (o 75%) viven na rexión india de Punjab, onde representan o 60% da poboación, mais tamén hai comunidades sikhs importantes nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Canadá, en Malaisia e en Singapur[9][10].

Os 10 gurús

editar
 
Unha pintura Tanjore do século XIX amosando os dez gurús sikh con Bhai Bala e Bhai Mardana.
# Nome Data de nacemento Inicio como gurú Data da ascensión

Idade

1 Nanak Dev 15 de abril de 1469 20 de agosto de 1507 22 de setembro de 1539 69
2 Angad Dev 31 de marzo de 1504 7 de setembro de 1539 29 de marzo de 1552 48
3 Amar Das 5 de maio de 1479 26 de marzo de 1552 1 de setembro de 1574 95
4 Ram Das 24 de setembro de 1534 1 de setembro de 1574 1 de setembro de 1581 46
5 Arjan Dev 15 de abril de 1563 1 de setembro de 1581 30 de maio de 1606 43
6 Har Gobind 19 de xuño de 1595 25 de maio de 1606 28 de febreiro de 1644 48
7 Har Rai 16 de xaneiro de 1630 3 de marzo de 1644 6 de outubro de 1661 31
8 Har Krishan 7 de xullo de 1656 6 de outubro de 1661 30 de marzo de 1664 7
9 Tegh Bahadur 1 de abril de 1621 20 de marzo de 1665 11 de novembro de 1675 54
10 Gobind Singh 22 de decembro de 1666 11 de novembro de 1675 7 de outubro de 1708 41
11 Gurú Granth Sahib n/a 7 de outubro de 1708 n/a n/a

As ensinanzas dos Dez Gurús sikhs (así como doutros sabios hindús e musulmáns) están contidas no Gurú-grant-sahib.

Crenzas e ritos

editar

Os sikhs cren nun deus panteísta, ou máis exactamente panenteísta. A primeira frase de todas as escrituras sikhs son dúas palabras, que reflicten a base das ensinanzas: «Ik Onkar» ("[hai] un só deus"), en punjabí, aínda que ten a súa orixe no vocábulo sánscrito «eka omkara» ("un só son om"), sendo

  • eka: "un" (número);
  • om, un mantra que representa o Brahman (o deun non-persoa do hinduísmo); e
  • kara: ‘letra’.

(onkar): representa a Deus ou o poder trascendental. Trátase da letra ura (a primeira letra do alfabeto gurmují), mais cunha cola estendida. Pronúnciase |onkar| e representa todo o poder do universo, controlado por deus.

Segundo Bhai Gurdas, «ao escribir “un” (ik, ੧) ao principio, demostrouse que deus (quien subsume todas as formas nel), é un». Nisto diferénciase da Santísima Trindade (un só deus en tres persoas divinas, do cristianismo) ou do Trimurti (os tres deuses principais do hinduísmo).

Os cinco K ou artigos de fe

editar
 
Un kirpan.
  • Kesh: cabelos longos sen cortar.
  • Khanga: un pequeno peite de madeira para recoller o cabelo.
  • Kara: un brazalete metálico.
  • Kachera: roupa interior de algodón.
  • Kirpan: nas súas orixes era unha espada cerimonial, mais hoxe en día non é máis que unha daga pequena. Simboliza o poder e a liberdade do espírito, o autorespecto, a loita constante do ben e a moralidade sobre a inxustiza. O kirpan nunca se pode desenvaiñar para atacar, mais pode ser usado para autodefensa ou protexer a outro.

Khanda, o emblema sikh

editar
 
O Khanda.

Este símbolo está formado por tres armas, o khanda, situado entre dúas espadas curvas chamadas kirpans e un chakkar, arma con forma de disco. Cada arma ten un significado simbólico diferente:

  • Khanda: espada recta que simboliza o coñecemento de Deus.
  • Kirpans: espadas curvas que representan a soberanía política e espiritual.
  • Chakkar: arma en forma de disco que simboliza a unidade de Deus.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sikhismo.
  2. Singh, Khuswant (2006). Oxford University Press, ed. The Illustrated History of the Sikhs. Nova Delhi. p. 15. ISBN 0-19-567747-1. 
  3. Nabha, Kahan Singh. Gur Shabad Ratnakar Mahan Kosh/ਗੁਰ ਸ਼ਬਦ ਰਤਨਾਕਰ ਮਹਾਨ ਕੋਸ਼. p. 720. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2009. Consultado o 25 de marzo de 2016. 
  4. Cole, W.Owen e Sambhi, Piara Singh (1993). Palgrave Macmillan, ed. Sikhism and Christianity: A Comparative Study (Themes in Comparative Religion). Wallingford, Reino Unido. p. 117. ISBN 0333541073. 
  5. Partridge, Christopher (2013). Fortress Press, ed. Introduction to World Religions. p. 429. ISBN 978-0-8006-9970-3. 
  6. Singh, Ishar (1985). Atlantic Publishers & Distri, ed. The Philosophy of Guru Nanak. p. 129. 
  7. Gier, Nicholas F. (2014). Lexington Books, ed. The Origins of Religious Violence: An Asian Perspective. p. 212. ISBN 073919223X. 
  8. Sachs Norris, Rebecca (2012). BRILL, ed. Religion and the Body: Modern Science and the Construction of Religious Meaning. p. 240. ISBN 978-90-04-22111-6. 
  9. Adherents.com. "Religions by adherents". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 25 de marzo de 2016. 
  10. McDowell, Michael e Brown Nathan Robert (2009). Alpha Books, ed. World Religions at Your Fingertips. p. 232. ISBN 978-1-59257-846-7. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Note 2
todo 3