Soledad Cazorla
Soledad Cazorla Prieto, nada en Larache (Marrocos) o 19 de febreiro de 1955 e finada en Madrid o 4 de maio de 2015, foi unha xurista española, primeira fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller. Foi a responsable da posta en marcha e de dirixir a rede de fiscais especialistas en violencia contra as mulleres creada tras a entrada en vigor en 2004 da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, responsabilidade que exerceu durante unha década, desde 2005 até a súa morte. Defensora da igualdade, a súa carreira profesional estivo estreitamente vinculada ao desenvolvemento desta lei[1].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Soledad Cazorla Prieto 19 de febreiro de 1955 Larache, Marrocos |
Morte | 4 de maio de 2015 (60 anos) Madrid, España |
Causa da morte | ictus |
Fiscal | |
Actividade | |
Ocupación | Fiscal |
Traxectoria
editarNaceu en Larache, entón protectorado español, onde emigrara a súa familia a finais do século XIX. O seu pai era avogado e militar. O seu irmán, Luis María Cazorla, tamén é xurista, académico de xurisprudencia, Letrado das Cortes e Catedrático.
Ingresou na carreira Fiscal en 1981 e o seu primeiro destino foi a Fiscalía de Xirona. En 1984 trasladouse a Valladolid. En 1985 chegou á Fiscalía da Audiencia Territorial de Madrid, desde onde foi destinada primeiro á Inspección da Fiscalía Xeral do Estado en 1993 e despois á Secretaría Técnica co Fiscal Xeral Carlos Granados.[2]
En setembro de 1996 foi nomeada Fiscal do Tribunal Supremo, desde onde asumiu, entre outras responsabilidades, a acusación pública contra Mario Conde no caso Banesto.
En 2005 foi ascendida a Fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller a proposta do fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido. En outubro de 2010 foi renovada no seu cargo. Formaba parte do Observatorio contra a Violencia de Xénero, un organismo creado polo Consello Xeral do Poder Xudicial no que participa a Fiscalía Xeral do Estado. Caracterizouse polas súas críticas á escasa dotación orzamentaria da norma e á súa deficiente aplicación. Tamén polo seu compromiso na loita para a protección das menores vítimas de violencia machista.
As súas intervencións en foros públicos, conferencias, reunións con asociacións de mulleres foron constantes durante o exercicio da súa responsabilidade como Fiscal contra a Violencia da Muller. Tamén a súa participación en encontros internacionais en defensa dos dereitos da muller (Francia, Reino Unido, Marrocos, República Dominicana, Bolivia, Ecuador, China ou Níxer) e nacionais de Xuristas, colaborando en publicacións e artigos ao redor de diferentes materias relacionadas co Dereito Penal.
Estaba casada co xornalista Joaquín Tagar e tivo 3 fillos. Faleceu aos 60 anos en Madrid o 4 de maio de 2015 por mor dun derramo cerebral.
Compromiso cos menores vítimas da violencia de xénero
editarDefensora da igualdade, e cun alto compromiso persoal e profesional na loita contra a violencia de xénero, a súa carreira profesional estivo estreitamente vinculada ao desenvolvemento desta lei en España, destacando a súa implicación na necesidade de que o papel da fiscalía contribuíse a un adecuado tratamento das mulleres vítimas no proceso xudicial e, en especial, na necesidade de protexer aos nenos e as nenas que tiñan que convivir coa dura realidade da violencia contra as súas nais.
Recoñecementos
editar- En novembro do ano 2008 recibiu un recoñecemento ao seu labor na loita contra a Violencia de Xénero outorgado polo Ministerio de Igualdade.
- 2014 Medalla de Honra do Colexio de Avogados de Madrid.
Homenaxes a título póstumo
editar- En outubro de 2015 no acto de inauguración da terceira edición do Cume de Mulleres Xuristas
- En febreiro de 2016 os Premios do Observatorio contra a Violencia doméstica e de xénero na súa XI Edición estiveron destinados a recoñecer o labor da fiscal.
- En 2017 dedicáronlle unha rúa en Madrid, no barrio das Aguias.
Fondo de Bolsas Fiscal Soledad Cazorla Prieto
editarO 19 de febreiro de 2016, data na que Soledad Cazorla cumpriría 61 anos, presentouse o Fondo de Bolsas Fiscal Soledad Cazorla Prieto, un fondo de axudas para o desenvolvemento persoal, apoio educativo e reparación do dano ocasionado ás nenas e nenos que perderon á súa nai por mor da violencia de xénero. O Fondo está impulsado pola familia da fiscal e a Fundación Mulleres.
Notas
editar- ↑ Cruz, Juan (4 de maio de 2015). "Soledad Cazorla, "defensora absoluta de la igualdad"" (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2015.
- ↑ Conde-Pumpido, Autor Cándido (2015-05-07). "Soledad Cazorla, fiscal de vocación". EL ESPAÑOL (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2020. Consultado o 2019-12-15.