Sociedade

agrupación de persoas relacionadas entre si por relacións persistentes

A sociedade é o conxunto de individuos que comparten fins, condutas e cultura, e que se relacionan interactuando entre si, cooperativamente, para constituír un grupo ou unha comunidade. Existen sociedades animais como as sociedades de formigas ou as de primates cuxo estudo realízao a sociobioloxía ou a etoloxía social. As sociedades de humanos son estudadas polas chamadas disciplinas sociais, principalmente a socioloxía e outras como a antropoloxía e a economía. Modernamente, existe un interese da física, desde a perspectiva de sistemas complexos, polo estudo de fenómenos sociais; este esforzo deu lugar a disciplinas como a sociofísica e a econofísica. Nun sentido aínda máis amplo, fálase de sociedade virtual referida ós fenómenos que se xeran e observan en grupos baixo interacción no ciberespazo, sociedades artificiais como a de ordenadores interconectados ou sociedades de robots, de autómatas, de criaturas dixitais etcétera.

Colmea de abellas.

Etimoloxía

editar

O vocábulo "sociedade" procede da palabra latina societas, que á súa vez deriva do substantivo socius ("camarada, amigo, aliado"), empregado para describir unha ligazón ou interacción entre partes que son amistosas ou polo menos civilizadas.

Sociedades animais

editar

Ao estudar as sociedades de animais, a etoloxía preocúpase da conduta, do instinto e das relacións co medio, así como o descubrimento das pautas que guían a actividade innata ou aprendida das diferentes especies de animais sociais.

Entre os tipos de sociedades animais o nivel máis alto de organización social é o de eusocialidade, presente nalgúns grupos de insectos, como as formigas, os térmites e algunhas especies de abellas, así como en vertebrados como o Heterocephalus glaber.

O vocábulo sociedade emprégase indistintamente para referirse a comunidades de animais e de seres humanos. A diferenza esencial existente entre as sociedades animais e as humanas é, alén da súa complexidade, a presenza da cultura como trazo distintivo da sociedade humana. Non obstante, o estudo do comportamento de certas comunidades de chimpancés permitiu identificar a transmisión e mesmo a innovación de trazos que foron definidos como culturais.[1]

Sociedades humanas

editar

En sociedades humanas, enténdese por sociedade tamén a entidade de poboación ou hábitat, que considera os habitantes e a súa contorna, todo iso interrelacionado cun proxecto común, que lles dá unha identidade de pertenza. Así mesmo, o termo connota un grupo con lazos económicos, ideolóxicos e políticos e supera ao concepto de nación-estado (sería a sociedade occidental como unha sociedade de nacións etc).

Estas agrupacións distintas non poden ser concepcións abstractas, deben ter unha representación nun medio, en xeral o territorio, e un alto grao de acción social conxunta. Noutro caso non poden ser obxecto dunha metodoloxía con métodos sociolóxicos para a súa análise, e serían parte do coñecemento filosófico, teolóxico e outros saberes non empíricos.

Ademais dos habitantes, a contorna e o proxecto societario, poden incorporarse outras categorías á definición de sociedade segundo a especialidade do proxecto ou do seu grao de desenvolvemento; isto será a tecnoloxía acadada nos medios de produción, desde unha sociedade primitiva con simple tecnoloxía especializada de cazadores (moi poucos artefactos) ata unha sociedade moderna con complexa tecnoloxía (moitos artefactos) practicamente en todas as especialidades. Estes estados de civilización incluirán o estilo de vida e o seu nivel de calidade que, así mesmo, será sinxelo e de baixa calidade comparativa na sociedade primitiva e complexo ou sofisticado con calidade comparativamente alta na sociedade industrial. A calidade de vida comparativamente alta é controversial pois ten aspectos subxectivos nos termos de como é percibida polos suxeitos.

A estrutura da sociedade cambia coa historia. Hai catro fases evolutivas: sociedades de cazadores-recolectores, onde se comparten tarefas específicas pero os roles poden cambiar rapidamente; sociedades tribais, onde o concepto de rango e posición aparece a partir da división do traballo; as estratificadas e a civilización, que require un goberno complexo e abrangue un maior número de poboación.

Evolución das sociedades

editar

Durkheim postula un evolucionismo unilineal: todas as sociedades humanas desenvólvense polas mesmas etapas que van cara a unha complexificación crecente e unha racionalidade crecente. Todas as sociedades teñen o que se chama idéntica forma de fonte. Daquela as estruturas de parentesco, as relacións de traballo complicaríanse; a racionalización aumentaría e a razón gobernaría cada vez máis campos sociais.

Por outra banda o sociólogo Gerhard Lenski diferencia a organización das sociedades en función do seu nivel de tecnoloxía, a comunicación e a economía:

  1. Caza e recolección.
  2. Agricultura sinxela.
  3. Agricultura avanzada.
  4. Industrial.
  5. Especial (por exemplo, as sociedades de pesca ou marítimas).[2]

Este sistema é similar a un anterior desenvolvido polo antropólogos Morton H. Fried, teórico do conflito, e Elman Service, teórico da integración, que estableceron un sistema de clasificación para as sociedades en todas as culturas humanas, baseado na evolución da desigualdade social e o papel do estado. Este sistema de clasificación inclúe catro categorías:

Adicionalmente:

  • A humanidade, sobre a que descansan todos os elementos da sociedade, incluíndo as súas crenzas.
  • A sociedade virtual, baseada na súa identidade en liña.

Co tempo, algunhas culturas evolucionaron cara a formas máis complexas de organización e control. Esta evolución cultural ten un profundo efecto nos padróns da comunidade. As tribos de cazadores-recolectores asentados arredor das reservas de alimentos de cada tempada chegaron a establecer aldeas agrarias. Máis tarde, as aldeas creceron ata converterse en vilas e cidades. As cidade convertéronse en cidades-estado e en estados-nación.[3]

Sociedades no ámbito xurídico e económico

editar

No ámbito xurídico e económico unha sociedade é aquela pola cal dúas ou máis persoas obríganse a poñer en común diñeiro, bens ou industria co ánimo de repartir entre si as ganancias. Neste caso denomínase sociedade ou asociación á agrupación de persoas para a realización de actividades privadas, xeralmente comerciais. Ós seus membros denomínaselles socios.

O concepto amplo de sociedade

editar

O concepto amplo de sociedade, en contraposición ó concepto tradicional, entende que esa posta en común de bens, esa estrutura creada entre dúas ou máis persoas, pode non estar destinada esencialmente a obter un lucro, non sendo este ánimo un elemento esencial do referido contrato, por canto existen sociedades que poden responder a un interese particular distinto ó dos seus socios.

A persoa xurídica é a organización de persoas (xurídicas ou naturais) con fins lucrativos ou non lucrativos e que cumpren certos requisitos ou formalidades para a súa inscrición. Tamén soportan as perdas, en igual proporción ás ganancias.

  1. Eva Mosquera, «La 'cultura' de los chimpancés.», El Mundo, 30 de setembro de 2014.
  2. Lenski, Gerhard, 1974. Human Societies: An Introduction to Macrosociology.
  3. Effland, R. 1998. The Cultural Evolution of Civilizations. Arquivado 15 de maio de 2016 en Arquivo.pt.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
dada 2
dada 2
Done 1
eth 1
Todos 2