A táboa de surf é unha plataforma alongada usada no deporte do surf. As táboas de surf son relativamente lixeiras, pero fortes dabondo para soportaren o peso dunha persoa de pé sobre elas, mentres se desprazan sobre a rompente dunha onda.

Distintos tipos de táboas de surf

Historia

editar

As táboas de surf foron inventadas en Hawai, onde eran coñecidas como papa he'e nalu na lingua hawaiana. Eran xeralmente feitas de madeira de árbores locais, como koa, e medían moitas veces máis de 15 pés (5 m) de longo. Fronte ás actuais, caracterizábanse por seren moi pesadas.

O deseño foi avanzando cos anos e incorporóuselle unha ou máis aletas na parte traseira inferior da táboa para mellorar a estabilidade direccional. Non só se perfeccionaron as formas senón tamén os materiais de fabricación.

Desta maneira, as táboas modernas están feitas de escuma de poliuretano ou poliestireno cuberto con capas de fibra de vidro e de resina de poliéster ou epoxi. O resultado é unha prancha lixeira e forte co obxectivo de que sexa flotante e manobrable. Recentes innovacións tecnolóxicas introduciron o uso da fibra de carbono na actual fabricación das mesmas.

Cada ano son fabricadas arredor de 400 mil táboas.

Tipos de táboas

editar

Existe unha ampla variedade de modelos de táboas de surf, en función do tipo de onda, do surfista, do estilo de surf ou nivel do usuario.

Os principais modelos ou tipos de táboa de surf son nove e a continuación amósase unha pequena descrición de cada un deles ordenados de menor a maior tamaño.

  • Tow-in. Este tipo de táboa está deseñada para coller ondas remolcados por unha moto acuática. Con ela conséguese un gran control nas manobras e na estabilidade en ondas grandes debido ao seu deseño. Son táboas pequenas e estreitas que levan fixacións para os pés a fin de mantelos en contacto permanente coa táboa.
  • Fish. Deseñadas para surfear ondas pequenas ou medianas, estas táboas non funcionan ben en ondas grandes ou ocas. É característico o seu deseño por seren táboas anchas, curtas, con pouca curva e teren cola de andoriña.
  • Retro. Trátase dunha táboa curta, con formas un pouco estrañas. Son grosas e con moita superficie na parte dianteira.
  • Shortboard. É o tipo de táboas máis común co deseño máis evolucionado. Son versátiles por ofreceren unha boa relación entre velocidade e manobrabilidade. Serven para todas as condicións de ondas. É o tipo de táboa máis técnico polo que se precisa dun nivel medio para sacarlle todo o partido.
  • Evolutiva. Consideradas como a mellor opción para iniciarse no surf, xa que son máis grandes e grosas que as shortboards, teñen a punta lixeiramente redondeada, o que lles dá estabilidade e flotabilidade, á vez que unha manobrabilidade aceptable para inexpertos. O seu deseño fai que sexa máis sinxelo remar e surfear as ondas dende o primeiro día.
  • Malibú ou Mini-Longboard. Trátase dunha táboa grande de punta redonda, algo máis pequena e manobrable que un longboard. Ten boa flotabilidade, isto faina máis estable e de remada sinxela. Tamén é unha boa opción para iniciarse ao surf ou para días de ondas pequenas ou fofas. Este tipo de táboa permite realizar tamén as manobras típicas que se fan cun longboard.
  • Gun. Estas táboas teñen unha forma característica, a punta e a cola son afiadas e están deseñadas para surfear ondas grandes. Adoitan ser máis altas canto maior sexa o tamaño da onda. Este deseño de táboa longa e afiada permite acelerar e coller velocidade en ondas grandes á vez que manteñen unha grande estabilidade, grazas ao seu deseño afiado. Precísase dun alto nivel para empregar este tipo de táboas.
  • Longboard. Táboa grande de punta redonda, tamén chamada taboleiro. Perfecta para ondas pequenas e medianas e, se o surfeiro ten experiencia, tamén serve para ondas grandes. Úsase para un estilo de surf con manobras características deste tipo de táboas. É fácil de remar pero difícil para remontar cando as ondas son un pouco máis grandes.
  • Stand Paddle Board. Táboas deseñadas para poder desprazarse de pé en todo momento, tanto na onda coma fóra dela. Son moi anchas e grosas, para poder soportar unha persoa de pé con estabilidade. Para propulsarse emprégase un remo flexible que tamén serve para manobrar na onda. É unha opción para días con ondas pequenas e con pouca forza.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 3